Compostela: “Galego Vivo, Galiza Viva. Maniféstate pola Lingua!”, desde Queremos Galego, o 17 de maio

MANIFESTO

“En setembro de 2024 faranse 20 anos da aprobación por unanimidade parlamentar do Plan Xeral de Normalización da lingua galega. Elaborado coa participación de máis de 1000 persoas de todos os ámbitos, con 400 accións e medidas concretas en cada un deles, non só non se desenvolveu senón que se produciron importantes retrocesos.

Para unha Galiza viva, activa e  consciente das súas capacidades, precisamos dun goberno realmente comprometido coa súa obriga de promover o uso, presenza e disposición do idioma, cun galego vivo.

Vivo nun ensino en galego, que garanta a competencia no noso idioma permitindo a incorporación de novos falantes e o coñecemento da nosa realidade fronte ao actual modelo desgaleguizador.

Vivo nun audiovisual que, como reclama a Iniciativa Xabarín, garanta a oferta en versión orixinal ou lexendada e cumprimento dos mínimos que estabelece a lei para menores de 12 anos.

Vivo na administración, nos servizos públicos, na sanidade, na xustiza, nas relacións e información comercial, onde a atención inicial en galego -oferta positiva- que indicaba o PXNLG debe ser garantida incluíndo a disposición da lingua nas xestións telefónicas, telemáticas ou presenciais. 

Vivo na pegada da lingua sobre o territorio en todos os seus espazos e lugares, a que de novo pretenden borrar e perseguir coa permisividade dos gobernos central e autonómico.

É hora de os gobernos asumiren a súa responsabilidade legal e moral co idioma, a comezar pola Xunta de Galiza, e acompañar á sociedade que actúa e se mobiliza  día a día para termos o galego vivo, Galiza viva.”

Máis información aquí.

Silvia Penas Estévez gaña o 27º Premio de Poesía Concello de Carral coa súa obra A pel do exilio

Desde o Concello de Carral:
“A forza da voz poética manifesta a súa furia a través do ritmo e da limpeza das imaxes”. Esta foi unha das razóns polas que a viguesa Silvia Penas Estévez (Vigo, 1980) se fixo co 27º Premio de Poesía do Concello de Carral. Coa súa obra A pel do exilio, a autora conquistou ao xurado de xeito unánime.
O poemario de Penas Estévez foi escollido entre un total de 94 obras presentadas, o cal supón un novo récord para este certame, que medra ano tras ano en cifras de participación. De entre todos os traballos, o xurado elixiu o da viguesa salientando o seu ritmo e a súa “vocación de mediar co mundo, traspasando o texto na procura da reflexión metapoética e identitaria”.
O xurado estivo composto polo presidente; o alcalde Javier Gestal Pose, por Inma Otero, Tamara Andrés, Ciro Briones, e actuando como secretario, con voz e sen voto, o técnico de Cultura, Carlos Lorenzo.
O premio, que conta coa colaboración anual da Xunta de Galicia, está dotado con 3.500 euros e a publicación da obra na colección de poesía de Edicións Espiral Maior.
A entrega do premio Concello de Carral está prevista para o venres, 31 de maio, na Casa da Cultura e servirá, así mesmo, para presentar o libro Oídos de espeleóloga, co que Ciro Briones gañou a 26ª edición do certame. (…)”

Arantza Portabales foi recoñecida co Premio Clubs de Lectura 2024

Desde Cultura Galega:
“A coincidir coas celebracións do Día do Libro, este 23 de abril a Consellería de Educación daba a coñecer o fallo do Premio Clubs de Lectura. O foi nesta ocasión para a escritora Arantza Portabales, quen, segundo salienta a comunicación da Consellería, Portabales “é unha das autoras máis seguidas polo lectorado xuvenil galego”.
O premio recoñece anualmente as creadoras e creadores do país cuxos libros foron os máis lidos nestes espazos de promoción das letras nos centros escolares. O galardón pretende “recoñecer o labor dos autores con obra en lingua galega que facilitan cos seus libros a función do profesorado como mediadores de lectura e que concitan o interese dos lectores que participan nos clubs”. No noso país 431 centros escolares, 53 deles de nova incorporación, desenvolven clubs de lectura nas súas bibliotecas.”

O xurado de aRi[t]mar vén de preseleccionar as poesías galegas e portuguesas que loitarán por ser recoñecidas como as mellores do pasado 2023