Suso Díaz le un poema de Pedro

Desde a AELG recollemos a lectura dun fragmento de Pedro por parte do seu autor, Suso Díaz, no marco da iniciativa Lecturas fuxidas da Libraría Pedreira, aquí.

Rechiade e unídevos baixo cancelos comúns como #CorentenaLiteraria, #Euquedonacasa, #LerGalegoSempre, #Acasainfinita, #DescobreACulturaGalega, #CulturaGalegaCuradora, #Aculturasegue e/ou #CulturaNaRede.

Oriana Méndez: “Escribo sobre a subalternidade porque é o único que me interesa no mundo”

Entrevista de Montse Dopico a Oriana Méndez en Praza (foto na Wikipedia):
“- Praza (P): O corazón pronúnciase extenso gañou o premio Rosalía de Castro do Concello de Padrón, pero ata agora pasou bastante desapercibido. Da edición encárgase Espiral Maior…
– Oriana Méndez (OM): O libro gañou o premio Rosalía de Castro do Concello de Padrón o ano pasado, mais ese recoñecemento resultou ser máis unha lousa ca un premio, pois no lugar de promover as obras gañadoras, o concello de Padrón diríase que as silencia e as sepulta. Nin tan sequera facilita a súa publicación nunha editorial. Así aconteceu tamén coas obras anteriormente premiadas: resulta case imposible atopar o seu rastro en librarías, bibliotecas e mesmo algunha noticia na rede. Loxicamente, isto é algo do que me decatei despois de ter enviado o libro ao concurso. Un bo erro meu, si.
Con este premio de poesía, o Concello de Padrón representa unha práctica profundamente nociva que levamos padecendo durante décadas no ámbito da cultura galega: facer que se fai cultura, facer que se promove a literatura e, na realidade, simplemente erguer un nome, neste caso nada menos ca o de Rosalía de Castro, de xeito baleiro e sen ningún interese real no que se di promover. O Concello de Padrón, baixo o meu punto de vista, non é merecedor de convocar este premio mentres trate as obras con semellante desleixo.
E isto que digo ten pouco que ver con que o concello estea gobernado polo Partido Popular. O concello de Carral, por exemplo, estivo gobernado polo PP durante moitos anos e iso non lle impediu convocar un premio de poesía ben recoñecido por coidar, respectar e promover non só as obras gañadoras, senón a poesía en si mesma. Falo con coñecemento porque tiven a honra de gañalo e de estar no seu xurado no ano seguinte.
Por fortuna, O corazón pronúnciase extenso verá a luz grazas a Espiral Maior e ao seu editor Miguel Anxo Fernán-Vello que quixo darlle a man a este libro. Eu agradézollo inmenso. Iamos presentalo en Vigo, xunto coas amigas Iolanda Zúñiga, Silvia Penas e Míriam Rodríguez. Quedou parado pola emerxencia sanitaria, coma tantas producións. Sairá algún día da nova era.
– P: O corazón pronúnciase extenso é un verso que aparece case ao final do libro. O corazón está bastante presente nas súas páxinas, en xeral. Que é o corazón neste poemario? Por que este título?
– OM: Este título e tamén a imaxe recorrente do corazón falan da verdade que reside no amor pola vida, unha verdade aberta e profunda. Hai un fermoso mural en Lalín que, sobre unha bandeira de Palestina, di: “nós tamén amamos a vida cando podemos”. Iso é o corazón. Ese é o título do libro. Pronunciamos a verdade extensa da defensa da vida.
– P: O poemario parece situarse no tempo histórico do último século: desde a guerra civil, quizais. En relación con el, aparecen a memoria, o esquecemento ou a esperanza. Cal é o tempo deste libro?
– OM: Acontece no presente. O libro é unha travesía ou éxodo a través da neve que se está producindo. Non obstante, leva producíndose longo tempo. Concordo coas referencias ás que aludes e é posible que as persoas e os feitos que transitan estes poemas veñan camiñando dende a guerra civil. (…)”

Carlos Callón le un poema de Inscricións e un texto de Stefan Zweig

Desde a AELG recollemos a lectura dun fragmento de Inscricións polo seu autor, Carlos Callón, así como un texto de Stefan Zweig, no marco da iniciativa Lecturas fuxidas da Libraría Pedreira, aquí.

Rechiade e unídevos baixo cancelos comúns como #CorentenaLiteraria, #Euquedonacasa, #LerGalegoSempre, #Acasainfinita, #DescobreACulturaGalega, #CulturaGalegaCuradora e/ou #CulturaNaRede.

Antonio García Teijeiro le un texto poético de Poemar o mar

Desde a AELG recollemos a lectura dun texto poético de Poemar o mar por parte do seu autor, Antonio García Teijeiro, no marco da iniciativa #envozpropia de Edicións Xerais, aquí.

Rechiade e unídevos baixo cancelos comúns como #CorentenaLiteraria, #Euquedonacasa, #LerGalegoSempre, #Acasainfinita, #DescobreACulturaGalega, #CulturaGalegaCuradora e/ou #CulturaNaRede.

Polafías Polavida, Homenaxe a Isidro Novo (IV)

Desde a sección de Literatura de Tradición da AELG convidámosvos a reunirnos cada día, momentaneamente, arredor da lareira virtual que representa o noso inmenso arquivo.
Isidro Novo (1951-2018) foi compañeiro das Polafías da AELG desde a de Vilamartín de Valdeorras (15 de novembro de 2008), ata a celebrada nas Pontes (26 de novembro de 2017).
Hoxe Isidro Novo le “Gonçalo Lopez dizen ques cordura” (de Pedro de Valcárcel) na polafía de As Pontes o 26 de novembro de 2017.
Esta é a ligazón ao vídeo.

Rechiade e unídevos baixo cancelos comúns como #CorentenaLiteraria, #Euquedonacasa, #LerGalegoSempre, #Acasainfinita, #DescobreACulturaGalega, #CulturaGalegaCuradora, #CulturaNaRede e/ou #aculturasegue.

Mondoñedo é Poesía 2020

Xunta corta a colaboración co premio de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón

Desde Nós Diario:
“O Eusebio Lorenzo Baleirón é un dos premios de poesía máis prestixioso da Galiza. Convócase desde 1988, organizado polo Concello de Dodro, e ademais de promover e incentivar a poesía en galego ten como finalidade lembrar e homenaxear o poeta de Laíño Eusebio Lorenzo Baleirón, morto prematuramente en 1986. (…)
O Concello de Dodro vén de anunciar que a Xunta deixa de colaborar con este premio argumentando desde a Dirección Xeral de Políticas Culturais que na publicación do libro premiado en 2019 (Voz do Arqueiro, de Antón Blanco) non figuraba o logo da Administración galega.
Un argumento que sorprende no Concello de Dodro, que a través dunha carta remitida á Xunta por rexistro xeral e correo electrónico lémbralle que o logo da Administración galega non figuraba en ningunha obra premiada en anteriores edicións. “Se hai que facelo a partir deste ano, estamos dispostos”, acrecentan.
Porén, indican desde o Goberno local, non obtiveron resposta malia que xa pasaron dous meses. Subliñan, ademais, que a Concellería de Cultura e Patrimonio está “firmemente disposta” a continuar con este premio de poesía “aínda que a Xunta non colabore”.”

Chus Pato, Manuel Rivas, Luz Pozo: poetas galegas no portal internacional ‘Asymptote’

Desde Nós Diario:
“Escritoras recoñecidas como Chus Pato, Luz Pozo ou Manuel Rivas conforman unha selección de autoras e autores galegos entre os que tamén figuran algunhas voces máis novas da literatura galega. É o caso de Ismael Ramos, Alba Cid ou Lara Dopazo.
As súas obras, traducidas ao inglés, pódense consultar no portal internacional de poesía Asymptote, coa colaboración do Consello da Cultura Galega.
Baixo a etiqueta Galician Poetry Feature e a coordinación do tradutor Jacob Rogers, a entidade cultural destaca que coa achega destas escritoras o sitio web “ofrece una mostra ampla de temas, contidos e estilos que amosan a riqueza” da poesía galega.
O Consello da Cultura salienta, ademais, que Asymptote é un dos espazos en liña “de referencia mundial” da literatura de tradución, nun momento de incremento da lectura en soportes dixitais. Trátase dun escaparate mundial de novas traducións que conta con cinco millóns de seguidores. Desde su creación, en 2011, a web recompila obras de 121 países en 103 idiomas diferentes.
Na mesma plataforma, á escolma das escritoras galegas súmase tamén a tradución ao inglés dos poemas de autores como Kathleen March, Erin Moure, Jonathan Dunne ou o propio Jacob Rogers.”

Polafías Polavida, Homenaxe a Isidro Novo (III)

Desde a sección de Literatura de Tradición da AELG convidámosvos a reunirnos cada día, momentaneamente, arredor da lareira virtual que representa o noso inmenso arquivo.
Isidro Novo (1951-2018) foi compañeiro das Polafías da AELG desde a de Vilamartín de Valdeorras (15 de novembro de 2008), ata a celebrada nas Pontes (26 de novembro de 2017).
Hoxe Isidro Novo recita “Moraima” (de Celso Emilio Ferreiro), lido na polafía de Ferreiravella (Riotorto) o 6 de decembro de 2008.
Esta é a ligazón ao vídeo.

Rechiade e unídevos baixo cancelos comúns como #CorentenaLiteraria, #Euquedonacasa, #LerGalegoSempre, #Acasainfinita, #DescobreACulturaGalega, #CulturaGalegaCuradora, #CulturaNaRede e/ou #aculturasegue.