Arquivo da categoría: Música
Cuntis: presentación de Unha vida calada, de Eva María Graña Caramés
O 15 de agosto, ás 20:00 horas, nos xardíns das Termas de Cuntis, preséntase Unha vida calada, de Eva María Graña Caramés, publicado por Edicións Fervenza. No acto, xunto á autora, participan Mónica Graña “Mara Dres”, Martiño Maseda Lozano e Manuel Campos Velay. Ademais, contarase con acompañamento musical a cargo da propia Eva María Graña e Santiago Touceda Fontán.
Lugo: Tarde e Tardiña 2021, 12 de agosto
A Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo organiza unha nova edición de Tarde e Tardiña, unha serie de espectáculos de música, teatro e narración oral que se poderán desfrutar na Canella do Hospital durante as tardes dos xoves, e que en caso de choiva trasladaranse á carpa da praza da Soidade.
Este é o programa para o 12 de agosto:
Kaldi, de Maintomano
Duración: 50 minutos
Idade recomendada para todos os públicos
Un curioso ser fala a través de acrobacias aéreas e movementos sobre o mundo do café. A súa rutina diaria parece que está sendo do máis normal, ata que o café comeza a afectarlle. Vai pasando por diferentes estados, transformándose, cambiando a súa calidade de movemento e incluso a súa personalidade. Un trapecio, unha mesa, unha cadeira e moito café, sobre todo moito café.
Tardiña 21:00
Lírica Piringalla
Lois Pérez, Lito Pereira e Lucha Panorama
Facer balconing no Courel. Stop. Unha das voces fundamentais do wrestling mexicano, Lucha Panorama. Stop. En diálogo poético coa lenda viva do underground lucense, Lito Pereira. Stop. Reaparece en público logo de dúas tentativas de suicidio, mítico membro do menos mítico Colectivo Iguazú Hermanos Fanego de intervención poética e do Comando Poético Hexágono Rural Exodus. Vai Lois Pérez, tamén.”
Compostela: Poemas no estío 2021
Lugo: Tarde e Tardiña 2021, 5 de agosto
A Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo organiza unha nova edición de Tarde e Tardiña, unha serie de espectáculos de música, teatro e narración oral que se poderán desfrutar na Canella do Hospital durante as tardes dos xoves, e que en caso de choiva trasladaranse á carpa da praza da Soidade.
Este é o programa para o 5 de agosto:
Tarde 18:30
Varietés do animalario, de Paporrubio
Duración: 50 minutos
Idade recomendada a partir de 3 anos
Nun contexto humorístico e divertido, a raposa e o lobo vense envoltos nun conflito pola propiedade dunha pereira con sete peras, á que misteriosamente lle van desaparecendo as peras unha a unha. No texto vense cuestionados os roles habituais que teñen a raposa e o lobo nas cultura galega de tradición oral; os dous vólvense vexetarianos, son rexeitados polos seus grupos habituais de compañía e acaban sendo compañeiros a causa do amor pola Pereira coas sete peras. Todo isto, acompañados das características humorísticas clásicas da tradición de monicreques galega: os enredos lingüísticos, a cachiporra, a astucia do heroe e do antiheroe…
Tardiña 21:00
Poesía pulp(o)
Piti Sanz, Xurxo Chapela e Samuel L París
As poetas cumpren co seu mandato: mudarlle o nome ás cousas chamándoas polo que son. O Far West do rupturismo anti-poético ten un pé en Muros e outro en Carballo. As poéticas transgresora, metaliteraria e auto- referencial de Samuel L. París e Xurxo Chapela entran en diálogo coa música dun auténtico rocker ilustrado, o lucense Piti Sanz, protagonista de páxinas substantivas da música galega e os seus territorios fronteirizos. Alguén dixo que a poesía é un arma cargada de futuro, o malo é que o futuro é do Santander Central Hispano.”
Feira do Libro da Coruña 2021: actividades destacadas do 4 de agosto
O 4 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, s/n.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:
– 18:30 h. Paco Rivas asina Rosas envaiñadas, publicado por Medulia, e o resto da súa obra.
– 18:30 h. Estefanía Padullés asina exemplares de Leopoldo, o pequeno monstro, publicado por Hércules, e Un mundo para Maruxa, publicado por Belagua.
– 18:30 h. Concerto e sinatura de Extra!, de Paco Nogueiras, publicado por Kalandraka.
– 19:30 h. Presentación de Nación Mar, de Xosé Iglesias, publicado por Bululú. Acompañan ao autor Xosé Duncan e Pablo Zaera.
– 19:30 h. Xabier Paz asina A Barcelonesa, publicado por Xerais, e o resto da súa obra.
– 19:30 h. Xulio Pardo de Neyra asina O abecedario no país das alvarizas, publicado por Medulia, e A cor áspera do veludo, publicado por Toxosoutos.
– 19:30 h. Víctor Rivas asina Anacos da vida, publicado por Galaxia.
– 20:30 h. Xurxo Souto asina Pangalaica. Recortes poderosos, publicado por Galaxia, e O retorno dos homes mariños, publicado por Xerais.
– 20:30 h. Antonio Tizón asina Os incurábeis, publicado por Xerais, e o resto da súa obra.
– 20:30 h. Xosé Iglesias asina exemplares de Nación Mar.
Feira do Libro da Coruña 2021: actividades destacadas do 2 de agosto
O 2 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, s/n.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:
– 18:00 h. Contacontos con Pedro Brandariz.
– 18:30 h. Presentación cruzada de Cobiza, de María Reimóndez, e A lavandeira de San Simón, de Eva Mejuto, publicados por Xerais.
– 18:30 h. Miriam Couceiro Castro asina A Galiza feminista, publicado por Galaxia.
– 18:30 h. Lorena Conde asina exemplares de Velloucas e Minchas e As mil vidas de Dorotea, publicados por Cuarto de Inverno.
– 18:30 h. Ramona Giráldez Domínguez asina exemplares de As fotos da retina, publicado por Medulia.
– 19:30 h. Presentación e recital poético-musical de Carlos Negro e Benxamín Otero arredor de Estrita necesidade, publicado por Alvarellos.
– 19:30 h. Sinatura de obras de María Reimóndez e Eva Mejuto.
– 19:30 h. Marilar Aleixandre asina As malas mulleres, publicado por Galaxia.
– 19:30 h. Clara Vidal asina exemplares da súa obra.
– 20:30 h. Carlos Negro e Benxamín Otero asinan exemplares das súas obras.