Xosé Manuel Beiras: “Eu son disciplinado, o que non son é obediente”

Entrevista de Marga do Val a Xosé Manuel Beiras en Nós Diario:
“(…) – Marga do Val (MV): A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega vaino homenaxear coa Letra E de Escritor. Como vive esta palabra “Escritor”, o político, o economista e, sobre todo, quen se dedicou na vida a ser profesor?
– Xosé Manuel Beiras (XMB): É o que son. Fundamentalmente a miña profesión é esa, profesor. Teño o de político, porque nacín nun país anómalo, no 36, porque a miña mocidade foi a partir dos anos cincuenta e porque xa no 63 me comprometín coa fundación do PSG. Estiven na clandestinidade, mais seguín co meu camiño para ser o que quería, un profesor de sistemas económicos, que gañou a cátedra en marzo do ano 70, contra todo prognóstico. Cando en 1985 entro como deputado, xa formaba parte do BNG desde o proceso constituínte do ano 1982. Era Catedrático con dedicación exclusiva, tiña compatibilidade xurídica para seguir sendo catedrático en activo por ser elixido por sufraxio universal, pero non tiña compatibilidade económica, entón propúxenlle ao reitorado reducir a dedicación e os ingresos. Como mo negaron, decidín que non deixaba de exercer na cátedra e entrei no Parlamento sen cobrar salario e exercendo a miña docencia en condición de dedicación exclusiva, ao mesmo tempo que era daquela, o único deputado do BNG. Polo tanto, profesor é a miña profesión.
En canto á escrita, sempre dixen que eu non era escritor. Tíveno claro desde moi novo, na época universitaria nos anos cincuenta, eu entrei na universidade aos 16 anos, en que se vai formando aquel grupo, sobre todo de rapaces, que escribían; grupo que Borobó chamou Xeración de La Noche, que se presentaban aos premios das Festas Minervais e que os copaban todos: Mourullo, Ferrín, Franco Grande, Bernardino Graña e Xohana Torres, a única muller.
Entón daquela eu non era escritor, xa que entendía como escritor quen escribía literatura de ficción ou poesía. Despois si que escribín moito ensaio. É certo que se dicía de min que tiña moita vocación literaria, de estilo. Por iso o meu primeiro libro con repercusión, O atraso económico de Galiza, non é só un libro de economía, tamén foi valorado un compoñente literario. Paco Fernández Rei salientou nun artigo que o que fago na escrita deste texto é recuperar moito léxico dos oficios e dotalo do valor abstracto propio do ensaio, por exemplo dicir “trebellos de análise”, no canto de “instrumentos de análise”. Hai unha creatividade na recuperación do léxico, digamos referido a obxectos materiais, do léxico da fala do común, unha adaptación aplicada á ciencia, á escrita.
Nun traballo sobre o Beiras tradutor, a profesora Esperanza Mariño recuperou textos meus literarios, esquecidos, publicados entre os 11 e os 15 anos na revista Vamos da Preceptoría de don Xesús Pereira, entre 1948 e 1952. Está o único poema que escribín na miña vida. Bouza Brey dicíame que eu tiña dotes de poeta e quería convencerme para que escribise poesía. Non o fixen.
– MV: Entón é merecido este premio, tamén pola súa implicación na AELG. O primeiro en recibir a Letra E foi o seu amigo Antón Avilés de Taramancos.
– XMB: Avilés máis que un amigo, foi un irmán. Aos poucos anos de estar constituída a AELG hai unha crise interna entre dous sectores, por un desencontro; procúrase unha solución de consenso para establecer a paz interna, e nese momento a tríade que ocupa a Presidencia, a Vicepresidencia e a Secretaría da asociación somos Uxío Novoneyra, Avilés de Taramancos e mais eu. Avilés si que era un grande escritor, un dos grandes poetas do último terzo do século XX. No plano político fixemos campaña xuntos. Foi un gran Concelleiro de Cultura en Noia.

[Pode lerse a entrevista a Xosé Manuel Beiras íntegra no Sermos Galiza deste sábado, 14 de xuño, que acompaña o xornal]

Cangas acolle o 26 de xullo a estrea do documental sobre Bernardino Graña

Desde a Real Academia Galega:
“O auditorio de Cangas acolle o venres 26 de xullo, a partir das 21 horas, a estrea do documental sobre Bernardino Graña (Cangas, 1932) dirixido por Xan Leira. Bernardino Graña, o home que quixo vivir construiuse a partir dun encontro en Panxón do escritor e académico con amizades. Persoas próximas ás diversas actividades que protagonizou o autor ao longo da súa vida, desde as profesionais e literarias ata as políticas e sociais, tecen un relato coral en diálogo coas lembranzas e reflexións do propio homenaxeado.
A gravación tivo lugar en Moaña, Cangas e Panxón e contou coa colaboración de Alexandre Ripoll, Asun Sóñora, Héitor Mera, Xesús Alonso Montero, Xosé Manuel Millán, Rafael Lorenzo, Marta Dacosta, Camilo Camaño, Xosé Manuel Pazos, Manuel Álvarez, Cesáreo Sánchez e Helena Pérez. O filme recolle tamén testemuños dos desaparecidos Bautista Álvarez, compañeiro do grupo Brais Pinto, e Raimundo García Borobó recollidos no arquivo persoal de Xan Leira.”

O que vén no 2016 (algunhas efemérides literarias e socio-culturais), por Ramón Nicolás

DesdeManuel María Caderno da crítica, de Ramón Nicolás:
“Quedan aínda algúns días para concluír o ano pero, nesta ocasión, adianto un chisco este apuntamento que, sen afán de exhaustividade, pretende achegarse ás liñas esenciais do que, se cadra, ha ocupar unha parte substancial da atención literaria ou socio-cultural ao longo do ano 2016. É evidente que salientará, en primeiro lugar, a figura de Manuel María, a quen se lle renderá homenaxe este vindeiro ano por mor da súa designación para o Día das Letras, converténdose por dereito propio nunha referencia ineludible, como tamén cumpriría que o fose a celebración tanto do centenario da creación das Irmandades da Fala na cidade da Coruña, sen esquecer a fundación do seu voceiro A Nosa Terra, como o asasinato de catro labregas e un labrego no lugar de Cans (Nebra, Porto do Son), que se negaron a pagar un imposto especial. Agardemos, pois, pasos adiante en todas estas conmemoracións.
Non debería ser menos, a meu entender, a atención que se lle debería prestar a un conxunto de voces do ámbito literario unidas por se celebrar o centenario do seu nacemento. Penso en Manuel Lueiro Rey, Miguel González Garcés, Xosé Velo, Raimundo García González “Borobó“, Lorenzo Varela e a xornalista e tradutora Amparo Alvajar; grupo ao que me permito unir o de Roald Dahl, moi presente no catálogo de diversas editoriais galegas.
No que se refire ao cincuenta aniversario hai un acontecemento sobre o que xa se traballa e que se cinguirá á relevancia do chamado “banquete de despedida” de Celso Emilio Ferreiro, celebrado no Hotel Roma de Ourense en maio de 1966, antes de que o celanovés collese camiño cara a Caracas: o acto, que foi unha das primeiras manifestacións públicas críticas co réxime franquista, ben merece ser lembrado. Por outro lado, tamén neste 2016 van cumprirse os cincuenta anos do falecemento do poeta Victoriano Taibo, do astrónomo Ramón María Aller, do sociólogo Victoriano G. Martí, do dramaturgo Xesús San Luís Romero e da escritora Herminia Fariña Cobián.
Por último, no que atinxe aos sesquicentenarios cómpre lembrar o que se corresponde ao nacemento do narrador ourensán Heraclio Pérez Placer e o do falecemento de Fontán, personaxe que recupera Marcos Calveiro para a súa recente novela homónima. No que di respecto de libros relevantes que se publicaron no 1966 é imprescindible citar O espello no serán, de Otero Pedrayo; o histórico Galicia hoy, de Ruedo Ibérico; o Elexías do Courel e outros poemas, logo reeditado baixo o título de Tempo de elexía (1991), de Uxío Novoneyra e, en América, os aínda hoxe imprescindibles volumes de Alberto Vilanova sobre os galegos na Arxentina e mais Decrúa, poemas de Gonzalo López Abente.
De certo que haberá máis conmemoracións e efemérides pero suxerir a celebración dalgunhas destas paréceme de xustiza.”

I Certame e Xornada sobre Periodismo de Opinión

Para honrar a memoria e o labor periodístico do promotor da xeración de La Noche, Raimundo García Domínguez, “Borobó” (Pontecesures, 1916-Santiago de Compostela, 2003) a Asociación de Periodistas de Santiago de Compostela convoca o I Certame e Xornada sobre Periodismo de Opinión, co outorgamento dun premio a un artigo inédito. Bases.