Parlamento das Letras: Celia Díaz Núñez

Entrevista de Armando Requeixo a Celia Díaz Núñez no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Tes algún hábito singular ou manía á hora de escribir?
– Celia Díaz Núñez (CDN): Manías non teño; hábitos, si. Escribo sempre a ordenador e a calquera hora do día, é dicir, cando podo. Antes de comezar doulle moitas voltas na cabeza, tomo notas en cadernos e no móbil, elaboro guións e esquemas, mais todo se desbarata en canto a historia comeza a fluír. Ás veces acompáñome de música de fondo, instrumental principalmente. Cando escribía Unha verdade amarga soaba repetidamente o tango “Naranjo en flor”, na voz do meu parente bonaerense Luís María Bragato. Na novela que estou escribindo actualmente tamén a música ten unha presenza importante e escoito distintas cancións que me axudan a perfilar os personaxes.
– AR: ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– CDN: Sobrar nada, posto que todas as achegas son positivas. Fáltalle visibilidade, recepción e proxección. É dicir, máis lectores e lectoras, máis presenza nos xornais, nos escaparates, noutros sistemas literarios… e, evidentemente, falta apoio institucional. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– CDN: Desde o punto de vista da creación: moi boa. Contamos con variedade de xéneros, de estilos, novas propostas temáticas e formais. Hai unha crecente presenza de voces femininas, sobre todo na poesía. En definitiva, unha oferta moi plural e de calidade, apta para todo tipo de público.
Desde o punto de vista da proxección, como xa comentei, segue habendo prexuízos e complexos que impiden que esteamos nun sistema normalizado. (…)”

Ana Romaní: “Os medios públicos galegos teñen aínda pendente ser os medios galegos”

Entrevista de Daniel Salgado a Ana Romaní en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Que significa obter o Premio Nacional de Xornalismo Cultural do Ministerio de Cultura?
– Ana Romaní (AR): Foi unha sorpresa moi emocionante, realmente. Sobre todo polo momento en que chega. Dalgún xeito este premio ten un certo efecto reparador. Ás veces os premios teñen unha dimensión diferente en función do momento en que chegan. Neste sentido é para min reparador e gratificante, e ao mesmo tempo toma unha dimensión colectiva que me parece moi interesante e que me resulta moi grata.
– SG: Coincide coa desaparición do Diario Cultural tal e como existía. É un contraste gráfico: a emisora pública de radio rebaixa o seu traballo e, ao tempo, vostede é recoñecida profesionalmente no exterior.
– AR: Non sei que considerou o xurado á hora de valorar e de decidir o premio. Non sei se entrou esta cuestión no debate ou é casual. Pero a lectura que eu fago si ten esa dimensión colectiva. A situación actual, con toda a mobilización de #DefendeAGalega ou os Venres Negros, coloca no centro o debate sobre a función social do xornalismo. E é moi importante que traballadoras e traballadores da CRTVG formulen neste momento a necesidade de considerar e valorar a función social do seu labor e dos medios públicos. Os xornalistas ou o xornalismo non debe esquecer nunca esa dimensión social do seu traballo.
– SG: Esa reflexión sobre a función social tamén atinxe os medios privados?
– AR: Claro. Creo que nós como profesionais temos que estar sempre moi vixiantes. Que facemos? Para quen o facemos? Que función social está a cumprir? De quen é cómplice ou non o que facemos? Cómpre unha análise continua do propio labor. Dalgunha maneira esa función social da CRTVG está detrás destas mobilizacións e é, na miña opinión, moi relevante non só para os medios públicos, senón para os medios en xeral e para a sociedade.
– SG: Que papel deben cumprir os medios públicos de comunicación respecto da cultura?
– AR: Os medios públicos galegos teñen aínda pendente ser os medios galegos. É dicir, ir máis alá de ser medios en galego para se converteren en medios galegos. Con modelos propios, paradigmas propios, sobre o que significa a información e a comunicación nun país. Axendas propias, modelos propios e diferentes. E isto tamén é necesario na información cultural.”

O CDG abre a súa nova temporada coa estrea no Salón Teatro da coprodución con Pistacatro Arnoia Arnoia

Desde Agadic:
“O Centro Dramático Galego (CDG) inaugura a nova temporada de actividade pública no Salón Teatro de Santiago de Compostela coa estrea este xoves día 11 de outubro do espectáculo Arnoia Arnoia. O circo da casa pequena, que coproduce coa compañía Pistacatro Produtora de Soños.
Esta será a primeira das 12 montaxes programadas ata final de ano na sede compostelá da compañía da Consellería de Cultura e Turismo, que tamén acollerá parte das proxeccións do festival Cineuropa.
Quico Cadaval regresa ao Salón Teatro como director de Arnoia Arnoia, que combina teatro e circo para levar ás táboas a coñecida novela homónima de Xosé Luís Méndez Ferrín, incluída na listaxe de honra da Organización Internacional para o Libro Xuvenil (IBBY). Neste escenario poderá verse ata o 20 de outubro, con funcións de xoves a sábados, ás 20,30 h., o domingo, ás 18,00 h., e pases matinais concertados con centros escolares do martes 16 ao xoves 18, ás 11,00 h.
Os espectadores interesados en afondar no proceso de creación e posta en escena desta nova peza de Pistacatro terán, ademais, a oportunidade de conversar ao respecto co equipo artístico no encontro que se desenvolverá ao finalizar a función de tarde do xoves 18. O espectáculo está recomendado para todos os públicos, a partir dos 10 anos de idade.
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil; a directora do CDG, Fefa Noia, e mais o equipo artístico e de produción de Arnoia Arnoia. O circo da casa pequena presentaron hoxe esta ollada ao imaxinario múltiple de Méndez Ferrín, pasado pola peneira de Quico Cadaval.
En residencia
Na súa intervención, o director da Agadic inseriu este traballo na liña de coproducións que o CDG vén materializando xunto con distintas formacións artísticas e que leva parello, así mesmo, o desenvolvemento de residencias artísticas no Salón Teatro. É o caso de Pistacatro e tamén o doutras dúas compañías que visitarán proximamente este escenario: A Panadería regresará a Santiago do 25 ao 28 deste mes con Elisa e Marcela, tras un ano de éxitos por toda Galicia, e Pablo Fidalgo ofrecerá do 2 ao 4 de novembro a estrea galega de Anarquismos (polo medio da habitación corre un río máis claro).
Jacobo Sutil tamén enmarcou nos obxectivos da compañía pública o feito de que Arnoia Arnoia se acompañe dunha serie de funcións dirixidas a escolares, ao tempo que destacou “o tándem Méndez Ferrín-Cadaval ao servizo dun xénero tan versátil e con tantas posibilidades de crear afección teatral como é o do novo circo aplicado ao teatro e, neste caso, servido por Pistacatro, compañía pioneira nesta disciplina en Galicia”.
Os recursos circenses son aquí claves para resolver en escena as aventuras e prodixios desta historia, que comeza cando Nmonadah, un adolescente de 16 anos, perde os seus seres queridos na guerra. A partir desde momento, vese só para iniciar un camiño asexado por perigos, que adquiren forma de luminosos e inquietantes artistas de circo. Para regresar á súa casa pequena, deberá superar unha serie de difíciles probas coa axuda do amuleto Libredón e do castrón Mestre Lionel.
Ánxela Blanco, Aitor Garuz, Pablo Reboleiro, Álvaro Reboredo e Beatriz Rubio conforman o elenco de Arnoia Arnoia, que conta con Baltasar Patiño no deseño da escenografía e da iluminación; Carlos Alonso, no do vestiario; Xurxo Pinheiro, a cargo da música; Rubén Vilanova, da fotografía; Juan Gallego, da imaxe; Belém Brandido e José Expósito na produción; e Marcos Ptt Carballido e Clara Gayo como axudantes de dirección.
Venda de entradas
A venda anticipada das localidades está xa activada no web entradas.abanca.com e mais no teléfono 902 434 443. Os días de función poderán adquirirse no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo do espectáculo.
Esta é a primeira da ducia de propostas que acollerá a sede do Centro Dramático Galego ata finais de ano e que, ademais das devanditas coproducións Elisa e Marcela e Anarquismos, ofrecerá teatro, danza e cinema para todos os públicos.
Así, o vindeiro día 21 o Festival Internacional de Títeres Galicreques presentará aquí o espectáculo El oso que no lo era, da compañía mexicana Mano y Contramano. O 30 de novembro, tras practicamente un mes de proxeccións do festival Cineuropa, o circo volverá ao Salón Teatro con Futuro animal, da man do Foro D10! e das formacións Twisting the Balance e Circo Político.
Decembro comezará con danza (Toda a beleza do mundo, de María Move, os días 1 e 2) para centrarse a continuación no teatro: Casquería e outras vísceras, de Xerpo Teatro, o 8 e 9; Sofía e as postsocráticas, de Inversa Teatro, do 11 ao 16; Soños, do grupo de teatro afeccionado Down Lugo, o día 19; e as tres propostas do ciclo Gran teatro para os máis pequenos (Nómade, de Xarope Tulú, o 22 e 23; Os fabulosos cleaners, de Malasombra, o 29 e 30; e Muiñada, de Galeatro, o 3 e 4 de xaneiro).”

Finalistas Premio Mondoñedo10 2018, Teatro

A Asociación As San Lucas en colaboración co Colectivo Mondoñedo É … e o Concello de Mondoñedo veñen de convocar a 3ª edición do galardón denominado Premio Mondoñedo10 que nesta ocasión, ano 2018, se concederá na modalidade de TEATRO á mellor obra escrita orixinalmente en galego e cuxa primeira edición fose publicada, editada ou representada en calquera soporte nos 10 anos anteriores ao desta convocatoria; ou sexa, entre 2008 e 2017, ambos inclusive.

REUNIÓN DO XURADO E FALLO DO PREMIO
O xurado designado para elixir a obra gañadora reunirase en Mondoñedo o domingo, 14 de outubro.
A entrega do premio ao autor/es ou autora/s da obra gañadora terá lugar en acto público a celebrar no Auditorio Pascual Veiga de Mondoñedo o domingo, 21 de outubro, a partir das 12:15 h.

PREMIO
O premio que se entregará ao/á autor/a da obra seleccionada, ou, en caso de falecemento ou outra causa, a un representante designado polos herdeiros ou titulares dos dereitos da obra premiada, consistirá nun diploma acreditativo deseñado polo debuxante mindoniense J. Pedro Gómez, e unha obra artística orixinal e única, creación do artista, tamén mindoniense, Xosé Vizoso.

COMPOSICIÓN DO XURADO
Composición do xurado para a edición correspondente ao ano 2018, modalidade TEATRO.
Presidente: Antonio Reigosa, cronista oficial de Mondoñedo.
Vogal designado polo Consello da Cultura Galega.
Vogal designado pola Real Academia Galega
Vogal designado pola Asociación de Escritores/as en Lingua Galega (AELG).
Vogal designado pola Asociación Galega de Editoras.
Vogal designado pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia.
Vogal designado por Escena Galega, Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas.
Vogal designado polo concello de Mondoñedo.
Secretario: Fran Bouso, designado pola asociación convocadora deste premio.
Os nomes faranse públicos unha vez fallado o premio. Nin o presidente do xurado nin o secretario poden propoñer nin votar obras.

OBRAS FINALISTAS
Unha vez recibidas as propostas de todos os membros do xurado faise pública a listaxe das 11 obras finalistas:
1.- Onde andas, Karl?
Autor: Rubén Ruibal
Embora, 2009
2.- Flores de Dunsinane
Autor: Manuel Lourenzo
Xerais, 2010
3.- As do peixe
Autor: Cándido Pazó
Contraproducións, 2013
4.- Sempre quixen bailar un tango
Autora. Teresa González Costa
Xerais, 2009
5.- Eroski Paraíso
Autor: Chévere
Kalandraka 2016
6.- Suite Artabria
Autor: Manuel Lourenzo
Xerais, 2017
7.- O refugallo
Autora: Paula Carballeira
Xerais, 2013
8.- Os cans non comprenden a Kandinsky
Autora: Avelina Pérez
Erregueté, Revista Galega de Teatro, nº 91, 2017.
9.- Voaxa e Carmín
Autora: Esther F. Carrodeguas
Difusora de Letras, Artes e Ideas, 2016
10.- Raclette
Autor: Santiago Cortegoso
Xerais, 2015
11.- Nome: Bonita
Autora: Vanesa Sotelo
Instituto Nacional de las Artes Escénicas y de la Música, 2015.

PREMIOS 2016 e 2017 (Recordatorio)
Na primeira edición correspondente ao ano 2016 o xurado elixiu como mellor obra na modalidade de Narrativa publicada en galego entre os anos 2006 e 2015 Os libros arden mal da autoría de Manuel Rivas, publicada por Edicións Xerais de Galicia, 2006.
Na segunda edición correspondente ao ano 2017 o xurado elixiu como mellor obra na modalidade de Poesía publicada en galego entre os anos 2007 e 2016 Hordas de escritura da autoría de Chus Pato, publicada por Edicións Xerais de Galicia, 2008.

Mondoñedo, 6 de outubro de 2018″

A Coruña: Simposio María Victoria Moreno, os 27 e 28 de novembro

A Coruña: conferencia de Bernardo Máiz sobre “Resistencia, guerrilla e represión”

O 9 de outubro, ás 20:00 horas, en Portas Ártabras (Rúa Sinagoga, 22), na Coruña, Bernardo Máiz pronunciará a conferencia “Resistencia, guerrilla e represión”, dentro do ciclo Economia, História e Realidade Social. Ao finalizar a mesma departirá co público asistente.