Ourense: Día de Nós

O 30 de outubro cúmprense 94 anos da edición da revista Nós. E así contribuímos dende Ourense, a terra na que saiu a luz:

Martes 29 de outubro, Encontro Cívico na Rúa da Paz (antiga Rúa dos Zapateiros)
19:30 h. Encontro de antigos veciños maiores de 80 anos. Livraria Torga.
20:30 h. Paseo cívico pola rúa da Paz.
21:30 h. O feitizo das ruínas. Xornada de portas abertas da casa natal-vital de Vicente Risco e Ramón Otero Pedrayo na rúa da Paz. Casa nº 21.
21:30 h. Convivio. Viño e petisco. Xentileza e servizo dos hostaleiros da rúa da Paz. Rúa da Paz.

Mércores 30 de outubro, Día de Nós
17:00 h. Acto festivo e ofrenda floral no cemeterio de San Francisco:
21:00 h. LerNós, coa colaboración de Íria Pinheiro, Celia Parra, Manuel Outeiriño e A RunRun Teatro.

Ramón Villares: “A cultura serviu de argamasa na construción da autonomía”

Entrevista de Xesús Fraga a Ramón Villares en La Voz de Galicia:
“O Consello da Cultura Galega conmemora o venres 27 de setembro os seus primeiros trinta anos. Un período no que, segundo o seu actual presidente, o historiador Ramón Villares (Cazás, Xermade, 1951), a cultura desenvolveu un camiño parello ao da autonomía, a cuxa consolidación contribuíu. O Consello naceu en 1983 «coa vontade de facer institucións que acompañasen o proceso da autonomía», lembra. (…)
– La Voz de Galicia (LVG): Dende 1983 Galicia mudou moito. ¿Cales serían os logros principais no eido da cultura?
– Ramón Villares (RV): Como éxito global, creo que o de facer normal na vida institucional, algo menos na cotiá, a cultura galega. A lingua, o gusto polo patrimonio, a literatura, a arte, por todo aquilo que ten que ver con Galicia. Non é que antes non existise, pero creo que a autonomía favoreceu moito esa tendencia. Galeguizáronse moitas institucións, as propias universidades, ou os concellos. Nese sentido, a cultura foi un elemento substancial na construción da autonomía, porque a política, dende o punto de vista de partidos de maior ou menor orientación galeguista, foi, en certo modo, ausente nesa construción. A cultura serviu de argamasa da propia autonomía. Non foi todo feliz nin hoxe podemos dicir que estea todo correcto. Segue habendo moitos problemas e limitacións, pero iso é a vida mesma.
– LVG: ¿Cales son os esas materias pendentes que cómpre afrontar?
– RV: A fundamental é a percepción que a propia sociedade galega ten de si mesma e como quere facer o seu futuro. Creo que aquí hai unha disonancia entre os desexos da sociedade galega e a interpretación que dela fan as elites políticas, empresariais e sociais. O máis sorprendente da situación que vivimos agora é unha certa desafección da sociedade galega polos seus propios valores. Isto a min preocúpame un pouco, aínda que tamén hai que entender que vox populi, vox Dei. Aínda que ás veces se equivoque o pobo, pero se a sociedade vai nunha dirección, non se pode atallar. Podemos facernos algunhas autocríticas, que non sempre son fáciles, pero aínda así creo que o que hai que facer é que algunhas propostas de futuro sexan atractivas, sendo asumidas pola sociedade e que poidan modificar a situación. Pero é algo que está fóra do meu alcance e de institucións como o Consello da Cultura. Creo que en trinta e tantos anos que levamos de autonomía avanzamos moito no ámbito do consumo cultural, da democratización da cultura, pero non todo é perfecto e hai que ter en conta que hoxe a cultura atópase con problemas aquí e fóra, aínda existe unha visión elitista da cultura. (…)”

Santiago: acto conmemorativo do 30º aniversario do Consello da Cultura Galega

Desde Cultura Galega:
“O Consello da Cultura Galega celebra o venres 27 de setembro os seus trinta anos de existencia, conmemorando a aprobación da Lei pola cal o Parlamento de Galicia creou esta institución en 1983. Ao acto de celebración acudirán Alberto Núñez Feijóo, Pilar Rojo e o Presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares. O evento celebrarase no Salón de Actos do Consello da Cultura Galega mañá venres 27 de setembro ás 18:00 h.
O acto contará coa participación das devanditas autoridades, acompañados de intervencións de Víctor F. Freixanes, Helena Villar e Domingo Docampo, persoeiros da cultura galega vinculados ao Pleno da institución ao longo destes trinta anos. Tamén se proxectará un documental que recolle a historia e os proxectos do Consello da Cultura Galega.”

A Coruña: conferencia de María Xosé Queizán sobre Emilia Pardo Bazán

O luns 16 de setembro, ás 19:00 horas, na Casa Museo Emilia Pardo Bazán (Rúa Tabernas, 11), na Coruña, celébrase o aniversario do nacemento da autora cunha conferencia a cargo de María Xosé Queizán, baixo o título de Magnífica, absoluta, soberana, un dos versos dedicados por Rosalía de Castro a Emilia Pardo Bazán.

Cúmprense once anos da morte de Roberto Vidal Bolaño

Artigo de Camilo Franco en La Voz de Galicia:
“Hoxe cúmprense once anos desde que desapareceu Roberto Vidal Bolaño e a actividade arredor do Día das Letras decaeu considerablemente tras pasar o 17 de maio. Ao longo deste ano foi perfilándose unha imaxe na que gañou peso o nariz de pallaso como representación icónica e na que se ampliou o abano sobre os campos nos que Vidal Bolaño foi facendo profesión durante a súa vida: dese a escrita á interpretación.
Para a súa viúva e cofundadora de Teatro do Aquí, este ano foi o da «insistencia sobre un Roberto Vidal Bolaño e a ocultación doutro que tamén existiu e que tamén foi importante».
Advirte Belén Quintáns que a coincidencia das celebracións do Día das Letras Galegas con todas as actividades relacionadas co sesquicentenario da publicación de Cantares gallegos «prexudicou en canto a promoción e número de actividades as que se podería ter feito con Bolaño». Unhas actividades nas que, segundo Quintáns, «habería que ter en conta a relación literaria que Roberto tivo coa figura de Rosalía, que é máis que evidente».
Noutro sentido, estes once anos desde a desaparición do dramaturgo teñen un efecto estraño desde a perspectiva de Belén Quintáns porque, segundo explica, «hai ocasións nas que parece que se está falando de cousas que pasaron hai corenta anos, pero son cousas que pasaron hai ben pouco e algunhas delas aínda están ben vivas».
Para Belén Quintáns hai espazo aínda para «profundizar na súa obra e transcender algúns dos aspectos xerais».
Durante estes días a Escola Superior de Arte Dramática está celebrando, na súa sede de Vigo, Escénika, un congreso de investigacións teatrais que, nesta edición dedica unha parte do seu tempo á obra de Vidal Bolaño.
Por outra parte, Espello Cóncavo representará o vindeiro sábado no Teatro Colón da Coruña, Anxeliños!, unha das obras máis premiadas de Vidal Bolaño, as 20.30 horas.”

Penas de Rodas, Outeiro de Rei: cabodano de Manuel María, o domingo 8

O domingo 8 de setembro celébrase o Día Nacional Manuel María, organizado pola Irmandade Manuel María da Terra Chá e a A. C. Xermolos de Guitiriz. O programa de actos é o seguintes:

14:00 h. Xantar de irmandade no restaurante Río Ladra, entre Rábade e Penas de Rodas. Para reservar chamar ao teléfono 646413890 ou enviar un correo electrónico a xermolos@xermolos.org
17:30 h. Recital poético e lecturas de Manuel María en Pena de Rodas.
18:30 h. Acto de afectos e lealdade a Manuel María. Memoria e ben, no cemiterio de Outeiro de Rei. Ofrenda floral (as persoas asistentes levarán consigo unha flor). Lecturas ao Manuel.
19:30 h. Na Carballeira de Santa Isabel (devoción máxima de Manuel María), acto de entrega da Navalla de Manuel a Paco Martín. De seguido, acto musical e de irmandade fraterna no ir das voces de Mini e Mero, Miro Casabella e nos saberes compartidos de pan de Boimorto, queixo de Ulloa e Tabeirós e viño de Sober.