Antonio Tizón: “Pretendín desembarazarme dunha vez das miñas vivencias máis patolóxicas, dos traumas máis propios da miña enfermidade”

EntrevistaOLYMPUS DIGITAL CAMERA de Montse Dopico a Antonio Tizón en Magazine Cultural Galego:
“- Montse Dopico (MD): A antesala luminosa é novela negra, mais tamén outras cousas. Ti mesmo chámaslle novela mulata. Querías facer unha novela de xénero negro, pero diferente?
– Antonio Tizón (AT): O de novela mulata ocorréseume cando Emma Pedreira, a primeira persoa á que lle propuxen presentar a novela na Coruña, díxome que ela tiña prezuízos contra a novela negra. Respondinlle que non se preocupase, que a miña era unha novela mulata. Porque, en última instancia, pretendín facer unha mestura de xéneros, de estilos e de intencionalidades. A novela é a mestura dunha media novela negra -con moitos dos trazos típicos do xénero- cunha media novela que algún crítico cualificou de iniciación e que, en todo caso, a min me parece máis ben de formación. Elixín o formato de novela negra por varias razóns.
En primeiro lugar, porque son dende sempre un lector empedernido deste tipo de novelística, dende logo antes da aparición de fenómenos literarios como Diego Ameixeiras ou Domingo Villar (De feito, A antesala luminosa empecei a escribila en 1998 e remateina en 2004, antes do boom galego). En segundo lugar, elixín este xénero porque me parece axeitado se o que se quere é contar historias entretidas, aínda que só sexa porque sempre hai un crime, unha intriga… En terceiro lugar, porque me parece o formato máis axeitado se o que se quere -como eu quería, máis nas próximas entregas da serie ca nesta- é retratar unha sociedade caracterizada pola corrupción e a impunidade. E en cuarto lugar, porque a novela negra pode servir tamén de pretexto para falar dos temas que a un máis lle interesan; no meu caso, o tema da loucura, fundamentalmente.
Sigo co de mulata. A novela é mulata tamén porque mestura tramas, narradores e estilos moi distintos. Basicamente hai dúas tramas e dous narradores que se entrelazan, un en primeira persoa, ó máis puro estilo de novela negra (“Tamén os donos dos prostíbulos me debían favores que eu sempre cobraba en especie”), e outro en terceira, omnisciente e multiselectivo, coa intención de obxectivar a visión subxectiva dun dos dous personaxes principais da novela. Unha novela que mestura tamén a realidade coa ficción, a autobiografía coa imaxinación. E, por último, e xa facendo un chiste fácil que remite a algo moi serio, a novela é mulata porque está chea de mulatas, que ten moito que ver con outro tema fundamental do libro, o da prostitución -non en van ilustra a portada-. (…)
– MD: O libro ten, en efecto, bastante de autobiográfico. Nese sentido, é frecuente que a crítica comente que o autor debe distanciarse o suficiente de si mesmo para escribir unha boa novela. Que pensas diso?
– AT: Nin que dicir ten que o libro ten moito de autobiográfico. O motivo fundamental é que pretendín desembarazarme dunha vez por todas dos meus demos interiores, dos meus medos, das miñas vivencias máis patolóxicas, dos traumas máis propios da miña enfermidade. Non estou de acordo con iso de que o autor debe distanciarse de si mesmo para escribir unha boa novela. Sen chegar ata os extremos de Pío Baroja, que creo que foi quen dixo aquilo de que “todo o que non é autobiografía, é plaxio”, si creo que toda boa novela ten sempre algo ou moito de autobiografía porque do que un pode falar con máis profundidade, honestidade e coñecemento é do que un xa vivíu, xa experimentou, xa reflexionou, e xa descubríu sobre o asunto o suficiente como para decidir compartilo cos demais.
– MD: Frente a un relato combinado con diálogo sitúase o libro escrito polo propio Gustavo sobre a súa vida, como comentabas antes. Por que esa dobre estrutura? O libro de Gustavo está escrito cunha extraordinaria lucidez, malia todo. Quero dicir, que el analiza perfectamente a súa propia enfermidade…
– AT: O dos narradores distintos obedece á mestura de xéneros que pretendín. Pode haber quen pense que están intercambiados, que o máis lóxico sería que a parte do inspector aparecera en terceira persoa e a de Gustavo Gallego en primeira porque é un relato autobiográfico. Precisamente por iso decidino así, para vencer o pudor, para atreverme a espirme, para disimular un pouco as miñas vergonzas. Pero tamén porque Gustavo Gallego hai veces que se cre un deus omnisciente e multiselectivo, igual co narrador dos capítulos pares. (…)”

A Coruña: presentación de Coller as rendas, de Yolanda Castaño

OYolanda Castaño sábado 11 de abril, ás 18:30 horas, na FNAC da Coruña (Praza de Lugo, s/n), terá lugar o contacontos para pequen@s lector@s arredor do libro Coller as rendas, de Yolanda Castaño, ilustrado por Xosé Tomás, publicado por Xerais.

Vigo: espectáculo de poesía e música Sempre en Ibiza, con María Lado e Lucía Aldao

OAldao Lado Vigo domingo 12 de abril, ás 12:00 horas, na Sala Ártika (Avenida Beiramar, 113) de Vigo, María Lado e Lucía Aldao presentan Sempre en Ibiza, un espectáculo con poesía e música que abre o ciclo de vermús do Colectivo Perverso. A entrada custa 5 euros para o público adulto.

Vigo: presentacións de Muller de papel, de Rochi Nóvoa, (No) Meio (do) Oriente, de Artur Alonso, e nova edición do Círculo Poético Aberto

OCÍRCULO POÉTICO ABERTO sábado 11 de abril, ás 22:00 horas, no Café Uf Negra Sombra Blues de Vigo (Rúa do Pracer, 19), terá lugar a presentación dos libros Muller de papel, de Rochi Nóvoa, publicado por Abooks e (No) Meio (do) Oriente, de Artur Alonso Novelhe, publicado por Círculo Edições. Despois das presentacións, haberá espazo para a poesía e a música nunha nova edición do Círculo Poético Aberto, organizado por Penúltimo Acto.

Monforte: 2015, ano Lois Pereiro

cartel_loisPereiro_monforteAs actividades deste sábado 11 de abril en Monforte teñen a súa orixe nunha moción do grupo de goberno que foi aprobada na sesión plenaria celebrada pola Corporación Municipal o pasado 26 de xaneiro. Nesta proposta recollíase declarar o 2015 como Ano Lois Pereiro e darlle o nome do poeta á Casa da Cultura e á Biblioteca Pública Municipal.
Os actos, abertos á participación da cidadanía, comezarán ás 11:45 horas coa recepción á familia de Lois Pereiro, e ás autoridades e invitados/as.

Ás1428575716946SELO_REDONDO_DEFINITIVO_BIBLIO 12:00 h. celebrarase o acto de nomeamento da Casa da Cultura de Monforte de Lemos como CASA DA CULTURA POETA LOIS PEREIRO e da Biblioteca Pública Municipal como BIBLIOTECA PÚBLICA POETA LOIS PEREIRO, dándose lectura á acta da sesión plenaria onde se recolle este acordo.

Ás 12:15 h. abrirase a Biblioteca Pública Municipal e realizarase o selado de diferentes libros de e sobre Lois Pereiro co novo selo coa súa imaxe.

A partir das 12:30 h., no salón de actos da Casa da Cultura, desenvolverase un acto aberto ó público no que participarán varios autores/as pertencentes á Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG). Este acto comezará co saúdo do presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias, e continuará coa lectura de textos de Lois Pereiro por parte, entre outros/as, dos e das escritores/as Rosalía Fernández Rial, Manuel Rivas, Xurxo Souto, Antón Lopo, Mario Regueira, Iago Martínez, e Mercedes Queixas. Entre as diferentes lecturas, o músico monfortino Gonzalo Herrero interpretará breves pezas musicais.

O Concello encargou unhas chapas con estrofas de poemas de Lois Pereiro, chapas que se repartirán entre as persoas que asistan ao acto.
A xornada conmemorativa rematará ás 21:00 h. cun concerto na Praza de España a cargo dos grupos VERA LYNN e OS TRES TREBÓNS.

Por outra banda, as portas de acceso á Biblioteca Pública Municipal serán rotuladas coa imaxe do poeta e o nome que a partir do sábado denominará a este centro de estudo e lectura.

Ademais das actividades programadas para este sábado, ó largo do ano 2015 desenvolveranse varios actos sobre a figura de Lois Pereiro. O primeiro deles levarase a cabo este xoves día 9 de abril e terá coma escenario os tres IES da cidade.
García, integrante do grupo Dios Ke Te Crew, e o cantautor punk O Leo, ofrecerán ao estudantado de bacharelato unha charla-actuación para divulgar e motivar á mocidade na participación dos actos do sábado día 11.
García e Leo teñen musicado varios poemas de Lois Pereiro, ademais Leo (filólogo e profesor de galego) é un erudito na obra do escritor e poeta monfortino.
As charlas serán ás 10:15 h. no IES Daviña Rey, ás 12:00 h. no IES Río Cabe, e ás 13:25 h. no IES A Pinguela.

Todas estas actividades contan co patrocinio da Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo.

vinilobiblioSELO_RECTANGULAR_DEFINITIVO_BIBLIO_