Xosé Manuel Beiras: “Eu son disciplinado, o que non son é obediente”

Entrevista de Marga do Val a Xosé Manuel Beiras en Nós Diario:
“(…) – Marga do Val (MV): A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega vaino homenaxear coa Letra E de Escritor. Como vive esta palabra “Escritor”, o político, o economista e, sobre todo, quen se dedicou na vida a ser profesor?
– Xosé Manuel Beiras (XMB): É o que son. Fundamentalmente a miña profesión é esa, profesor. Teño o de político, porque nacín nun país anómalo, no 36, porque a miña mocidade foi a partir dos anos cincuenta e porque xa no 63 me comprometín coa fundación do PSG. Estiven na clandestinidade, mais seguín co meu camiño para ser o que quería, un profesor de sistemas económicos, que gañou a cátedra en marzo do ano 70, contra todo prognóstico. Cando en 1985 entro como deputado, xa formaba parte do BNG desde o proceso constituínte do ano 1982. Era Catedrático con dedicación exclusiva, tiña compatibilidade xurídica para seguir sendo catedrático en activo por ser elixido por sufraxio universal, pero non tiña compatibilidade económica, entón propúxenlle ao reitorado reducir a dedicación e os ingresos. Como mo negaron, decidín que non deixaba de exercer na cátedra e entrei no Parlamento sen cobrar salario e exercendo a miña docencia en condición de dedicación exclusiva, ao mesmo tempo que era daquela, o único deputado do BNG. Polo tanto, profesor é a miña profesión.
En canto á escrita, sempre dixen que eu non era escritor. Tíveno claro desde moi novo, na época universitaria nos anos cincuenta, eu entrei na universidade aos 16 anos, en que se vai formando aquel grupo, sobre todo de rapaces, que escribían; grupo que Borobó chamou Xeración de La Noche, que se presentaban aos premios das Festas Minervais e que os copaban todos: Mourullo, Ferrín, Franco Grande, Bernardino Graña e Xohana Torres, a única muller.
Entón daquela eu non era escritor, xa que entendía como escritor quen escribía literatura de ficción ou poesía. Despois si que escribín moito ensaio. É certo que se dicía de min que tiña moita vocación literaria, de estilo. Por iso o meu primeiro libro con repercusión, O atraso económico de Galiza, non é só un libro de economía, tamén foi valorado un compoñente literario. Paco Fernández Rei salientou nun artigo que o que fago na escrita deste texto é recuperar moito léxico dos oficios e dotalo do valor abstracto propio do ensaio, por exemplo dicir “trebellos de análise”, no canto de “instrumentos de análise”. Hai unha creatividade na recuperación do léxico, digamos referido a obxectos materiais, do léxico da fala do común, unha adaptación aplicada á ciencia, á escrita.
Nun traballo sobre o Beiras tradutor, a profesora Esperanza Mariño recuperou textos meus literarios, esquecidos, publicados entre os 11 e os 15 anos na revista Vamos da Preceptoría de don Xesús Pereira, entre 1948 e 1952. Está o único poema que escribín na miña vida. Bouza Brey dicíame que eu tiña dotes de poeta e quería convencerme para que escribise poesía. Non o fixen.
– MV: Entón é merecido este premio, tamén pola súa implicación na AELG. O primeiro en recibir a Letra E foi o seu amigo Antón Avilés de Taramancos.
– XMB: Avilés máis que un amigo, foi un irmán. Aos poucos anos de estar constituída a AELG hai unha crise interna entre dous sectores, por un desencontro; procúrase unha solución de consenso para establecer a paz interna, e nese momento a tríade que ocupa a Presidencia, a Vicepresidencia e a Secretaría da asociación somos Uxío Novoneyra, Avilés de Taramancos e mais eu. Avilés si que era un grande escritor, un dos grandes poetas do último terzo do século XX. No plano político fixemos campaña xuntos. Foi un gran Concelleiro de Cultura en Noia.

[Pode lerse a entrevista a Xosé Manuel Beiras íntegra no Sermos Galiza deste sábado, 14 de xuño, que acompaña o xornal]

O Escritor na súa Terra: Xosé Manuel Beiras. Compostela, 2025


A Homenaxe O Escritor na súa Terra: Xosé Manuel Beiras. Compostela, 2025, impulsada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), co apoio do Concello de Santiago de Compostela, Deputación da Coruña, CEDRO e Xunta de Galicia, chega este ano á súa XXXI edición, recaendo na figura de Xosé Manuel Beiras, de quen se destaca, dentro da súa extensa traxectoria vital, a súa faceta como ensaísta e tradutor, así como a súa xenerosa colaboración coa AELG, sendo parte do Consello Directivo da Asociación entre 1982 e 1986. Está previsto que sexa homenaxeado en Santiago de Compostela o sábado 14 de xuño de 2025.

Esta iniciativa anual conforma xa unha tradición na traxectoria da Asociación, e tense constituído ao longo de máis de dúas décadas como unha celebración na que a terra de acollida do homenaxeado ten unha presenza fundamental. É vontade da AELG honrar escritoras/es procurando o contacto directo co autor e a súa implicación persoal na xornada de homenaxe.

Unha celebración múltiple e popular en que se vén recoñecendo a entidade literaria de insignes figuras das nosas letras, a través dunha serie de eventos como a entrega do galardón Letra E de escritor (unha peza escultórica), a plantación dunha árbore simbólica elixida polo propio autor, e a colocación dun monólito conmemorativo.

PROGRAMA DE ACTOS

11:30 h. Descubrimento do monólito conmemorativo e plantación da árbore escollida polo autor, un teixo. No Parque de Galeras. Acceso libre para todo o público.
Intervencións de:
– Goretti Sanmartín, Alcaldía do Concello de Santiago de Compostela.
– Cesáreo Sánchez Iglesias, Presidencia da AELG.
– Xosé Manuel Beiras.

12:30 h. Acto de entrega da “Letra E”. No Auditorio do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) (Rúa Valle Inclán, 2). Acceso libre para todo o público, até completar capacidade do espazo.
Intervencións de:
– Goretti Sanmartín, Alcaldía do Concello de Santiago de Compostela.
– Lectura da concesión da Letra E.
– Cesáreo Sánchez Iglesias, Presidencia da AELG.
Laudatio do autor, por Miguel Anxo Fernán-Vello.
– Entrega da peza escultórica, elaborada por Silverio Rivas.
– Xosé Manuel Beiras. Intervención do homenaxeado. Resposta á laudatio.

14:30 h. Xantar de confraternidade posterior no Restaurante A Nave de Vidán (Avenida Mestra Victoria Míguez, 44). É necesario inscribirse previamente enviando un correo electrónico a oficina@aelg.org até o 9 de xuño, indicando nome e apelidos.


O programa pode descargarse en formato .pdf aquí.


ANTERIORES MERECEDORES/AS DESTE GALARDÓN

I Edición: ANTÓN AVILÉS DE TARAMANCOS
1995 • Boa, Taramancos
II Edición: BERNARDINO GRAÑA
1996 • Cangas do Morrazo
III Edición: MANUEL MARÍA
1997 • Outeiro de Rei
IV Edición: MARÍA XOSÉ QUEIZÁN
1998 • Vigo
V Edición: XOSÉ NEIRA VILAS
1999 • Gres, Vila de Cruces
VI Edición: UXÍO NOVONEYRA (póstumo)
2000 • Parada do Courel
VII Edición: LUZ POZO GARZA
2001 • Ribadeo
VIII Edición: XOSÉ CHAO REGO
2002 • Vilalba
IX Edición: XOSÉ FERNÁNDEZ FERREIRO
2003 • Nogueira de Ramuín
X Edición: SALVADOR GARCÍA-BODAÑO ZUNZUNEGUI
2004 • Teis, Vigo
XI Edición: PURA E DORA VÁZQUEZ
2005 • Ourense
XII Edición: MARÍA DO CARME KRUCKENBERG
2006 • Vigo
XIII Edición: MANUEL LOURENZO
2007 • O Valadouro
XIV Edición: XOSÉ VÁZQUEZ PINTOR
2008 • Melide
XV Edición: AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ
2009 • Vilalba
XVI Edición: MARILAR ALEIXANDRE
2010 • Santiago de Compostela
XVII Edición: PACO MARTÍN
2011 • Lugo
XVIII Edición: XAVIER RODRÍGUEZ BAIXERAS
2012 • Ribadeo
XIX Edición: MARICA CAMPO
2013 • O Incio
XX Edición: XABIER P. DOCAMPO
2014 • Castro Ribeiras de Lea
XXI Edición: XOSÉ MARÍA ÁLVAREZ CÁCCAMO
2015 • Vilaboa
XXII Edición: HELENA VILLAR JANEIRO
2016 • Rianxo
XXIII Edición: MARÍA PILAR GARCÍA NEGRO
2017 • Lugo
XXIV Edición: NACHO TAIBO
2018 • Oleiros
XXV Edición: PILAR PALLARÉS
2019 • A Coruña
XXVI Edición: VÍTOR VAQUEIRO
2020 • Santiago de Compostela
XXVII Edición: CONCHA BLANCO
2021 • Cee
XXVIII Edición: XOSÉ MANUEL MARTÍNEZ OCA
2022 • Pontevedra
XXIX Edición: FINA CASALDERREY
2023 • Pontevedra
XXX Edición: EULOXIO R. RUIBAL
2024 • Santiago de Compostela

Información sobre protección de datos
A/O responsábel do tratamento é a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. A finalidade do tratamento é a prestación do servizo que se detalla na solicitude ou actividade organizada. A base legal do tratamento é o cumprimento dunha obriga contractual na prestación dun servizo. Os seus datos conservaranse unicamente durante os prazos de prescrición legalmente aplicábeis. Pódense comunicar os seus datos a terceiras/os organizadoras/es ou colaboradoras/es da actividade. No caso de solicitar certificado de asistencia, os seus datos comunicaranse ao/á impartidor/a da actividade. Pode acceder, rectificar, suprimir os seus datos e nos casos determinados opoñerse ao tratamento, limitar o seu uso ou portar a outra/o responsábel. Tamén pode solicitar a tutela da Axencia Española de Protección de Datos ou presentar unha reclamación ante a mesma.

Compostela: presentación da Cátedra Otero Pedrayo e concesión da Insignia de Ouro a Manuel Lourenzo

Desde a Universidade de Santiago de Compostela:
“A Cátedra institucional Otero Pedrayo inicia o mércores 14 a súa andaina co acto de imposición da Insignia de Ouro da Universidade de Santiago ao actor e dramaturgo galego Manuel María Lourenzo Pérez.
Será o reitor Antonio López quen presida este acto ás 12.30 horas no Paraninfo da Universidade (Facultade de Xeografía e Historia), que estará acompañado da directora da cátedra, Dolores Vilavedra, e do co director, Francisco Durán.
A Cátedra traballará para manter, arrequentar e espallar o coñecemento do legado artístico e intelectual de Ramón Otero Pedrayo, en tanto figura sobranceira da Galicia do século XX. As súas actividades procurarán expandirse nos ámbitos galego, estatal e internacional impulsando a colaboración tanto con institucións e entidades públicas, o Institut Ramon Llull ou o Instituto Cervantes, por exemplo, como emanadas da sociedade civil, tal como diversas fundacións ou casas-museo na traxectoria, o pensamento e a obra do autor, así coma co estudo da tradición galeguista e da memoria da Xeración Nós e das súas principais figuras. “