José María Durán Medraño gaña o Premio Ramón Piñeiro de Ensaio

Desde o blogue de Galaxia:
“A obra Da natureza de escritores, artistas e vermes. Ensaio sobre o pracer do traballo nun diálogo con Karl Marx, da que é autor José María Durán Medraño, resultou gañadora do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2013, que organizan conxuntamente a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e Editorial Galaxia coa colaboración de Gas Natural-Unión Fenosa. A xuntanza do xurado realizouse hoxe, día 21 de xaneiro de 2014, ás 11:00 horas, no Centro Ramón Piñeiro, en Santiago de Compostela. O ensaio premiado nesta oitava edición do Premio Ramón Piñeiro, que está dotado con 3.000 euros ha ser publicado por Editorial Galaxia o durante este ano.
O xurado valorou moi especialmente a orixinalidade do tema e do seu enfoque, que afronta un asunto de actualidade e abre unha reflexión nova sobre a concepción do traballo na sociedade contemporánea. O autor establece un vencello entre a teoría do valor do traballo e o pracer, empregando as achegas recentes do pensamento para subliñar a dimensión creativa e estética do traballo, ademais da social. O xurado recoñece así os méritos dunha obra na que se valorou tanto a exposición e a análise das ideas, como o rigoroso labor de argumentación dun ensaio escrito desde unha prespectiva orixinal e provocadora.
O xurado, que concedeu o premio por maioría, estivo formado por Luís Alonso Girgado, Marilar Aleixandre, Xaime Subiela, Dolores Vilavedra e Carlos Lema, como secretario con voz e voto, salientou a calidade dos trece orixinais presentados, así como a variedade de temas abordados neles.”

Lugo: acto de homenaxe a Benxamín Casal

O venres 17 de xaneiro, ás 20:00 horas, no Círculo das Artes de Lugo (Praza Maior, 23), terá lugar un acto de homenaxe a Benxamín Casal, baixo o nome de A forza da intelixencia, organizado conxuntamente pola Editorial Galaxia, o Club Cultural Valle-Inclán e o Círculo das Artes. No acto intervirán:

Víctor F. Freixanes (Editorial Galaxia).
– Tonina Gay e Felipe Arias Vilas (Club Cultural Valle-Inclán).
– Jesús López-Domínguez López (Círculo das Artes).
Ramón Villares Paz (Consello da Cultura Galega).
– Xesús Alonso Montero (Real Academia Galega).
– Xosé López Orozco (Concello de Lugo).
– Alberto Núñez Feijóo (Xunta de Galicia).
– Xulián Parga Rodríguez.
– Familia de Benxamín Casal Vila.
– Música a cargo de Najla Shami.

Unha exposición na Universitat Autònoma achega Roberto Vidal Bolaño aos cataláns

Desde Sermos Galiza:
“Barcelona ten este mes a oportunidade de descubrir (ou lembrar) a Roberto Vidal Bolaño, e de se achegar á súa obra. A Universitat Autònoma de Barcelona acolle unha exposición sobre a vida e obra do dramaturgo compostelá, mostra organizada por Estudis Gallecs UAB.
A exposición está formada por 10 carteis que mostran unha panorámica da vida e da obra do dramaturgo de Vista Alegre (Compostela). A selección de textos e imaxes da exposición foi elaborada pola Asociación Roberto Vidal Bolaño, que impulsou a conmemoración deste ano como Día das Letras Galegas para Roberto Vidal Bolaño. A edición foi feita pola Xunta de Galicia.”

A Asociación Galega de Editores manifesta a súa preocupación e disconformidade cos orzamentos para o libro do ano 2014

Desde a Asociación Galega de Editores:
“A xunta directiva da AGE, entidade que representa ao 85% da edición profesional galega, reunida en sesión ordinaria o 25 de novembro, amosa a súa preocupación e clara disconformidade coas partidas orzamentarias recollidas no Proxecto de Lei Orzamentaria do ano 2014 da Xunta de Galicia, pois segundo o citado documento haberá 440.000 euros menos para o libro o próximo ano. Esta cantidade vén a sumarse aos 250.000 euros da desaparecida orde de axudas á edición de grandes obras, que xa experimentara unha reducción acumulada do 75% dende o ano 2010, así como aos recortes que se veñen realizando, en cada un dos exercicios económicos, ás axudas á tradución, edición de materiais curriculares e adquisición de fondos de libros en galego para as bibliotecas públicas.
A axuda para a tradución de obras do galego e para o galegos, incorporada na partida 32A 770.0 baixo o epígrafe Apoio e promoción do libro en galego, vén de sufrir un recorte de 100.000 euros. O mesmo acontece coa partida destinada a dotar ás bibliotecas públicas de fondos bibliográficos en galego, reducida nun 60% no ano 2010, recúrtase noutros 71.540 euros. Outro tanto ocorre coa axuda para a edición de materiais curriculares en galego, que xa sufrira unha drástica reducción do 50%, e que vén de experimentar un novo e trascendental recurte de 100.000 euros, deixando a publicación de materiais curriculares en lingua galega sen apoio institucional, a pesar da renovación dos materiais didáticos de tres cursos de Educación Primaria, prevista no calendario de implantación da LOMCE.
Mentres se recorta en partidas trascendentais para apoiar á cultura do país, outras intrascendentes para a promoción e o coidado da produción cultural, manteñen o seu orzamento inalterabel dende hai máis de catro anos. Os editores galegos solicitan un cambio nas políticas culturais e un apoio explícito á edición, como sector estratéxico da cultura de Galicia.”

Presenza galega na Feira Internacional do Libro de Guadalajara

Desde a Asociación Galega de Editores:
“A próxima semana estarán na Feira Internacional do Libro de Guadalajara as dúas autoras galegas convidadas para participar no Programa Ecos de la FIL, Fina Casalderrey e Elena Gallego, unha actividade de enorme éxito, na que a escritora e académica da RAG xa tivo a ocasión de participar no ano 2009, naquela ocasión acompañada por Manuel Rivas e Alfredo Conde. As autoras participarán en actividades en diversas escolas e outros centros educativos da cidade de Guadalaxara, Jalisco. Fina Casalderrey estará no Centro Universitario de Los Valles e na Preparatoria nº17 desa cidade; e Elena Gallego participará en Líderes del Siglo e na Preparatoria Rexional Arandas. A representación institucional estará a cargo de Cristina Rubal, Subdirectora de Bibliotecas da Xunta de Galicia. Xosé Ballesteros, director de Kalandraka Editora, representará á Asociación Galega de Editores no evento. (…)”