Desde a Real Academia Galega (a foto é da RAG):
“A Real Academia Galega presentou o xoves 29 de setembro dous dos primeiros títulos da súa nova colección, Antoloxías da Academia, que arrinca cunha serie que lles rende homenaxe ás Irmandades da Fala no centenario da súa fundación. Alén dunha pequena escolma de textos editada en polo agora presidente da institución en 1977 (ano no que se lle dedicou o Día das Letras Galegas a Antón Villar Ponte), estas son as primeiras antoloxías que saen do prelo dedicadas especificamente ás Irmandades e que cobren os distintos xéneros que cultivaron, salientou o propio Xesús Alonso Montero.
O teatro e a oratoria e prosa de non ficción, xéneros en cuxo fomento este movemento puxo especial interese para prestixiar a lingua galega, centran os números que abren o proxecto. A colección concibiuse como un xeito de achegar de xeito atractivo ao público lector contemporáneo escritos fundamentais para entendermos o papel esencial que xogaron as Irmandades na modernización da nosa cultura. Cada escolma vai acompañada dun limiar que facilita a comprensión dos textos e dos seus contextos un século despois.
O responsable da edición de Irmandades da Fala: oratoria e prosa non ficcional. Antoloxía e secretario da Academia, Henrique Monteagudo, e a profesora da Universidade da Coruña Laura Tato Fontaíña, editora do título O teatro nas Irmandades da Fala, compareceron en rolda de prensa acompañados polo presidente da RAG. A serie completarase cunha antoloxía poética, a cargo de Xosé Ramón Pena, e outra de narrativa editada por Ramón Nicolás. (…)”
Arquivo da categoría: Ensaio
Vigo: presentación de Non debían medrar e Novas crónicas dunha transición intransixente, de Manuel Lueiro Rey, en edición de Ramón Nicolás
O xoves 6 de outubro, ás 20:00 horas, na Libraría Cartabón (Rúa Urzaiz, 125), en Vigo, preséntanse Non debían medrar (editado por Xerais) e Novas crónicas dunha transición intransixente (editado por Laiovento), de Manuel Lueiro Rey, en edición de Ramón Nicolás. No acto participan, xunto ao editor dos dous libros, Manuel Bragado e Pepe Carreiro.
Do “natural” e o “ideolóxico”, artigo de Lara Rozados sobre a obra de María Xosé Queizán
Desde a Plataforma de Crítica Literaria A Sega:
“Neste ensaio (Anti natura, Xerais, 2008), María Xosé Queizán dálles unha volta ás ideas asumidas como lexítimas nas que se asenta o patriarcado. Esta “viaxe polo saber” rebate aOs grandes sabiOs da Historia, e evidencia as contradicións entre teoría e praxe en moitas ocasións: eis o desprezo polo “traballo improdutivo”, ou traballo doméstico, común a Marx e Adam Smith. Tivo que ser a Hannah Arendt d’A condición humana quen sinale que é este traballo, “improdutivo” e repetitivo dxs criadxs, o que garante a liberdade dos amos (p. 18). Máis adiante aludirá Queizán á importancia do “contrato sexual” para mellor entendermos a “naturalización” e asimilación desta división social do traballo (p. 81), e (debate urxente e necesario) á condescendencia da esquerda co tema da prostitución: “para a esquerda, o capitalismo non é atroz cando o artigo de consumo é unha puta, cando o traballo alienado é cun corpo, corpo de muller. A miseria é inaceptable en abstracto, cando se canta puño en alto, “en pé os escravos da terra” porque eses escravos non son os corpos que compran pene en alto” (p. 99) .
Volvendo a Marx e demais… Queizán recupera o traballo de Arendt para pór en evidencia este silenciamento da primeira estrutura de opresión da sociedade, do mesmo xeito que recupera á Mary Wollstonecraft da Vindicación dos dereitos das mulleres para botar luz sobre esoutra contradición da Ilustración: os fundadores da democracia moderna, que proclamaban igualdade entre os homes (entre os homes, non entre as persoas), mais aos que non lles tremeu a man para decapitar a Olympe de Gouges, non dubidaron en manter a dicotomía entre cultura e natureza, entre a razón pura ou práctica, reservada para os homes e o espazo do privado, e a suposta “animalidade” das mulleres (p. 27). E, desde logo, desmonta con moito acerto Queizán a figura patriarcal (fálica, atreveríame a dicir) por antonomasia: Sigmund Freud, artífice dunha disciplina que contribuíu a implantar as ideas máis reaccionarias sobre a familia, mesmo revestíndoas de liberación e de ciencia (cando, como moi ben sinala a autora, nin fixo traballo de campo, senón que elaborou as súas teorías a partir da súa experiencia clínica, p. 59). (…)”
Taboleiro do libro galego XLVI (agosto e setembro de 2016), por Ramón Nicolás
Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Neste primeiro día de outubro o Caderno da crítica incorpora a referencia das novidades editoriais publicadas en lingua galega máis demandadas nalgunhas librarías galegas ao longo dos meses de agosto e setembro deste ano que andamos. Nesta ocasión, a información subministrárona un total de once librarías, entre as que damos a benvida á compostelá Chan da Pólvora. Alén desta última, grazas a Andel e Cartabón de Vigo; Moito Conto da Coruña; Cronopios de Santiago de Compostela e Pontevedra; Lila de Lilith e Pedreira, de Santiago de Compostela; Paz de Pontevedra, Trama, de Lugo; Aira das Letras, de Allariz e Miranda, de Bueu. Retornamos en decembro.
NARRATIVA
1º-. Inma López Silva, Aqueles días en que eramos malas, Galaxia; Miguel Anxo Fernández, Un dente sen cadáver, Galaxia; e Ramón Nicolás, O espello do mundo, Xerais.
2º-. Xosé Monteagudo, Todo canto fomos, Galaxia.
3º-. Manuel Gago, O anxo negro, Xerais.
4º-. Luís Rei Núñez, O encargo do señor Castelao, Xerais.
5º-. Xabier Quiroga, Izan, o da saca, Xerais.
6º-. Miguel Anxo Murado, Libro de horas, Galaxia.
7º-. María Reimóndez, A dúbida, Xerais.
8º-. María Solar, As horas roubadas, Xerais.
9º-. Diego Giráldez, Galería de saldos, Xerais.
10º-. Susana Sánchez Arins, seique, Através.
POESÍA
1º-. Antón Blanco, A oseira, Chan da Pólvora.
2º-. María do Cebreiro, O Deserto, Apiario.
3º-. Gonzalo Hermo, Celebración, Apiario.
4º-. VV.AA., 6 poemas 6. Homenaxe a Federico García Lorca, Biblos.
5º-. Marcos Abalde, Exhumación, Xerais.
6º-. Xohana Torres, Elexías a Lola, Engaiolarte.
ENSAIO-TEATRO
1º-. Isidro Dubert (ed.), Historia das historias de Galicia, Xerais.
2º-. Suso de Toro, O país da brétema, Xerais.
3º-. Montse Fajardo, Un cesto de mazás, Autoedición.
4º-. Afonso Eiré, O Piloto, Hércules de Edicións.
5º-. Uxío-Breogán Diéguez Cequiel (coord.), As Irmandades da Fala (1916-1931), Laiovento.
XUVENIL
1º-. Ledicia Costas, Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta, Xerais.
2º-. Fran Alonso (ilustrador Dani Padrón), Contos nerviosos, Embora.
3º-. Agustín Fernández Paz, A neve interminable, Xerais.
4º-. Antoine de Saint-Exupéry, O principiño, Urco (tradución de Rodrigo Vizcaíno).
5º-. Francisco Castro, Tes ata as 10, Galaxia.
INFANTIL
1º-. Ledicia Costas – Víctor Rivas, Esmeraldina, a pequena defunta, Xerais.
2º-. Ledicia Costas – Víctor Rivas, Escarlatina, a cociñeira defunta, Xerais.
3º-. Justin Richardson e Peter Parnell, Con Tango son tres, Kalandraka.
4º-. Antonio Sandoval e Emilio Urberuaga, A árbore da escola, Kalandraka.
5º-. Fran Alonso, Poemas birollos para ler cos ollos, Xerais.
LIBROS CD-DVD
1º-. Uxía e Magín Blanco, Canta o cuco, Galaxia.
2º-. Paco Nogueiras e David Pintor, Brinca vai!, Kalandraka.
3º-. Sérgio Tannus e Luís Barbolla (ilustracións), Alegría!, Galaxia.
4º-. Paulo Nogueira e Magoia Bodega (ilustracións de Mariona Cabassa), Non hai berce coma o colo, Kalandraka.
BANDA DESEÑADA
1º-. Miguelanxo Prado, Presas fáciles, El Patito Editorial.
2º-. Luís Davila, O bichero VI, Edición do autor.
3º-. René Goscinny, Albert Uderzo, Jean-Yves Ferri e Didier Conrad, (trad. de Xavier Senín e Isabel Soto), O papiro do César, Xerais.
VARIOS
1º-. Benigno Campos, Peixes e mariscos, Galaxia.
2º-. VV.AA., Luzes de Galiza, nº 33-34.”
Compostela: presentación de Mortos por amor á Terra
Compostela: presentación de O soño da Galiza ideal, de Xosé M. Núñez Seixas
Calros Solla: “Cerdedo é un concello maldito”
Entrevista a Calros Solla no Diario de Pontevedra:
“(…) Polo de pronto, Cerdedo in the Voyager é unha colección única en Galicia. “E, en boa medida, iso débeselle ao editor”. Morgante, un selo de Rinoceronte, publicou 13 dos 16 libros. Os tres restantes saíron dans mans de Edicións Cardeñoso, Serpe Bichoca e o Museo Liste. “Eu non contei cun editor, contei cun mecenas. Moisés Barcia é máis que un amigo, un irmán. Fomos compañeiros de facultade e de batallas. Metido a editor de éxito, entendeu que o seu selo podía acoller esta colección. A amizade entre nós ten moito que ver, pero tamén é verdade que é un produto curioso: 16 títulos sobre un concello pequeno, sumido nunha decadencia brutal, que foi historicamente moi relevante, aínda que agora desapareza”.
Solla conta que, cando se puxo a escribir sobre Cerdedo, sospeitou dalgunha maneira o que podía pasar no concello. “No verán do ano 1977 un comité de científicos da Nasa, capitaneados por Carl Sagan, decidíu gravar, nun disco de ouro, imaxes e sons da Terra. Colocouno nunha sonda espacial, a Voyager 1, e lanzouno ao espazo. Hoxe é o obxecto deseñado por humanos que está máis afastado da Terra. A idea era lanzar unha mensaxe nunha botella, non só para dicir estamos aquí, existimos, senón para protexer unha especie de legado ante unha catástrofe nuclear. Se iso acontecese, a única testemuña da existencia da humanidade sería ese disco do Voyager”, lembra o autor sobre a orixe do título escollido para a colección. “Cando Cerdedo desapareza, o único que quedará del serán estes libros. Só que no noso caso non desapareceremos por mor dunha catástrofe nuclear senón dunha inmolación caciquil. O único que quedará do noso ADN etnográfico, cultural e antropolóxico será isto e pouco máis”. (…)”
Santiago: presentación de Activando a memoria desde o Museo do Pobo Galego
Este é o convite á presentación da publicación Activando a memoria desde o Museo do Pobo Galego. O folclore como recurso para a estimulación cognitiva, que se vai celebrar no martes día 20 de Setembro, ás 20h no auditorio do Museo co gallo da celebración do Día Internacional do Alzhéimer. Este traballo foi realizado desde o Departamento de Educación e Acción Cultural do Museo en colaboración coa Asociación Galega para Axuda de Enfermos con Demencia Tipo Alzhéimer (AGADEA), co obxectivo de crear recursos asociados aos contidos do Museo para estimular cognitivamente a persoas afectadas por doenzas de tipo alzhéimer.
Guitiriz: presentación de Labrego con algo de poeta, de Mercedes Queixas
Tabela dos Libros de setembro de 2016, por Armando Requeixo
Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Un curso máis ―e xa vai alá un lustro― regresa a Tabela dos Libros cos títulos que Francisco Martínez Bouzas, Inma Otero Varela, Mario Regueira, Montse Pena Presas e eu estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas. ¡Bo remate de verán e felices lecturas!”