Pontevedra: remata o Salón do Libro 2017

O domingo 2 de abril finaliza o Salón do Libro de Pontevedra 2017, que se celebra no Pazo da Cultura, cos seguintes horarios: de luns a venres, de 17:00 a 20:00 h., e sábados, domingos e festivos, de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 h.

O propio domingo 2 terán lugar os seguintes actos destacados dentro do seu programa:
11:30 h. e 17:30 h. Obradoiro: Na procura da cidade imaxinaria, con Anxo Fariña. A cidade imaxinaria non é doada de atopar. Precísase moita imaxinación, ganas de pasalo ben, e capacidade de ver outras “realidades ocultas”. Nesta actividade primeiro crearemos uns lentes especiais que nos permitan atopar as pistas ocultas por todo o Salón. E grazas a esta procura, poderemos crear o micro-conto “A cidade imaxinaria” que poderemos levar para casa con nós. Unha actividade que é un xogo, unha carreira, unha procura, e un conto. Atréveste a participar coa túa familia? A partir de 6 anos. Prazas limitadas (grupos de 10 familias). Inscrición previa. A inscrición é presencial. Achégate para apuntarte ás actividades que requiran inscrición previa no horario de apertura do Salón.
Ata esgotar as prazas.
12:00 h. e 18:30 h. Conto musicado: As portas de Escaquis. Lucía Aldao, María Lado e o Seminario Permanente de Jazz. Seguro que algunha vez desexáchedes que as cousas fosen diferentes. Non sei…que o verán non rematase! Que pasaría se puidésedes abrir unha porta e ver un mundo onde o verán nunca remata? Escaquis é unha estraña nena que ten a habilidade de abrir portas onde non as hai, pero… que pasa detrás desas portas? Vós, querido público, tedes o poder de escoller o que ocorre neste conto! Unha aventura polos mundos posibles baseada na novela Escaquis e Romeu de Antonio Manuel Fraga. Recinto Feiral. Público familiar.
12:30 h. Presentación da lista de honra IBBY Galix e Encontro con Ledicia Costas e Ramón Nicolás. A escritora Fina Casalderrey fará a lectura da mensaxe do Día Internacional do Libro Infantil 2017, que este ano preparou a sección IBBY-Rusia “Medremos co libro” do escritor Sergei Makhotin. Público familiar. Entrada libre ata completar cabida.

Monterroso: II Feira do Disco e do Libro Galego

Toda a información aquí.

Premio honorífico dos músicos para Dorothé Schubarth

Desde Sermos Galiza:
“Segundo a directiva de Músicos ao Vivo Schubarth é merecedora deste galardón “polas súas novidosas achegas metodolóxicas, a súa xenerosidade, a súa condición de muller intrépida e empoderadora doutras mulleres, así como o insuficiente coñecemento do alcance do seu legado por parte da sociedade galega”. Recolleráo na gala de entrega dos IV Premios Martín Códax da Música, o vindeiro 3 de maio no Pazo da Cultura de Pontevedra.
Hai case corenta anos chegaba a Galiza de vacacións Dorothé Schubarth. Alguén lle falara da riqueza do noso folclore, sen esquecer referirlle a pobreza característica do noso país. A viaxeira era autora de destacados traballos sobre a música popular europea e, movida pola vocación, comezou a buscar as escasas recompilacións que existían no noso país sobre o tema. Ante esa insuficiencia, non o dubidou e comezou un traballo de colleita que se iría ampliando e enleando até dar lugar, seis anos máis tarde, á publicación do Cancioneiro Popular Galego, a máis importante recompilación do noso folclore musical, coñecida como a biblia da música popular galega.
Dorothé Schubarth desempeñaba desde 1971 a cátedra de harmonía e contrapunto na Academia de Música de Lucerna, en Suíza. Desde este posto desenvolvera unha intensa tarefa de investigación da música popular europea, dedicándose especialmente á zona dos Balcáns e do Cáucaso, así coma aos cancioneiros de Alemaña e de Francia. A partir deste material elaborou o volume O Canto Popular en Europa, que analizaba as formas que adoptaba a música do pobo ao longo do continente, e que foi publicado en 1978. Nese mesmo ano, chegou a Galiza e comezou a súa colleita segundo entrou no país, polo Cebreiro. Os seus coñecementos sobre a cultura musical galega e sobre a nosa lingua eran mínimos, e axiña se fixo evidente que precisaba de alguén para comprender os temas e transcribilos. Deste xeito entrou en contacto con Antón Santamarina, catedrático de Filoloxía Galega en Santiago de Compostela. (…)”

Compostela: presentación de Poemas de Amor en Outono, de Toño Núñez

O xoves 9 de marzo, ás 20:00 horas, na Chan da Pólvora (Rúa de San Pedro, 74), en Santiago de Compostela, Toño Núñez presenta o libro Poemas de Amor en Outono. Acompañarano Armando Requeixo e Nacho Alonso. Tamén recitarán os poetas Antom Laia, Ánxela Gracián, Eva Xanim, Iolanda Aldrei e Xesús Manuel Valcárcel. O cantautor Miguel Alonso dará as notas musicais.