Lugo: acto público polo Día Internacional da Muller

O xoves 7 de marzo, ás 19:15 horas, a Área de Igualdade, dependente da Vicepresidencia primeira da Deputación de Lugo, organiza no Museo Provincial de Lugo un acto público, co seguinte programa:
– Lectura dramatizada de poemas de Rosalía de Castro, a cargo de Paloma Lugilde e Tareixa Campo.
– Conferencia: Desestabilizando o xénero. Que fica da liberación feminista?, por Teresa Moure.
– Música de Jotinho’s. Formato acústico. Bossa Nova-Samba. Silvia Viñas (voz), Fernán Gómez (guitarra).
A entrada é de balde.

Taboleiro do libro galego (IV), por Ramón Nicolás

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Continúa a entrega destas listaxes dos libros galegos máis vendidos que, desde agora, recollerá quincenalmente as modificacións que se produzan en todos os xéneros, de as houber.”

NARRATIVA
1º-. As voces baixas, de Manuel Rivas, Edicións Xerais de Galicia.
2º-. O gardián invisible, de Dolores Redondo, Edicións Xerais.
3º-. Os fillos do mar, de Pedro Feijoo, Edicións Xerais.
4º-. A noite branca, de Francisco X. Fernández Naval, Edicións Xerais.
5º-. En vías de extinción, de María Reimóndez, Edicións Xerais.

POESÍA
1º-. Carnia haikai, de Elvira Riveiro, A. C. Caldeirón.
-. Cantares gallegos, de Rosalía de Castro, El Patito Editorial.
3º-. Breizh, de Miro Villar, Toxosoutos.
-. Vinte en escena, de Rosalía Fernández Rial, Edicións Positivas.
-. Esplendor arcano, de Ramiro Torres, Grupo Surrealista Galego.

ENSAIO-TEATRO
1-. Roberto Vidal Bolaño. Unha vida para o teatro, de Laura Tato, Toxosoutos.
2º-. Matriarcas, de Montse Fajardo.
3º-. Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, de Carlos Callón, Edicións Xerais.
4º-. AGE. A emerxencia da Alternativa Galega de Esquerda, de Manuel Darriba e Daniel Salgado, 2.0 Editora.
5º-. O mar de Arteixo e os seus naufraxios, de Xabier Maceiras, Asociación Cultural Monte da Estrela.

INFANTIL-XUVENIL
1º-. Dragal III, de Elena Gallego, Xerais.
2º-. Amor de serea, de Santiago Jaureguizar, Edicións Xerais.
-. O aroma do liquidámbar, de An Alfaya, Edicións Xerais.
-. O capitán Aspanitas, de Ramón Caride, Xerais.
-. O neno can, de Fina Casalderrey e Francisco Castro, Galaxia.

ÁLBUM ILUSTRADO
1º-. María Fumaça, de VV.AA., Galaxia.
2º-. O crebanoces, de María Canosa e David Pintor, Pablo Zaera editor.
3º-. Imos cazar un oso, de Michael Rosen, Kalandraka.
4º-. A que sabe a lúa, de Michael Grejniec, Kalandraka.
5º-. Crocodilo, de Antonio Rubio e Óscar Villán, Kalandraka.

BANDA DESEÑADA
1º-. Ardalén, de Miguelanxo Prado, El Patito Editorial.
-. Cousas de mortos, Manel Cráneo, Demo Editorial.
3º-. Nómades, de Xosé Tomás, Galaxia.

LECER
-. A cociña dos larpeiros, de Benigno Campos, Galaxia.

Manuscritos: Rosalía de Castro I (vídeo)

Desde o blogue Caderno da crítica, de Ramón Nicolás.
“En abril de 2006, a persoa que daquela detentaba o cargo de presidente da Real Academia Galega, Xosé Ramón Barreiro Fernández, seleccionaba algúns dos fondos máis salientables da biblioteca da Academia para Culturagalega.org, quen gravou algúns deles. Traio aquí o que se corresponde a uns, emocionantes, inéditos de Rosalía de Castro (fonte Consello da Cultura Galega)”.

Manifesto da AELG no Día de Rosalía 2013

Nin queixa nin folclore, hai cento cincuenta anos Rosalía de Castro asumía no prólogo dos Cantares gallegos, o grande atrevemento que supoñía traer para a escrita culta, sen gramáticas nin regras de ningunha clas, o canto dos pesares, costumes e paisaxes desta terra.

Nin queixa nin folclore, hoxe, neste día no que conmemoramos o nacemento da muller, neste ano no que celebramos o século e medio dun libro que serviu para comezar a construírmonos afectiva e politicamente como pobo, convidamos a  experimentar, de novo ou por vez primeira, a conmoción, o abraio que producen uns versos que falan de min, que falan de todas.

¿Qué lle pasará a un que non sexa como se pasase en tódolos demais? En min e en todos! Na miña alma e nas alleas! – di Rosalía.

Ese modo de percibir e expresar o peso do mundo é o que consegue que Cantares fique agochado entre as dobras da memoria, que se mimetice co inconsciente colectivo e individual, en min e en todos!, como un clásico e, como un clásico persista como ruído de fondo, aguante e sacuda a poeira incesante dos eséxetas: Santa, Nai, Escura.., sen dar rematado nunca de dicir o que ten que dicir.

Porque Rosalía fala para o agora da lectura e neste agora a empatía, a rabia, a análise e denuncia que alenta na súa obra fánsenos especialmente necesarias. Nestes intres de esgazamento, de destrución das conquistas sociais, de empobrecemento xeneralizado, de incerteza, Rosalía axúdanos a ser conscientes, politicamente conscientes, da comunidade de excluídas, desa poboación crecente que avanza cara ao desposuimento e o silencio. Nas tristes colas do paro, nos comedores sociais, nas despedidas dos milleiros de xentes novas que abandonan o país, nos desafiuzamentos, na desesperación das enganadas pola cobiza bancaria, na longa angustia das que agardan unha operación cirúrxica, nas mestras desbordadas, nas avoas que precariamente amparan  fillos e netos resoa a voz de Rosalía, dando voz ás que non teñen voz, ás que fican á marxe.

Ler hoxe a Rosalía axúdanos tamén a desenvolver estratexias de resistencia ante as doutrinas oficiais que nos impoñen a brutal contracción do noso sistema cultural e lingüístico. De novo  Rosalía lembrando que a nosa lingua non é aquela que bastardean e champurran torpemente nas máis ilustradísimas provincias cunha risa de mofa, Rosalía rexeitando o centralismo que nos esmaga, que nos folcloriza, que nos nega, Rosalía denunciando, no XIX coma no XXI, o fracaso do estado para dar cabida ao diferente.

Rosalía pois, hoxe, para axudármonos a sobrevivir contra as cordas, cada vez con menos aire, cada vez máis feridos, pero vivos, extraordinariamente vivos e  conscientes da necesidade de pelexar novos camiños para afirmármonos na nación, na lingua, na clase e no xénero como única posibilidade de existencia digna.

Cantares gallegos, o primeiro libro integramente monolingüe do Rexurdimento galego, deu o protagonismo absoluto ás voces femininas e, probablemente, todas as que hoxe lemos e escribimos en galego  experimentamos nalgún momento o desexo intenso de ser coma ela, de seguir os seus pasos: fulgor e rebeldía. A nosa literatura moderna presenta a enorme vantaxe de ter unha muller como causa e orixe, un modelo para aquelas que non queren cantar as pombas e as froles. Con todo, xusto é recoñecer o paradoxo: a literatura galega dista moito de ser un matriarcado; aquí  -como en todas partes- as literatas continúan a ser tratadas como un elemento exótico-emerxente, caixiña dentro da caixiña, engadido que os homes tratan con benévola simpatía sen entrar nun diálogo verdadeiro. A forza feminina de Rosalía, a asunción plena da condición de muller -sen mistificacións, sen simplificacións doutrinarias- continúa sendo un exemplo, un desafío para o presente, para o futuro.

Convidámosvos, pois, a celebrar este día como unha festa indispensable no noso imaxinario colectivo, unha festa na que celebremos, esperanzadas, o futuro, ese futuro que vive nas verdadeiras, nas autenticamente clásicas, como Rosalía, quen, de xeito perentorio, nos recorda que só a palabra permite poñerse a salvo da brutalidade e a estupidez humanas.

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega reafírmase, máis unha vez, porque este tempo político neoliberal e centralista regresivo así nolo continúa a esixir, na nosa reivindicación da recuperación dun estatus máis xusto, digno, equitativo e equilibrado para o galego nos diferentes ámbitos de uso e, nomeadamente, no ensino, minguado cuantitativa e cualitativamente nun espazo de aprendizaxe e socialización como é a escola e apoiamos, como as palabras reivindicadoras de xustiza rosaliana nos animan, ao conxunto da sociedade que en múltiples iniciativas ten manifestado o seu compromiso coa lingua galega, soia nunha terra extraña / donde extraña me alomean, / donde todo canto miro / todo me dice: “¡Extranxeira!”.

A modernidade da obra e pensamento rosaliano aloumíñanos e fálanos desde o poder da palabra compromiso e o alento vivo da alborada para corearmos colectivamente:

Vaite, noi-
te, -vai fuxin-
do. –Vente, auro-
ra, – vente abrin-
do, -co teu ros-
tro – que, sorrin-
do, -¡¡¡a sombra espanta!!!

Manifesto do Consello  Directivo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, a partir dun texto de Rexina Vega.