Esta é a ligazón á conferencia.
Convocatoria do Manifesto polo 25 N. 25 Voces pola Eliminación da Violencia contra a Muller
Con motivo da conmemoración anual do 25 de Novembro coma Día Internacional pola Eliminación da Violencia contra a Muller, a Asociación Cultural CALDALOBA e o portal web Culturalia GZ deciden convocar o MANIFESTO POLO 25 N. 25 Voces pola Eliminación da Violencia contra a Muller, unha antoloxía que amosará desde a vertente poética (textual, imaxinativa, gráfica) a visión particular de 25 artistas da palabra e/ou da imaxe arredor do 25 N.
Cada persoa só poderá achegar UNHA única obra ao seguinte enderezo electrónico info@culturaliagz.com.
A data límite para a recepción de obras será o 8 de novembro. A continuación realizarase unha selección de 25 obras de todas as achegadas, e que, segundo o criterio da organización, mellor reflictan o sentido da convocatoria.
Pontevedra: presentación de A cidade oculta, de Estevo Creus
Olga Novo, poeta: “A poesía é unha forma de ollar a vida e de estar nela a través do amor”
Entrevista a Olga Novo en Nós Diario:
“Todo poema nace da intensidade creativa, do trallazo, e desde logo non procura a perfección formal, senón a emanación do amor”. Iso di Olga Novo sobre a poesía. E podería ser unha axeitada definición da súa propia escrita que é sempre fervenza. Corrente volcánica. Vida, e non só exercicio literario. Novo vén de gañar por segunda vez o Premio da Crítica Española na categoría de poesía en galego. Desta volta foi con Feliz Idade (Kalandraka), celebración dos afectos como alicerce vital. Repasamos con ela a súa obra.
– Nós Diario (ND): É a segunda vez, desde Cráter, que leva o premio da crítica española na modalidade de poesía en galego. Como recibiu o novo premio?
– Olga Novo (ON): Con total sorpresa, pois evidentemente é un premio ao que unha non se presenta, así que non é agardado. En todo caso, agradezo a distinción, porque implica unha lectura sensíbel do mundo que habita este libro.
– ND: En Feliz Idade encóntranse unha nena e o seu avó, que vai voltando á infancia a causa do alzhéimer. En que sentido é este libro unha celebración dos afectos?
– ON: Ese precisamente é o senso profundo do libro: a celebración do amor, máis aló do tempo, mesmo máis alá da propia vida, como o piar esencial no ciclo da existencia. O corazón desta obra asenta no encontro marabilloso dunha vida que nace e doutra que se apaga, ese breve pero intenso fragmento vital que gozan xuntos avó e neta. Asistir a ese momento, ter contribuído a esa experiencia é unha gran lección poética case inefábel, por iso esta escrita bordea a linguaxe e sitúase no seu límite en moitos momentos. A aceptación da morte no ciclo da existencia, o amor que traspasa a materia e o canto comunal de integración na intrahistoria natural deume a cifra exacta da felicidade como un tempo outro que está fóra das datacións convencionais. Así, fronte ás taxonomías clásicas de Idade da Pedra, do Ferro, ou do Bronce, eu quixen traer a primeiro plano a Feliz Idade: un tempo de medición emocional radicalmente humano. (…)”
Vilalba, dona da Chaira. Homenaxe a Manuel María – Adolfina Mesa
A Coruña: Ferrados de Letras 2020, presentación de Ricardo Carvalho Calero. Coraçom de Terra
Crónica fotográfica do Roteiro Literario pola provincia de Pontevedra con Anselmo López Carreira
Estas son algunhas das fotografías da Ruta sobre o Vigo medieval, enmarcado nos Roteiros Literarios pola provincia de Pontevedra 2020, que guiou Anselmo López Carreira o domingo 11 de outubro. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.
Cubertas as prazas dos Paseos Literarios por Compostela. Outono 2020
Os Paseos Literarios por Compostela. Outono 2020 son unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio do Concello de Santiago de Compostela.
No marco da Semana do Libro de Compostela (SELIC) 2020, ten lugar unha nova edición deste Ciclo de percorridos literarios por Compostela, procurando outra ollada á historia e xeografía da cidade.
En todos eles é necesaria a inscrición previa, no enderezo electrónico selic@santiagodecompostela.gal. Xa están esgotadas as prazas, co que hai unicamente listaxe de reserva.
No desenvolvemento desta actividade aplicaranse os protocolos sanitarios vixentes en cada momento.
O programa de Paseos Literarios é o seguinte:
A Compostela Conspiradora. Manuel Gago.
Venres, sexta feira, 16 de outubro, 18:00
Punto de partida: Igrexa de San Fiz de Solovio.
A Compostela xeoliteraria. María López Sández.
Sábado 17 de outubro, 12:00
Punto de partida: Xardíns de Fonseca.
Compostela vermella. Arantza Portabales.
Domingo 18 de outubro, 12:00
Punto de partida: Comisaría de Policía de Santiago de Compostela.
Vigo: obradoiro de escrita dramática impartido por Ernesto Is
Máis información aquí.
Xosé Luna gaña o Premio Avelina Valladares 2020
Desde A Estrada na rede:
“Xosé Luna vén de ser escollido como gañador do XXIV Premio de Poesía Avelina Valladares da Estrada.
O xurado, unha vez lidos todos os orixinais presentados, acabou seleccionando, por maioría de votos, a obra O tempo entre as mans, de Xosé Luna. O xurado do certame destacou que «se trata dun poemario que foi premiado pola súa coherencia, o emprego dun léxico rico, variado e moi ben escollido. Recupera palabras pouco habituais, seleccionadas pola súa sonoridade e connotacións». Así mesmo, a acta subliña tamén que o orixinal de Xosé Luna «fai referencia a diferentes lugares da contorna estradense e dos territorios máis cercanos».
Moitos dos seus poemas teñen unha forte carga emotiva e sentimental, dedicados a figuras tan achegadas como á nai ou a pequenos movementos que «marcan fitos importantes na vida da voz poética», conclúe.”