Vigo: Homenaxe a Xela Arias, o martes 11 de marzo

Á procura dos trazos que nos describan

Con este verso de Xela Arias nomeamos a homenaxe que a AELG lle quere render á autora en marzo deste ano 2014. Un verso que na súa expresión sintetiza toda unha declaración de intencións, pois é o noso cometido -como organización que representa as escritoras e os escritores galegos- recoller, profundar e transmitir os trazos que nos describen. Trazos ou a obra das escritoras e os escritores que constrúen esta casa de noso que é a literatura galega.
Homenaxear a Xela Arias é testemuñar que se tratou dunha autora singular para o seu tempo. É render homenaxe a unha voz única e a unha muller para quen a literatura foi un modo de vida. Unha muller que sentía e amaba a súa lingua, a terra e o pobo que creou esa lingua.
É o momento de lembrar a Xela, unha década despois do seu pasamento, na cidade en que viviu, nas voces que darán a dimensión extensa da súa personalidade, activa e curiosa, polifacética, que sumou poesía e música e plástica e creou arte. Xela poeta, tradutora, editora, docente… Xela comprometida alzando a súa voz contra a catástrofe do Prestige ou describindo a dor das desherdadas ou o amor das nais.
É o momento de facer memoria, lembrar os seus versos e transmitir ese herdo inmenso que é a súa obra. Sumando trazos que nos describen.

No acto poético-musical participarán:
– Manuel Bragado e Fran Alonso, director e subdirector de Edicións Xerais.
María Xesús Nogueira, editora da obra de Xela Arias.
Antía Otero e Marta Dacosta, poetas.
– Pilar Carro, promotora do certame poético Xela Arias do IES A Sangriña.
– Alba Cid, poeta premiada no certame Xela Arias.
– Virginia Barros, Directora do IES Álvaro Cunqueiro.
Eduardo Estévez, tradutor de Xela para o español.
– Avelino González, actor.
– Ana Iglesias, escritora.
Mercedes Queixas, en nome da AELG.
Darase lectura tamén ao texto escollido pola escritora María do Carme Kruckenberg.
A parte musical estará a cargo de:
– O grupo Xardín desordenado.
– O clarinetista Fernando Abreu acompañado da voz de Iolanda Zúñiga.
Contaremos tamén coa presenza da familia de Xela Arias, representada por Darío, fillo, e Xoán Arias, irmán.

A AELG convida a todas e todos a acudir a este acto de memoria.

Actos do Día de Rosalía de Castro 2014 para o luns 24 de febreiro

BOIRO

CAMARIÑAS

A CORUÑA

A ESTRADA

FERROL

LUGO

MOAÑA

OURENSE

PONTEVEDRA

A RÚA DE VALDEORRAS

VIGO

Vídeo Todas con Rosalía [segunda parte]

“Rosalía non entende de donos; naceu libre e está viva”.
Un grupo de escritoras galegas quixo unirse para continuar dando vida a Rosalía. Así, organizándose a través das redes sociais, decidiron colaborar na gravación dunha segunda parte do vídeo colectivo Todas con Rosalía.
Mulleres falando de mulleres, e ao tempo, falando de todos, falando dos que aquí e agora sofren. Este vídeo coral pretende seguir o exemplo de conciencia e rebeldía da grande escritora ao recitar os seus versos desde o presente.
As gravacións amateurs foron montadas e editadas pola cineasta Raquel Rei. Participan, entre moitas outras, Marta Dacosta, María Canosa, Concha Blanco, Mercedes Leobalde, Berta Roca, Fina Casalderrey, Isabel Risco, Lorena Souto e Pilar García Negro.
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega contou coa colaboración da Deputación Provincial da Coruña.

Salvaterra do Miño: festival de poesía e música en homenaxe a Manolo Soto

Gondomar: presentación de Argola, de Marta Dacosta

O venres 31 de xaneiro, ás 20:30 horas, na Aula de Cultura Ponte de Rosas (Instituto de Estudos Miñoranos, Avenida da Feira, 10, baixo) de Gondomar, preséntase Argola, de Marta Dacosta, publicado por O Figurante. Participan, xunto á autora, Puri Ameixide e Miguel Anxo Mouriño.

Cuestionario Proust: Marta Dacosta

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Marta Dacosta:

«1.– Principal trazo do seu carácter?
– A espontaneidade.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A lealdade.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Compañía.
4.– A súa principal eiva?
– A espontaneidade.
5.– A súa ocupación favorita?
– Ler.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Non ter urxencia por nada.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Non quero pensalo.
8.– Que lle gustaría ser?
– Escritora, aínda que de pequena quería ser perruqueira.
9.– En que país desexaría vivir?
-Vivo nel: Galiza.
10.– A súa cor favorita?
-Verde.
11.– A flor que máis lle gusta?
– A rosa púrpura.
12.– O paxaro que prefire?
– A garza.
13.– A súa devoción na prosa?
– A sinxeleza e a perfección de Castelao.
14.– E na poesía?
– A beleza inapreixábel da poesía oriental.
15.– Un libro?
A illa do tesouro.
16.– Un heroe de ficción?
– O soldadiño de chumbo.
17.– Unha heroína?
– Pippi Calzaslongas.
18.– A súa música favorita?
– Música de cantautor/a.
19.– Na pintura?
– O paisaxismo.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– A miña bisavoa.
21.– O seu nome favorito?
– O meu? Gústame o meu nome.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A hipocrisía.
23.– O que máis odia?
– A falta de criterio propio e que che digan o que pensan que queres oír.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Unha soa? Os líderes das potencias do Eixo na Segunda Guerra Mundial e os seus aliados.
25.– Un feito militar que admire?
– Non me dou conta.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– A xustiza.
27. – De que maneira lle gustaría morrer?
– En paz comigo e os meus.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– A tendencia ao optimismo.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Creo que case todos, agás a mala intención.
30.– Un lema na súa vida?
– Poñerme na pel das outras, dos outros.”

Vigo: presentación de Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, de Carlos Callón

No acto participarán, xunto ao autor, Marta da Costa, Ramón Anxo Martínez Seixo e Xosé Manuel Moo.