Arquivos do autor: asociacionescritoras-es
Bases do XXI Premio de Ensaio Ramón Piñeiro
Desde Galaxia:
“A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, a través do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, e a Editorial Galaxia, coa colaboración de Caixa Rural Galega, convocan o XXI Premio de Ensaio Ramón Piñeiro.
Este premio convócase en memoria do escritor e filósofo Ramón Piñeiro, na tradición do pensamento literario e o xénero de ensaio, e acóllese ao espírito que inspirou a traxectoria intelectual da persoa á que se honra, coa intención de impulsar as formas de creación e expresión do pensamento libre e democrático, a precisión e o estilo da lingua galega, o debate e a reflexión arredor dos temas varios do noso tempo.
1. Poderán participar todas as persoas que o de sexen, sempre que os orixinais sexan inéditos e estean escritos en lingua galega.
2. A extensión dos orixinais abranguerá entre 200.000 e 300.000 caracteres, incluídos espazos, aínda que o xurado poderá considerar flexiblemente esta condición, conforme a calidade obxectiva da obra seleccionada. Deberanse presentar cinco copias dos orixinais en formato DIN A4 mecanografados a dobre espazo e por unha soa cara.
3. O tema dos ensaios será libre mais os traballos deberán evitar, na medida do posible, o enfoque propio da investigación especializada ou un excesivo carácter académico. A exposición do tema do ensaio deberase realizar exclusivamente mediante a escritura, sen empregar gráficos, cadros, fotografías ou elementos semellantes.
4. Os orixinais deberán enviarse por correo certificado, baixo plica, a: Editorial Galaxia, Avenida de Madrid, 44, 36204 Vigo, e indicando no sobre XXI Premio de Ensaio Ramón Piñeiro.
5. O prazo para a recepción de orixinais rematará o 2 de novembro do ano 2021 e a decisión do xurado, que terá carácter inapelable, darase a coñecer no transcurso do mes de decembro.
6. Establécese un único premio de 3.000 euros (suxeito aos impostos que lle sexan de aplicación), que será outorgado ao ensaio que, en opinión do xurado, posúa maior fondura e orixinalidade e reúna suficientes méritos estilísticos e literarios.
7. Se ningún dos orixinais presentados reunise estes méritos ou o xurado así o considerase, o premio poderase declarar deserto.
8. A contía do premio inclúe os dereitos de autor da primeira edición da obra gañadora. A partir da segunda, a explotación comercial do libro premiado xerará o 10 por cento de dereitos sobre o prezo de capa sen IVE, para o autor ou para quen el libremente determine.
9. A Editorial Galaxia publicará e comercializará o libro na súa colección “Ensaio” e na cuberta salientará, ao par da editorial, a Xunta de Galicia, e na contracuberta os logotipos das entidades colaboradoras: Xunta de Galicia, Caixa Rural Galega e Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
10. As copias dos orixinais non premiados e as súas correspondentes plicas serán destruídas.
11. A interpretación destas bases corresponderalle exclusivamente ao xurado, cuxos membros, en número de cinco, nomearanse de común acordo entre as entidades convocantes.
12. A presentación ao premio supón a conformidade con estas bases por parte dos participantes.”
Vigo: actos destacados na Feira do Libro 2021 para o 5 de xullo
O 5 de xullo continúa a Feira do Libro de Vigo (na Rúa do Príncipe, con horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para este día:
– 13:00 h. Paula Carballeira asina E continuaremos a contar, publicado por Através, e Pan con chocolate, publicado por Xerais.
– 18:00 h. Álex Alonso asina Granito, publicados por Xerais.
– 19:00 h. Moncho Iglesias asina Cheira, publicado por Através.
– 19:00 h. Aser Álvarez asina Anacos do rural, publicado por Arraianos.
– 20:00 h. Amadeo Cobas asina Só nin se ri nin se chora, publicado por Elvira.
– 20:00 h. Suso Bahamonde asina Instrucións para matar un oso, publicado por Belagua.
Vigo: actos destacados na Feira do Libro 2021 para o 6 de xullo
O 6 de xullo continúa a Feira do Libro de Vigo (na Rúa do Príncipe, con horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para este día:
– 18:00 h. Beto Luaces asina Vicus, publicado por Bolanda.
– 20:00 h. Alberto Avendaño asina, entre outras obras, A tropa contra o virus, publicado por Xerais.
Presentáronse as Cantigas de Santa María co gallo do 800 aniversario de Afonso X
Desde Galaxia:
“O 30 de xuño celebrouse, ás 12:00 h., no Pazo de San Roque, unha rolda de prensa de presentación do libro Cantigas de Santa María, de Afonso X.
No acto estiveron, Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, as medievalistas Pilar Lorenzo e Mercedes Brea, Armando Requeixo, director da Casa-Museo Álvaro Cunqueiro, e Francisco Castro, director xeral de Editorial Galaxia.
As Cantigas de Santa María de Alfonso X o Sabio volven ás librarías da man de Galaxia cando se cumpren 800 anos do nacemento do seu autor, e fano en versión facsímil dunha edición de 1980. Nela, o mestre Álvaro Cunqueiro, co gallo do recoñecemento da obra de Alfonso X polo día das Letras Galegas dese ano, realizara un prólogo e escolma de poemas, aos que acompañou, ao seu carón, da súa versión en galego moderno.
As cantigas, miragres da Virxe cuxas historias chegaron, como di Cunqueiro no seu prólogo, “dende Constantinopla a Flandes, dende Escocia a Lugo” son de especial importancia para a cultura galega polo feito de que Alfonso X escollese o noso idioma para deixalas para a posteridade. As vinte e tres pezas seleccionadas, de entre as máis de trescentas cincuenta do Libro de María, como o propio rei o chamaba, foron aquelas que Cunqueiro creu que poderían ser de maior interese para os galegos: así, atopamos á Santa María de Lugo, a un romeiro Santiago, ou á donosiñado rei, que “así a chaman os galegos”, segundo di a cantiga.
Esta nova edición do título, que ten o apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia, conta tamén con cubertas e ilustracións de Xohán Ledo, quen foi durante máis de trinta anos ilustrador de cabeceira da Editorial Galaxia e que colaborou varias veces noutras obras de Cunqueiro, como Si o vello Simbad volvese ás illas.”
Cangas: V Torneo de Dramaturxia Galega
“Co galego falamos de todo! As revistas en papel”
Crónica videográfica da homenaxe A Escritora na súa Terra – Letra E 2021 a Concha Blanco (IV)
A Homenaxe O/A Escritor/a na súa Terra, impulsada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), chegou este ano á súa XXVII edición recaendo, por decisión unánime da súa Asemblea de Socios e Socias, na figura de Concha Blanco, que foi homenaxeada en Cee.
Esta iniciativa anual conforma xa unha tradición na traxectoria da Asociación, e tense constituído ao longo de máis de dúas décadas como unha celebración na que a terra de acollida do/a homenaxeado/a ten unha presenza fundamental. É vontade da AELG honrar escritores/as procurando o contacto directo co autor/a e a súa implicación persoal na xornada de homenaxe.
Unha celebración múltiple e popular en que se vén recoñecendo a entidade literaria de insignes figuras das nosas letras, a través dunha serie de eventos como a entrega do galardón Letra E de escritora (unha peza escultórica de Soledad Penalta), a plantación dunha árbore simbólica elixida pola propia autora (neste caso un pradairo), a colocación dun monólito conmemorativo e a asignación a un espazo público do nome da autora.
Aquí pode verse a crónica videográfica completa, da que publicamos hoxe a segunda parte dos vídeos referentes ao acto de entrega da Letra E:
– Laudatio, por Pilar Sampedro: