Madrid: conferencia de Armando Requeixo sobre Xosé María Díaz Castro

O sábado 5 de xullo, ás 12:00 horas, na Casa de Galicia de Madrid (Casado del Alisal, 8), Armando Requeixo pronunciará unha conferencia organizada pola Federación de Sociedades Galegas en Madrid (FAGAMA) sobre Xosé María Díaz Castro. No acto estará acompañado por Xosé Ramón Ónega. Tras a conferencia haberá unha actuación musical de Uxía Senlle e Sérgio Tannus.

Outeiro de Rei: Convívio da Cultura Galega na Casa Museo Manuel María, o sábado 12 de xullo

Achegamos información sobre o Convivio da Cultura Galega que terá lugar o sábado 12 de xullo durante todo o día en Outeiro de Rei da Terra Chá. Nace como un espazo de encontro e intercambio aberto á participación de todo o asociacionismo de base, organizado desde a Fundación Manuel María de Estudos Galegos, a Federación Galiza Cultura e a Asociación Cultural e Musical Solfa de Compostela, coa colaboración da Área de Cultura da Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo.
Trátase dun encontro para compartir experiencias, gozando ao tempo dalgunhas das máis significativas paisaxes que conforman o espazo físico orixinario del Manuel María. Outeiro de Rei, o lugar que hoxe acolle a Casa-Museo que alberga todo o seu legado e proxecta a súa vida, obra e pensamento a todo o noso pobo, quere ser tamén unha forma de o homenaxear.

Máis información no evento en facebook, no teléfono 698177621 ou no correo electrónico fundacion@manuelmaria.com.

Taboleiro do libro galego (XXIV), por Ramón Nicolás

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Unha entrega máis neste 2014 do «Taboleiro do libro galego» e que será o último ata o que recolla as novidades editoriais en lingua galega máis vendidas do vindeiro mes de setembro. Grazas, nesta ocasión, ás once librarías que participaron nesta ocasión: Suévia, Miranda, Carricanta, Biblos, Andel, Cartabón, Aira das Letras, Couceiro, Libros para soñar, Librouro e Lila de Lilith.

NARRATIVA
1º-. A viaxe de Gagarin, de Agustín Fernández Paz, Edicións Xerais.
2º-. Orlando. Unha biografía, de Virginia Woolf (tradución de Celia Recarey), Irmás Cartoné.
3º-. Os televisores estrábicos, de Ramón Vilar, Xerais.
4º-. O espido de Gina, de Miguel Anxo Fernández, Galaxia.
5º-. Sete Caveiras, de Elena Gallego, Edicións Xerais.
6º-. Chovida do ceo, Alfredo Conde, Edicións Xerais e A voz do vento, de Pemón Bouzas, Xerais.

POESÍA
-. Dun lago escuro, de Marta Dacosta, Edicións Xerais.
2º-. A segunda lingua, de Yolanda Castaño, Pen Clube-Xunta de Galicia.
3º-. Remontar o río, de Helena Villar Janeiro e Luz Darriba, Tirar do fío Edicións.
4º-. Kid Salvaxe, de Carlos G. Reigosa, Xerais.

ENSAIO-TEATRO
-.Non temos medo, de Rodri Suárez, Nicetrip edición.
2º-. Eu estaba alí, Afonso Eiré, Hércules de Edicións.
3º-. E logo, temos razóns para ser nacionalistas?, de Henrique del Bosque, Edicións Xerais.
4º-. Politicamente incorreta. Ensaios para um tempo de pressas, de Teresa Moure, Através.
5º-. Xavier Vence. Conversas, de Xan Carballa, Engaiolarte Edicións.
6º-. Contra a morte das linguas, de Miguel Moreira, Edicións Xerais.

XUVENIL
-. Ámote, Leo A. Terminal de… chegadas?, de Rosa Aneiros, Edicións Xerais.
-.Recinto gris, de Ledicia Costas, Edicións Xerais.
-. Dragal IIIde Elena Gallego, Edicións Xerais.

INFANTIL
-. Rosa Caramelo, Adela Turín, Kalandraka.
-.Volvo! O regreso de Usha, de María Reimóndez, Xerais.
-. O soño de Esther, de Miguel Ángel Alonso e Luz Beloso, Nova Galicia Edicións.
-.A burra Ramona, de Paula Carballeira (ilustracións de Xosé Tomás), Baía Edicións.
-. O fío vermello, de An Alfaya, Edicións Xerais.

LIBROS CD-DVD
-. Brinca vai!, de Paco Nogueiras, Kalandraka.
2º-. Xiqui Xoque, fiú fiú!, de Uxía, Editorial Galaxia.
3º-. Pan de millo, de Migallas, ilustracións de Dani Padrón, Kalandraka.
4º-. Cantos animais, de Susa Herrera, Primera Persona.
5º-. A nena e o grilo nun barquiño, de Magín Blanco, Fol Música.

BANDA DESEÑADA
1º-. O bichero IV, de Luís Davila, Edición do autor.
2º-. A Torre dos Mouros / Os lobos de Moeche, de Manel Cráneo, Demo Editorial.
2º-. Ardalén, de Miguelanxo Prado, El Patito Editorial.

OUTROS
1º-. Luzes, nº 6, maio 2014.”

Cangas: Con dez poemas por barba, con María Lado e Lucía Aldao

O xoves 3 de xullo, ás 00:30 horas, na Salasón de Cangas, María Lado e Lucía Aldao protagonizan Con dez poemas con barba, cabaré lírico cheo de poesía, historias e cancións e pensado para emocionar a aqueles que odian a poesía. O acto enmárcase na XXXI edición da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas.

Ordes: recital poético dentro da Festa da República Galega

Lugo: edición número 36 da revista oral O pazo das musas

O xoves 26 de xuño, ás 20:00 horas, no Refectorio do Museo Provincial de Lugo (Praza da Soidade, s/n) terá lugar a edición número 36 da revista oral O pazo das musas, coordinada por Antonio Reigosa, cunha duración aproximada dunha hora e media.
Neste número, e por primeira vez nos case dez anos de andaina desta revista oral, decidiuse accionar o que chaman Cadeas Creativas. Unha idea para que nin os contidos nin as persoas que participan na revista fosen decididos de antemán, senón que fosen os propios actores os que elixisen aos seus acompañantes.
Así, desde un elo inicial para o que se escolleu unha persoa de renome no campo das artes (literatura, plástica, cine, teatro, narración oral, …), e outra no campo da música, desencadeouse unha fervenza de propostas. As únicas condicións ou regras consistiron en que a persoa a escoller fose de menor idade e de distinto sexo. Como resultado deste experimento van intervir neste número da revista as seguintes persoas, elixidas consonte á orde que se indica e polas persoas que as preceden:
MÚSICA:
Miro Casabella → Pilocha → Marcos Fernández Mosquera → Esperanza Iglesias → Manuel Fernández Gayol → Ana Vila Martínez.
OUTRAS ARTES:
Paco MartínMarica CampoDarío X. Cabana → Luz Darriba → Claudio Rodríguez Fer → Verónica Martínez.
A ilustración deste artigo é Mundos de tinta e papel, de Luz Darriba.