Entrega do I Certame Vilariñas 2017

Nova e fotografía enviadas por Martiño Maseda Lozano:
“O pasado sabado, 2 de decembro, na igrexa dos Vilares, ese home coñecido coma Pepe do Vilariño, ou mellor dito, ese gran poeta chamado Xosé María Díaz Castro, estaría compracido co acto que argallou a boa xente da NPG Nova Poesía Guitirica e dos Vilares, Lareira de soños para celebrar a entrega do I Certame VILARIÑAS 2017, e que, asemade, serviu para honrar a súa persoa.
Ante case un cento de persoas alí presentes (entre elas familiares do propio Xosé María Díaz Castro), sucedéronse distintas intervencións, ás que foi dando paso o poeta vilalbés Martiño Maseda. A primeira correu a cargo de Regina Polín como alcaldesa de Guitiriz; seguida por Alfonso Blanco Torrado, ben coñecedor da persoa do poeta vilarego, e en representación de Xermolos, como depositarios do legado da súa obra, o que os levou a teren emprendido iniciativas con resultados positivos, como a declaración do Día das Letras para o poeta do Vilariño no 2014 ou a fase inicial de recuperación da súa casa natalicia.
Tras as palabras de Alfonso Blanco Torrado, dous integrantes do grupo poético “Voces Poéticas do Mandeo” (Moncho Bouzas e María Pereira) deleitaron aos asistentes co recitado duns poemas.
No cerne cenital do acto tivo lugar o momento da entrega dos galardóns aos premiados na 1ª edición do Certame VILARIÑAS. Ditos galardóns consistiron nunha peza única elaborada pola artista da Costa da Morte, Viki Rivadulla. Comezou recollendo o seu premio o poeta naviego Toño Núñez, que coa vilariña “Abrín os ollos” acadou o terceiro premio, o cal lle foi entregado pola cantautora e profesora Sandra Tenreiro Doldán. Deseguido, tocoulle o turno a Pedro Rielo Lamela, quen non puido asistir, e levoullo no seu lugar Xelo Teijido, membro da NPG, o segundo premio pola vilariña “Gran carballo”. E xa para sentirse agasallada polo primeiro premio, grazas á vilariña “Teño un pintor”, acudiu a guardesa Andrea Araújo Alonso, que con grande ilusión recibiu a figura de Viki Rivadulla de mans de Antón de Guizán, presidente da Asociación Os Vilares, Lareira de Soños e membro da NPG.
Rematou o acto as verbas intensas e luminosas da integrante máis nova da Nova Poesía Guitirica NPG, Fátima Fernández.
A continuación, a festa poética proseguíu nun comedor do bar Korreo de Guitiriz.
Medre a Poesía!”

Estevo Creus, galardoado na XXX edición do Premio Eusebio Lorenzo Baleirón

Desde Caderno da crítica, de Ramón Nicolás:
“Resultou moi grato para min asistir, como membro do xurado xunto con Xabier Castro, Blanca Ana Roig, Míriam Ferradáns e Daniel Costas Currás, ás deliberacións que outorgaron a XXX edición do Premio Eusebio Lorenzo Baleirón ao libro O lugar que non hai que, aberta a plica, resultou ser da autoría de Estevo Creus Andrade, que xa resultara galardoado neste mesmo certame en 1998 con Teoría do lugar. Un libro, o desta ocasión e tal e como se sinala na acta do xurado, pragado de imaxes escintilantes e que esculca con brillantez e ironía, desde as instancias da dúbida permenente, nos territorios da outredade, da confusión, do desdobramento e do propio eu poético.
Non podo deixar de referirme á ofrenda floral previa que se lle tributou a Eusebio Lorenzo, no cemiterio de San Xián de Laíño, xunto cos escritores Manuel Lorenzo Baleirón, Paulino Vázquez e David Pérez Iglesias, á que tamén asistiron Valentín Alfonsín e Adriana Sóñora. Un acto sinxelo onde soou a palabra de Rilke nunha tradución de Lois Tobío e semelloume que todo o que Rilke escribira un día fora pensado para aquel momento. Particularmente, malia as proximidades xeracionais, non coñecín ao poeta de Dodro, pero si admirei e admiro a súa obra e, sobre todo, foi para min unha satisfacción constatar como o lugar en que el naceu segue a traballar, desde hai tantos anos, por manter viva coa poesía a súa memoria. Que así siga por moitos anos.”

Unha obra que reflicte “a entrada do século XX de Galiza” gaña o Manuel Murguía de Ensaio

Desde Sermos Galiza:
“Os investigadores Raúl Soutelo Vázquez e José Manuel Vázquez Lijó son os gañadores do XI Premio de Ensaio Manuel Murguía da Deputación da Coruña – dotado cun galardón de 6.500 euros e a edición da obra gañadora- coa súa obra O son que coñeceu Ramón Caamaño.
O xurado estimou a “contribución social á historia da fotografía galega e da modernidade” ao combinar “fontes orais e arquivísticas, facendo unha descrición con mestría e amenidade, que parte do local para dirixirse a un público xeral. Desta maneira mesmo coas raíces do traballo no concello de Porto do Son, o ensaio acada unha dimensión moito máis abranxente e vincúlase ao conxunto do país
Destaca tamén que o traballo “combina dun xeito acertado o ensaio e a reportaxe fotográfica, tocando distintos planos e sectores, como a demografía, o mundo do traballo, os conflitos sociais ou mesmo a rede viaria”. Así mesmo, O son que coñeceu Ramón Caamaño reflicte, para o xurado, “a entrada do século XX de Galiza”.
Ademais da obra gañadora, o xurado decidiu destacar como finalista o traballo de Ana Naseiro Ramudo, titulado Revisión da Historia da Coruña. A fábrica de tabacos e a fábrica de mistos.
O xurado estivo presidido pola vicepresidenta e responsable da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartin, e composto pola doutora en Filosofía África López, a psicóloga e orientadora educativa Ana Torres, o historiador Uxío Breogán Diéguez, a filóloga Helena Miguélez e o gañador da última edición do certame, o catedrático de Filosofía, Marcelino Agís,”.
Raúl Soutelo é doutor en Historia pola Universidade de Vigo, profesor de ensino secundario e de didáctica das Ciencias Sociais na Universidade de Santiago de Compostela. Especializado en historia social contemporánea. Pola súa parte, Vázquez Lijó é doutor en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela. Ademais é profesor asociado da área de Historia Moderna da Facultade de Humanidades e Documentación da Universidade de A Coruña dende 2007 ata a actualidade, unha plaza que compatibiliza coa de técnico de xestión do Museo marea do Porto do Son.”

Proxecto De baleas: Eduardo Estévez, poeta, e Tokio, debuxante

Desde Chamando á Terra, da Radio Galega:
“O proxecto poético De baleas está conformado por un poemario, un blog, un CD musical e un cómic, ilustrado polo debuxante de banda deseñada, Tokio. Conversamos co poeta Eduardo Estévez e con Tokio. Pode escoitarse aquí.”

Estíbaliz Espinosa: “Poucas veces as mulleres son imaxinadas como pioneiras, exploradoras, xenias”

Entrevista de Montse Dopico a Estíbaliz Espinosa en Praza:
“(…) – Praza (P): Un dos poemas de Curiosidade di, de feito, que a ciencia é literatura e a literatura é ciencia, coa curiosidade como factor común e a beleza como vector. Nun encontro recente da AELG comentabas que a ciencia podía ser un xeito de poesía…
– Estíbaliz Espinosa (EE): Tampouco é que crea exactamente iso, pero cando dixen iso parafraseaba ao poeta John Keats, que dicía que a verdade é beleza e a beleza é verdade. A ver, coa poesía dificilmente poderiamos atopar a teoría da relatividade, por exemplo, pero si é certo que a poesía busca poñer a linguaxe nunha cámara a presión, ver ata onde podemos espremer a linguaxe para expresarnos, ver ata onde podemos levar a linguaxe ordinaria para expresar outras cousas. Pois a ciencia tamén busca a palabra exacta, as metáforas máis axeitadas para expresarse, porque non deixa de ser unha interpretación lingüística do mundo, que está continuamente renovándose e buscando termos e paradigmas novos.
Para explicar o que é o espazo-tempo, por exemplo, utilízase a metáfora do colchón que se curva ao poñerlle algo enriba: o espazo cúrvase segundo a masa do corpo que está nel. E moitos conceptos da matemática, a astronomía… entran no campo do lirismo, evocan moitas cousas… Os propios científicos tamén son narradores ou inspíranse en narradores… Se ollamos á historia, ademais, vemos por exemplo que Aristóteles escribía tanto de poética como de como era o cosmos… A separación entre ciencias e letras estableceuse despois, é unha convención. (…)
– P: Hai bastante humor, ademais, no que escribes. E como unha chamada a, non sei, desdramatizar o propio feito da escrita. Non poñer a quen escribe nun pedestal, que ao cabo só se trata de escribir e desescribir o escrito. Un poema fala sobre iso…
– EE: Para min é inevitable que haxa unha actitude retranqueira. É unha maneira de ver a literatura desde lonxe, en órbita, desde certa distancia. Tamén pode interesarme, outras veces, o “intensito”, pero penso que a ironía e a retranca poden axudarnos moito. E si, a palabra desdramatizar pode estar ben para definilo. E eu escribo e desescribo todo o tempo. Se me desen un ano máis, volvería reescribir este libro. Marilar Aleixandre cita versos dese poema que citas, dos que colleu ademais o título do seu libro Desescribir. (…)
– P: Vés de gañar o premio Afundación por As neuronas irmás, que editará o Pen. En que sentido nace ese libro de Curiosidade?
– EE: É un libro que xorde dun feito biográfico, que é a perda do meu único irmán. Un libro que reflexiona sobre o que é ser irmá, e ser irmán. Sobre a idea da irmandade, en distintas dimensións: a irmandade co cosmos, con outras especies, co estranxeiro, con outras mulleres… Hai unha idea de sororidade, pero non é un libro social nese sentido. É a irmandade ollada desde distintas perspectivas. As dúas Europas: a máis coñecida e a lúa de Xúpiter, Galicia e a Galitzia de Polonia e Ucraína… Tamén reivindica a figura da muller non só como corpo, senón como xeradora de ideas, como cerebro. A intelixencia das mulleres. (…)”

Alberto Ramos preséntanos A simetría das bestas

Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“Enfermidade, trauma, infancia, integración. Alberto Ramos preséntanos A simetría das bestas. A novela coa que gañou o Premio Vicente Risco de Creación Literaria publicarase en Urco Editora. A entrevista pode escoitarse aquí.”

Historia da literatura para a infancia

Desde Sermos Galiza:
País das Letras é un mecanismo pedagóxico para achegar a infancia á historia da literatura. Editado pola Mesa pola Normalización Lingüística e dirixidos a pequenas e pequenos a partir dos tres anos, procura o seu interese conectando autoras, personaxes e escenarios.
“Detectamos a falta de materiais didácticos para o ensino infantil en galego”, explica o presidente da Mesa Marcos Maceira, “e para contrarrestalo, publicamos obras como o Abecedario, o Libro dos peixes ou o Libro das aves. Non existía nada para achegar o coñecemento da literatura nas idades máis novas e decidimos facelo”.
País das Letras consta dun pasquín de pequenas biografías de escritoras e escritores. Entre Martín Codax (século XIII – XIV) e Begoña Caamaño (1964-2014), entre Breogán e Morgana, a literatura galega ábrese en toda a súa pluralidade. Unha lámina de Miguel Cuba sitúa cada autor e cada unha das súas creación nos escenarios da súa vida e das súas peripecias. A versión sen cor da mesma servirá para que o alumnado infantil pinte e coloree.”

Marina Mayoral: “Toda Rosalía está nos seus versos publicados. Nese sentido, a destrución das súas cartas por Murguía foi inútil”

Desde a Real Academia Galega (foto de Xosé Castro, RAG):
“Marina Mayoral (Mondoñedo, 1942) ingresou hoxe na Real Academia Galega como académica de honra cun discurso no que ofreceu unha nova visión sobre os motivos que levaron a Manuel Murguía a destruír as cartas de Rosalía de Castro. Se hai 48 anos escribira “dun modo contundente e pouco matizado” que o fixera para protexer a súa propia imaxe, a escritora e investigadora considera agora que “a intención fundamental non foi protexerse a si mesmo senón protexer ante a posteridade a imaxe da súa muller”, procurando unha mellor acollida da súa obra. E o xesto foi só “un máis dunha longa cadea de actuacións no mesmo sentido”, entre elas, animala a escribir e combater o “desánimo ante a súa propia obra” e a tendencia a rachar os seus textos.
“Murguía construíra a imaxe dunha Rosalía mártir, que se compadecía da dor allea e que mantivo sempre unha actitude digna e nobre ante a propia dor. Para completar o seu labor de enaltecemento só lle faltaba destruír as cartas, nas que debía de aparecer unha Rosalía que non se axustaba a esa imaxe”, explica Marina Mayoral, que profunda en distintas accións do autor no “proceso de mitificación de Rosalía”. (…)
Xosé Luís Franco Grande foi o encargado de darlle resposta en nome da Academia a quen é “unha personalidade literaria xa de proxección internacional”, creadora dunha obra narrativa “moi rica, por veces de moita ousadía expositiva, moi madurecida nas técnicas expresivas e sempre suxestiva, suxerente e ben construída”. O académico, amigo de Marina Mayoral desde que ambos se coñeceron estudando na Compostela de finais dos anos 50, recordou tamén a traxectoria investigadora da catedrática da Universidade Complutense de Madrid, na que destacan, entre outros, os traballos rosalianos e sobre Emilia Pardo Bazán. De feito, salientou, Marina Mayoral “levou o nome e a obra de Rosalía, e de Galicia polo tanto”, a unha morea de tribunas académicas internacionais onde exerceu como conferenciante ou profesora convidada, como as universidades de Harvard, Berkeley ou La Sapienza de Roma. (…)”