Arquivos da etiqueta: Suso de Toro
Tabela dos libros. Decembro de 2020
Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Velaquí a última Tabela dos Libros deste ano, onde se ofrece a lista de títulos que Francisco Martínez Bouzas, Inma Otero Varela, Mario Regueira, Montse Pena Presas e eu estimamos como máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas.”
Vídeo da presentación de Un señor elegante, de Suso de Toro, en Compostela
O escritor Suso de Toro presenta a súa novela Un señor elegante
Desde a Televisión de Galicia:
“Un señor elegante e un escritor disposto a dalo a coñecer. Suso de Toro, nesta última novela, preséntanos unha familia, a dos Baltar de Padrón e Santiago e, sobre todo, un membro: Ramón Baltar, modelo de resistencia e dignidade ante o franquismo.
A novela non discorre desde a ficción. Narrador e escritor fúndense para contar feitos reais en que aparecen personaxes ilustres. Tamén Murguía e Rosalía de Castro. Tamén estará Baltar na reconstrución da cultura galega.
Escrita desde a investigación, na presentación en Compostela falouse da novela como unha obra chamada a ser referencia da nosa historia literaria pero tamén na nosa historia. Máis de cincocentas páxinas dun intensísimo traballo de documentación
Nesta revisión atopou Suso de Toro unha esperanza para o país. Na presentación, música para esa esperanza, Lela, un poema de Castelao interpretado pola cantora Uxía.
A entrevista pode verse aquí.”
Actividades destacadas do Culturgal 2020
“Suso de Toro: A historia rescatada”
Entrevista a Suso de Toro en Nós Diario:
“- Nós Diario (ND): A memoria xa estaba en Home sen nome e en Sete palabras indagaba na historia da súa familia. Un señor elegante supón, niso, unha continuidade…
– Suso de Toro (ST): Tamén na miña novela anterior, Fóra de si, un home reconstrúe a súa propia historia. Debe haber algo en min que explique que a miña imaxinación se dispare cara a atrás. No caso de Un señor elegante son historias persoais, pero tamén é a historia colectiva. O que fago é interrogar moito o personaxe de Ramón Baltar para reconstruír unha historia que non existe. A familia tiña unha memoria fragmentaria, pero non unha historia elaborada. Teño, ademais, interese en que este libro se lea. Penso que é importante para o país coñecer a historia dos Baltar. Porque axuda a mudar a percepción dominante do noso pasado.
– ND: Di iso porque é unha familia burguesa republicana e galeguista?
– ST: Traducido a categorías sociais sería iso, si. Son persoas dignas, optimistas, alegres, comprometidas co país. Non é unha historia triste. O triste é a historia de España e o que lle aconteceu á Galiza. A familia foi castigada, mais tivo a fortuna e a capacidade de atravesar todo aquilo e resistir. É unha historia chea de incidencias, algunhas moi divertidas.
– ND: Fixo un traballo de investigación importante. Como foi o proceso?
– ST: Foi distinto porque non o fixen eu só. Fíxeno dialogando cos fillos de Ramón, con tres dos seus fillos e unha das súas fillas. E ademais fixen algo que nunca fixera, que foi pedirlle axuda coa documentación á miña compañeira. Eu estaba escribindo outra novela e, para pedir seguir adiante con este proxecto, precisaba a súa axuda. Ramón chegou a ser tan familiar para min que me identifico moito con el… (…)”
Compostela: presentación de Un señor elegante, de Suso de Toro, o 19 de novembro
Compostela: Suso de Toro asina Un señor elegante
O 13 de novembro, de 19:00 a 20:00 horas, na Libraría Numax de Santiago de Compostela (Rúa Concepción Arenal, 9), terá lugar a sinatura de Un señor elegante polo seu autor, Suso de Toro. Esta obra está publicada por Xerais.
Inma López Silva: “Soño con quedar para tomar whisky até o mencer con Beauvoir, Didion e Sontag”
Entrevista de César Lorenzo Gil a Inma López Silva en BiosBardia:
“(…) – BiosBardia (B): Con que escritor/a lle prestaría pasar unha noite de festa? Pode estar vivo/a.
– Inma López Silva (ILS): Botei moitas fins de semana probando a ver se tropezaba por Brooklyn con Paul Auster, así que non vou considerar tirado todo ese tempo… Tamén coido que gozaría, malia probabelmente discutir moito, con Michel Houellebeq. Pero se puidese, soño cun encontro con Beauvoir, Didion e Sontag, comprometéndonos as catro a tomar whisky ata o amencer. En sesión de espiritismo, con Nietzsche, Shakespeare, Molière e Mary Wollstonecraft. E tendo en conta as posibilidades reais de levar adiante os meus plans, gustaríame emborracharme con Juan Tallón, Diego Giráldez, María do Cebreiro e Francisco Castro, xuntos ou por separado. E é público e notorio o meu gusto polas ceas de alto contido alcohólico e literario con Arantza Portabales, Mercedes Corbillón e Susana Pedreira, ás que desexo fervorosamente incorporar a Rexina Vega, cousa que acontecerá en breve. Xa ve que non teño problemas nin coas farras nin co bo comer e o bo beber. Podería seguir. Creo que case que gozaría con calquera. Incluso iría de cañas con vostede de boa gana.
– B: Escribirá as súas memorias?
– ILS: En realidade, cada certo tempo, escribo unha memoria parcial como son libros coma New York, New York, Maternosofía ou Chámame señora, pero trátame coma a un señor. Supoño que vou facendo ese labor pouco a pouco para non pasar tanto traballo ao final, cando o que me apetecerá será seguramente ir de copas con escritoras e escritores novos que me dean a vida e non a morte.
– B: Que autor/a considera vostede responsable de que vostede se dedique á literatura?
– ILS: Hai varios. Un deles é Suso de Toro. A descuberta da súa literatura foi para min unha epifanía pois demostraba que na miña lingua se podía escribir, publicar e ler o tipo de narrativa e co nivel de modernidade que eu gustaba de ler noutros idiomas. E desde un punto de vista práctico, Carlos Casares: foi el quen, aos dezasete anos, me pediu por ler o que tiña escrito. Mandeille un monllo de relatos que, un tempo despois, foron o meu primeiro libro publicado na editorial Galaxia, Rosas, corvos e cancións. (…)”




















