Entrevista a María Solar en BiosBardia:
“(…) – BiosBardia (B): Cales son os obxectivos de Chamando á terra?
– María Solar (MS): Queremos facer un magazine sobre libros baseándonos en dous xéneros xornalísticos que favorecen esa invitación permanente á lectura: a entrevista e o comentario. Para iso conto con tres colaboradoras que me parecen perfectas para ese labor de recomendación, para abrirnos o apetito por achegarnos á libraría e ler en galego. Montse Pena, que é unha crítica con ampla experiencia e moi recoñecida, atende principalmente a literatura infantil e xuvenil, a que, para nós é, seguindo as palabras do mestre Agustín Fernández Paz, unha literatura que se pode ler a todas as idades. Malores Villanueva, que agora é editora en Galaxia, leva moito tempo asesorando a editoriais para a publicación de orixinais e estou convencida de que nos vai descubrir lecturas de hoxe e de onte moi suculentas. Alba Cid é unha poeta cunha gran bagaxe académica, unha das grandes coñecedoras das nosas letras a pesar da súa mocidade. Gústanos combinar a accesibilidade co rigor literario para que todos os públicos se sintan representados na nosa proposta. (…)
– B: Era unha rapaza que soñaba con ser escritora?
– MS: Si. Cando era adolescente escribía moito; gustábame moito. É nesa idade cando desenvolvemos o interese pola literatura. Por iso me interesa tanto ese público. Por iso me gustaría que a relación entre a mocidade e a lectura se dese dun xeito máis natural. Non pode ser que haxa unha taxa de lectura na adolescencia e que logo se perda ao deixaren o instituto. Dáme a sensación de que se xogan todas as cartas ao mercado das recomendacións escolares e esa é unha vía perigosa. Hai moitos profesores que len pero tamén hai moitos que recomendan sen criterio. Algo falla na transmisión de interese pola lectura. Eu non sei como mudalo. Seguramente non nos corresponde aos escritores mudalo pero que algo falla é evidente.
– B: Escribe todos os días?
– MS: Intento facelo acotío. Pero non son unha persoa que escriba moito. Ás veces abráiame encontrarme con escritores que me din que a noite anterior redactaron 20 páxinas!! Eu gardo durante moito tempo as historias na cabeza e plásmoas no papel cando xa están maduras. Escribo case coma unha poeta, corrixindo frase por frase pero en realidade toco pouco o texto porque xa sae bastante procesado. Prefiro ir amodo pero moi segura. Non sei se é a maneira convencional de facelo. Recoñezo que son algo escéptica cos obradoiros literarios. De verdade hai un método para escribir? Dubídoo.
Coido, en todo o caso, que me organizo moi ben a diario e este xeito de escribir axúdame. Son quen de atender o traballo, coidar do meu neno pequeno, ler e tamén escribir. Aínda que haxa quen o pon en dúbida. (…)”
Arquivos do autor: asociacionescritoras-es
Bases do Prémio Scórpio de Narraçom Breve
María Xosé Queizán: “Rosalía fai unha epopea feminina”
Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“María Xosé Queizán publica Rosalía de Castro e o poder sexual, publicado por Xerais. Pode accederse á entrevista aquí.”
Eli Ríos: “Luns é unha novela visceral, chea de sentimento e de moitas historias de mulleres”
Desde o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“Eli Ríos fala da súa novela Luns, gañadora do Premio Torrente Ballester. A escritora fai un duro retrato da vida dunha muller enferma de cancro. A súa prosa debuxa unha loita frenética e visceral contra o avance inexorable da morte. Nesta tensión, a protagonista revisa non só as razóns da súa existencia, senón tamén a súa condición de muller. Pode verse aquí.”
Crónica fotográfica do Roteiro Literario pola provincia de Pontevedra en Cambados, con Ramón Caride
Estas son algunas das fotografías do Roteiro Literario pola provincia de Pontevedra realizado en Cambados, no centenario de Da terra asoballada, que tivo lugar o sábado 30 de setembro, con Ramón Caride. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.
Xosé Antonio Neira Cruz gaña o Premio Repsol 2017
Desde Galaxia:
“Xosé Antonio Neira Cruz fíxose o 4 de outubro co XI Premio de Narrativa Breve Repsol pola obra O sono das sereas. Na súa decisión, o xurado pon de relevo o “desenvolvemento que presentan as personaxes, a estrutura da novela, perfilada a partir de tres voces que van encadeando unha ficción de intriga e misterio, a súa linguaxe fluída e a intención da novela de dirixirse a un público moi aberto”
O xurado estivo formado por Daniel Asorey, gañador da edición anterior, Marilar Aleixandre, académica da Real Academia Galega, Mercedes Queixas Zas, secretaria da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega, Dolores Vilavedra, profesora da Universidade de Santiago de Compostela, e Carlos Lema, en representación de Editorial Galaxia.
O premio está organizado pola Fundación Repsol coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística. A obra será publicada por Editorial Galaxia no próximo mes de novembro.”