Obras gañadoras dos Premios da V Gala do Libro Galego

O xurado da quinta edición dos premios da Gala do Libro Galego deu a coñecer as obras e autoras gañadoras nesta convocatoria que, pola situación causada pola pandemia do COVID19, viuse na obriga de ser adiada ao outono. A Gala do Libro Galego tiña prevista a súa celebración tal día coma hoxe, 9 de maio de 2020, e a organización do evento, decidiu manter as deliberacións do xurado e dar a coñecer os libros gañadores na mesma data e adiar a gala para o outono vindeiro en canto as condicións o permitan. Os premios de honra que anualmente se conceden tamén na Gala do Libro Galego adiáronse ata a celebración deste acto.
A Gala está organizada pola Asociación Galega de Editoras (AGE), Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), e a Federación de Librarías de Galicia (FLG) e conta coa axuda de CEDRO (Centro Español de Derechos Reprográficos), Xunta de Galicia, Deputación da Coruña e o Concello de Santiago.
O xurado desta quinta edición estivo formado pola xornalista e poeta Ana Romaní, a profesora Anxos Rial, o escritor Antón Riveiro Coello, a poeta Estíbaliz Espinosa, o editor e profesor Manuel Bragado, a tradutora María Alonso Seisdedos e o crítico literario e escritor Ramón Nicolás. O xurado celebrou unha reunión telemática para debater sobre as propostas finalistas nas quince categorías (que podedes consultar aquí) e que corresponden con obra publicada durante o ano 2019.
Os membros do xurado sinalaron as dificultades de elección entre un conxunto de obras de altísima calidade o que, segundo explicaron, quere dicir que estamos nun bo momento da creación literaria e do mundo do libro galego neste momento particularmente difícil que atravesa a sociedade.

Aquí tendes o listado completo das gañadoras e gañadores:

PREMIOS A OBRAS EDITADAS EN 2019

Ensaio e investigación
Dentro da literatura, de Suso de Toro (Edicións Xerais de Galicia)

Un ensaio literario coa vocación de dar a coñecer os procesos da literatura, escrito desde a lectura e sen renunciar ao exercicio da divulgación do oficio da literatura e das maneiras de ler.

Divulgación
A que cheiran as cores? A esperada guía para coñecer o cerebro, de Juan Casto Rivadulla Fernández (Editorial Galaxia)

O xurado destacou desta obra que explica dun xeito sinxelo e ameno todas as singularidades do cerebro. É un libro que responde á demanda de contar con máis libros de divulgación científica ben editados, ilustrados e en galego, que estean, como este, dirixido a un público moi amplo en idade e intereses.

Narrativa

Seique (2ª ed. ampliada), de Susana Sanches Arins (Através Editora)

O xurado valorou o exercicio da memoria persoal e familiar e a proxección universal da mesma para compoñer un mosaico que se volve innovación estrutural e que o/a lector/a ten que recompor, así como o uso da oralidade na escrita.

Infantil
A tartaruga Amodovou, de Paula Carballeira (Oqueleo)

O xurado salientou a recuperación dun estilo clásico para un xeito innovador na literatura infantil, no que salienta unha riqueza léxica e un xeito de narrar sen convencións que resulta atraínte e singular.

Xuvenil
Os corpos invisibles, de Emma Pedreira (Edicións Xerais de Galicia)

O xurado considerou que era unha narración poderosa, que sobarda o xénero xuvenil. Incorpora moitos referentes femininos para formar con eles un corpo literario que fai rede con escritoras universais. A perspectiva da muller combina na obra cun manexo da forma narrativa.

Libro ilustrado
Irmá paxaro, de Tamara Andrés, ilustracións de María Montes (Cuarto de Inverno)

O xurado destacou a conxunción e harmonía neste libro entre ilustración e texto, unha combinación na que tanto o texto como a imaxe van máis alá de ser complementarios, o que o converte nun libro cunha formulación novidosa.

Libro de banda deseñada

A chaira, de Antonio Seijas (Alita Cómics Editorial)

Escollida por ser unha obra de autor que conta unha historia desacougante, dramática e desconcertante, con paisaxes que semellan pinturas e narración visual potente que combina a imaxe e a mensaxe.

Iniciativa bibliográfica
Castelao. Construtor da nación. Tomo I. 1886-1930, de Miguel Anxo Seixas Seoane (Editorial Galaxia/Consorcio de Santiago)

Para o xurado é unha obra monumental, amplisimamente documentada e que responde ao traballo dunha vida de investigación, ademais de ser o inicio dun conxunto de tomos imprescindible para a historia de Galicia.

Tradución
Frankenstein ou o Prometeo moderno, de Mary Shelley/Tradución de Samuel Solleiro (Aira Editora)

O xurado destacou o valor de ser unha tradución que traslada á perfección a lingua do clásico orixinal e que conserva a forza da historia e o ritmo narrativa da novela, recuperando para o galego a forza dos clásicos universais.

Poesía
Feliz Idade, de Olga Novo (Kalandraka Editora)

Destacouse a combinación de situacións vitais da autora, a súa circunstancia e o seu territorio xera neste libro unha serie de imaxe poéticas con moita tenrura e forza, ligadas a unha traxectoria coherente que volve sobre o telúrico, que mantén o pouso literario e incorpora elementos novidosos como a música sen apartarse do seu mundo habitual.

Teatro
Citizen, do Grupo Chévere (Kalandraka Editora)

O xurado valorou que unha obra que marcou un antes e un despois nos escenarios galegos teña continuidade nun libro que, como obra escénica, conta unha historia contemporánea sobre a Galicia actual.

Libro mellor editado
Fosforescencias, de Lupe Gómez/Ilustracións de Anxo Pastor (Alvarellos Editora)

Salienta a edición delicada, o emprego e combinación dos materiais e as ilustracións de Anxo Pastor.

PREMIOS A TRAXECTORIAS

Iniciativa cultural ou fomento da lectura
Libraría Chan da Pólvora

Polo ímprobo labor que realizou a favor da poesía e da lectura, convértendose nunha libraría referente en Galicia e nun foco de dinamización arredor da poesía.

Proxecto literario na rede
Kalandraka TV

O xurado valorou a promoción da lectura que realiza esta canle, especialmente nos ámbitos da lectura infantil e xuvenil, con contidos audiovisuais adaptados aos gustos das/os lectores/as máis novos/as.

Xornalismo cultural
María Yáñez

O xurado recoñeceu a traxectoria de compromiso coas novas formas de contar e co uso das ferramentas de comunicación, sumando a tradición xornalística cos medios e plataformas para contalas, e sen deixar de lado os formatos da cultura popular.

Á caza do bestseller galego

Desde La Voz de Galicia:
“A diferenza pódese ensinar cos dedos dunha man. Se hai dez anos servían para contar os nomes de escritoras e escritores galegos de narrativa traducidos con éxito ao castelán, hoxe as dez falanxes non chegan. Ao grupo das firmas consolidadas, Manuel Rivas e Domingo Villar entre eles, hai que engadir fenómenos emerxentes, coma o de Inma López Silva ou Arantza Portabales, dúas apostas de Lumen, unha das marcas do xigante Random House, que tamén fichou a Pedro Feijoo con Ediciones B. Mentres, o Grupo Planeta fixo o propio con Ledicia Costas. Carlos Meixide, Diego Ameixeiras, Berta Dávila, Antón Riveiro Coello, María Xosé Porteiro, Begoña Caamaño, Xesús Fraga -que publicará este ano a tradución ao castelán do seu Premio Blanco Amor, Virtudes (e misterios), en Xordica-, María Solar ou Manuel Gago son outros dos autores que van abrindo camiño. Nesta exportación da cultura galega mesmo a poesía agasalla unha das últimas alegrías. A protagonizada por Ismael Ramos, cuxa versión en castelán de Lumes (Apiario), Fuegos (La bella Varsovia), foi premiada este 2020 polas librerías independentes españolas. As letras galegas están de moda, será esta pasaxeira?
«Non é unha sensación, é un dato que se pode constatar na axencia española da base de datos do ISBN», responde Francisco Castro. O director xeral de Galaxia participa deste boom. Este 2020 publicou en galego, castelán, catalán e vasco Tantos anos de silencio. Algo que nunca sucedera cun título orixinal de narrativa en galego. (…)
Desde a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, coinciden na relevancia das últimas traducións, pero o seu presidente, Cesáreo Sánchez, matiza ao respecto: «Está a haber máis traducións de libros galegos ao castelán e a outros idiomas cualitativamente importantes. Cuantitativamente, creo que aínda non son os que unha literatura, coa capacidade e a fortaleza creadora como a galega, debera ter».
O apoio institucional, máis forte en literaturas como a catalá, é unha das eivas que apunta Sánchez: «Merecemos que as nosas editoras teñan todo o necesario para internacionalizar a obra dos nosos escritores. Máis que ingresos cuantitativamente importantes, significan o recoñecemento da necesaria profesionalización do sector». Ademais, hai outro punto positivo: «Este non é un camiño só de ida, tamén trae retorno. As traducións sempre conlevan visibilidade social e cultural». (…)”

Entrevista a Antón Riveiro Coello no IES Álvaro Cunqueiro

Entrevista a Antón Riveiro Coello no IES Álvaro Cunqueiro:
“(…) – IES Álvaro Cunqueiro (IESAC): Cando escribe literatura pensa en quen o pode ler? Condiciona iso a súa escrita?
– Antón Riveiro Coello (ARC): Non. Iso só o fixen nun par de ocasións que quixen situarme nunha idade determinada. Orhan Pamuk di que escribe primeiro para os turcos e despois para o resto do mundo. Reducindo aínda máis esa pretensión, eu escribo primeiro para a xente da Limia e as persoas que coñezo e despois para o resto do mundo. Non sei. Nin tan sequera As rulas de Bakunin foron pensadas para un público concreto e unha idade receptora. De feito, sospeitaba que esta novela podería traer algún éxito na crítica e gañar algún premio, como así foi, pero nunca se me pasou pola cabeza que a puidese ler un alumnado mesmo de 4º de ESO. Foi toda unha sorpresa, de verdade. (…)
– IESAC: As súas obras están moi apegadas á realidade, cal é a razón?
– ARC: Na maioría das miñas novelas hai un aporte histórico importante e tamén experiencial, talvez por esa teima de me identificar coa terra que habito e estudar e interiorizar os símbolos do seu pasado. Coñecer o espazo a través da literatura ten tamén algo de apropiación. Por iso, o pano de fondo das novelas é fundamental para min, así como as persoas que me emprestan a súa memoria para pasala polo filtro da literatura.
– IESAC: Gústanlle as novelas fantásticas ou as distópicas? Vese facendo ese tipo de narrativa?
– ARC: Gústame a boa literatura e iso abonda. Dalgún xeito, a literatura tamén é distópica porque moitas veces os personaxes e as nosas realidades non son o que son senón o que nos gustaría que fosen. (…)”

Os escritores Antón Riveiro Coello e Álex Alonso gañan o Premio Torrente Ballester da Deputación da Coruña

Desde a Deputación da Coruña:
“O escritor Luís Valle, a investigadora e crítica Chus Nogueira, o escritor e editor, Manuel Bragado, a profesora Pilar Ponte e o gañador da anterior edición do premio, Xabier López, co deputado de Cultura, Xurxo Couto como presidente e xefa de Servizo de Cultura, Mercedes Fernández Albalat como secretaria formaron parte do xurado que decidiu conceder conxuntamente o premio Torrente Ballester ás obras tituladas As liñas do paraíso e Crónica denigrante que, unha vez abertas as plicas, resultaron ser da autoría dos escritores Antón Riveiro Coello e Álex Alonso. O premio está dotado con 25.000 €, que repartirán os dous autores, máis a publicación da obra.
O xurado destaca que as dúas obras gañadoras están apegadas á realidade social, nun caso como reflexo do acontecido hai vinte anos e noutro á máis urxente actualidade. No caso de As liñas do paraíso, o xurado considera que se trata dun texto “no que se reflicte a actualidade na forma en que reconstrúen as viaxes e a vida das persoas refuxiadas en dous escenarios: Siria e Europa, reflectindo moi ben a súa dramática situación”. O fallo fai constar tamén que a obra “conecta coa realidade multicultural de Europa cunha historia na que resalta a personaxe infantil de Karim que ten moita forza ao presentar un drama humano que atinxe a todos”
Por outra parte, Crónica denigrante trata, segundo o xurado, dun “texto no que existe un grande esforzo de documentación, moi traballado; é unha novela de non ficción cunha reconstrución moi lograda do crime que aconteceu en Nigrán, de xeito que pode considerarse unha crónica sentimental, case documental, dos anos noventa en Galiza”. (…)”

Escola de Escritoræs. Obradoiro de creación literaria, con Antón Riveiro Coello: As liñas no espello

O Obradoiro de creación literaria, con Antón Riveiro Coello: As liñas no espello é unha iniciativa da Escola de Escritoras-es da AELG e o Concello de Rianxo.

“Se gustas de converter en materia estética a realidade cotiá…
Se queres inventar coa palabra outros mundos máis interesantes….
Se aspiras a que na túa imaxinación as persoas volvan nacer, talvez mellores e máis fermosas do que en realidade foron…
Se desexas que a literatura faga vida en ti e, por que non, nas lectoras e lectores… Agardamos por ti.”

Impartido por Antón Riveiro Coello, e cunha sesión maxistral a cargo de Inma López Silva.

10 sesións de 2 horas cada unha, en horario de 11:00 a 13:00, que se celebrarán os sábados:

  • 5, 19 e 26 de outubro.
  • 2, 9, 16, 23 e 30 de novembro.
  • 7 e 14 de novembro.

Terá lugar na aula grande do Centro Sociocultural-Auditorio de Rianxo (como chegar).

20 prazas, gratuítas, para maiores de 15 anos, que se adxudicarán por orde de solicitude. Terán preferencia aquelas persoas que non participasen na primeira edición deste obradoiro, en 2018. Establécese un mínimo de 8 prazas cubertas para a súa realización.

A inscrición, gratuíta, é en liña ata o 26 de setembro de 2019, ás 14:00 horas, no espazo especialmente destinado a este efecto na web do Concello de Rianxo, aquí.

O obradoiro enmárcase na Escola de Escritoras e Escritores da AELG, iniciativa que centra os seus esforzos en impartir, por concellos de todo o país, obradoiros con formatos e destinatarios diversos, nos que se abordan diferentes xéneros literarios e contidos. Trátase dunha iniciativa que, cos autores/as como guías, ten o obxectivo de transmitir a experiencia apaixonante do acto creador, tentando concienciar á sociedade do imprescindíbel que é a estimulación creativa na escrita e o seu papel complementario na formación do individuo. O proxecto aposta por ofrecer á mocidade un sistema lingüístico, literario e cultural propio no que asentar as súas raíces.

Noia: presentación de Por puntos, de Manuel Portas, e A través do fume, de Antonio Piñeiro

Rianxo: actos destacados na Feira do Libro 2019 para o 27 e o 28 de xullo

O 28 de xullo finaliza a Feira do Libro de Rianxo (na Praza Castelao, con horario de 11:00 a 14:30 horas e de 18:30 a 22:30 h. o sábado 27 e de 12:00 a 14:30 horas e de 18:30 a 22:30 h. o domingo 28), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para estes días:

Sábado 27
13:00 h. Presentación de Mnemea, de Xosé Duncan, publicada por Galaxia. Acompaña ao autor Raquel García Abuín.
20:30 h. Presentación de Na defensa dos animais, de Óscar Horta, publicado por Axóuxere. Coa participación de Rafa Xaneiro e o autor.
21:30 h. Presentación de Vir a menos. Crítica da razón nihilista, de Brais Arribas, publicado por Axóuxere. Coa participación, xunto ao autor, de Roberto Abuín.

Domingo 28
13:00 h. Cantos de traballo das mulleres do mar, banda sonora da novela A gran travesía de Chiruca Macallás, de Xurxo Souto, publicado por Xerais.
19:00 h. Concerto-presentación de Canta miña pedra, canta. Homenaxe a Antonio Fraguas, de Xoán Curiel, publicado por Galaxia.
20:00 h. Presentación de Por puntos, de Manuel Portas, publicado por Galaxia. Acompañan ao autor Antón Riveiro Coello e Marina Losada Vicente.
21:00 h. Presentación de O xiro, de Noelia Gómez, publicado por Xerais. Xunto á autora participa Quico Valeiras.