Oiartzun, Euskadi: homenaxe a Kontxa Murguía

O Exmo. Concello de Oiartzun e o Fato Cultural Galego Daniel Castelao, de Pasaia, organizan unha Homenaxe a Kontxa Murgia Egaña, co seguinte programa:
Venres, sexta feira, 22 de febreiro, 19:00 horas, no Salón de Plenos do Concello de Oiartzun, recital poético musicado, en éuscaro e galego: Poesía alén da fronteira, coas voces de Arantza Lete, J. A. Irigaray e Xosé Estévez, e a música de Arkaitz Miner (violín e guitarra) e Jexux Aranburu (acordeón).
Sábado, 23 de febreiro, ás 12:00 horas, na praza de San Estevo e Sá de Falencias da Casa de Cultura da mesma poboación, ofrenda floral e homenaxe a Kontxa Murgia Egaña, coas intervencións de Asier Legorburu e Xosé Estévez. Haberá música a cargo do conxunto de Txistularis de Oiartzun e o grupo de gaiteiros “Novas Fontes”.

A Coruña: presentación de Esplendor arcano, de Ramiro Torres

O venres 25 de xaneiro, ás 20:30 horas, en Portas Ártabras (Rúa Sinagoga, 22) da Coruña, preséntase Esplendor arcano, de Ramiro Torres. O acto consistirá nun acto do Grupo Surrealista Galego, onde haberá un recital colectivo de poesía, aberto á participación do público presente, acompañados pola música de Karlos Barral e Alberto Laso.

Lugo: presentación de A noite branca, de Francisco X. Fernández Naval

O xoves 24 de xaneiro, ás 20:15 horas, na Librería Biblos (Rúa Salvador de Madariaga, 1, local 4) de Lugo, preséntase a novela A noite branca, de Francisco X. Fernández Naval, publicada en Xerais. No acto participan, xunto ao autor, Carmen Blanco e Fran Alonso, co acompañamento musical de Carlos Arias.

Ferrol: presentación de Currículum oculto, de Arturo L. Regueiro

O venres 18 de xaneiro, ás 20:00 horas, na Galería Sargadelos de Ferrol (Rúa Rubalcava, 30-32), terá lugar a presentación-concerto de Currículum oculto, poemario máis CD musical, de Arturo L. Regueiro. No acto, xunto ao autor, participan Xosé Luís Mosquera Camba e os músicos de Caliza Cajún: Luís Cuntín (voz), Cabe García (guitarra), Óscar Painceiras (contrabaixo) e Víctor Sánchez (clarinete).

Vigo: presentación de Pedras de Plastilina, de Moncho Iglesias

O martes 8 de xaneiro, ás 20:00 horas, na Libraría Cartabón (Rúa Urzaiz, 125) de Vigo, preséntase o poemario Pedras de Plastilina, de Moncho Iglesias, publicado en Toxosoutos. No acto, presentado por Camilo Nogueira, haberá unha actuación musical de Nicolá.

Santiago: homenaxe a Isaac Díaz Pardo

Desde Praza:
“En 1954 Lorenzo Varela, grande amigo de Isaac Díaz Pardo e homenaxeado nas Letras Galegas de 2005, publicou un poema no seu libro Lonxe titulado Compañeiros da miña xeneración mortos ou asasinados. Nel, Varela escribe que “gardo, coma un morto, no centro do silenzo, da sede, da agonía, o día que vos poda levar á sepultura unha cesta de pombas e mazás”.
Iso é o que un grupo de amigos e admiradores de Isaac queren facer este sábado 5 de xaneiro a partir das 12:30 h. do mediodía no cemiterio compostelán de Boisaca, onde Díaz Pardo foi soterrado hai agora un ano. O acto cívico, organizado pola Academia Real Isaac Díaz Pardo, contará coa participación de poetas, escritores e outras figuras destacadas, unidas pola estreita relación que tiñan co intelectual. Falarán Carmen Blanco, David Otero, Laura Pérez Landeira, Luz Pozo, Julián Rodríguez, Claudio Rodríguez Fer, Helena Villar Janeiro, Xesús Alonso Montero, Xosé Luís AxeitosXosé María Dobarro PazInma López Silva, Martiño Noriega, Charo Portela, Xesús Redondo Abuín ou Fernando Salgado. E porán a música A Quenlla, as gaitas de Manuel Castro Basteiro e Elisardo González López e os violins de Laura e Marina Quintillán.
O poema de Lorenzo Varela será recitado por Xosé Ramón Fandiño. E como afirma Xesús Alonso Montero “morrese Díaz Pardo de morte morrida ou de morte matada, Lorenzo Varela non lle furtaría o agasallo das mazás e das pombas”. E Alonso Montero conclúe “nese intre as pombas recuperarán a liberdade e as mazás, co seu recendo, traducirán , ao seu xeito, o agarimo e a admiración dos asistentes ó acto. Valle Inclán, soterrado a poucos metros, aplaudirá sen reservas a nosa admiración e o noso agarimo, que serán perpetuos”.”

Vincios, Gondomar: presentación de Nós, Galiñeiros, de Xosé Luís Méndez Ferrín

“O xoves 27 de decembro, ás 20:00 horas, no Centro Cultural de Vincios, Gondomar, preséntase Nós, Galiñeiro, o libro de Xosé Luís Méndez Ferrín onde se recollen máis de trinta anos de artigos da súa autoría sobre o Val Miñor, publicado polo Instituto de Estudos Miñoranos. No acto participan, xunto ao autor, Antón García, Carlos Méixome e Pura González. Posteriormente terá lugar un espectáculo artístico a cargo do Coro Tradicional Cantares do Brión e Os Irmandiños de Vincios, que dará paso a unha lectura de fragmentos do libro polos propios veciños.” Desde o Instituto de Estudos Miñoranos.