Viveiro e Ribadeo: presentacións da Axenda Feminista 2013: Escritoras Galegas

O sábado 8 de decembro, ás 12:30 horas, na Libraría Porta da Vila (Rúa Pastor Díaz, 31) de Viveiro, preséntase a Axenda Feminista 2013: Escritoras Galegas. “Libre é a miña alma, e libre é o meu pensamento…”, publicada polo Observatorio da Mariña pola Igualdade, e que conta con aportacións de Teresa Moure, María Xosé Queizán, Begoña Caamaño, Aurora Marco, Marilar Aleixandre, María Reimóndez, María do Cebreiro, Carmen Blanco, Marta Dacosta, Marica Campo, Begoña Paz e Eva Moreda.
O mesmo sábado, ás 20:30 horas, terá lugar a presentación na Libraría Casa das Letras (Rúa Rodríguez Murias, 8) de Ribadeo, onde participará Carmen Blanco.
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega colaborou na elaboración desta Axenda.

María Concepción Álvarez Lebredo gaña o V Premio Victoriano Taibo-Entidade Local de Morgadáns, con Distancias e simetrías

“O xurado do V Premio de Poesía Victoriano Taibo-Entidade Local de Morgadáns acordou declarar gañadora da convocatoria deste ano o poemario Distancias e Simetrías, do que é autora María Concepción Álvarez Lebredo. O premio, dotado con 3000 €, escultura conmemorativa da autoría de Fino Lorenzo e publicación do libro polo Instituto de Estudos Miñoranos na colección Victoriano Taibo, será entregado no transcurso dun acto cultural que se celebrará na Escola de Guillufe de Morgadáns, sede do Premio, no mes de novembro.
“É un libro que toca á lectora, ao lector, cun estilo sinxelo, nada pretensioso, mais -se cadra precisamente por iso- tremendamente efectivo a nivel emocional”, fundamentou o xurado na súa acta final. “Fala de realidades, desexos e temores moi íntimos, dun xeito directo que consegue facernos partícipes”, agrega. “Os poemas visibilízanse ante nós, como se cada un se convertese nunha pequena curtametraxe”, afírmase no escrito. O xurado que estivo integrado polos escritores Gonzalo Navaza, Marta Dacosta, Araceli Gonda, Carlos Negro e Miguel Anxo Mouriño, este último como secretario, sinalou que “O libro vaise construíndo como a casa que habita o eu poético observando todo o que está ao seu redor nos distintos momentos do día. Soidade, desexo de amor, entrega á enfermidade, son os muros que erguen a casa en que a luz é imprescindíbel para frear a cegueira dos seus habitantes”.
María Concepción Álvarez Lebredo é profesora de Lingua Castelá e Literatura. Naceu en Vigo no ano 1970. Estudou Filoloxía Hispánica na Universidade de Santiago de Compostela e acadou a licenciatura no ano 1993.” Vía Instituto de Estudos Miñoranos.

Coñécense os tres finalistas do V Premio de Poesía Victoriano Taibo-Entidade Local de Morgadáns

“Dos cincuenta e un orixinais enviados ao V Premio de Poesía Victoriano Taibo – Entidade Local de Morgadáns, organizado polo Instituto de Estudos Miñoranos, foron elixidas finalmente 3 obras finalistas, cos títulos Mensaxe para Siria, Distancia e Simetrías e Oso, mama, si? O xurado deliberou o pasado xoves 30 de agosto de 2012 e estivo integrado polos escritores Gonzalo Navaza, Marta Dacosta, Araceli Gonda, Carlos Negro e Miguel Anxo Mouriño, este último como secretario.”

A Coruña: Medre o mar!, homenaxe a Bernardino Graña, o sábado 1 de setembro

Medre o mar! é o título dunha homenaxe nacional a Bernardino Graña que se celebrará na Coruña o sábado 1 de setembro, organizada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e o Colectivo ArTeu, coa colaboración da Universidade da Coruña e a Real Academia Galega. O programa está composto polas seguintes actividades:

MIRANDO O MAR. No Parque da Torre de Hércules, zona dos menhires.
11:00 h. Os artistas crean arredor da obra do poeta, sendo expostas pola tarde no patio da Reitoría (Maestranza) da Universidade. Con: Carlos Botana, Carmen Cierto, Alfonso Costa, Suso Cubeiro, Inma Doval, Rubén Mariño, Martazul, Miguel Melero, Augusto Metztli, Mercedes Molares, Begoña Pastoriza, Ánxela Pérez Meilán, Isabel Pintado, Soledad Pite, Tino Poza, Mely Secas, Nolo Suárez e Begoña Tojo.
12:00 h. Contacontos e lecturas dramatizadas, a cargo de Ana Hermida e Zezilia Meléndrez.
12:45 h. Outras voces, recital. Con Natalia Concheiro, Berta Dávila, François Davo, Alfredo Ferreiro, Nolim González, Denís Graña Fernández, Tati Mancebo, Mou de Lugh, Alexandre Nerium, Begoña Paz, Alexandre Ripoll, Dores Tembrás e Ramiro Torres.

PASAR A MAROLA. Na Dársena.
16:45 h. Travesía polo mar da Coruña. Con Anxo Angueira, Xabier P. DoCampo e Luís Dopico. É preciso reservar previamente no correo oficina@aelg.org ou no teléfono 981-133233, de 10:00 a 14:00 h. As prazas son limitadas, e o prezo é de 5 euros.
18:00 h. Marcha gaiteira en louvanza do poeta, con Maghúa, Peixe e amigos e Os Vicentes de Elviña.

MEDRE O MAR!. Paraninfo da Universidade da Coruña, na Maestranza.
18:30 h. Acto poético-musical, con proxeccións audiovisuais. Coa participación de: Xosé María Álvarez Cáccamo, Anxo Angueira, Marica Campo, Marta Dacosta, Lois Diéguez, Miguel Anxo Fernán-Vello, Xosé Luís Méndez Ferrín, Xosé Manuel Millán Otero, Pilar Pallarés, Manuel Rivas, Cesáreo Sánchez Iglesias, Xavier Seoane, Xulio L. Valcárcel, Diana Varela Puñal, A Quenlla, Pablo Coello e Xacobe Meléndrez Fassbender, TingaLaranga Audiovisual, Coro mar das Acentes, Xurxo Souto e María José Martínez López, Vicerreitora de Estudantes, Deporte e Cultura da Universidade da Coruña.

“As letras de primeira man”

O crítico literario Ramón Nicolás vén de abrir no seu popular blog Caderno da Crítica un espazo para a publicación de manuscritos inéditos de autores e autoras galegas. Celso Emilio Ferreiro inaugurou a sección, na que tamén se poden atopar textos de Agustín Fernández Paz, Marta Dacosta, Claudio Rodríguez Fer, Neira Vilas, Carmen Blanco ou Arturo Casas. O pasado 3 de agosto Ramón Nicolás presentaba o espazo, titulado Manuscritos, co obxectivo de “lanzar á rede todo tipo de textos -cartas, avisos, apuntamentos, capítulos, poemas, ensaios ou fragmentos de obras literarias-” para así “contribuír a visibilizar unha parte do traballo cotián” dos autores e autoras. A sección abríase cun breve texto da pluma de Celso Emilio Ferreiro: “Hoxe, máis que nunca, o poeta está obrigado a xustificarse como ser social”. Nas entregas seguintes atopámonos coa primeira páxina do borrador de Corredores de sombra de Agustín Fernández Paz (o resto foille roubado en Madrid). Unha boa maneira de coñecer máis de preto o proceso creativo do premiado autor e en xeral de outourgar relevancia á palabra manuscrita e á caligrafía, nun momento no que se atopa en crise. A sección, en pouco máis de dez días, conta xa con achegas realizadas ex profeso, coma a da poeta Carmen Blanco. Tamén se poden atopar outros manuscritos, coma o facilitado por Xosé Neira Vilas, que cedeu a segunda páxina do orixinal de Aqueles anos do Moncho. Ou tamén os Haikus da aula dez de Arturo Casas: catro textos de finais dos noventa, escritos “mentres vixiaba algún exame na Facultade de Filoloxía compostelá”. (…)” Vía Praza.

Alba de Gloria no Pico Sacro 2012, o sábado 21 de xullo

“Diante do desleixo e desprezo cara a nosa cultura, a Federación de Asociacións Culturais GALIZA CULTURA vai celebrar o vindeiro sábado 21 de xullo unha lectura pública do ALBA DE GLORIA de Castelao desde o cumio do Pico Sacro, espazo simbólico no que a terra se fai espírito e que a cultura do noso pobo recubriu de significados ao longo dos séculos. Rememoramos á xeración do Seminario de Estudos Galegos que reparou neste lugar emblemático, visitou e estudou, amosando unha actitude intelectual de interese e respecto polo propio que contrasta cos valores que agora se están a transmitir de fascinación provinciana polo alleo. (…) O acto consistirá na subida ao Pico Sacro ás 12:00 h. desde a capela de San Sebastián na que se fará unha recepción dos asistentes cunha intervención de benvida da escritora Marta Dacosta. No cumio do Pico izarase a bandeira galega e farase lectura ao Alba de Gloria, coa intervención de Mª Pilar García Negro como presidenta da Galiza Cultura. Farase unha visita guiada ao redor do Pico comentando a súa historia, valor natural e paisaxístico. E as 13:30 h. terá lugar un xantar de confraternidade no pé do Pico, no Restaurante “Vía da Prata”, logo do cal se celebrará unha actuación musical do grupo A Quenlla, con recital poético e intervencións de representantes das diferentes asociacións culturais na defensa da nosa cultura.”
Máis información e inscricións nesta ligazón.

Vigo: presentación de O destino de Clarescura Lens, de Alfonso Álvarez Cáccamo

O martes 10 de xullo, ás 20:00 horas, na Casa do Libro de Vigo (Rúa Velázquez Moreno, 27), preséntase a novela O destino de Clarescura Lens, de Alfonso Álvarez Cáccamo, publicado por Biblos. No acto, xunto ao autor, participa Marta Dacosta.

Vigo: o venres 29 de xuño comeza a Feira do Libro

Comeza a XXXVII Feira do Libro de Vigo (nos Xardíns da Praza de Compostela), aberta até o domingo 8 de xullo. As actividades máis destacadas do venres 29 de xuño son:

19:30 h.: Xosé Neira Vilas será o encargado do pregón inaugural desta Feira. A partir das 20:30 horas asinará exemplares das súas obras.
20:30 h.: presentación de Acuática alma, de Marta Dacosta, publicado en Espiral Maior. Xunto á autora participa Rexina Villar.