Orixes da escrita: Aló en Lamanide

lamanideDesde Criticalia, de Armando Requeixo:
“Iníciase a sección ‘Orixes da escrita’, na que se irán recuperando textos emblemáticos da literatura galega especialmente vencellados a localizacións concretas, que serán ilustradas fotograficamente para os rememorar.
Dáse comezo a esta sección co poema “Aló en Lamanide”, de Aquilino Iglesia Alvariño (Abadín, 1909-Santiago de Compostela, 1961), recollido na sección “Cabrifollos e oucas” do seu libro Cómaros verdes (1947).
Lamanide é o nome dun fermoso altorelo con terras de labor e largacíos prados rodeados de frondosas arboredas situado a apenas un quilómetro ao surleste da casa natal do escritor, no lugar de Seivane, parroquia de San Xoán de Vilarente.
É alí, no espazo contiguo ao vilar de Albán que tamén figura no poema, onde se desenvolve a traxedia rústica que palpita nestes versos: a morte dun boi durante a arada, en plena canícula, e o regreso derrotado do labrego ao lar acompañado do outro bóvido solitario que sobrevive. Unha das mellores composicións do autor, na que se condensa a vivencia de todo un mundo e os seus valores que, malia a súa evidente transformación, no substantivo segue a conmovernos.

Aló en Lamanide

Aló en Lamanide, ô pe do río,
nunha leira de cómaros en sombra,
araba unha xugada de bois novos,
os cornos pequeniños, estrelados.

Ó facer un cadullo, de repente,
a xugada paróu.
Qué paz inmensa
nas maus daquela hora chea de sol,
leda coma un Mercurio!
No aire as loias
nin siquera o souperon. Un dos bois,
coas faces escumosas chegas de sangre,
caéu entre as sucadas.
Caéu morto!

—Ai, meus labregos do vilar de Albán!—

Sobre os longos vilares, o azul calmo
do bafexar calado das aradas.
Fontes de auga soñada, quedas, longas,
sombras de álamos regan a ribeira.

Coma nun liso mármore impasibre,
a señardá resalta en dôr calada
a un brutamontes, triste coma a noite,
o xato sin parexa dexunguido.

Na paz das veigas —sô— quedóu o arado
enrellado na cal.
Ó lado, inmenso,
sacrificado a un fado escuro e triste
un boi, inda xuvenco, doce morto.

Pol-os bosques abaixo, pol-os cómaros
de verdes prados moles, gurgullantes
por cen toupeiras vivas de auga nova,
co seu boi sin parexa dexunguido,
triste, calado e sô vai o labrego.

Entre us seixos, de prados arelante,
con zoquiñas de vidro patuxando,
salta un regueiro novo. O boi sin sede
mal bafexóu a i-auga e inchóu as faces
de ávidas ventás en fondo ardor,
coma de auroras ou mazás reinetas.

Arrimado á aguillada e ô carón,
cun non sei qué no peito derretido,
ollos estarulados e pasmados,
triste brañego, amigo de Virxilio,
deixa ir a cabeza do seu peso.

A i-auga tira d’ela contra a terra,
xogando coa sua sombra engueimadiña
leda e cruel, aló en Lamanide.”

Os marcos da creación

Desde Cultura Galega:
“Todo territorio con creadores ten lugares emblemáticos e icónicos que os escritores recollen e recrean nos seus textos. Coa axuda do crítico Armando Requeixo, tentamos analizar cales son os espazos representativos da cidade de Mondoñedo que ficaron reflectidos para sempre na literatura, canda as súas casas e as “ágoras literarias”, os lugares nos que entraban en contacto con outros creadores. Un interesante exercicio para ver como territorio biográfico, urbanidade e imaxinación se diferencian nunha pequena vila.

Aquí podes consultar a selección de textos literarios realizada por Armando Requeixo e que están vinculados aos espazos literarios que figuran no mapa. Podes lelos pola túa conta, ou clickar nos espazos respectivos no mapa interactivo. Se observas, na esquina superior esquerda do mapa, podes ver un recadro no que, clickando, despregas todos os espazos.

Nesta ligazón pódese acceder ao recurso actualizado.

Ars dedicandi: Aquilino Iglesia Alvariño

Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Tal día coma hoxe naceu hai cento seis anos en Seivane de Vilarente, Abadín, o gran poeta Aquilino Iglesia Alvariño. En moitos lugares dáse como data de nacemento o día de onte. É unha imprecisión que non responde á realidade dos feitos. (…)
Para lembrar tan sinalada data, recupérase unha dedicatoria do poeta ao escritor Antonio Couceiro Freijomil, a quen ofrece con cordialidade o seu primeiro libro, Señardá (1930), nacido ao abeiro das aulas do Seminario de Mondoñedo e das súas terras brañegas, nas que contou co consello do veterano Antonio Noriega Varela.”

ars_dedicandi_aquilino

Radiocrítica 01-06-2015, por Armando Requeixo

Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
Velaquí unha nova Radiocrítica emitida o luns día 1 de xuño en Ames Radio (accesible on line aquí). Nesta ocasión falei con Nazaret López de E os domingos un croissant… de Ursula Heinze (2:00), de Elos, de Rosalía Fernández Rial (9:23), da Historia da literatura infantil e xuvenil galega, coordinada por Blanca-Ana Roig Rechou coa colaboración de Eulalia Agrelo Costas, Pilar Bendoiro Mariño, Mar Fernández Vázquez, Carmen Ferreira Boo, Isabel Mociño González, Marta Neira Rodríguez e Isabel Soto (15:10) e das Amizades secretas, de Agustín Fernández Paz (23:04).”

Tabela dos Libros de xuño de 2015, por Armando Requeixo

Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Velaquí a última Tabela dos Libros deste curso. Nela danse a coñecer os volumes que Manuel Rodríguez Alonso, Inmaculada Otero Varela, Francisco Martínez Bouzas, Montse Pena Presas e Armando Requeixo estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas. Retomarase a andaina nos primeiros do mes de setembro. Boas vacacións e felices lecturas!”

2015_xuño_tabela

Ars dedicandi: Luís Seoane

DesdeLuís Seoane o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
Fardel de eisilado foi o primeiro poemario de Luís Seoane. Publicouse en 1952 e constitúe un dos fitos da recuperación literaria de Posguerra. A sensibilidade coa causa emigrada que nel amosa o gran pintor é tamén un referente da escrita da época, un momento no que o profesor Antonio Couceiro Freijomil andaba a publicar os volumes do seu referencial Diccionario bio-bibliográfico de escritores gallegos, no que figurou historiado Seoane, quen lle enviou o libro dende o domicilio porteño da rúa Bartolomé Mitre.
Vaia, dende aquí, esta pequena homenaxe no día no que se alcanzaría o seu cento quince natalicio.”

ars_dedicandi_seoane

Parlamento das Letras: Miguel Sande

EntrevistaMiguel Sande de Armando Requeixo a Miguel Sande no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Miguel Sande (MS): Fáltalles apoio, está claro, un apoio decidido e eficaz do noso Goberno. Fáltalles visibilidade. E é obvio, fáltanlles lectores; tamén lectoras, aínda que menos. Por parte dos/as autores/as e críticos/as fáltalles máis risco quizais, vontade anovadora. Sóbranos, acaso, comodidade (iso tamén se nota na escrita).
*Anovar non é incluír nunha novela cartas, poemas, debuxos; iso é doado, coño, iso é ata unha simpleza (que adoitan valorar moito os xuris). O difícil é mesturar iso nun texto narrativo sen que se note a derruba dos marcos que sinalan os xéneros. O futuro, se o hai, que o dubido, vai por aí: por tirar os marcos, pero con máis intelixencia. Outravolta a mirada nova sobre a lúa para a descuberta. Pero non lemos; creo que nin quen escribimos lemos abondo, porque do contrario venderiamos máis libros, mesmo de poesía. Somos case máis os que escribimos que os que len. E non digo que sobren escritores, en absoluto; ao contrario, iso nunca é problema, a escolla nunca foi un problema; se acaso, unha vantaxe ou privilexio; digo que faltan lectores. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– MS: Tanto ten a valoración que eu faga, non lle vexo demasiado futuro, nin ao noso nin a calquera outro. E non porque sexa pesimista. Creo que o libro como obxecto físico parécese cada día máis a un cadaleito. Os libros electrónicos tampouco non se len. A vida dun libro hoxe é, nada, un suspiro. E nos textos das redes sociais un día é a eternidade. O termo “clásico” morreu. A xente nova, en xeral, non le máis ca por obriga; escribe cada vez peor (o meu propio fillo é universitario e ten faltas de ortografía, incrible; todos, practicamente, así, vexo os exames). As novas tecnoloxías son demasiado adictivas. Nos centros de ensino acabarán por desaparecer os libros a non tardar. Estamos nunha revolución tecnolóxica, dixital, que non fixo máis que comezar e vai todo a demasiada velocidade. É a transformación.
Mira, eu pensaba van moitos anos xa que deberían desaparecer os premios literarios, pero xustamente agora non; neste momento de desespero e agonía, non; ao contrario, creo que son máis necesarios ca nunca, pero, ollo, tamén creo que vós, os membros dos xuris, debedes apostar máis polo risco: a todo ou nada. Por pura necesidade. Fóra convencionalismo xa. Diante dunha situación límite non se pode seguir igual porque acabas por te afundir. Ou descubrimos unhas miradas novas sobre a lúa ou non hai sorpresa, pero máis do mesmo non, xa non vale. E aínda así, cun apoio decidido e eficaz dos responsables da nosa Cultura. En todo caso, isto é, ha ser, unha transformación: non quero dicir en ningún caso que a literatura vaia desaparecer. Transformarase e irá buscando novas vías para se manifestar, seguro. (…)”

Radiocrítica do 20-04-2015, por Armando Requeixo

Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
Velaquí unha nova Radiocrítica emitida o luns día 20 de abril en Ames Radio (107.2 FM). Nesta ocasión falei con Nazaret López de A antesala luminosa de Antonio Tizón (00:20), As cicatrices do sol, de Luís Valle (6:30), O caminho poético de Santiago, de Yara Frateschi Vieira, Isabel Morán Cabanas e José António Souto Cabo (11:15) e Cor animal, de Maya Hanisch e Agustín Agra (17:40).”

Casas literarias: Ánxel Fole

casa a veiguiñaDesde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
Fole deixounos o 9 de maio de 1986. Pero non desapareceu. Permanece na memoria da súa escrita, imperecedoira. E tamén na lembranza dos que o coñeceron e trataron, que son moitos. Por descontado, na acordanza dos lugares nos que habitou, nos que deixou a pegada indeleble do seu xenio creador ou dos que extraeu a seiva que había de nutrir as súas páxinas. Velaí a proposta de hoxe: percorrer esas vivendas, anosalas para que tamén fique memoranza delas e do que representaron.
Ánxel Alexandro naceu ás nove da tarde do 11 de agosto de 1903, nun casarón do Campo Castelo de Lugo, nun edificio que levaba o número 1 e que desapareceu. O inmoble facía esquina entre o Campo Castelo e a praza contigua, actualmente chamada Praza Ángel Fernández Gómez e, nos tempos nos que Fole veu ao mundo, Praza do Cruceiro. O soar, xusto por tras do pazo do Concello, albergaba daquela un edificio do século XVIII que fora propiedade do Conde de Moscoso. O escritor lembraba que “era unha casa señorial con capela, cunha tulla enorme para recibir as rendas e unha cheminea de catro piares”.
campo casteloDaquela casa do Campo Castelo (onde logo se instalou o edificio de Radio Lugo) pasou vivir aos catro ou cinco anos á Casa de Orbán, casarío con ampla facenda (dezaseis hectáreas) que seu pai construíra aproveitando os terreos dunha antiga torre que fora de seu bisavó, o prócer Juan María Quiroga. A vivenda, localizada pretiño do Miño que tanto admirou e literaturizou, serviulle como base para imaxinar o lugar de Orbande no que transcorre o relato “O espello” de Á lús do candil, historia protagonizada por unha dama que é, en boa medida, un trasunto de súa tía avoa María Cristina Quiroga Sangro. Tempo despois, naquel lugar ergueuse a Estación Pecuaria Rexional. (…)”

Premios AELG 2015 – Gala das Letras

ConviteGalaLetrasAELG2015aOsAELG Logo 2-2015 socios e socias da AELG xa escolleron os finalistas aos premios á mellor obra publicada no 2014 nas modalidades de ensaio, poesía, narrativa, tradución, teatro, blog literario, literatura infanto-xuvenil e traxectoria xornalística. Nestes dous últimos casos tamén participaron na elección os asociados/as da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (GÁLIX) e os membros do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia respectivamente.

As obras gañadoras daranse a coñecer na Gala das Letras, que terá lugar o sábado 9 de maio, ás 20:00 horas, no Círculo de las Artes do Concello de Lugo. A entrada é libre até completar aforo.

Así pois, da conxunción de votos emitidos na primeira quenda resultaron finalistas:

Blog literario

Ensaio

Literatura Infanto-Xuvenil

Xornalismo Cultural

Narrativa

Poesía

Teatro

Tradución

Na segunda fase, xa en andamento, os asociados e asociadas decidirán as obras gañadoras.

Alén destas categorías, os Premios AELG constan doutros tres galardóns outorgados pola Asemblea de Socios e Socias da AELG:

Premio AELG 2015 “Institucións Culturais”

  • Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia.
  • Asociación de Medios en Galego

Premio “Mestras-es da Memoria” 2015
A segunda edición do premio Mestres e Mestras da Memoria, que se concede nesta ocasión a Josefa Arias e Emilio do Pando, por toda unha vida de dedicación exemplar á transmisión oral de saberes e valores da nosa cultura popular tradicional

Escritor Galego Universal 2015
O escritor Luiz Ruffato será o Escritor Galego Universal, galardón que o distingue como autor que combina a excelencia literaria co compromiso ético que o converte en referente na defensa da dignidade humana. Con este nomeamento Ruffato súmase á listaxe conformada por Mahmoud Darwish, Pepetela, Nancy Morejón, Elena Poniatowska, Juan Gelman, Antonio Gamoneda, José Luis Sampedro, Lídia Jorge e Bernardo Atxaga. Vexa aquí a axenda de Ruffato na Galiza.

No transcurso da gala a AELG tamén entregará a distinción “Bos e Xenerosos” ás/aos xornalistas Margarita Ledo Andión, Manuel Lombao, Tareixa Navaza e Xosé María García Palmeiro.

Coa actuación musical de Abraham Cupeiro e Iago González: Os sons esquecidos.