Clara Martín faise co VII Premio de Poesía Eduardo Pondal da Editorial Medulia

Desde Que pasa na Costa:
“A Editorial Medulia, que coordina a cormelá Diana Varela, vén de dar a coñecer a obra gañadora do VII Premio de Poesía Eduardo Pondal.
Tras o debate do xurado, aberta a plica pola secretaria, a obra elixida resultou ser Asfixia, de Clara Martín, presentada baixo o pseudónimo de “Isué Ajrú”.
A poeta e artista plástica, nacida en Verín, foi galardoada anteriormente con múltiples premios literarios. E conta no seu haber con diferentes publicacións que atinxen xéneros como o teatro, o relato curto ou o colaxismo.
Trátase dun libro que conxuga unha perfecta composición global do conxunto de poemas, concibidos como un todo; sen perxuizo de que cada un dos textos teña entidade, singularidade e sentido propios.
O xurado destaca a elevada cantidade de manuscritos presentados ao certame, e a alta calidade dos mesmos.”

Alberto González-Garcés: “O pasado está modificado, o presente escápase das mans e o futuro é o que imaxinamos”

Entrevista de Óscar Ulla a Alberto González-Garcés en El Ideal Gallego:
“(…) González-Garcés ten claro que, como o que lle custaba máis era escribir poemas, o salto cara o relato non foi complicado. “Divírteme moito escribir relatos, custoume máis traballo escribir a poesía”, aínda que matiza que tampouco foi unha tarefa doada, xa que detrás de Somos o que imaxinamos hai moita documentación e moitas lecturas, sobre todo de clásicos, entre os que o autor cita a Odisea ou a Divina Comedia.
“Partindo dunha realidade, a base de imaxinación van saíndo os relatos, mestúrase o pasado, o presente, o futuro, a realidade, a ficción…”, enumera González-Garcés, que para explicar o corpus da súa obra menta a Borges e a Delibes. “Delibes é moi realista, Borges é a imaxinación. Pero os dous chegan á conclusión de que as cousas suceden como suceden, as cousas poderían acaecer de calquera maneira, pero, ao final, suceden como suceden e todas ocurren agora e me ocurren a min, é moi curioso”, explica cun sorriso.
A raíz destes dous autores e da súa propia nova creación, o escritor teoriza sobre o tempo. “Na proposta do libro, todo vén dun pasado, pero, cando o recordamos, seguramente non foi como o estamos a recordar, está modificado polo recordo. O presente, chega e marcha. E, entre o pasado e o presente, estamos planificando o futuro, para nós e para o noso entorno, incluso para máis alá da nosa existencia. É todo curiosísimo: o pasado está modificado pola imaxinación, polo falseamento dos recordos; o presente escápase das mans e o futuro é o que imaxinamos”, comenta. (…)”

Ribadeo: XI Feria Ribadense do Libro Letras no Campo

Lugo: actividades do 14 de maio na Feira do Libro 2025