Tras as portas do rostro, por Verónica Martínez Delgado

Artigo de Verónica Martínez Delgado na Sega:
Tras as portas do rostro é o primeiro conxunto de poemas, xa que non foron concebidos de xeito unitario, de Marica Campo; unha escolma de corenta e dous poemas escritos durante vinte anos, desde 1971 ata 1990 que ven a luz en agosto de 1992. Conta cun prólogo de Pilar Pallarés e de Manuel María, que axudaron a darlle visibilidade á producción poética da escritora. Comenta o prologuista canto admira e goza da lectura de poemas desta poeta, e doutras autoras coetáneas ás que cita, facendo fincapé no valor da poesía escrita por mulleres e, moi especialmente, á de Marica Campo. Pilar Pallarés resalta a aconfesionalidade da obra, en como foxe da autobiografía para mostrar o colectivo, o “cerne do drama humano”.
Varios poemas deste libro foron musicados e popularizados polo grupo musical Fuxan os Ventos.
O título vén reflectido na primeira cita do libro dun poema da escritora Alejandra Pizarnik: “… pero pecha as portas do teu rostro/para que non digan despois/ que aquela muller namorada fuches ti”. Nesta obra recolle a máis autoras e autores, ademais de artistas, aos que homenaxea coa súa escrita, onde conformar un nós poético no que pon en valor as diferentes voces e manifestacións artísticas coas que identifica o seu propio eu artístico e voz poética.
O libro recolle poemas de diferente temática, ton, lonxitude e forma, ben orixinal nalgúns dos deles, aínda que todos cun fío condutor: o telúrico, a oda á nai terra, ás raíces, ás orixes, ao ser cando se posúe un lugar. De aí que o poemario comece co texto Apoteose da hebra, un canto ao mundo rural, ao Val de Mao, no Incio, matria da autora. Este universo telúrico compartirao anos despois coa escritora Olga Novo, no seu libro Cráter, moi próxima tamén xeograficamente, de Vilarmao na Póboa do Brollón. Aparecen outros temas ao longo do libro como son a existencia, o paso do tempo, a morte, o amor sempre nun continuo diálogo coa lectora e con ela propia como autora. O eu feminino que percorre toda a obra, diríxese a un interlocutor masculino nos poemas de temática amatoria, que nos lembra ás cantigas de amigo, no seu tratamento, mais o eu poético non agarda impasible, nin resignada, senón farta e cansa da espera. (…)”

“Que a terra sexa leve sobre nós”, por Emma Pedreira

Artigo de Emma Pedreira na Plataforma de Crítica Literaria A Sega:
“Hai algo nos vales que semella chamar pola destrución. Ou, se cadra, enunciándoo ao revés, conseguimos concluír en que o ser humano é o primeiro inimigo do seu hábitat. Botamos de menos o lugar que destruímos, mais primeiro formulamos a devastación. Encrobas, Pontes, Castrelo de Miño, Touro. Todas enchemos os ollos de xiros ao pasado, todas perdemos os ollos no lugar onde as silveiras prenderon os nosos dedos. O lugar xa non ocupa nada máis que memoria igual que os sitios da infancia teñen desaparecido. Se temos un pouco de sorte e de capacidade, ocupará versos.
Tempo fósil vén dese don. Pilar Pallarés (Culleredo, 1957) achega con este quinto poemario unha voz nova que se suma á das perdas. Poemarios sobre casas matriciais que se pechan para sempre, locus amoenus vetados para un regreso, pedras que caeron e xa nunca volverán situarse na postura inicial que acolleu os berces. Esa pertenza á terra que nos recolleu os líquidos íntimos que se mesturan coa estirpe que agora a habita desde abaixo e a imposibilidade da volta é o eixo dos fondos versos da memoria do Tempo fósil de Pallarés, unha voz máis que referencial na nosa poesía e pola que sempre agardamos nun reverencial silencio. (…)”

A Coruña: actividades destacadas na Feira do Libro 2018 para o 8 de agosto

O 8 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, s/n.), con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:

19:00 h. Beatriz Maceda Abeleira asina na caseta da Libraría Lume.
19:00 h. Montserrat Yoldi Sanmartín asina exemplares do poemario Cinsa na boca, publicado por Medulia, na caseta da Libraría Berbiriana.
19:00 h. Iolanda Zúñiga asina na caseta da Libraría Cartabón.
19:00 h. Presentación de Contos do imaxinario galego. O Gatipedro, de Jacobo Paz e Xosé Tomás. Por Baía Edicións.
19:45 h. Presentación de Tres mulleres galegas de armas tomar. María Balteira, María Castaña, María Soliña, de Guillermina Domínguez Touriño e Felicia Estévez Salazar, publicado por Baía Edicións.
20:30 h. Presentación de Territorio acoutado, de Olga Patiño e Carlos Lorenzo, publicado por Espiral Maior. Interveñen tamén Miguel Anxo Fernán-Vello, Xosé Taboada e José Luís Yepes.
21:15 h. Presentación de Tempo fósil, Pilar Pallarés, publicado por Chan de Pólvora. No acto participan, xunto á autora, Eva Veiga e Antón Lopo.

Pilar Pallarés: “Falo sobre a aniquilación e a derrota dunha clase social”

Entrevista de Laura R. Cuba a Pilar Pallarés en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): “O incendio da memoria / mentres se parte o esternón da casa”. Así acaba o primeiro poema, que marca o ton do resto do libro [Tempo fósil].
– Pilar Pallarés (P): Esa casa, en Culleredo, fíxoa o meu pai coas súas propias mans e traballamos nela absolutamente todos. Foi derrubada xunto con outras 70 en decembro de 2011, na terceira ou cuarta ampliación do aeroporto de Alvedro. Eu daquela acababa de publicar Leopardo son, entón estaba noutra cousa. Coincide cunha época na que me entrou moito a teima de anotar para gardar na miña memoria circunstancias ou persoas que coñecín, sen pensar en leitores nin en literatura. A finais dese ano escribín tres poemas. O primeiro ten a ver con ese feito. É como enumerar o dafne, a roseira brava… existían todos na horta, non hai nada inventado. E o segundo poema non tiña tampouco que ver de inmediato, era só pensar onde estaban os ósos dos animais da casa: son destruídos, remexidos, mesturados… Os poemas ficaron alí e un ano ou dous despois escribín o terceiro. A partir de aí, lentamente, continúo o libro. A destrución da casa é un punto de partida e vaise mesturando cun proceso de aniquilación dunha familia moi pequena, unha que non está desde hai moito tempo. Non é un pai simbólico, é o meu pai, que morreu hai 25 anos e que agora mesmo está soterrado no cemiterio de Culleredo, nunha igrexa románica preciosa que ten enriba un terraplén inmenso. Entón o pai está aí, como unha presenza…
– SG: A morte, o paso do tempo e a irreversibilidade son constantes nas súas obras. En Tempo fósil, porén, esta visión é distinta, se callar máis en comuñón con outros seres?
– P: Chámame moito a atención que sempre se observe a morte como unha constante na miña poesía, porque para min o sorprendente é que a morte non estea presente. É unha constante na vida, está aí, todos os días. Vivimos nunha sociedade onde todos facemos como que non existe, e para min tampouco é algo especialmente dramático… Non creo en nada transcendente, mais si creo nunha especie de continuidade na materia. O libro leva unha cita de Jean Rhys de O Mar dos Sargazos no que fala de que as persoas que teñen sorte morren dúas veces, as que non morren, moitas máis. Está facendo mención aos mortos vivos, aos vivos mortos… desde unha perspectiva non negativa.
Morremos, mais como materia continuamos. En certa maneira, nunca chegamos a estar completamente mortos. Unha persoa ou outros seres non morren se os gardamos na memoria, se están presentes na nosa vida, ou non morren se están soterrados e lles nace nova vida. Non é unha visión negativa da morte, para min é parte dun ciclo. En Tempo Fósil é unha casa, a aniquilación dun lugar… Téñenme dito que é no que o eu está menos presente. No fondo, estou eu completamente, o que pasa é que é unha experiencia moi persoal, un eu que está completamente formando parte dunha cousa. Penso que en ningún momento fago mención á desaparición das outras 70 casas que caeran coa miña porque dese núcleo de 70 casas non formabamos parte. Por iso non fago mención aos veciños, que tamén son exiliados e tamén perden, mais porque iso non existía na miña experiencia.”

Pilar Pallarés: “Todo é arrasado neste tempo no que vivimos”

Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
Pilar Pallarés publica Tempo fósil na editorial Chan da Pólvora. Hai un xardín primeiro de flores inútiles. Tamén a dor é a mais inservíbel. A autora sobreponse ao hendecasílabo e rexistra o tempo fósil, nel a demolición toma forma de restos. A entrevista pode escoitarse aquí.”

Podcast de Chamando á Terra, 4 de novembro de 2017

Desde o Chamando á Terra da Radio Galega:
“Nova emisión do programa dirixido por María Solar. A nosa intención: contar historias, coñecer autores, ilusionarvos, e saber desas paxinas nas que vivimos outras vidas. Os nomes do día: Arantza Portabales, Pere Tobaruela, Mercedes Corbillón, María Reimóndez, Pilar Pallarés, Manuel Lourenzo e Sandra Lesta. Pode escoitarse aquí.”

Obras finalistas do Premio Mondoñedo10 2017. Poesía

A Coruña: homenaxe literaria e musical a Luz Pozo Garza

Especial sobre escritoras galegas en Recendo, de Cuac FM

Desde Recendo de Cuac FM:
8×20 Especial Sobre Escritoras Galegas. Programa número 248, no que realizamos estas tres entrevistas a escritoras galegas:
Ledicia Costas.
Susana Sánchez Arins.
Pilar Pallarés.

Pode escoitarse aquí.”