Fernando M. Cimadevila: “O sistema editorial galego non buscou novos lectores”

EntrevistaFernando M. Cimadevila de César Lorenzo Gil a Fernando M. Cimadevila en BiosBardia:
“(…) – BiosBardia (B): Non sei como enfoca un escritor a creación dunha serie de novelas cun protagonista tan marcado como son as de Basilius Hoffman. Que nace primeiro, un proxecto de novela ou un personaxe que se vaia desenvolvendo sen unha medida prevista?
– Fernando M. Cimadevila (FC): A xénese desta historia foi, en efecto, Basilius Hoffman. Eu tiña claro que quería escribir unha serie con el de protagonista pero tamén sabía que a saga ía limitarse a cinco títulos. Nas aventuras de Basilius están depositados todos os meus desexos literarios, é dicir, aquelas cousas que o meu eu lector de cando era mozo gustaría de ver reflectidas en libros. Pensar nunha pentaloxía permíteme incluír todas as cousas que me apetecen, todas as referencias que fun gañando co tempo. Durante catro anos fun dono dunha libraría especializada en cómic e en literatura fantástica. Foron tempos de moita aprendizaxe. Moito do que absorbín daquela aparece logo na saga do Basilius. (…)
– B: Pensa vostede que a literatura galega non pensa nos lectores?
– FC: O sistema editorial en galego non buscou novos lectores durante moito tempo. Viviu pensando na venda institucional e deixou sen labrar nin sementar a renovación do seu lectorado. Non hai literatura no mundo que non atenda os seus diversos públicos. A sociedade galega é xa ampla abondo e tamén madura en moitos casos como para saber escoller aquilo que máis lle interesa. Insisto: non se combateu o preconcepto sobre as letras galegas, deixou que se espallase nas novas xeracións, que xa foron alfabetizadas na nosa lingua, que non había propostas que encaixasen cos seus gustos e intereses. Tamén penso que estas eivas, quizais por culpa da crise, se están a intentar corrixir.
– B: Neste tempo de crise, xa non só as editoriais teñen que traballar na difusión dos libros que publican. Os autores teñen que ter moitas máis capacidades alén da de saberen escribir.
– FC: Con certeza. Hoxe o labor de escrita é, no mellor dos casos, só a metade do traballo dun escritor que queira publicar e gañar lectores. Hai que achegarse á xente, contactar con blogs de lectura, visitar clubs, facer presentacións… Manexar e manter a atención nas redes sociais… É un traballo cansado e, sinceramente, non sei até que punto compensa. Quero dicir, pasar horas e horas no facebook facendo promoción en que se concreta? Cantos lectores se gañan? Hai outras vías, como ter axente literaria (no meu caso aínda non me conseguiu ningunha nova publicación) pero ao final sen un gran selo detrás, o fomento esixe moito do autor e réstalle tempo e folgos para o principal, que é escribir. (…)”

Fernando M. Cimadevila: “A vida real precisa camiñar polos bosques máxicos da literatura fantástica”

EntrevistaFernando M. Cimadevila de Carme Vidal a Fernando M. Cimadevila en Sermos Galiza:
“Con A batalla por Avalon (Urco) o escritor Fernando M. Cimadevila atravesa o ecuador da súa pentaloxía O mundo secreto de Basilius Hoffman, un universo literario que conseguiu o aplauso do público e está a traducirse a outras linguas. Apaixonado da literatura fantástica, Cimadevila explícanos as claves da súa obra e dun xénero do que é autor e tamén editor, co selo Contos Estraños que se vén de fusionar con Urco.
– Sermos Galiza (SG): A batalla por Avalon é o terceiro dos cinco libros d’O mundo secreto de Basilius Hoffman. Que leva a un escritor a decidir que un proxecto literario será unha pentaloxía?
– Fernando M. Cimadevila (FMC): A serie básica son cinco libros, mais o proxecto tería outros tres de relatos, que teñen como protagonistas personaxes secundarios. Algúns deles gustan máis aos lectores ca os principais. Quería tamén escribir un libro sobre a mocidade de Basilius Hoffman, co cal, na fin, rebordaremos esa cifra. Desde hai moito tempo son afeccionado da literatura fantástica e, con 33 anos, decidín escribir. Cando me puxen, xa con bastante bagaxe, decateime de que non era un libro, senón moito máis. Fixen unha sinopse e deseñei a pentaloxía: cinco puntos ata a resolución final. Ou facía un libro inmenso ou capítulos moi longos, que son as cinco novelas, aínda que cada unha delas é autoconclusiva. (…)
– SG: A literatura fantástica, en certa maneira, ten o seu propio circuíto, mais vostede está a conseguir atravesar as fronteiras e os seus libros están a entrar nos centros de ensino.
– FMC: Acontece coma con outros xéneros. Hai lectores só de novela negra, de novela histórica… Non me defino como escritor só de fantasía, aínda que se queres dedicarte, tes que traballala. Sempre digo que un xénero non determina a calidade nin o trasfondo das historias. O soño dunha noite de verán, de Shakespeare, é fantasía. O mundo secreto de Basilius Hoffman é a historia dun rapaz que non ten fogar fixo e un tío que o acolle. Son historias humanas, só que o marco no que se sitúan é diferente. O que lle interesa á xente son as historias dos personaxes. O marco é o atrezzo. (…)”

Taboleiro do libro galego XXXI (febreiro 2015), por Ramón Nicolás

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Nova entrega do “Taboleiro do libro galego” que incorpora aqueles libros galegos máis vendidos ao longo do mes de febreiro. Grazas, nesta ocasión, a un total de trece librarías galegas colaboradoras neste proxecto como son: Trama, Casa do Libro de Vigo, Suévia, Miranda, Biblos, Andel, Cartabón, Libros para soñar, Couceiro, Pedreira, Aira das Letras, Librouro e Lila de Lilith.

NARRATIVA
1º-. Contos do mar de Irlanda, de Xurxo Souto, Xerais.
2º-. Amor en alpargatas, de Manuel Portas, Xerais.
3º-. Cuarto minguante, de Bautista Álvarez, Xerais.
4º-. A esmorga, de Eduardo Blanco Amor, Galaxia.
5º-. Dende o conflito, de María Reimóndez, Xerais.
6º-. Ofrenda á tormenta, de Dolores Redondo, Xerais.
7º-. O ocaso da familia Portela, de Noa Pérez González, Barbantesa.
8º-.  A diagonal dos tolos, de Santiago Lopo, Galaxia.

POESÍA
-. Atravesar o fantasma, de Carlos Callón, Xerais.
2º-. oso, mamá, si?, de María Lado, Xerais.
3º-. Unicornio de cenorias que cabalgas os sábados, do Colectivo Ronseltz, Edicións Positivas.
4º-. Transfusión oceánica, de Xosé Iglesias, A. C. Caldeirón.
5º-. Celebración, de Gonzalo Hermo, Apiario.
6º-. Os inocentes, de María do Cebreiro, Galaxia.
7º-. Espectros, de Rosa Enríquez, O Figurante.

ENSAIO-TEATRO
-. Galiza, um povo sentimental?, de Helena Miguélez-Carballeira, Através Editora, e O Miño. Un caudal de historia, de Anselmo López Carreira, Xerais.
2º-. A cidade dos nenos, de Francesco Tonucci, Kalandraka (tradución de Mónica Baleirón, Sonia Santos e Rut Vázquez).
3º-. História literária e conflito cultural, de Isaac Lourido, Laiovento.
4º-. Galicia encantada, de Antonio Reigosa, Xerais.
5º-. Galleira Passport, de Luís Menéndez, Alvarellos.

XUVENIL
-. Tes ata as 10, de Francisco Castro, Galaxia.
-. Recinto gris, de Ledicia Costas, Xerais.
-. Feitizo de sangue, de Sabela González, Galaxia.
-. Reo, de Xesús Fraga, Galaxia.
-. Os Megatoxos e o dragón de xade, de Anxo Fariña, Xerais.
-. O mundo secreto de Basilius Hoffman. A batalla por Avalon, de Fernando M. Cimadevila, Urco.

INFANTIL
-. Escarlatina, a cociñeira defunta, de Ledicia Costas e ilustracións de Víctor Ribas, Xerais.
-. A avoa adormecida, de Roberto Parmeggiani (ilustracións de João Vaz de Carvalho, tradución de Xosé Ballesteros), Kalandraka.
-. Augusta e os seus medos, de Sabela Fernández Trelles (ilustracións de Alicia Suárez Otero), Xerais.

LIBROS CD-DVD
-. Non hai berce coma o colo, de Paulo Nogueira e Magoia Bodega (ilustracións de Mariona Cabassa), Kalandraka.
2º-. Brinca vai!, de Paco Nogueiras e ilustracións de David Pintor, Kalandraka.
3º-. Xiqui Xoque, fiú fiú!, de Uxía, Editorial Galaxia.
4º-. Gatuxo, de Magín Blanco, Fol Música.

BANDA DESEÑADA
1º-. O bichero IV, de Luís Davila, Edición do autor.
2º-. Marcopola e a illa remeira 3. Dragoneta!, de Jacobo Fernández Serrano, Xerais.
3º-. Mar interior, de Miguelanxo Prado, El Patito Editorial.

OUTROS
1º-. Luzes, nº 14, xaneiro, 2015.
2º-. ELO, de Rosalía Fernández Rial e Serxio Moreira, Edicións Positivas.
3º-. Cociñando con Benigno Campos, Galaxia.

A Coruña: actos literarios destacados do sábado 9 na Feira do Libro

OFederación de Librarias de Galicia sábado 9 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, con horario de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 horas), cos seguintes actos literarios destacados nese día:

13:00 h. Paula Carballeira e o ilustrador Xosé Tomás presentan o seu libro A Burra Ramona, con sesión de ilustración e contacontos. Actividade organizada por Baía Edicións.
19:00 h. Presentación de Raros e curiosos, de Carlos López, publicado por Edicións Embora. Xunto co autor, participará no acto o escritor e xornalista Carlos G. Reigosa.
19:00 h. Diana Varela e Xulio Valcárcel asinarán na caseta de Editores Coruñeses.
20:00 h. Xosé Vázquez Pintor presenta o seu libro Columnas de papel 2, publicado por Morgante.
20:00 h. Sinatura de libros de Rubén Martínez Alonso na caseta de Consorcio Editorial.
20:00 h. Sinatura de O mundo secreto de Basilius Hoffman, de Fernando M. Cimadevila e Galiza Mutante: Poder Nuclear! e Alaia e a deusa, de Tomás González Ahola, publicados por Urco Editora, na caseta de Libraría Cartabón.