Xa temos os relatos gañadores da 12ª edición do Concurso de micro-relatos OZOCOgz


“Unha vez lidos a totalidade das achegas presentadas a concurso pol@s membros do xurado resultou gañador o micro-relato Revelacións, presentado co pseudónimo Totó, baixo o que se agochaba o nome de Víctor Pérez Estévez.
Resultou finalista o micro-relato Casabranca, presentado co seudónimo Carpanta, baixo o que se agochaba o nome de Óscar Manuel Guzmán Álvarez.
Parabéns ás gañadoras!!!!!

MICRO-RELATO GAÑADOR
REVELACIÓNS
Por: Víctor Pérez Estévez
Non lle contei a papa que fora á súa vella tenda. Tiña que tela pechado moito antes do ictus. Xa ninguén rodaba, nin revelaba, películas en Super-8. Precisamos vender o local. Os gastos médicos devoraron a maior parte dos nosos aforros. Aproveitei a visita para limpar un pouco. Magoa non poder entrar no almacén. Non dei coa chave. O que si atopei foi unha caixa cunha bovina que parecía estar feita con retallos doutras cintas.
Xa na casa, móntoa no vello proxector que temos no salón. Parece que papá a recoñeceu, porque púxose moi nervioso. Sería tan bonito que fóra coma a do final de Cinema Paradiso. Papá axitase na cadeira de rodas. Na pantalla aparece a imaxe dunha muller colgada polos pulsos. Un home de costas brande un gran coitelo. Papá comeza a convulsionar e eu berro, cando recoñezo, no pescozo da muller, o colgante que levo posto.

MICRO-RELATO FINALISTA
CASABRANCA
Por: Óscar Manuel Guzmán Álvarez
Lembro que soaba a música de Max Steiner cando, aínda conmocionada, decidín pausar a imaxe e chamalo a vostede. Na pantalla Rick despedíase dunha desconsolada Ilsa con aquela inesquecible frase: “Vamos, vamos… Ve con el, Ilsa”. Eu, enténdame, non quería que ela marchase.
Previamente estivera vendo Casabranca con Xurxo, acuruxada no seu peito, antes de subir collidos da man ao cuarto de matrimonio.
Cando a nosa pel quedou reducida a cinzas confeseillo: ía abandonar a Luís para quedar con el. Tamén Xurxo, coma fixera Rick, bisbou: “Veña, veña… Vai con el, Natalia”.
Doeume, e moito máis cando deu a volta para durmir.
Irada, collín a figura metálica da torre effiel que engalanaba a comoda e golpeeino na cabeza vinte veces. Logo mollei a punta da torre no seu sangue e escribín na parede: “nunca teremos Paris”.
Xurxo tiña razón, inspector. Nin el era Bogart nin eu son a Bergman.”

Antía Yáñez gaña o XXXIII Certame de Narracións Breves Manuel Murguía do Concello de Arteixo

Antía Yáñez, por As Regras, é a gañadora da XXXIII Edición do Certame de Narracións Breves Manuel Murguía.
Clara Isabel Rodríguez por As pequenas guerras (terceiro premio) e Óscar Reboiras por Eivas (segundo premio) foron os finalistas.
O acto de entrega contou coa presenza do escritor Henrique Rabuñal e o trompetista Pablo Muñiz e a actuación estelar de Paty Lesta e Cristian Leggiero.
Houbo, igualmente, unha homenaxe a Luísa Villalta, coa colaboración da violinista Nuria Naya.
No acto de entrega contouse coa presenza do xurado, e en nome do mesmo Tensi Gesteira leu a seguinte valoración:
«Nesta 33ª edición do Certame de Narracións Breves Manuel Murguía o xurado desexa valorar positivamente a calidade das obras presentadas, nas que se abordan moitas temáticas de interese social e cultural, e con moita riqueza estilística e formal.
No relativo aos relatos premiados neste ano, queremos avanzar que tratan temas de relevancia social desde un enfoque pouco habitual, o que repercute na sensación de orixinalidade das obras. Neste sentido, traén-nos a voz de vítimas da violencia e da precariedade social, conseguindo xerar unha empatía que leva as lectoras e os lectores a unha reflexión profunda e positiva sobre os dilemas expostos. Ao tempo, figura o sentido do humor como un recurso de contraste con diversas situacións de opresión, o que fornece un recurso literario de indudábel valor, á par de estruturas accionais ben resoltas e personaxes ben construídas que dan en obras de incontestábel solidez.»”

Finalistas do 33º Certame de Narracións Breves Manuel Murguía de Arteixo

“Reunido o xurado do 33º Certame de Narracións Breves Manuel Murguía, a organización do Certame anuncia os finalistas e céntrase na cerimonia de entrega de premios que se celebrará o próximo 10 de maio, venres, ás 19:30 no auditorio do Centro Cívico Cultural do Concello de Arteixo.
O xurado, reunido o 13 de abril de 2024 ás 10 horas en dependencias do Concello de Arteixo, decidiu por unanimidade premiar as seguintes obras finalistas (que aquí figuran por orde alfabética):
As guerras pequenas, presentada baixo o lema “Chichabel” e con autoría de Clara Isabel Rodríguez Giráldez;
As regras, presentada baixo o lema “Cardeñoso” e con autoría de Antía Yáñez Rodríguez;
Eivas, presentada baixo o lema “Isaac Ferguson” e con autoría de Óscar Reboiras Loureiro.
Os premios, que se coñecerán durante a cerimonia, contan coa seguinte dotación: 4.000€ e a edición da obra para o primeiro, 2000€ e a edición da obra para o segundo e 1000€ e a edición da obra para o terceiro.
No acto de entrega contaremos coa presenza do xurado, quen fará unha valoración sobre as obras premiadas así como sobre a presente edición do Certame. Eis un avance:
“O xurado valora que nesta edición se teña contado cun grande número de relatos de calidade. Tamén quere resaltar unha importante heteroxeneidade de estilos, a variedade dos temas a tratar e a orixinalidade no tratamento dos mesmos.”
Ademais contaremos con outros alicientes para todos os asistentes: a actuación musical de Paty Lesta, unha lembranza da escritora Luísa Villalta (autora homenaxeada no Día das Letras Galegas) e un viño de honra ofrecido polo Concello de Arteixo.”

Outórganse os XXXIX premios Losada Diéguez de ensaio e narrativa

Desde Cultura Galega:
“Trinta e cinco obras xa publicadas optaban este ano nas dúas categorías da XXXIXª edición do Premio Antón Losada Diéguez promovido polos concellos de O Carballiño e Boborás, contando co apoio da Deputación de Ourense. Trala deliberación do xurado o sábado 20 de abril a obra A Vera Cruz de Antonio Palacios de Rafael Otero Janeiro (O Carballiño, 1962), editada polo Instituto de Estudos Carballiñeses alzouse por maioría co premio na modalidade de Ensaio e Investigación; mentres que na categoría de Creación Literaria a maioría do xurado decantouse pola obra Quen escribirá a miña historia? asinada pola pontevedresa Iria Morgade Valcárcel (Pontevedra, 1988) e publicada na editorial Galaxia. Cada un dos premios está dotado con 6.000 euros.
No caso do carballiñés Rafael Otero, o xurado considerou a obra premiada “unha creación que reflicte moitísimos anos de investigación, unha obra de síntese, divulgativa e que se centra moito nun dos mellores traballos de Antonio Palacios. Un texto moi ben escrito e pensado que valoriza a obra do arquitecto Palacios para que chegue a un público amplo”. Na modalidade de Creación Literaria, o xurado valorou da obra de Iria Morgade Valcárcel o feito de que se trata dunha obra dunha creadora galega nova “que afonda nunha historia ambientada no Mosteiro de Oia que intercala a Guerra Civil coa máis actual, cos campos de concentración como base da historia e do enigma a resolver”. A entrega do premio será o vindeiro 15 de xuño deste ano, no Pazo de Moldes, casa natal do escritor e guieiro da Xeración Nós; Antón Losada Diéguez. “

Abel Tomé gaña o Premio García Barros 2024 con A noite do Oso

Desde Galaxia:
“Abel Tomé gaña o Premio García Barros 2024 con A noite do Oso.
O xurado destacou nesta novela a súa capacidade para fusionar realidade e lenda nunha narración que avanza no territorio avolto dos segredos familiares ao longo da historia de todo un século.
Escrita con innegable oficio, esta novela ganduxa as fías do relato persoal e o comunal, establecendo un diálogo feraz coa figura de Sylvia Plath, que presta a esta narración simbolismo e poder evocativo.”

Coñécense as persoas gañadoras do III Certame literario Aliteraclara

“Premio do xurado para Itxaso Illarramendi González, co texto As nenas bonitas cavan tumbas.

Premio do público para Anxo Suárez Lado, co texto Claro, boba!

Accésit do xurado para Víctor Pérez Estévez, co texto O cabriolé.

Finalistas: M. José González, Lucía Ribadulla, Elena Comesaña, Alicia Savaxe, Alba Guzmán, Clara Pino e Óscar M. Guzmán.

Xurado composto por Arantxa Amatriaín, Carmen Pereiro Oliveira, Patri Meira, Manuel Sánchez Gálvez, Santiago Lopo e Fran Fernández Davila.”

Xosé Ricardo Losada Vicente gaña o XXII Certame Literario de Aventuras Antón Avilés de Taramancos

“O 29 de decembro 2023, os membros do xurado do XXII Certame Literario Relato de Aventuras Antón Avilés de Taramancos reuníronse na Casa da Cultura para emitir publicamente a súa decisión e dar a coñecer o novo gañador do XXII Certame Literario.
O xurado constitutído por Santiago Freire Abeijón, presidente de honra; Oliva Fraga Lombardía, traballadora da concellería de cultura e que actuou en calidade de secretaria; Antonio Puentes Chao, profesor e escritor; Raúl Soutelo Vázquez, profesor e escritor, e Antonio Piñeiro Fernández, profesor, editor e escritor, e despois das deliberacións, e por unanimidade, declarou gañador a obra titulada Un inferno frío, da autoría de Xosé Ricardo Losada Vicente, de Rianxo.”

Alberto Mancebo gaña a XXX edición do Premio de novela curta Manuel Lueiro Rey

Desde o Concello do Grove:
“O Premio de novela curta Manuel Lueiro Rey é un premio literario convocado polo Concello do Grove dende 1992, que conta coa colaboración do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, co obxectivo da convocatoria é honrar a vida e obra do escritor e xornalista e, asemade, coadxuvar na promoción da escrita en galego e na divulgación dos seus autores. O premio está dotado con 3.000 euros e a publicación da obra gañadora por Edicións Xerais de Galicia.
O xurado do premio composto por Armando Requeixo, Ánxela Gracián, Carmen Ferreira Boo, Héctor Cajaraville Araujo e Álex Alonso (gañador da anterior edición) reuniuse na tarde do 15 de decembro para ditaminar esta XXX edición do Premio.
Despois de deliberar o Xurado, por maioría, acordou declarar como gañadora da presente edición a novela presentada baixo o título a concurso Indolente co lema “Marco Bano”.
Acto seguido procedeuse a apertura da plica da novela premiada. O autor da obra gañadora resultou ser “Alberto Mancebo Soto”.
O xurado destacou en Indolente a capacidade para defrontarnos cos riscos dun mundo futuro de ameazas climáticas que abisman a Humanidade a unha situación límite que fai aflorar os instintos máis primarios.
Novela de narración poderosa, de desacougante escenario agónico, a súa trama crea unha hipnótica atmosfera rebordante de violencia na que os personaxes teñen que decidir inclinarse pola supervivencia solidaria ou pola loita individualista, atrapados nunha témera tormenta solar.
Inquedante, insólita e apelativa, esta historia convida a repensar o fondo da alma humana, coas súas faíscas luminosas, mais tamén coas súas miserias insondables.”