“O 10 de novembro ás 12 horas tivo lugar, na sala circular do Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela, a presentación pública da Gala do Libro Galego 2020 que este ano celebra a súa quinta edición e que terá un formato virtual. Será conducida por Quico Cadaval e difundirase o vindeiro sábado 21 de novembro, ás 12:00 desde a canle de Youtube da Gala.
Na presentación pública en rolda de prensa participaron por parte das entidades da organización, Henrique Alvarellos, vicepresidente da AGE, quen agradeceu ás entidades colaboradoras o seu apoio e afirmou que “o importante é soster a Gala nun momento de emerxencia coma este, pois a lectura e o libro reveláronse durante o confinamento coma un salvavidas e isto debe sensibilizarnos na consideración do libro como ben de primeira necesidade”; Xosé Antón Pedreira Mirás, vicepresidente da Federación de Librarías de Galicia, destacou a unidade das tres entidades do sector do libro organizadoras da Gala (AGE, AELG e FLG), e Cesáreo Sánchez, presidente da AELG, puxo en valor a visibilidade que ofrece a Gala ás obras literarias de autoría galega.
Por parte das entidades colaboradoras, Mercedes Rosón, concelleira de Acción Cultural do Concello de Santiago, foi a encargada de abrir e pechar o acto: “Celebramos os libros na nosa lingua e a lectura como sanación nestes difíciles momentos”, afirmou. Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, destacou o papel das administracións no seu apoio ao sector do libro: “Debemos arroupar o proceso creativo, o sistema cultural e literario galego”. Por motivos de axenda escusaron a súa ausencia as demais entidades colaboradoras na celebración do evento, o deputado de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto, e a entidade CEDRO.
A Gala do Libro Galego tiña prevista a súa celebración o 9 de maio de 2020 e a organización do evento decidiu manter as deliberacións do xurado e dar a coñecer os libros gañadores ese mesmo día e adiar a Gala para o 21 de novembro, ás 12:00, en formato virtual desde a canle de Youtube da Gala.
Os Premios da Gala do Libro Galego están organizados pola Asociación Galega de Editoras (AGE), a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), e a Federación de Librarías de Galicia (FLG), contan coa axuda de CEDRO (Centro Español de Derechos Reprográficos), Xunta de Galicia, Concello de Santiago e é unha actividade subvencionada pola Deputación da Coruña.
O xurado desta quinta edición estivo formado pola xornalista e poeta Ana Romaní, a profesora Anxos Rial, o escritor Antón Riveiro Coello, a poeta Estíbaliz Espinosa, o editor e profesor Manuel Bragado, a tradutora María Alonso Seisdedos e crítico literario e escritor Ramón Nicolás. O xurado celebrou unha reunión telemática para debater sobre as propostas finalistas nas quince categorías (pódense consultar aquí) e que corresponden con obra publicada durante o ano 2019.
Os membros do xurado sinalaron a altísima calidade das obras o que dificultou a elección final. Isto certifica o bo momento da creación literaria e do mundo do libro galego neste intre particularmente difícil que atravesa a nosa sociedade.”
Arquivos da etiqueta: Ramón Nicolás
Carta de Carvalho Calero a Celso Emilio Ferreiro
Desde Caderno da crítica, de Ramón Nicolás:
“(…) Dun ou doutro xeito Celso Emilio Ferreiro, no ano 1956, esténdelle como mediador unha invitación para a publicación dun libro de poesía na colección “Juan Rodríguez del Padrón”, que ideara Camilo José Cela para orixinais poéticos en galego. En novembro desde ano agradece que o seu Salterio de Fingoy fose aceptado mais pouco despois -carta superior- e “lonxe do mundanal bruído” confirma a recepción tanto dun “nadal” como dunha separata da revista Papeles de Son Armadáns (probablemente co poema “O tempo solprendido”) mais, sobre todo, inquíreo sobre o retraso nas datas de publicación do seu libro. A inviabilidade do proxecto determinou que só vería a luz, finalmente, no ano 1961 na colección Salnés de poesía na que tamén desempeñaba funcións de codirector o propio Celso Emilio.
Dez anos despois do falecemento de Celso Emilio, entendo que Carvalho lle rende ao autor de Longa noite de pedra un tributo que os une no substancial. Na publicación Voz y voto (Edicións Patronato Curros Enríquez) participa co poema “Arredor de si” dedicado “A C.E.F., in memoriam”. Unha conmovedora e dura composición, logo incluída na sección homónima de Reticências (1990) baixo o título de “Como pudemos”, na que subxace unha conexión vital e xeracional con Celso Emilio, inquiríndose sobre as dificultades dunha vida compartida nunha atmosfera tan frustrante e afastada dos ideais de mocidade que, malia todo, compartiron. (…)”
Cuestionario Proust: Luz Darriba
Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Luz Darriba:
“1.– Principal trazo do seu carácter?
– A curiosidade por todo, a necesidade incansábel de aprender; podería dicirse que é unha obsesión. Son unha obsesiva.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– Cando era nova tiña unha atracción enorme pola intelixencia das persoas. Logo souben que hai moitos tipos de intelixencias. Coa madureza aprendín que a bondade é o máis atractivo dxs seres humanxs. E a máis linda forma da intelixencia.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Eu son, en boa medida, grazas a elas; as miñas amigas e amigos. Xente boa e xenerosa da que só poder agardar cousas boas. Que vivan moitos anos.
4.– A súa principal eiva?
– Unha soa? Son moi esixente para comigo mesma e para cxs demais. Ademais teño o costume de dicir o que eu creo que é a verdade, neste mundo cheo de hipocrisía, e cando ninguén mo pregunta.
5.– A súa ocupación favorita?
– Ler. Eu son sobre todas as cousas unha lectora. Miña filla maior lembra que lle dixen sendo ela ben pequena, que a vida era dabondo curta para tanto como había que ler. Son unha adicta á letra impresa.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Nas clases de francés, sendo nena, aprendín un poema que dicía: Le bonheur est dans le pré / Cours-y vite, cours-y vite / Le bonheur est dans le pré / cours-y vite. Il va filer / Si tu veux le rattraper/, cours-y vite, cours-y vite / Si tu veux le rattraper / cours-y vite. Il va filer. Logo segue; seino de memoria. O que vén dicir é que a felicidade é algo inalcanzábel. Cando estas a piques de collela vaise. Lémbroo porque despois de tanta vida entendín a sabedoría do poema. A felicidade é tan efémera que apenas nos decatamos cando somos felices; co percorrer da vida volvemos unha e outra vez a eses momentos. Estou a falar da felicidade suprema, cando sentes que voas por riba do mundo. Eses estados, para min, están relacionados coas primeiras etapas do namoramento. Logo, por sorte, hai moitas sensacións satisfactorias e duradeiras. Non esa felicidade tola e salvaxe da comuñón plena con outro ser humano, mais estados de enerxía positiva. As conversas e os xogos coas fillas, coas netas, coas amigas, o compartiren proxectos con xente nutritiva, os momentos da creación. A vida ten moitos, por sorte, substitutos da felicidade: a tranquilidade, a harmonía, a conciencia limpa e tranquila. A vida é moito.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Que lles pasase algo grave ás miñas fillas ou ás miñas netas. Algo no que non podo nin pensar.
8.– Que lle gustaría ser?
– Eu mesma, o que fixen na vida, tendo a posibilidade de ir arranxando as cousas mal feitas (moitas…).
9.– En que país desexaría vivir?
– Teño varias matrias. En todas elas síntome na casa. Galiza é unha delas. Gustaríame ter a posibilidade de estar un tempo en cada matria, porque unhas non se comprenden sen as outras.
10.– A súa cor favorita?
– O vermello do sangue. E todas as variedades do vermello. En pintura o vermello de cadmio que levou á gloria a paleta de Matisse.
11.– A flor que máis lle gusta?
– Al este y al oeste / llueve y lloverá / una flor y otra flor celeste / del jacarandá (María Elena Walsh). As flores de color entre lila e celeste dos xacarandás que tapizan as rúas dos parques, na primavera do hemisferio sur, e as enchen de arume, como o seu nome en guaraní o indica.
12.– O paxaro que prefire?
– O gorrión ou pardal. Libre e máis listo cá fame. Identificábame, de moi nova, coa canción de Serrat Como un gorrión.
13.– A súa devoción na prosa?
– Teño moitas. Son fan de lonxe de Marguerite Yourcenar, recordo anacos exactos de Memorias de Adriano, mais tamén adoro case que todo o que escribiu Julio Cortázar. Nos últimos tempos incorporei moitas narradoras novas ás miñas devocións, e por poñer só unha, en castelán, a arxentina Gabriela Cabezón Cámara. Un antes e un despois na narrativa contemporánea, ao meu ver. En galego: Susana Sánchez Aríns (Seique), Eli Ríos (Luns), Emma Pedreira (Besta do seu sangue), fascínanme. Pero hai moitas, por sorte, moitas máis.
14.– E na poesía?
– Outra elección difícil. Vou dicir dúas, sabendo que poderían ser ducias (tamén por sorte): a arxentina Alejandra Pizarnik e a uruguaia Marossa di Giorgio. Da casa gústanme todas. Sen excepcións.
15.– Un libro?
– Pois de novo Memorias de Adriano, cara atrás, e As aventuras da China Iron, de Gabriela Cabezón Cámara hoxe. En galego os que mencionei máis arriba, mais poderían ser tantos…
16.– Un heroe de ficción?
– Robin dos bosques.
17.– Unha heroína?
– Dúas. Sherezade e a fada Morgana.
18.– A súa música favorita?
– Sen música non hai vida. É o mellor invento da raza humana. Gústame case todo. O case nada que non soporto é o reggaeton e cousas afíns. Por afinar eu mesma, moita da música dos 70, e se teño que decidir, quedo coa Raíña (Queen). En outros estados anímicos podo escoitar horas a Jorge Drexler, Franco Battiato, Loreena Mckennitt, Nina Simone, Elis Regina, Guadi Galego… E cando me quero concentrar poño ao señor Xoán Sebastián (Bach).
19.– Na pintura?
– Variei moitos os gustos co paso do tempo. Agora, se de pintura falamos, diría que Remedios Varo, Leonora Carrington. Maruja Mallo. Máis contemporáneas: Diana Dowek, Marcia Schvartz (arxentinas). Se falamos das artes visuais contemporáneas, a artista (artistas homes e mulleres) máis novidosa, completa e extraordinaria do século XX é Louise Bourgois, para min. Da casa, gusto moito do traballo de Mónica Alonso.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Miña nai, sen dúbida. Entre milleiros de cousas, meteunos nun barco de contrabando as tres fillas (e ela) para liscarmos da Galicia en branco e negro do 63. E tamén non podo deixar de nomear as Nais e as Avoas de Praza de Maio. Un exemplo de bravura e loita para o mundo.
21.– O seu nome favorito?
– Clara. Queda feo que poña Luz, non?
22.– Que hábito alleo non soporta?
– Teño pouca paciencia e non son nada tolerante. Por poñer un: a impuntualidade. Fala dunha persoa a que non lle importa ren do tempo e os intereses dxs demais.
23.– O que máis odia?
– Non se me dá ben odiar, son preguiceira… Mais se teño que subliñar algo direi a traizón (que un traidor puede más que unos cuantos/ que esos cuantos no lo olviden fácilmente, León Gieco). E xa máis especificamente a traizón aos ideais, á clase social de pertenza, á amizade, a confianza. Non hai nada peor que un/ha traidxr. É un ser desprezábel porque dinamita algo que custa tanto gañar: a confianza.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Tamén teño unha ringleira delas. Por poñer dous de mostra direi Franco e Videla. Son nomes que non necesitan aclaracións.
25.– Un feito militar que admire?
– O militar non me provoca ningunha admiración, mais non podo deixar de nomear uns militares que fixeron honra do seu uniforme: os capitáns de Abril. E o feito, claro, A revolución dos cravos.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Moitos… por poñer un a paciencia e a tolerancia con segundo que cousas. Cheguei tarde ao reparto das dúas.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– O máis lonxe posíbel deste día, consciente, rodeada da miña tribo, na miña casa e cun concerto de música dos 70. Que soase, por exemplo, como banda sonora final Somebody to love… Por pedir que non quede.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– A alegría melancólica. Ou a melancolía alegre. Si, xa sei que son contraditorios…
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Os que deveñen da propia torpeza, os que non danan xs demais.
30.– Un lema na súa vida?
– Navegar é necesario, vivir non é necesario. Dende que escoitei o tema de Caetano Veloso, que fixo tras saír do cárcere no 69, amei a canción e a música brasileira. Eu tiña 15 anos. Mais xa era antes fan da frase que ocupaba cabeceiras no histórico Semanario Marcha, de Montevideo. Toda unha vida…”
Cuestionario Proust: Elba Pedrosa
Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Elba Pedrosa:
“1.– Principal trazo do seu carácter?
-Son persoa sociábel, as máis das veces alegre. Sempre lembro cando me dixeron que tamén un chisco tola. Gustoume moito.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
-A xenerosidade, que vén sendo ausencia de egoísmo. Tamén a sinceridade e o respecto.
3.– Que agarda das súas amizades?
-Amor, que abrangue moitas cousas.
4.– A súa principal eiva?
-A impaciencia, entre outras. E neste oficio, pouco se fai sen paciencia.
5.– A súa ocupación favorita?
-Vou dicir varias, son un pouco fuxefuxe tamén… Ler ao carón da cheminea, pasear pola praia, cociñar lambetadas. E escribir.
6.– O seu ideal de felicidade?
-Perderme soa nunha cidade descoñecida e fisgar todo o que me dea tempo.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
-Prefiro non amentala, non vaia ser o demo…
8.– Que lle gustaría ser?
-De maior? Escritora e actriz.
9.– En que país desexaría vivir?
-Gústame este para quedar. E poder liscar cando me pete mesmo a Portugal. Pero liscar de cando en vez.
10.– A súa cor favorita?
-A negra. Cada día máis a cor negra.
11.– A flor que máis lle gusta?
-Tiña máis dúbidas coa cor… Eu sonche moito de mimosas de campo, fanme lembrar de cousas fermosas.
12.– O paxaro que prefire?
-Os de ferro son dos que máis gosto. Dos outros, as garzas de pés amarelos que vexo na Foz do Miñor.
13.– A súa devoción na prosa?
-Adoro a Zweig. Tamén Kundera, Almudena Grandes, Rosa Montero. E moitos autores galegos contemporáneos: Inma López Silva, Antón Riveiro, Suso de Toro…
14.– E na poesía?
-Whitman, Pessoa. A que leo de Ismael Ramos, Claudia Castro. E moita que me queda por ler…
15.– Un libro?
-Sempre anda aí a voltas… Una música constante, de Seth.
16.– Un heroe de ficción?
-Eu marcharía con Supermán. Penso que é dos voan máis lonxe, non si?
17.– Unha heroína?
-Marie Curie, entre moitísimas. Engaioloume a orixinal achega que fai dela Rosa Montero, no seu A ridícula idea de non volver verte.
18.– A súa música favorita?
-A que me pon a pel de galiña, que é case que toda. Dende Bach e Schubert ata, por exemplo, Sting, Amy Whitehouse ou Carlos Núñez, Guadi Galego coas súas Matriarcas.
19.– Na pintura?
-Fago escolma de cousas ben afastadas: esas inquedanzas que provoca Hopper, as bailarinas sen alma de Degas, as olladas curiosas das mulleres de Vermeer, ou a retranca (neoiorquina) de Rockwell. Tamén o pintor vigués da capa da miña novela en galego, Jorge Alonso!
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
-A muller que loita cada día por acadar a súa esencia e, ao tempo, leva silandeira unha chea de cargas no lombo.
21.– O seu nome favorito?
-Os das persoas que quero.
22.– Que hábito alleo non soporta?
-Para algúns iso da envexa é máis ca un hábito. Non o aturo. Penso que se estamos aquí, será para facer algo positivo entre todas as persoas, mais seica ando errada.
23.– O que máis odia?
-Ademais da envexa, e da falta de profesionalidade, tamén lle teño un pouco xenreira ao médico que non me deixa tomar lambetadas. Ata o punto de odiar, tampouco.
24.– A figura histórica que máis despreza?
-Isto para min é coma as posíbeis desgrazas, perfiro nin amentalas. Aprecio ningún para os que sementan o odio.
25.– Un feito militar que admire?
-Encantaríame que non fosen necesarios nin os militares nin os seus feitos. Creo nas verbas, na conciliación sen o emprego da forza.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
-Moitas veces penso que a insensibilidade, por iso de non padecer tanto.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
-Desta non mirei as respostas dos compañeiros, ha, ha! Teño moi claro que quero morrer sen darme de conta. Zas!
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
-O optimismo, a alegría, aínda que non estea nada doada a cousa, e o da falla de liberdade desta situación de confinamento lévoa moi mal.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
-Sempre que hai un arrepentimento verdadeiro, para min hai sempre perdón.
30.– Un lema na súa vida?
-Tempo é cambio.”
Ramón Nicolás le un texto de Ricardo Carvalho Calero
Desde a AELG recollemos a lectura dun texto de Ricardo Carvalho Calero, por parte de Ramón Nicolás, no marco da homenaxe ao autor ferrolán proposta desde a área de Patrimonio e Lingua da Deputación de Pontevedra en colaboración coa AELG, aquí.
Rechiade e unídevos baixo cancelos comúns como #CorentenaLiteraria, #Euquedonacasa, #LerGalegoSempre, #Acasainfinita, #DescobreACulturaGalega, #CulturaGalegaCuradora, #Aculturasegue e/ou #CulturaNaRede.
Ramón Nicolás le un fragmento de Lapis na noite
Desde a AELG recollemos a lectura dun fragmento de Lapis na noite por parte do seu autor, Ramón Nicolás, no marco da iniciativa #envozpropia de Edicións Xerais, aquí.
Rechiade e unídevos baixo cancelos comúns como #CorentenaLiteraria, #Euquedonacasa, #LerGalegoSempre, #Acasainfinita, #DescobreACulturaGalega, #CulturaGalegaCuradora, #Aculturasegue e/ou #CulturaNaRede.
Obras gañadoras dos Premios da V Gala do Libro Galego
O xurado da quinta edición dos premios da Gala do Libro Galego deu a coñecer as obras e autoras gañadoras nesta convocatoria que, pola situación causada pola pandemia do COVID19, viuse na obriga de ser adiada ao outono. A Gala do Libro Galego tiña prevista a súa celebración tal día coma hoxe, 9 de maio de 2020, e a organización do evento, decidiu manter as deliberacións do xurado e dar a coñecer os libros gañadores na mesma data e adiar a gala para o outono vindeiro en canto as condicións o permitan. Os premios de honra que anualmente se conceden tamén na Gala do Libro Galego adiáronse ata a celebración deste acto.
A Gala está organizada pola Asociación Galega de Editoras (AGE), Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), e a Federación de Librarías de Galicia (FLG) e conta coa axuda de CEDRO (Centro Español de Derechos Reprográficos), Xunta de Galicia, Deputación da Coruña e o Concello de Santiago.
O xurado desta quinta edición estivo formado pola xornalista e poeta Ana Romaní, a profesora Anxos Rial, o escritor Antón Riveiro Coello, a poeta Estíbaliz Espinosa, o editor e profesor Manuel Bragado, a tradutora María Alonso Seisdedos e o crítico literario e escritor Ramón Nicolás. O xurado celebrou unha reunión telemática para debater sobre as propostas finalistas nas quince categorías (que podedes consultar aquí) e que corresponden con obra publicada durante o ano 2019.
Os membros do xurado sinalaron as dificultades de elección entre un conxunto de obras de altísima calidade o que, segundo explicaron, quere dicir que estamos nun bo momento da creación literaria e do mundo do libro galego neste momento particularmente difícil que atravesa a sociedade.
Aquí tendes o listado completo das gañadoras e gañadores:
PREMIOS A OBRAS EDITADAS EN 2019
Ensaio e investigación
– Dentro da literatura, de Suso de Toro (Edicións Xerais de Galicia)
Un ensaio literario coa vocación de dar a coñecer os procesos da literatura, escrito desde a lectura e sen renunciar ao exercicio da divulgación do oficio da literatura e das maneiras de ler.
Divulgación
– A que cheiran as cores? A esperada guía para coñecer o cerebro, de Juan Casto Rivadulla Fernández (Editorial Galaxia)
O xurado destacou desta obra que explica dun xeito sinxelo e ameno todas as singularidades do cerebro. É un libro que responde á demanda de contar con máis libros de divulgación científica ben editados, ilustrados e en galego, que estean, como este, dirixido a un público moi amplo en idade e intereses.
Narrativa
– Seique (2ª ed. ampliada), de Susana Sanches Arins (Através Editora)
O xurado valorou o exercicio da memoria persoal e familiar e a proxección universal da mesma para compoñer un mosaico que se volve innovación estrutural e que o/a lector/a ten que recompor, así como o uso da oralidade na escrita.
Infantil
– A tartaruga Amodovou, de Paula Carballeira (Oqueleo)
O xurado salientou a recuperación dun estilo clásico para un xeito innovador na literatura infantil, no que salienta unha riqueza léxica e un xeito de narrar sen convencións que resulta atraínte e singular.
Xuvenil
– Os corpos invisibles, de Emma Pedreira (Edicións Xerais de Galicia)
O xurado considerou que era unha narración poderosa, que sobarda o xénero xuvenil. Incorpora moitos referentes femininos para formar con eles un corpo literario que fai rede con escritoras universais. A perspectiva da muller combina na obra cun manexo da forma narrativa.
Libro ilustrado
– Irmá paxaro, de Tamara Andrés, ilustracións de María Montes (Cuarto de Inverno)
O xurado destacou a conxunción e harmonía neste libro entre ilustración e texto, unha combinación na que tanto o texto como a imaxe van máis alá de ser complementarios, o que o converte nun libro cunha formulación novidosa.
Libro de banda deseñada
– A chaira, de Antonio Seijas (Alita Cómics Editorial)
Escollida por ser unha obra de autor que conta unha historia desacougante, dramática e desconcertante, con paisaxes que semellan pinturas e narración visual potente que combina a imaxe e a mensaxe.
Iniciativa bibliográfica
– Castelao. Construtor da nación. Tomo I. 1886-1930, de Miguel Anxo Seixas Seoane (Editorial Galaxia/Consorcio de Santiago)
Para o xurado é unha obra monumental, amplisimamente documentada e que responde ao traballo dunha vida de investigación, ademais de ser o inicio dun conxunto de tomos imprescindible para a historia de Galicia.
Tradución
– Frankenstein ou o Prometeo moderno, de Mary Shelley/Tradución de Samuel Solleiro (Aira Editora)
O xurado destacou o valor de ser unha tradución que traslada á perfección a lingua do clásico orixinal e que conserva a forza da historia e o ritmo narrativa da novela, recuperando para o galego a forza dos clásicos universais.
Poesía
– Feliz Idade, de Olga Novo (Kalandraka Editora)
Destacouse a combinación de situacións vitais da autora, a súa circunstancia e o seu territorio xera neste libro unha serie de imaxe poéticas con moita tenrura e forza, ligadas a unha traxectoria coherente que volve sobre o telúrico, que mantén o pouso literario e incorpora elementos novidosos como a música sen apartarse do seu mundo habitual.
Teatro
– Citizen, do Grupo Chévere (Kalandraka Editora)
O xurado valorou que unha obra que marcou un antes e un despois nos escenarios galegos teña continuidade nun libro que, como obra escénica, conta unha historia contemporánea sobre a Galicia actual.
Libro mellor editado
– Fosforescencias, de Lupe Gómez/Ilustracións de Anxo Pastor (Alvarellos Editora)
Salienta a edición delicada, o emprego e combinación dos materiais e as ilustracións de Anxo Pastor.
PREMIOS A TRAXECTORIAS
Iniciativa cultural ou fomento da lectura
– Libraría Chan da Pólvora
Polo ímprobo labor que realizou a favor da poesía e da lectura, convértendose nunha libraría referente en Galicia e nun foco de dinamización arredor da poesía.
Proxecto literario na rede
– Kalandraka TV
O xurado valorou a promoción da lectura que realiza esta canle, especialmente nos ámbitos da lectura infantil e xuvenil, con contidos audiovisuais adaptados aos gustos das/os lectores/as máis novos/as.
Xornalismo cultural
– María Yáñez
O xurado recoñeceu a traxectoria de compromiso coas novas formas de contar e co uso das ferramentas de comunicación, sumando a tradición xornalística cos medios e plataformas para contalas, e sen deixar de lado os formatos da cultura popular.
Cuestionario Proust: Xina Vega
Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Xina Vega:
“1.– Principal trazo do seu carácter?
-Esta é unha das preguntas máis difíciles que existen porque unha non se dá visto a si mesma. O de coñecerse de verdade parece máis un propósito que algo que de verdade se poida atinxir, pero vaia, cando me poño a pensarme imaxino que son unha branda que vai de dura ou unha dura que vai de branda, non cho sei…
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
-A valentía ou, o que vén ser para min o mesmo, a honestidade.
3.– Que agarda das súas amizades?
-Lealdade e verdade. Con que se permitan ser elas sen demasiados filtros e non busquen conscientemente danar a outros xa son moi feliz ao seu carón.
4.– A súa principal eiva?
-A pregunta 4 está relacionada coa 1, e volvo pensar en que non teño nin idea. Postos a contestar, respondería tamén o mesmo.
5.– A súa ocupación favorita?
-Creo que ler e escribir é un regalo, podería facelo todo o tempo, co descanso, iso si, dunhas cervexas coa xente que quero.
6.– O seu ideal de felicidade?
-Non sentir que teño que defenderme, que as cousas poden facerse doutro xeito, que debería ser doutra maneira. Ás veces todo está ben, todo flúe no presente. Desarmarse e percibir a beleza é felicidade e pode suceder en calquera momento.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
-Son nai, a morte dun dos meus fillos éme inconcibible.
8.– Que lle gustaría ser?
-Sempre quixen ser reporteira de guerra, aínda quero, pero xa non vai ser, claro. Mágoa.
9.– En que país desexaría vivir?
-Creo que en calquera. É moito máis importante para min o “como” que o “onde”.
10.– A súa cor favorita?
-O vermello en toda a súa gama, con especial predilección polo ton do sangue ou do viño.
11.– A flor que máis lle gusta?
-As calas e as camelias, teñen algo carnosamente rotundo que me fascina.
12.– O paxaro que prefire?
-O paporroibo con ese peito rubio e a cabeciña verde oliva.
13.– A súa devoción na prosa?
-Cando era adolescente morría por Kafka, tamén por Ferrín. Máis adiante Cunqueiro e Beckett foron os meus deuses, agora estaría entre Antoine Volodine, Elfried Jelineck e Angélica Lidell.
14.– E na poesía?
-Sempre volvo a Alejandra Pizarnik e a García Lorca e a Luís Pimentel.
15.– Un libro?
–Se o vello Sinbad volvese ás illas.
16.– Un heroe de ficción?
-O vello e derrotado Sinbad.
17.– Unha heroína?
-A Georgina d´Os cinco de Enid Blyton.
18.– A súa música favorita?
-As Variacións Goldberg de Bach, calquera dos albums dos The Smiths, ou un rap de Ayax y Prok.
19.– Na pintura?
-Lucien Freud, Giorgio de Chirico, Marcel Duchamp, Maruja Mallo.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
-Fun alumna de Claudio Guillén e de Ángel Crespo e aínda me conmove recordalos. A xeración do exilio que viviu nun país fantasma e aínda así creou para o país real e que acabou volvendo e recibindo un trato mesquiño dos protagonistas da Transición. Malia levar tantas feridas nas súas vidas eran tan luminosos!!
21.– O seu nome favorito?
-Guiomar.
22.– Que hábito alleo non soporta?
-A violencia, a seguridade nun mesmo, a prepotencia.
23.– O que máis odia?
-Odio a aqueles que senten pracer humillando.
24.– A figura histórica que máis despreza?
-Franco paréceme unha das figuras máis sinistras e mesquiñas que poidan concibirse.
25.– Un feito militar que admire?
-A revolución dos cravos. Aqueles capitáns con flores na escopeta…
26.– Que don natural lle gustaría ter?
-Gustaríame tanto bailar ben!!
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
-Con consciencia e sen medo.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
-Alegremente ansioso.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
-Creo que todos os que só prexudican a un mesmo.
30.– Un lema na súa vida?
-“Ten coidado, esfórzate en ser feliz”.”
Cuestionario Proust: Amador Castro Moure
Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Amador Castro Moure:
“1.– Principal trazo do seu carácter?
– A miña nai sempre me dicía «é que non tes carácter ningún», no sentido de que non tiña malicia. Non sei se iso responde a pregunta. A inxenuidade?
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A coherencia.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Unha cervexa. Ou dúas.
4.– A súa principal eiva?
– A inconstancia.
5.– A súa ocupación favorita?
– Cociñar.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Partillar, coa miña querida, unhas croquetas de luras na súa tinta á beira do mar.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Que un fillo meu marchase antes ca min.
8.– Que lle gustaría ser?
– Escritor. Xa de moi neno o dicía cando me facían esa mesma pregunta. A alternativa era ser piloto de fórmula un.
9.– En que país desexaría vivir?
– Nunha Galiza ecolóxica e sen complexos.
10.– A súa cor favorita?
– A ausencia de cor.
11.– A flor que máis lle gusta?
– As orquídeas. Tan suxestivas. Tan diversas.
12.– O paxaro que prefire?
– O moucho.
13.– A súa devoción na prosa?
– Boris Vian.
14.– E na poesía?
– Bukowski.
15.– Un libro?
– El túnel.
16.– Un heroe de ficción?
– Lee Anderson.
17.– Unha heroína?
– Pippi Längstrump.
18.– A súa música favorita?
– Coa idade voume apazugando. Gozo con música clásica e melódica do século pasado, coma Pixies, dEus, NiN, The Prodigy… Tamén rap en pequenas doses: Wöyza, Ezetaerre, Glitchgirl (que á parte do rap, sería tamén o nexo galego cos Prodigy)… Escoito case de todo (menos Jazz).
19.– Na pintura?
– Hieronymus Bosch, Castelao, H. R. Giger, Anxo Baranga, William Turner…
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– O meu pai e a miña nai. Dúas vidas verdadeiramente heroicas.
21.– O seu nome favorito?
– Gemma.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– Non soporto as persoas que adoitan falar sempre de cartos, viven para os cartos e nunca teñen cartos abondo.
23.– O que máis odia?
– A Mentira (con maiúsculas).
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Calquera Borbón.
25.– Un feito militar que admire?
– A revolución do pobo kurdo en Rojava, a súa loita en solitario contra o mundo.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Cos que teño chégame. Hai que repartir.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Sen dor e consciente.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Calmo.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Ser indulxente presuporía que estou nunha posición moral superior. Procuro non xulgar (o que non é sempre doado).
30.– Un lema na súa vida?
– Cume, bibe e non te aquiloutres.”
Cuestionario Proust: Xavier Estévez
Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Xavier Estévez:
“1.– Principal trazo do seu carácter?
-A curiosidade e o humor.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
-Gústanme as persoas sinceras, aquelas que saben escoitar.
3.– Que agarda das súas amizades?
-Que sigan aí. Que teña a certeza de que cando as chame, elas contestarán.
4.– A súa principal eiva?
-A pereza. Se puidera, dedicaría todo o tempo a ler, e sei que non podo. Nin debo.
5.– A súa ocupación favorita?
-A lectura. Toda a miña vida os libros foron o meu refuxio. Podería vivir sen moitas cousas, pero sen ler, imposible.
6.– O seu ideal de felicidade?
-Un sábado en familia; todos xuntos arredor dun bo xantar.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
-Perder a memoria. Non lembrar quen son, nin quen fun.
8.– Que lle gustaría ser?
-Cando era pequeno, como moitos outros, quería ser aventureiro, viaxar polo mundo. Pasados tantos anos, aínda soño con iso, ser viaxeiro.
9.– En que país desexaría vivir?
-En calquera. A felicidade non está nun lugar, está nas persoas que o habitan.
10.– A súa cor favorita?
-De sempre, o amarelo. Non sei o porqué.
11.– A flor que máis lle gusta?
-Non teño predilección. Gústame todas, aínda que confeso que son urbanita, non son unha persoa de campo.
12.– O paxaro que prefire?
-A gaivota, como símbolo de liberdade.
13.– A súa devoción na prosa?
-Gústame moito a literatura inglesa e francesa de finais do século XIX. Tamén a literatura xaponesa, ese xeito tan diferente de escribir. Admiro a moitos escritores e escritoras. Non digo nomes porque deixaría mil no tinteiro.
14.– E na poesía?
-Os haikus xaponeses, García Lorca, Rosalía, Tamara Andrés…
15.– Un libro?
-Moitos. Difícil elixir un. Se tivese que facelo, hoxe elixiría por exemplo As aventuras do valoroso soldado Švejk, de Jaroslav Hašek.
16.– Un heroe de ficción?
-Atticus Finch (Matar un reiseñor). A quen non lle gustaría ser como el?
17.– Unha heroína?
-Jo March (Mulleriñas), polo seu espírito rebelde.
18.– A súa música favorita?
-Moitas: Chet Baker, Nina Simone, Leonard Cohen, John Barry, Berrogüetto…
19.– Na pintura?
-John William Waterhouse.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
-Todas as persoas anónimas que se levantan cada día coa idea de converter este mundo nun mundo mellor. Todos aqueles/as que loitan por darlle aos fillos o que eles non tiveron.
21.– O seu nome favorito?
-Mistre. Dende hai varios anos, ese nome está ligado ao meu corazón por un fío que xa non se pode romper.
22.– Que hábito alleo non soporta?
-Falar máis do que un escoita.
23.– O que máis odia?
-Cos anos un aprende a non odiar. O que non me gusta non merece o meu odio.
24.– A figura histórica que máis despreza?
-Milton Friedman, por dicir un. A súa idea da economía fixo auténticas desfeitas na segunda metade do século XX, e máis que fará.
25.– Un feito militar que admire?
-Non son de admirar feitos militares. Algúns foron un mal necesario, supoño, pero non podo admiralos. Os feitos militares son o fracaso da ciencia, da humanidade.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
-Poder deter o tempo. Como dicía Einstein, o futuro chega demasiado rápido.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
-Cun sorriso nos beizos.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
-Curioso e optimista.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
-Son indulxente con todos os defectos.
30.– Un lema na súa vida?
-“Tenta dar sempre o mellor que podes”.”