Compostela: II Gala do Libro Galego, o sábado 20 de maio

Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), a Asociación Galega de Editoras (AGE) e a Federación de Librarías de Galicia dan a coñecer as obras finalistas da Gala do Libro Galego 2017, un galardón co que se pretende recoñecer a excelencia do traballo literario realizado no ámbito editorial ao longo do ano 2016 en Galicia. As obras gañadoras, sen dotación económica, serán determinadas por un xurado externo e daranse a coñecer o vindeiro 20 de maio na Gala do Libro Galego 2017, que terá lugar no Teatro Principal de Santiago de Compostela, segundo o seguinte programa:

  • 18:30 Sesión fotográfica á entrada do teatro
  • 19:30 II Gala do Libro Galego 2017
  • 21:30 a 22:30 Sesión fotográfica coas persoas gañadoras

Iria Pinheiro será a mantedora da Gala, que contará coa actuación do grupo De VACAS.

O acto é de acceso libre até completar aforo.

As obras que resultaron finalistas son:

Ensaio

Narrativa

Literatura Infantil e Xuvenil

Libro ilustrado

Iniciativa bibliográfica

Tradución

Poesía

Teatro

Iniciativa cultural ou de fomento da lectura

Proxecto literario na rede

Xornalismo Cultural

A Gala do Libro Galego 2017 conta co apoio do Concello de Santiago, a Deputación da Coruña e Xunta de Galicia.

Escritora Galega Universal 2017: Hélia Correia

Con este premio, que xa recibiron Mahmud Darwix, Pepetela, Nancy Morejón, Elena Poniatowska, Juan Gelman, Antonio Gamoneda, José Luis Sampedro, Lídia Jorge, Bernardo Atxaga, Luiz Ruffato e Pere Gimferrer, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega destaca aquelas autoras e autores que unen á excelencia literaria o compromiso ético que os converte en referentes na defensa da dignidade nacional e humana.
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega destaca con esta mención a alta calidade literaria do conxunto da obra de Hélia Correia, coa que nos dá testemuño do seu tempo, do noso tempo, desde un insubornábel compromiso ético.
Con motivo da súa estadía en Galicia, Hélia Correia desenvolverá a seguinte axenda de actos:
Venres 19 de maio, ás 12:00, no Hotel Virxe da Cerca (Rúa Virxe da Cerca, 27 – Santiago de Compostela), encontro cos medios de comunicación.
Venres 19, ás 18:30, na Fundación Eugenio Granell (Praza do Toural, s/n. – Santiago), onde ofrecerá unha conferencia-coloquio, acompañada por Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG, e Carlos Quiroga, vogal de Lusofonía da AELG.
– Finalmente, Hélia Correia recollerá o premio no transcurso da Gala do Libro Galego, o sábado 20 de maio, no Teatro Principal de Santiago de Compostela.
Organizan: AELG, Asociación Galega de Editoras e Federación de Librarías de Galicia. Co apoio do Concello de Santiago, Consellaría de Cultura, Deputación da Coruña, e a colaboración da Fundación Eugenio Granell.

Hélia Correia naceu en Lisboa en 1949. Licenciada en Filoloxía Románica na Faculdade de Letras de Lisboa, foi profesora de lingua portuguesa no ensino secundario.
En 1981 estreouse na poesía con O Separar das Águas; en 1982, foi a vez d’O Número dos Vivos. A novela Montedermo, escenificada polo grupo O Bando, acabou por dar á autora un certo destaque. Este enfoque reflicte, desde moi cedo, o gusto da autora polo teatro e a Grecia Clásica. Destacan tamén, na súa produción literaria, as obras narrativas Casa Eterna e Soma. Xa en poesía, hai que salientar A Pequena Morte/Esse Eterno Conto. En 2010, Hélia Correia publicou a novela biográfica Adoecer, en que aborda a historia de amor entre Elisabeth Siddal e o poeta e pintor pre-rafaelita Dante Gabriel Rossetti. En 2012 publica a obra A Terceira Miséria, que foi dobremente premiada na modalidade poesía.
Ten recibido os premios Máxima de Literatura (1991, 2006), D. Dinis (2001), P.E.N. Clube Português de Novelística (2002) e Poesía (2013), Vergílio Ferreira (2013) e, en 2015, o Prémio Camões.

Paseo pola Coruña Literaria con Francisco X. Fernández Naval, o sábado 13 de maio

Paseos pola Coruña literaria – Primavera 2017 é unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio do Concello da Coruña.

Hai moitas formas de pasear pola cidade. Nesta ocasión, seguirémolo facendo a través de paseos pola Coruña da man das propias autoras e autores que escribiron obras ambientadas na cidade:

Sábado 13 de maio (12:00 h – 13:30 h): paseo con Francisco X. Fernández Naval.
A Coruña: feminina e plural. Dous serán os fíos condutores: a particularidade de ser A Coruña unha cidade que deu, ou na que viviron, mulleres transcendentes no seu pensamento e nos seus feitos e, tamén, o de ser de sempre cidade liberal. Pasaremos por lugares vinculados a María Casares, María Miramontes, María Pita, Rosalía de Castro, Concepción Arenal, Herrera Garrido, Luísa Villalta. Falaremos do mito do nome da cidade, da razón da rúa das Damas, e invocaremos a Juana de Vega, Concepción Arenal, Isabel Zendal ou Eugenia Osterberger, sen deixar de atender ás referencias liberais que atoparemos camiño.

A inscrición previa, obrigatoria e gratuíta, pode facerse na conserxería do Centro Ágora (Lugar da Gramela, 17) ou chamando ao 981 189 888 (a partir das 9.00 h, en calquera dos casos), ou en lingua@coruna.es, a partir das seguintes datas:

Para este Paseo con Nacho Taibo a inscrición está aberta desde o martes 2 de maio. Actividade dirixida a persoas maiores de 16 anos. 55 prazas por paseo.

Crónica fotográfica do Paseo pola Pontevedra Literaria con Xosé Vázquez Pintor, o 29 de abril

Estas son algunas das fotografías do Paseo pola Pontevedra Literaria do sábado 29 de abril, con Xosé Vázquez Pintor. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.

Crónica fotográfica do Paseo pola Coruña Literaria con Nacho Taibo, o 6 de maio

Estas son algunas das fotografías do Paseo pola Coruña Literaria do sábado 6 de maio, con Nacho Taibo. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.

Paseo pola Coruña Literaria con Nacho Taibo, o sábado 6 de maio

Paseos pola Coruña literaria – Primavera 2017 é unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio do Concello da Coruña.

Hai moitas formas de pasear pola cidade. Nesta ocasión, seguirémolo facendo a través de paseos pola Coruña da man das propias autoras e autores que escribiron obras ambientadas na cidade:

Sábado 6 de maio (12:00 h – 13:30 h): paseo con Nacho Taibo.
O paseo percorrerá algunhas recordacións do autor sobre o centro da Coruña, fundamentalmente en relación cos escenarios da novela Os tres de nunca.

A inscrición previa, obrigatoria e gratuíta, pode facerse na conserxería do Centro Ágora (Lugar da Gramela, 17) ou chamando ao 981 189 888 (a partir das 9.00 h, en calquera dos casos), ou en lingua@coruna.es, a partir das seguintes datas:

Para este Paseo con Nacho Taibo a inscrición está aberta desde o luns 24 de abril. Actividade dirixida a persoas maiores de 16 anos. 55 prazas por paseo.

O seguinte paseo será:
– Sábado 13 de maio (12:00 h – 13:30 h ): paseo con Francisco X. Fernández Naval.

Participación do presidente da AELG, Ceśareo Sánchez, na presentación da II Gala do Libro Galego

Reproducimos a continuación o breve discurso do presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias, na presentación pública da II Gala do Libro Galego, que tivo lugar o xoves 27 de abril en Compostela (foto da Asociación Galega de Editoras):
“Agradecemos o apoio das institucións presentes a esta gala do libro galego, e como continuación das palabras de Xosé Ballesteros, presidente da Asociación Galega de Editoras, celebramos estes premios, que son a confluencia dos tres brazos deste río total que é o libro nas maos do lector, da lectora.
Como teño comentado noutras ocasións, na Galiza sumar esforzos significa obter como froito unha multiplicación dos resultados. Estes premios significan dar visibilidade social a escritores/as, editoras e libreiros/as, o que leva visibilizar un dos produtos da cultura, o libro, que determinan, desde a calidade democrática dunha sociedade, a posibilidade de crear persoas con capacidade crítica, até facer que os alicerces sobre os que se asenta a actividade humana individual e social dos galegos e galegas sexan de raíz profunda, bebendo da herdanza ética e da beleza que fomos capaces de crear ao longo dos séculos.
E, se me permiten, esta foto de hoxe, na capital da Galiza, Santiago de Compostela, ten moito de simbólica, pois debe representar o apoio necesario das institucións con funcións executivas, nos diversos chanzos das administracións en Galiza, ao libro galego.
É o apoio a unha industria estratéxica, sustentadora e dadora do alento vital a unha sociedade culturalmente diferenciada como a nosa, da que bebe e se alimenta. Sen esquecermos que, a través deste marabilloso obxecto con alma que é o libro, os galegos facemos a nosa aportación ao diálogo vital coas outras culturas do mundo.
Para finalizar estes breves apuntamentos, quero enunciar o desexo de que esta presentación sirva para facer pública a vontade futura de desenvolver todas as capacidades culturais dos galegos e galegas, de seguir construíndo arredor do libro galego a normalización do noso idioma, como un dos puntos dese decálogo que enunciamos na creación dos premios que hoxe convocamos, e que son a súa razón de ser.”

Paseos pola Pontevedra literaria. Primavera 2017, Xosé Vázquez Pintor (29 de abril)

Os Paseos pola Pontevedra literaria. Primavera 2017, que teñen lugar do 1 de abril ao 29 de abril, son unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio do Concello de Pontevedra.

50 prazas por paseo.

A inscrición previa, obrigatoria e gratuíta, debe facerse en pontevedraliteraria@gmail.com, indicando:

  1. Paseo literario no que se quere inscribir
  2. Nome completo
  3. Enderezo electrónico
  4. Teléfono de contacto

A asignación das prazas farase por estrita orde de recepción das solicitudes.
Todos os paseos con partida ás 11:30 h.

Sábado, 29 abril
Boapedre (na ficción): A Pontevedra da Palabra Antiga, namorando o Río, de Agarimo no Mar, con Xosé Vázquez Pintor
Seguindo escenarios da novela A memoria do boi, faremos un percorrido polos espazos da cidade antiga de Boapedre, onde, en épocas diversas, os personaxes da obra tentaron vivir, soñar e impedir que as inxustizas de sempre marcasen as súas existencias.”

Crónica fotográfica do Paseo pola Coruña Literaria con Beatriz Maceda Abeleira, o 22 de abril

Estas son algunas das fotografías do Paseo pola Coruña Literaria do sábado 22 de abril, con Beatriz Maceda Abeleira. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.

Paseo pola Coruña Literaria con Beatriz Maceda, o sábado 22 de abril

Paseos pola Coruña literaria – Primavera 2017 é unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio do Concello da Coruña.

Hai moitas formas de pasear pola cidade. Nesta ocasión, seguirémolo facendo a través de paseos pola Coruña da man das propias autoras e autores que escribiron obras ambientadas na cidade:

Sábado 22 de abril (12:00 h – 13:30 h): paseo con Beatriz Maceda.
​Camiñar, retornar ao barrio de Beiramar na compaña dos versos de Luísa Villalta e do pasado anarquista deste o meu lugar da infancia, que sempre mirou cara ao mar. No que aprendín que ser muller era sinónimo de afouteza, que os viquingos contaban historias máxicas e, que na vida hai barricadas.

A inscrición previa, obrigatoria e gratuíta, pode facerse na conserxería do Centro Ágora (Lugar da Gramela, 17) ou chamando ao 981 189 888 (a partir das 9.00 h, en calquera dos casos), ou en lingua@coruna.es, a partir das seguintes datas:

Para este Paseo con Beatriz Maceda a inscrición está aberta desde o luns 10 de abril. Actividade dirixida a persoas maiores de 16 anos. 55 prazas por paseo.

Os seguintes paseos serán estes:

– Sábado 6 de maio (12:00 h – 13:30 h): paseo con Nacho Taibo.
– Sábado 13 de maio (12:00 h – 13:30 h ): paseo con Francisco X. Fernández Naval.