Ferrol: conferencia de Darío Xohán Cabana

O xoves 1 de marzo, ás 19:30 horas, no salón de actos da Aula UNED de Ferrol (Rúa María, 52-54), e dentro do ciclo de conferencias As miñas lecturas favoritas, Darío Xohán Cabana falará sobre Cantares gallegos, de Rosalía de Castro, Queixumes dos pinos, de Eduardo Pondal e Se o vello Sinbad volvese ás illas, de Álvaro Cunqueiro.

A Coruña: homenaxe a Rosalía de Castro na A. C. Alexandre Bóveda

O venres 24 de febreiro, na Asociación Cultural Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º) da Coruña, terá lugar unha homenaxe a Rosalía de Castro, en conmemoración do 175º aniversario do seu nacemento. A partir das 20:00 horas, Pilar García Negro dará unha charla sobre a súa figura e César Morán rematará o acto lendo poemas da autora.

Santiago: presentación da edición ilustrada de Follas Novas en El Patito

O venres 24 de febreiro, ás 20:00 horas, no espazo de arte de El Correo Gallego (Rúa do Preguntoiro, 29) de Santiago de Compostela, preséntase a edición ilustrada por Álvaro de la Vega de Follas Novas, de Rosalía de Castro, publicada pola Editorial El Patito. No acto intervirán Xerardo Conde Roa, o Secretario Xeral de Cultura e Gemma Sesar, xunto ao ilustrador.

Barcelona: Rosalía de Castro, unha musa fecunda

“O pasado venres 18 de novembro celebrouse en Barcelona o seminario Rosalía de Castro. Unha musa fecunda, organizado pola área de Teoría da Literatura e Literatura Comparada da Universidade de Santiago de Compostela, o Centre Dona i Literatura e a área de Estudis Gallecs i Portuguesos da Universitat de Barcelona. A xornada contou coa presenza de investigadoras galegas e catalás como Margarita García Candeira, María do Cebreiro, Dolores Vilavedra, Helena Miguélez-Carballeira, Joana Masó ou Isabel Clúa. As sesións matinais estiveron dedicadas ao estudo da obra narrativa da autora galega e á análise da conciencia de escrita de Rosalía de Castro a partir das novas lecturas dende xénero. Pola tarde a gran protagonista foi Catherine Davies (The Nottingham University), que en 1987 publicou Rosalía de Castro no seu tempo, editado pola editorial Galaxia. Este ensaio erixiuna nunha figura fundamental nos estudos rosaliáns, despois de obter unha gran recepción entre a crítica. A autora someteuse, primeiramente, a unha rolda de preguntas que lle trasladaron María Xesús Lama e Dolores Vilavedra. A conversa distendida serviu para que relatase como foi a xestación deste ensaio, as trabas que atopou na procura de material, como chegou a Rosalía despois duns anos vivindo en Vigo, como aprendeu a lingua de Follas Novas co Gallego 1 e como, dende o Reino Unido, lle enviou o texto definitivo a Ramón Piñeiro que llo devolveu tempo despois en forma de libro. O seminario concluíu coa conferencia Rosalía de Castro no contexto do século XIX en España e Hispanoamérica, impartida por Catherine Davies. Ante unha sala chea debuxou o panorama político, social, literario e económico no que escribía a autora de Cantares Gallegos. Recoñeceu, finalmente, que, vinte e cinco anos despois de ter escrito Rosalía de Castro no seu tempo, rectificaría algunhas ideas e ofrecería unha lectura anovadora nalgúns aspectos.”

Ourense: curso A marxinalidade na cultura: a homosexualidade, coordenado por Carlos Callón, do 29 de novembro ao 2 de decembro

Crónica posterior en Galicia Hoxe.

Galicia Classics homenaxea a Álvaro Cunqueiro

“O ciclo Galicia Classics fará unha homenaxe ao escritor Álvaro Cunqueiro durante os meses de setembro e outubro coa programación do espectáculo O soño dourado. De Rosalía a Cunqueiro, un recital poético-musical que forma parte das iniciativas programadas no Ano Cunqueiro, no que se cumpre o centenario do seu nacemento. Este espectáculo rende homenaxe ás obras que inspiraron algunhas das páxinas máis logradas da literatura galega. A primeira cita deste espectáculo da Agrupación Lírica Ofelia Nieto será o venres 23 de setembro, en Ferrol. A actuación, que comezará ás 20:00 horas, terá lugar no Auditorio Novacaixagalicia. Unha semana despois, o 2 de outubro, o recital chegará á Biblioteca da Cidade da Cultura de Galicia, onde poderá verse ás 19:00 horas. A entrada será libre ata completar o aforamento. O soño dourado. De Rosalía a Cunqueiro é un recital poético-musical con guión e dirección de Antón de Santiago, que tamén actúa no espectáculo como barítono e actor e que está acompañado por Patricia Morchón, como soprano e actriz. Ambos estarán acompañados polo conxunto instrumental Cítola, composto por Ángel Lozano (violín), Rosalía Vázquez (chelo) e Ramón Carnota (guitarra). Neste espectáculo musical en homenaxe a Cunqueiro, inclúense tamén obras de Rosalía de Castro, Curros Enríquez, Ramón Cabanillas, Pimentel, Novoneyra e Fernán-Vello.” Vía Xornal.

A Coruña: actividades do sábado 6 na Feira do Libro

Estas son as actividades máis destacadas previstas para o sábado 6 de agosto dentro da 40º edición da Feira do Libro da Coruña, que se desenvolve nos Xardíns de Méndez Núñez até o 10 de agosto, con horarios de 11:00 a 14:00 h., e de 18:00 a 22:00 horas:

12:00 h. Feira infantil. Como nace un personaxe. Obradoiro de ilustración realizado por Xosé Tomás. Actividade realizada coa colaboración de Gálix.
18:30 h. Presentación de O señor Don Nicanor, texto de Ana Fernández-Abascal, ilustrado por Flavio Morais e publicado no selo Faktoría K, coa participación da autora e un representante da editorial.
19:00 h. A pintora e ilustradora Isabel Pintado asina exemplares dos libros de poesía para nenos Parece unha rosa, de Rosalía de Castro e Cantiga do Mazarico, de Emilio Pita, ambos publicados por Edicións Espiral Maior na colección Lúa Lueira.
20:00 h. O escritor Mario Regueira asinará exemplares do seu libro Lois Pereiro. Unha persecución, publicado por 2.0 Editora, na colección Folcsonomías.

Feira do Libro de Santiago: actividades do 30 de abril e 1 de maio

Comeza unha nova edición da Feira do Libro de Santiago (no Paseo Central da Alameda), entre o sábado 30 de abril e o domingo 8 de maio. O seu horario é de 11:30 a 14:00 h. e de 17:30 a 21:30 h., salvo no fin de semana, en que terá un horario de 11:30 a 14:30 h. e de 17:30 a 21:30 h.
As actividades do primeiro fin de semana son as seguintes:

Sábado 30 de abril:
– 12:45 h. Actuación da Banda de Música de Santiago de Compostela.
– 13:00 h. Inauguración oficial. Pregón inaugural a cargo de Diego Ameixeiras, gañador do Premio Irmandade do Libro ao mellor libro do ano 2010. No acto inaugural, colabora a Asociación do Traxe Galego.
– 18:00 h. Presentación do libro Golfiño e os invasores, de Fausto Isorna, publicado por El Patito Editorial. Ao remate do acto, o autor asinará exemplares do seu libro.
– 19:00 h. Presentación do libro Svea Kött (carne sueca), de Domingo Tabuyo, publicado en Xerais. Intervirán: Francisco Caamaño, Ministro de Xustiza, Manuel Bragado e o autor.

– 20:00 h. O escritor Javier Alfayate, asinará exemplares do seu libro Aleta de Tiburón: Táctica de un operador en bolsa publicado pola Editorial Grupo de 28 Editores.
– 21:15 h. Sorteo dun lote de libros.

Domingo 1 de maio:
– 12:00 h. A pintora e ilustradora Isabel Pintado asinará exemplares dos libros para nenos Parece unha rosa, de Rosalía de Castro e Cantiga do mazarico, de Emilio Pita, publicados por Edicións Espiral Maior, na colección Lúa Lueira.
– 18:00 h. Obradoiro de baile para todo o público a cargo do grupo Pesdelán, participantes no libro–cd–dvd Na punta do pé publicado por Kalandraka Editora.
– 19:30 h. Presentación do libro A xanela escura, de Jorge Emilio Bóveda, da Colección Alcaián, de Urco Editora. Participarán no acto Denís Fernández Cabrera en representación da editorial e o autor da obra.

– 21:15 h. Sorteo dun lote de libros.

Santiago: presentación de Rosalía de Castro, estranxeira na súa patria (a persoa e a obra de onte a hoxe), de Francisco Rodríguez

O mércores 16 de marzo, ás 20:00 h., no Centro Cultural Novacaixagalicia (Praza de Cervantes) de Santiago de Compostela, a Asociación Cultural O Galo e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) presentan o libro Rosalía de Castro, estranxeira na súa patria (a persoa e a obra de onte a hoxe), de Francisco Rodríguez, editado pola propia AS-PG. Crónica posterior en Xornal.

.