Desde Sermos Galiza:
“OZOCOgz entregou en Pazos de Arenteiro (Borobás) os premios do seu concurso literario de micro-relatos, que este ano facía a súa quinta edición. A gañadora do primeiro premio foi Susana Villamor, unha viguesa residente en Moaña (Morrazo) desde hai 26 anos e que xa sabe o que é gañar un concurso de micro-relatos: o da Lonxa Literaria de Moaña. Recibiu un diploma, un vale para a estancia dunha noite na casa de turismo rural Aldea Pazos de Arenteiro, unha camisola OZOCOgz, un lote de libros obsequio da deputación ourensá e un agasallo da asociación de diminuídos psíquicos Aaspadisi do Carballiño.
Cruz Martínez foi finalista e recibiu diploma, unha camisola OZOCOgz, lote de libros obsequio da Deputación de Ourense e agasallo da xente de Aspasidi. Nada en Armenteira (Meis) é colaboradora habitual de Sermos Galiza e Praza Pública. Gañou diferentes premios literarios, entre eles o XXII e o XXVI Certame Rosalía de Castro de poesía.
Antes da entrega de premios houbo un pequeno recital de música e poesía no que interviron Rochi Nóvoa, Quico Valeiras, Alexandre Cabanelas, Dani Soldevilla e Puntxa Rivers.”
Arquivo da categoría: Premios e concursos (outros)
A Coruña: entrega dos premios do VII Certame de Curtas para Rosalía
Gañadores/as da décimo terceira edición do Premio literario Frei Martín Sarmiento
Desde o Premio Frei Martín Sarmiento:
“O día 9 de xuño coñecéronse os gañadores da décimo terceira edición do Premio Frei Martín Sarmiento, organizado polo departamento de Dinamización Lingüística de Escolas Católicas coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística.
O acto, que estivo presidido por Juan Manuel Buján, presidente de Escolas Católicas de Galicia, contou coa presenza do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García así como coa de distintas personalidades do ámbito da cultura, ademais dunha representación do alumnado e dos pais que participaron no premio literario.
Os gañadores desta XIII edición do Premio Frei Martín Sarmiento foron:
– Educación Infantil
CÉ ORQUESTRA PANTASMA; Fíos do querer; S. Coop. Galega Miudiño.
– 1ª categoría: 1º e 2º de Educación Primaria
PINTO & CHINTO; A estrambótica Illa do Tesouro; E. Bululú.
– 2ª categoría: 3º e 4º de Educación Primaria
LÓPEZ DOMÍNGUEZ, XAN; Viaxe a Dragonia; Ed. Rodeira-Edebé.
– 3ª categoría: 5º e 6º de Educación Primaria
LÓPEZ LÓPEZ, XABIER; O home que sabía voar; Ed. Tambre.
– 4ª categoría: 1º e 2º de ESO
RIPALDA, XOSÉ LOIS; O inspector Chumbo; Ed. Ir Indo.
– 5ª categoría: 3º e 4º de ESO
ALFAYA, AN; A cea das enaguas; Ed. Tambre.
– 6ª categoría: adultos
SOLAR, MARÍA; As horas roubadas; Ed. Xerais.”
Xusto Beramendi, Medalla Castelao 2017
Desde Sermos Galiza:
“O Consello da Xunta aprobou a concesión destes recoñecementos, que se entregarán o vindeiro 28 de xuño, a Xosé Ramón Gayoso, Cristina Pato, o Oceanográfico de Vigo, o Grupo Nove e Xusto Beramendi, quen consagrou a súa vida académica ao estudo das ideoloxías e o nacionalismo, de feito, entre as súas obras figuran estudos sobre as figuras de Vicente Risco, Manuel Murguía ou Alfredo Brañas, ademais do monumental ensaio De provincia a nación: Historia do galeguismo político. Este último valeulle o Premio Nacional de Ensaio 2008. Actualmente preside a xunta rectora do Museo do Pobo Galego do que foi cofundador. Ademais, é membro fundador da Fundación Castelao e director da sección de pensamento político da Fundación Vicente Risco. (…)”
Documental 20 anos do Premio de Poesía Concello de Carral
Coñécense as obras finalistas da XXIII edición do Premio San Clemente
Desde Xerais:
“A novela Non hai outro camiño, do escritor Isaac Xubín, foi elixida entre os finalistas da XXIII edición do Premio literario San Clemente na categoría de lingua galega, canda Daniel Asorey e Xosé Monteagudo, seleccionados polas súa obras Nordeste e Todo canto fomos, respectivamente. (…)”
Os Premios Xerais 2017 fallaranse o sábado 3 de xuño na Illa de San Simón
“Este ano compiten un total de 96 obras.
Os xurados declararán as obras finalistas na súa primeira reunión, que se celebrará o venres, 26 de maio. Os premios serán fallados o sábado 3 de xuño na illa de San Simón.
O xurado da XXXIV edición do Premio Xerais de Novela, dotado con 10.000 euros e no que concorren 42 obras, está formado por: Ana González Liste (xornalista), Marcos Lorenzo (xestor cultural), Diana Pastoriza (profesora de inglés da EOI e asesora TIC no CAFI), Lois Pérez Díaz (mestre e contador de historias), Afra Torrado (poeta e estudante de Belas Artes) e Fran Alonso (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto.
O xurado da IX edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil, dotado con 10.000 euros e no que concorren 19 obras, está formado por: Xabier Campos Villar (profesor de lingua e literatura no IES Armando Cotarelo Valledor de Vilagarcía de Arousa e autor de libros de texto), Mar Montenegro Prado (profesora de lingua e literatura no IES Politécnico de Vigo), Yaiza Peixoto Sánchez (profesora de educación infantil no CEIP Serra-Vincios de Gondomar e Vicepresidenta de Espazo Lectura) Inés Fernández Prieto (alumna de 1º de bacharelato no IES Otero Pedrayo de Ourense), Manuel Loureiro Giráldez (alumno de 2º da ESO do IES Auga da Laxe de Gondomar e membro do Comando Le de Espazo Lectura) e Xosé Manuel Moo Pedrosa (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto.
O xurado da XXXII edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, dotado con 10.000 euros e no que concorren 35 obras, está formado por: María C. Alonso Seisdedos (licenciada en Filoloxía Hispánica e tradutora), Ana Domínguez Santomé (directora do CEIP Carlos Casares de Nigrán e adestradora de ximnasia rítmica), Mª del Carmen Ferreira Boo (doutora en Filoloxía Galega e profesora de lingua e literatura castelá no ensino secundario), Carlos González Rodríguez (libreiro na libraría Wells de Cangas), Lucía Cobo (ilustradora) e Helena Pérez Fernández (secretaria do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto.
Os tres xurados determinarán as obras finalistas na súa primeira reunión, o venres 26 de maio, e as gañadoras, na segunda, a celebrar o sábado 3 de xuño. A festa de fallo dos premios terá lugar ese mesmo día na illa de San Simón.”
Finalistas do Certame de Narracións Breves Manuel Murguía de Arteixo
“Reunido o xurado o pasado 22 de abril, a organización do Certame anuncia os finalistas e céntrase na cerimonia de entrega de premios que se celebrará o próximo 19 de maio, venres, ás 20:00 no Centro Cívico e Cultural de Arteixo.
Reunido o xurado, composto por Anxos Sumai (escritora e representante da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega), Beatriz Rodríguez Rodríguez (profesora da Universidade de Vigo e representante da Asociación Galega da Crítica), Diego Giráldez (gañador da 25ª edición) e Alfredo Ferreiro Salgueiro (coordinador literario, que asistiu como secretario, con voz e sen voto), decidiu por unanimidade conceder os tres premios ás seguintes obras finalistas (por orde alfabética de autor):
– Reversible, de Jesús Amboage García.
– Corazón de Aquiles, de Noelia Cendán Teijeiro.
– A semântica oculta de Mrs. Hockett, de Teresa Moure Pereiro.
Dos 58 relatos recibidos, 52 foron admitidos a concurso por cumpriren estritamente as bases. Os premios, que se coñecerán durante a cerimonia, contan coa seguinte dotación: 4.000 € para o primeiro, 500 € para o segundo e 300 € para o terceiro.
Como novidade deste ano, a coordinación destaca a presenza no xurado de un membro da Asociación Galega da Crítica, feito que, grazas a un recente acordo de colaboración similar ao precedente coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, vincula de maneira máis decidida o Certame ao sistema literario galego.
O acto de entrega ofrecerá ademais outros alicientes para todos os asistentes: a actuación musical do grupo EJazz, as intervencións artísticas do colectivo XIPA e un viño de honra como fin de festa.
O evento incluirá ademais unha lembranza da figura de Carlos Casares, escritor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas, mediante a proxección dunha peza en que se fai referencia á relación do autor ourensán con Arteixo.”
Francisco Rodríguez recibe o Premio Nacional Galiza Cultura
Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“Entrevista a Francisco Rodríguez: “Non nos podemos contentar cunha cultura galega en guetos, marxinal, atomizada e de leiriñas”. Pode accederse aquí.”
A Fundación Rosalía e Martín Veiga, premios Pedrón de Ouro e de Honra 2017
Desde Sermos Galiza:
“O Padroado da Fundación do Pedrón de Ouro vén de anunciar que concede o Pedrón de Ouro 2017 á Fundación Rosalía de Castro, e o Pedrón de Honra ao director do Centro Irlandés de Estudos Galegos da Universidade de Cork, o poeta Martín Veiga.
O Padroado da Fundación do Pedrón de Ouro acordou estes gañadores nunha xuntanza celebrada o 1 de abril na Biblioteca Pública de Arzúa. O acto de entrega terá lugar o próximo 21 de maio nun acto literario no que actuarán de mantedores os escritores Pilar García Negro e Isaac Xubín, que se celebrará na Casa Museo Rosalía de Castro, en Padrón, ás 12:30 horas. Actuarán o grupo de música tradicional galega Os Melidaos e a cantautora Najla Shami.
O Pedrón de Ouro trata de sobrancear aquela personalidade ou entidade viva, residente en Galiza, que máis se teña destacado na defensa e promoción das diversas facetas da cultura nacional ao longo do ano ou na traxectoria dunha vida. Nesta ocasión a entidade recoñecida é a Fundación Rosalía, que “historicamente foi un refuxio da actividade cultural galeguista” e que “recentemente” vén de levar a cabo “importantes obras de reacondicionamento do interior e de profunda modernización museográfica” da Casa-Museo.
Co Pedrón de Honra, a Fundación pretende distinguir a “personalidade ou entidade viva, galega ou non, residente fóra da Terra que máis se destacase coas súas achegas ao engrandecemento da Nación e a súa Cultura”. Desta volta galardóase a Martín Veiga (Noia, 1970), poeta e profesor titular da Universidade de Cork, onde tamén dirixe o Centro Irlandés de Estudos Galegos, que se convertiu, segundo a Fundación, “nun dos foros máis dinámicos en canto ao desenvolvemento de actividades de ensino, promoción e investigación arredor da lingua e a cultura galegas no exterior”. Alén disto, subliñan, Veiga co-dirixe a prestixiosa revista académica ‘Galicia 21: Journal of Contemporary Galician Studies’ e coordina o panel dedicado aos Estudos Galegos no congreso anual da Asociación de Hispanistas de Gran Bretaña e Irlanda, a cuxo comité executivo tamén pertence en calidade de representante das universidades irlandesas. (…)”