Arquivos do autor: asociacionescritoras-es
Ars dedicandi: Xosé María Díaz Castro
Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Hoxe é o cabodano de Xosé María Díaz Castro, quen se nos foi hai hoxe vinte e catro anos. Marchou o home, pero ficou connosco a súa escrita, que sempre nos admirará, como tamén admirou en vida aos que foron grandes amigos seus e tiveron a fortuna de ler o magnífico Nimbos en canto se publicou no verán de 1961. Entre estes tiña lugar senlleiro Ramón González-Alegre, director que foi da célebre Alba, a cabeceira que viu por vez primeira impresos os versos de ‘Penélope’ e tantos outros.
En lembranza de quen tan memorables páxinas nos legou, deixo aquí a dedicatoria inédita que o propio poeta estampou nun exemplar da primeira edición de Nimbos enviado, dende Madrid, ao seu amigo González-Alegre, quen o recibiu en Vigo para gorentalo devagar, como deixou escrito en diversos lugares.”
Vigo: presentación de Salseiros, de Suso Lista
O
venres 3 de outubro, ás 19:00 horas, na Casa do Libro de Vigo (Rúa Velázquez Moreno, 27), preséntase Salseiros, de Suso Lista, publicado en Edicións Embora. No acto, xunto ao autor, participan Xesús Constela e Miguel Toval.
As redes de Inés, de Elvira Riveiro, por Eli Ríos
Artigo
de Eli Ríos na Plataforma de Crítica Literaria A Sega:
“(…) Porque tamén, hai (vou dicir unha obviedade) mulleres creativas, con imaxinación e que non desexan ser executoras, dilixentes reproductoras nin dóciles instrumentos sen vontade. E Elvira Riveiro móstranos na súa obra, As redes de Inés, que outra realidade é posible desde idades temperás.
Na etapa infantil, a poesía é un xoguete sonoro cheo de cores que non está condicionado por normas gramaticais e lóxicas. Simplemente é un elemento lúdico do que gozar. Neste proceso de xogo ábrense os camiños da inventiva pero, ao mesmo tempo, incorpórase léxico novo, contribúese á adquisición da linguaxe e refórzanse os lazos afectivos e referenciais. Lembremos que a linguaxe é o recurso primordial para comunicarse cos demais. Adquirila non só é obter os elementos que a constitúen senón, tamén, os mecanismos para usala e, desta forma, conseguir unha inserción positiva na cultura e na lingua da contorna. Se, neste período de aprendizaxe orientado a que as experiencias vitais das nenas e dos nenos se amplien e diversifiquen, só se presentan situacións nas que as nenas non se reflictan estaremos escabezando toda posibilidade de ofrecer exemplos diversos que favorezan a imitación de modelos lingüísticos e sociais cos que sentirse identificadas. Ao mesmo tempo, aprenderémoslle aos nenos a continuar un sistema como o que mencionaba Gianni Rodari na cita anterior.
As redes de Inés é un poemario que nos leva, da man de Inés, a coñecer o oficio das redeiras e a ser ” capaz de ler/historias salgadas/ que me fan crecer” porque ” o mundo é maior/ cando escoito a Inés”. E, non só se contan as aventuras do avó Olegario ou do tío Miguel senón as da avoa Esmeralda, a súa nai Rosa( “redeira tamén”), “a historia da solla”, “o conto da nena/ que quixo facer/ un traxe coas redes”, a ” da moura/da praia de Bens” ou a da lúa. Personaxes femininas próximas (a nai, a avoa, Inés) que fan cousas máxicas como “virar en arte/ o seu quefacer”, falan cun “sorriso de mel” ou converten “as ondas/ nun gran consomé/ e ten redes de ouro/que estende aos seus pés”. Mulleres nas que proxectar a imaxinación e desfrutar cos xogos de palabras, co ritmo, coas personificacións, coa cadencia,…, sen o alleamento do xénero. Sentíndose parte e protagonistas da lectura. (…)”
Convocado o I Premio de Relato Breve Nélida Piñón
Compostela: lectura de relatos de Viaxe en círculo, de Concha Parga
Santiago: VI Bienal Literaria en Compostela
A ficcionalización do eu: autoría e protagonismo das mulleres na literatura, por Inma Otero Varela
Inma Otero Varela
publicou A ficcionalización do eu: autoría e protagonismo das mulleres na literatura, o número 6 de Anotacións sobre literatura e filosofía de Euseino? Edicións.
Trátase dunha análise da elaboración do eu mediante a literatura e, fundamentalmente, da achega realizada polas escritoras. O cuestionamento do suxeito, levado a cabo polo feminismo contemporáneo, coloca este pensamento e a literatura de hogano nunha situación excepcional para poder propoñer unha nova concepción do eu a partir da reformulación do “eu muller”. Pódese descargar de balde nesta ligazón.
Xurxo Souto adéntrase no mar de Irlanda
A viaxe de Gagarin de Agustín Fernández Paz. Unha novela con blog de seu
Ao
longo de 30 capítulos, Agustín Fernández Paz foi tecendo, coa documentación utilizada para a novela A viaxe de Gagarin, un hipertexto paralelo á obra de ficción no blog da obra:
“As intencións do autor:
Este blog xorde coa publicación da novela A viaxe de Gagarin (Edicións Xerais, 2014). Non pretendo que nel aparezan nin comentarios nin explicacións sobre o libro. A novela é un texto autónomo, sería inadecuado que eu tentase explicar aquí as ideas e obsesións que me levaron a escribila: está publicada e ten que se defender soa. O contrario, dalgún xeito, sería ofender a intelixencia das persoas que se acheguen a ela, pois a lectura é un proceso activo e persoal que non precisa de inxerencias do autor.
A documentación que manexei pareceume tan rica e interesante que me pareceu oportuno compartila coas persoas que o desexen, en vez de deixala, coma outras veces, arquivada nunha carpeta do ordenador. Creo que lles interesará a quen lean o libro: saberán máis dos cambios que trouxo a década dos sesenta, especialmente na España da ditadura, a etapa en que suceden os feitos narrados n’A viaxe de Gagarin. E tamén lles ha interesar ás persoas que non lean o libro, pois son informacións con interese de seu.
Esta é a última entrada do blog.”






