#EuSonRosalía fai sentir en Bonaval as moitas razóns para sermos “rosalías”

ArtigoEuSonRosalia___(1) de Carme Vidal en Sermos Galiza:
““Coma todos os anos reivindicamos que este lugar sexa laico e de uso público, con accesibilidade para que os nosos e as nosas escolares poidan vir a lle traer flores”, comezou o presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias, na apertura dun acto no que reivindicou o dereito do alumnado de todo o pais a visitar este lugar que é símbolo onde mora quen, transgresora, soubo derrotar a desesperanza quen, en palabras de Curros, leva a estrela na fronte, a quen é guía aínda hoxe para o noso devir”, dixo o presidente da AELG.
“Debemos deixar que Rosalía fale por voz de cada unha de nós”, dixo Rosalía Fernández Rial no manifesto da homenaxe central que a AELG lle rendeu, un ano máis, en San Domingos de Bonaval. A outra Rosalía, a de Carballo, recoñeceu a pertenza a unha mesma comunidade poética e manifestouse Rosalía, a outra, por “compartir a identidade”, nesa vontade na que se recoñecía a filosofía da iniciativa que neste ano promoveu a AELG e que levou á rede moreas de razóns para sermos Rosalías.
“A súa obra transcende o seu tempo e dálle voz a aquilo que nos define aos galegos coma construtores dunha cultura nun idioma”, dixo Cesáreo e, desa condición, inundouse o acto de Bonaval, de expoñer ás condicións rosaliáns das persoas que desexan, en especial desde a literatura, un mundo de igualdade e xustiza.
Moitas Rosalías rularon pola rede nestes días e unhas cantas colleron o micro en Bonaval para faceren escoitar os seus versos, coas reivindicacións de hoxe, pola nosa lingua, contra a emigración, coas persoas desafiuzadas e as obrigadas a emigrar, as que manteñen o “atrevemento” de continuar a escribiren en galego. A voz de Rosalía sentiuse así próxima, coa actualidade dos temas dos que ela falou e que continúan a estaren infelizmente presentes.
Mercedes Queixas, Isabel Kerdudo, Viki Rivadulla, Paula Carballeira, Mónica Caamaño, Ledicia Costas ou Xurxo Souto -que impresionou cantando a capela un dos seus poemas- foron algunhas das voces que trouxeron á beira do Panteón de Galegos Ilustres os versos de Rosalía na homenaxe central da AELG polo seu aniversario que se fai o vindeiro 24 de febreiro. E os poemas de Rosalía cadraban con cada unha das reivindicacións, desta maneira, Isabel Kerdudo lembrou ás persoas desafiuzadas e obrigadas a emigrar, Ledicia Costas recoñeceuse Rosalía no feminismo e no orgullo da lingua ou Mercedes Queixas no atrevemento de escribir en galego, entre outras razóns para reclamar que continuamos herdando da poeta.
A coral Solfa e Uxía puxeron música ao acto. “Unha Rosalía rebelde, revuldeira, telúrica, comprometida coa súa terra, a Rosalía vixente que hoxe nos trae aquí”, foi a que reclamou Uxía na intervención musical na que estreou unha nova canción que interpretou coa arpa de Clara Pino.
“Coñecer a Rosalía é coñecer a historia do propio país. Recatala da manipulación, do ocultamento, que sexa coñecida e valorada significará que é un pobo que se coñece a si mesmo, que sabe cales son as causas que non lle permiten vivir do propio traballo na propia Terra que este pobo humanizou para poder recibir dela os propios alimentos unha terra abenzoada pola fertilidade, un mar de fartura do que vén o pan que de xeito rebordantemente humano ela cantou”, reivindicou Cesáreo Sánchez, á fronte dunha AELG que ten na data de nacemento de Rosalía unha das principais conmemoracións do ano e defende que sexa convertido na grande celebración literaria tanto no ámbito escolar como no social e institucional. O acto rematou cunha ofrenda floral e a interpretación conxunta do himno galego.”

#EuSonRosalía: Rosalía Fernández Rial

CoEuSonRosalia___(1) cancelo #EuSonRosalía a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega propón celebrar o Día de Rosalía de Castro 2015 convidando os centros escolares, institucións, movemento asociativo, persoeiros da cultura galega e a todos os particulares que se quixeren sumar, a realizaren actividades encamiñadas a afondar na diversidade temática da obra rosaliana, de modo que cada persoa descubra con cal das múltiples sensibilidades da autora se sente máis identificada, e así poder comunicárnolo gravando en vídeo unha frase que comezaría por “Eu son Rosalía porque/cando/para…”
A idea é que os lugares nos que se filme esa breve declaración, de contido libre e persoal, sexan escenarios da vida cotiá, de ser posíbel, especialmente os ámbitos laborais, en conexión con boa parte da poesía rosaliana, vinculada ao traballo e á vida diaria.
Envíanos o teu vídeo ou a ligazón ao mesmo a oficina@aelg.org!

Este é o vídeo de Rosalía Fernández Rial.

Compostela: acto central de #EuSonRosalía, no Panteón de Galegos Ilustres

cartelrosaliaactocentral(1)PROGRAMA

Saúda do Presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias.
Actuación da Coral da Asociación cultural e musical Solfa.

Lectura do Manifesto da AELG.
Rosalía Fernández Rial, vogal da AELG.

Lectura de poemas rosalianos:
•Xosé Iglesias: “O mar castiga bravamente as penas”
•Viki Rivadulla: “Tecín soia a miña tea”
•Mónica Caamaño: “A xusticia pola man”
•Fran Barcia: “Nosa Señora da Barca”
Xosé Mª Lema: “Nosa Señora da Barca”
Ledicia Costas: Fragmento do prólogo de Follas Novas
•Fernando Patricio: “¡Mar!, cas túas augas sin fondo”
•Paula Carballeira: “Soia”
•Isabel Vaquero: “Miña casiña, meu lar”
Xurxo Souto: “Mentres eu peno”
•Isabelle Kerdudo: “¡Pra a Habana!”
•Andrés Collantes: “Sin Niño”
Mercedes Queixas: “Tal como as nubes”

Actuación da Coral da Asociación cultural e musical Solfa:

Actuación de Uxía.

Ofrenda floral.

A AELG concédelle a letra E a Xosé Mª Álvarez Cáccamo e recoñece o xornalismo en galego

ArtigoAELG foto do perfil de facebook en Sermos Galiza:
“O escritor Xosé Mª Álvarez Cáccamo será a nova letra E da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega segundo se aprobou na asemblea celebrada pola entidade este sábado no Museo do Pobo Galego.

A entidade presidida por Cesáreo Sánchez Iglesias aprobou tamén algúns dos premios que entregarán na nova edición do 2015, á espera do proceso de votación entre socios e socias polo que pasan a maior parte das categorías. Os premios aprobados directamente recoñecerán desta volta o xornalismo en galego, tal e como o pasado ano fora o teatro o protagonista. En canto a institucións, a AELG premiará o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Asociación de Medios en Galego. Premiarán tamén co Bos e Xenerosos a traxectoria de cinco xornalistas pola súa defensa da nosa lingua e a nosa cultura, Margarita Ledo, Tereixa Navaza, Manolo Lombao, Gustavo Luca de Tena e Xosé María Palmeiro.

O galego universal Brasil
Da literatura brasileira sae este ano o nome do Escritor Galego Universal para o que foi escollido Luiz Ruffato, autor, entre outros títulos de Eles eram muitos cavalos ou o proxecto Inferno Provisório. Tamén teñen nome xa a categoría de mestres e mestras da memoria que recaeu en Josefa Arias e Emilio do Pando. A gala de entrega dos premios terá lugar o 9 de maio na cidade de Lugo.

Cambios na directiva
A directiva da AELG experimenta cambios tamén nesta asemblea coa incorporación de Rosalía Fernández Rial e a saída de Antia Otero e Rexina Vega.

Tres propostas para Nobel
A AELG informou tamén, no balance de actividades do ano, que como en edicións anteriores remitiu un informe coas propostas para o Nóbel de literatura. Desta volta, ademais dos nomes e traxectorias de Xosé Luís Méndez Ferrín e Luz Pozo Garza, a AELG incluíu na proposta remitida á Academia Sueca o nome de Agustín Fernández Paz.”

“Proxecto Elo”, do libro á escena, á rede e ao disco

DesdeRosalía Fernández Rial Sermos Galiza:
“(…) “Elo” pola unión, polo encontro da musica e poesía. “Elo” tamén pola sonoridade -recorrente como sufixo galego- e polo carácter visual da palabra. Elo, tamén, por esa expresión que queda no ar nas conversas cotiás: “E lo?”.
O Proxecto Elo, de Rosalía Fernández Rial e Serxio Moreira, chega agora a disco despois de ter pasado por múltiples soportes e disciplinas. Naceu nos libros de Rosalía Vinte en escena e Ningún amante sabe conducir (os dous en Edicións Positivas), e, como levaba acontecendo desde anos atrás, desde o inicial Átonos, non tardou en xuntarse á música de Serxio Moreira para se mostraren conxuntamente ao vivo. Doce poemas dos dous libros que comezaban así unha nova vida e un camiño a través de distintos soportes e formatos.
“Tratamos de que a voz interpretase tamén os poemas, que tivese un punto teatral e en canto á música son sons experimentais e variados nos que predomina o uso do teclado mais tamén moitos extraídos da propia natureza”, explica Rosalía Fernández. A través de facebook e cunha bandcamp o proxecto difundiuse a través da rede, xusto ate esta quinta feira, que saíu o último dos temas publicados. “Queriamos utilizar as redes sociais como medio para dar a coñecer os temas que fomos colgando día a día ate este 12. Xusto o día despois de publicar o último poema de Vinte en escena recibimos a noticia de que o disco xa está preparado”, comenta Rosalía Fernández Rial, xusto ao tempo de anunciar o paso do proxecto ao soporte disco que distribuirán nos posteriores espectáculos.
“Este proxecto empezou en escena e o fin é a escena. Cremos na poesía viva, nas artes vivas que deben transcender os formatos e espallarse. Cremos na interdisciplinariedade artística, a escena e a música fan que o libro teña máis vida”, explica, para quen, alén da linguaxe contemporánea a iniciativa sigue a tradición da historia da literatura galega. “Desde a época medieval a poesía fíxose ao vivo e non ha que esquecer que nós somos parte dunha literatura e dun país”, apunta, antes de iniciar outra nova xeira na que conta levar os libros, e xa o disco, de novo ao encontro co público, ao vivo.”

A Coruña: recital poético-musical na reapertura da Libraría Sisargas

O OLYMPUS DIGITAL CAMERAvenres 19 de decembro, ás 20:30 horas, terá lugar un recital con poesía e música na reapertura da Libraría Sisargas no seu novo emprazamento (Rúa San Roque, 7), na Coruña. Participan, na parte poética, Dores Tembrás, Francisco X. Fernández Naval, Xosé Iglesias, Jose Montero, Rodrigo Osorio, Teresa Ramiro, Rosalía Fernández Rial e Ramiro Torres, e na parte musical César Morán. Previamente ao recital haberá unha actuación de Xurxo Souto.

Como le a artista Teresa Búa? A reinterpretación do poemario Ningún amante sabe conducir, de Rosalía Fernández Rial

Desde2014120517284583458 Sermos Galiza:
“(…) Na mostra Do papel ao xesto do Culturgal participa Teresa Búa (Muxía, 1991) unha artista que realiza unha “interpretación gráfica” por así dicilo, pero que vai máis alá baseándose nun poemario de Rosalía Fernández Rial. A combinación da poesía coa obra plástica de Teresa consegue mirar e entender o que nos contan dunha maneira máis intimista e nova. É grato ler relatos e sentirmos identificados, ou sentir conexión cun tema musical cando o escoitamos. “É que me aconteceu algo parecido…” di algún. “É que esa personaxe é tal cal…” (…) din outros.
A creatividade da artista non ten acotacións nin tenta traducir a poesía de Rosalía, mais a forza do poema é elevada á máxima potencia se observamos a imaxinería que compon Teresa ao redor do libro Ningún amante sabe conducir (Ed. Positivas 2014) como tema de partida. A artista recolle a estética do fragmento e do mundo surrealista. A collage e a fotografía que xa facía Búa nos seus traballos anteriores adáptase á perfección co esquema dun poema. Anacos inconexos ás veces, libres de interpretar por cada quen.
“É o desexo como instinto, unha paixón irracional, na que a voz lírica parece ás veces que se volve un pouco louca…” di Rosalía a autora dos poemas, que viu na obra de Teresa unha simboloxía axeitada ao seu pensamento poético.
Fai entón a artista unha peza instalativa: postais, gravados, collages fotográficas utilizando diversas cámaras (estenopeicas, dixitais, analóxicas…). Na identificación máis esixente co poema, pasa a ser ela a propia protagonista, con obras de tipo performance como na serie “Acercándome” (collage dixital), onde semella que a liña da carreteira divide o corpo de Teresa de forma simétrica. Dous ollares persoais en diferentes linguaxes. Nas palabras da artista:
“Ao acabar a representación do poemario reuninme con Rosalía Fernández e as súas palabras foron gratificantes: “Vexo os meus poemas un a un expresados na túa obra, eu fixen os escritos e ti traducíchelos graficamente!” Supoño que é un dato a destacar xa que ninguén mellor que ela coñece a súa obra, pero agora xa somos dúas. A colaboración foi frutífera.“ (…)”

Crónica videográfica do VIII Encontro de Escritoras/es Novas/os, recital poético

O1414582098758bannerwebaelg VIII Encontro de Escritoras/es Novas/os tivo lugar o sábado 8 de novembro no espazo Cubo da Normal (Paseo de Ronda, 47, A Coruña), contando co apoio da Concellaría de Cultura do Concello da Coruña e a colaboración de Normal (Espazo de intervención cultural da UDC).

Esta é a crónica videográfica do recital poético co que finalizaron as mesas redondas da xornada, coa participación de Berta Dávila, Mario Regueira, Gonzalo Hermo, Rosalía Fernández Rial e Samuel L. París, presentados por Alicia Fernández:
Recital de Rosalía Fernández Rial.
Recital de Mario Regueira.
Recital de Gonzalo Hermo.
Recital de Berta Dávila.
Recital de Samuel L. París.

Crónica videográfica do VIII Encontro de Escritoras/es Novas/os, mesa redonda Dramaturxia e emerxencia

O1414582098758bannerwebaelg VIII Encontro de Escritoras/es Novas/os tivo lugar o sábado 8 de novembro no espazo Cubo da Normal (Paseo de Ronda, 47, A Coruña), contando co apoio da Concellaría de Cultura do Concello da Coruña e a colaboración de Normal (Espazo de intervención cultural da UDC).

Esta é a crónica videográfica da mesa redonda Dramaturxia e emerxencia: propostas de diálogo para a próxima década, con Rosalía Fernández e Roi Vidal, baixo a coordinación de Vanesa Sotelo, e o posterior coloquio:
Presentación da mesa redonda Dramaturxia e emerxencia: propostas de diálogo para a próxima década, con Vanesa Sotelo.
Intervención de Rosalía Fernández Rial.
Intervención de Roi Vidal.
Coloquio posterior con Rosalía Fernández Rial, Roi Vidal e Vanesa Sotelo.