O adeus galego a Seamus Heaney, o irlandés con “imaxinación poética” da Fisterra

Desde Sermos Galiza:
“Nos chanzos da relación literaria entre Irlanda e Galiza, a figura de Seamus Heaney protagoniza un episodio de especial relevancia, non só pola recepción da súa obra na nosa lingua senón tamén polo propio recoñecemento que o poeta tiña do noso país, ao seu ver, a primeira terra da “imaxinación poética” de Irlanda.
Ferrín dedicoulle Estirpe, a Universidade da Coruña nomeouno Honoris Causa e Xerais inaugurara unha colección coa súa obra. O mundo da literatura galega lamenta de maneira especial a morte do escritor Seamus Heaney e, desde que a noticia se fixo pública, foron varias as mostras de pesar pola desaparición dun Premio Nobel para o que Galiza existía como nación e como universo literario. Deixouno claro cando participou no acto de nomeamento como doutor Honoris Causa da Universidade da Coruña, cando xa recibira o Nobel, nun discurso no que evocou a Fisterra como unha das palabras claves no seu imaxinario biográfico e sinalou que, desde Irlanda, “Galiza non é a fin da terra, senón o seu comezo, a primeira terra que atopamos. E Galiza é tamén, até certo punto, a primeira terra da nosa imaxinación poética”.
O libro Traballo de campo, na tradución de Vicente Araguas para a nosa lingua, ía inaugurar a colección de poesía Ablativo Absoluto de Xerais en 1996, apenas dous meses despois do acto no que Heaney recibía o Premio Nobel. O tamén escritor Manuel Outeiriño foi o encargado de verquer na nosa lingua a obra teatral A cura en Troia, apenas dous anos antes de que, no 2000 o vínculo con Galiza se estreitase ao ser investido Doutor Honoris Causa pola Coruña. No 1999, a obra de Heaney merecería un lugar destacado no volume antolóxico, Poesía irlandesa contemporánea, de Antonio de Toro Santos, profesor que impulsou o nomeamento do poeta pola Universidade da Coruña.
“Como a nosa Rosalía, Heaney foi un poeta capaz de canxar a vontade de estilo coa estirpe do xenio popular, converténdose nun heroe nacional e nun referente moral”, escribe Manuel Bragado, director de Xerais, selo que lle deu o destaque de inaugurar a súa colección poética. “Poeta da terra e da experiencia campesiña, inserido na natureza e comprometido co proceso de resistencia da súa comunidade católica no Ulster, Seamus Heaney amosa o papel cívico esencial do poeta para cada unha das súas comunidades, que é o mesmo que dicir para toda a humanidade”, sinala Bragado.”

Madrid: Seminario Interuniversitario Letras Galegas 2013

MATRÍCULA

PROGRAMA

Martes 14
Universidade Complutense (Filoloxía Ed. A, Sala de Xuntas).
12:00-12:30 h. Inauguración do Seminario Interuniversitario. Carmen Mejía Ruiz.
12:30-13:00 h. A lingua e literatura galegas en Madrid. Carmen Mejía Ruiz e Ricardo Pichel Gotérrez.
13:00-14:00 h. Dúas mostras da difusión da lingua e literatura galegas desde Madrid. Lanzamento do Compendio de Gramática Galega (Urco Editora 2013) e dos blogues O reino dos contos e Microstórias, de Xavier Frías Conde (presenta R. Pichel).
CAUM
19:00-19:15 h. Presentación do acto. Helena Veiguela.
19:15-19:30 h. A situación do galego na actualidade. Lectura do manifesto da Mesa. Ricardo Pichel & Lila Rodríguez (Presenta Mª Victoria Navas Sánchez-Élez).
19:30-20:00 h. Proxección do documental De Albre de espranza á Poutada do Oso (de Lois Diéguez).
20:00-21:00 h. Os mundos creativos de A Poutada do Oso (Ed. Laiovento 2011), de Lois Diéguez. Lois Diéguez, Henrique Albor e Lila Rodríguez. Presenta Eva Lema.

Xoves 16
Espazo das Linguas Ibéricas.
17:00-17:15 h. Presentación do acto. Carme Lamela Villaravid.
17:30-19:00 h. Saxo tenor, entre dúas etapas creativas do artista escénico Roberto Vidal Bolaño. Roberto Pascual (presenta Carmen Mejía).
19:15-21:30 h. Obradoiro de teatro galego. Marta González Suárez & Roberto Pascual. Presenta Carme Lamela.

Venres 17
UNED (Escolas Pías).
19:30-19:45 h. Presentación do acto. Xavier Frías Conde.
19:45-20:15 h. A literatura galega desde Madrid (I). Coloquio-recital e relanzamento dos Cadernos do Roibén (Ed. Lastura 2013). Xavier Frías, Beatriz Hernanz, Verónica Martínez e Pilar Mera (presenta Luís Luna).
20:15-21:00 h. A literatura galega desde Madrid (II). Coloquio-recital e lanzamento da escolma de microrrelatos Hipnotopía, en doses pequenas (Ed. Lastura 2013). Vicente Araguas, Xavier Frías, Manuel Pereira, Luz Pichel, Begoña Regueiro, Marga Vázquez e Rafa Yáñez. Presenta Lidia López Miguel.

Luns 20
UCM (Filoloxía Ed. A, Paraninfo).
10:00-10:15 h. Presentación do acto. Eugenia Popeanga Chelaru & Carmen Mejía Ruiz.
10:15-11:15 h. A vida e a obra dramática de Roberto Vidal Bolaño. Xosé Manuel Fernández Castro (presenta R. Pichel).
11:30-12:00 h. Cita audiovisual con Roberto Vidal Bolaño. Proxección da montaxe Anxeliños!. Xosé Manuel Fernández Castro (presentación).
12:15-12:45 h. O proceso editorial das obras completas de Roberto Vidal Bolaño. Xosé Manuel Fernández Castro.
12:45-13:15 h. Tangatutanga Teatro: dinámicas de traballo nos ámbitos da creación e da escenografía teatral galega. Marta González Suárez & Carolina Alba Castro Estévez.
13:30-14:30 h. Clausura: Recital poético-musical galego. Escola Superior de Canto de Madrid.

Madrid: coloquio-recital de Vicente Araguas e Luz Pichel, o xoves 25, e aniversario da revista Madrygal, o venres 26 de abril

Madrid: homenaxe a Celso Emilio Ferreiro e conferencia de Xesús Alonso Montero sobre Rosalía de Castro

Ferrol: presentación de Miudiños, de Vicente Araguas

O venres 8 de marzo, ás 18:00 horas, na Galería Sargadelos de Ferrol (Rúa Rubalcava, 30-32, esquina Rúa María), preséntase o libro Miudiños. Escolma 2001-2012, de Vicente Araguas, publicado por Edicións Embora. En relación con este libro, pódese ler aquí esta entrevista ao autor en Diario de Ferrol.

Madrid: crónica do Día de Rosalía 2013

Desde o blogue Galego en Madrid, do Espazo de Linguas Ibéricas:
“Onte, 23 de febreiro, con alumnas e alumnos dos cursos de galego participabamos na homenaxe a Rosalía de Castro en Madrid. Convidados por Luz Pichel e Vicente Araguas, que atendían á convocatoria da AELG, saímos do Café Comercial -onde cada último sábado de mes se celebra o Faladoiro- cara á praza San Ildefonso á beira da igrexa na que casou Rosalía con Manuel Murguía.
Na praza, unha emocionada Mariví Villaverde líanos o Manifesto que enviara a AELG.
O acto continuaba coa lectura, recital e canto de poemas de Rosalía. Velaí unha pequena mostra da homenaxe na que participa tamén o noso alumnado:

Encamiñámonos despois cara á rúa Ballesta onde tamén viviu a poeta:

Francisco Pillado: “O que chaman crise é un atraco das mafias financeiras”

Entrevista de Montse Dopico a Francisco Pillado en Dioivo:
““Con todo, durante algún tempo, o sistema funcionou. As formigas -obreiras coma nós-, chegaron a crer que tamén pertencían á élite, que en calquera momento podían converterse en raíñas. Esa foi a nosa condena”. Este é un anaco do texto de Olivia Pena en Banqueiros, o libro que, coordenado por Francisco Pillado e a través das achegas de 21 dramaturgos e dramaturgas do país, trata de denunciar a gran estafa disfrazada de crise. A dos bancos. E de convidar as formiguiñas obreiras a non seguir a ser as perfectas escravas. Como cando miraban para outro lado cando parecía que todo funcionaba. Malia que sabían que xa había abusos, corrupción e mentiras. O volume contén textos de Roi Vidal, Fidel Vidal, Diana Varela, Vanesa Sotelo, Henrique Rabuñal, María Xosé Queizán, Gustavo Pernas, Olivia Penas, Xosé Manuel Pazos, Zé Paredes, Manuel Lourenzo, Lois Diéguez, Ánxeles Cuña Bóveda, Santiago Cortegoso, Marica Campo, Lino Braxe, Afonso Becerra de Becerreá, Vicente Araguas, Xosé María Álvarez Cáccamo e Marcos Abalde, ademais do limiar do propio Pillado. (…)”.

Vídeo da presentación de Verde oliva, de Xavier Alcalá, na Feira do Libro da Coruña de 2012

Vídeo da presentación na Feira do libro da Coruña 2012 de Verde oliva, de Xavier Alcalá, publicado en Galaxia. Acompañan o autor Víctor F. Freixanes, Vicente Araguas e Tati Mancebo. Desde o blogue do autor.