Mambrú volveu da guerra, do dramaturgo Carlos Labraña, primeira obra en galego que gaña o Premio SGAE de Teatro Infantil

Desde Nós Diario:
“A Fundación SGAE vén de conceder o XXIII Premio SGAE de Teatro Infantil 2022 a Mambrú volveu da guerra, obra do dramaturgo galego Carlos Labraña (Cedeira, 1969) que reivindica a memoria histórica e que se converte no primeiro texto en lingua galega en facerse con este galardón.
O texto impúxose entre 39 orixinais “polo seu transfondo de recoñecemento á memoria histórica e a todos aqueles esquecidos en cunetas e tapias de cemiterios”, todo iso “cunha gran dozura literaria e escénica”, segundo informou a Fundación SGAE nun comunicado.
Labraña, cunha ampla experiencia como autor de teatro infantil, afirmou sentirse “moi agradecido por recibir un premio tan importante e con tanto alcance para un xénero tan minorizado como este, a dramaturxia para nenos”. Aliás, sinalou que escribiu o texto “desde a emoción” e apuntou que a “maior dificultade” deste proceso foi “tratar a historia con delicadeza, mais sen ocultar nada”.
En concreto, o texto narra a historia dunha nena chamada Xana que chega a un parque infantil recentemente construído nos arredores do pobo. Alí atopa a única compañía dun vello soldado de porcelana que alguén esqueceu. A partir desta formulación, constrúese un relato que reivindica a memoria histórica e leva, segundo o xurado do premio, a “un belo e inesperado desenlace”.
“Creo que a nosa obriga é loitar contra o esquecemento e gústame que este premio chegue precisamente agora, coincidindo coa entrada en vigor da Lei de memoria democrática en España”, expresou o dramaturgo, quen lamentou que “durante demasiado tempo se silenciasen historias que agora empezan a agromar”.
Así mesmo, subliñou que “é importante contar estas historias aos nenos”. “Recuperar os nomes e as historias do esquecemento é darlles vida de novo, mais tamén é darnos vida a nós mesmos”, concluíu.
O xurado do premio estivo presidido por Rafael Alcaraz (IV Premio SGAE de Teatro Infantil, 2004) e integrado por Sara Pinet (gañadora do certame en 2021), a directora escénica Puri Fariza, o dramaturgo especializado en teatro infantil Juan Rodríguez Santiago (director de Caramuxo Teatro) e Pablo Cruz (editor de literatura infantil e xuvenil no Grupo Anaya).”

O Facho: Prémios Literários do ano 2022

Desde a A. C. O Facho:
“Ressoluçom dos concursos anuais da Agrupaçom Cultural O Facho:
Concurso de Teatro Infantil
Obra Ganhadora: Ícaras. Autor: Carlos Labraña.
Concurso de Poesia
Deserto
Concurso de Contos de nenos para nenos
Prémios da Categoria A (Nenos e nenas de 9 a 12 anos):
Deserto
Prémios da categoria B. (Rapaces e rapazas de 13 a 16 anos):
Deserto
Nota. Achamos que a declaraçom ?dessertos? dos prémios de contos e de poesia vem determinada por os problemas que tivemos com unha das contas de correios ao ser ameaçada e mesmo bloqueada, impossibilitando uma comunicaçom efectiva com os centros.
Assim mesmo, levamos dous anos sem concursos, por mor da pandémia provocada por a Covid-19, feito que fixo diminuír a participaçom.
Procuraremos arranjar estes problemas nas próximas comunicaçons.

Agrupaçom Cultural O Facho”

Paseos Literarios por Compostela. Outono 2021

Os Paseos Literarios por Compostela. Outono 2021, son unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio do Concello de Santiago de Compostela, no marco da Semana do Libro de Compostela (SELIC) 2021, que terá lugar entre o 12 e o 19 de setembro de 2021, procurando outra ollada á historia e xeografía da cidade.

No desenvolvemento desta actividade aplicaranse os protocolos sanitarios vixentes en cada momento.

– Prazas limitadas: 30.
– Inscrición obrigatoria no correo paseos.compostela@maos.gal
– Rexistro dispoñible até o día previo a cada roteiro, indicando: roteiro, prazas solicitadas, nome e teléfono de contacto.

O programa de Paseos Literarios é o seguinte:

Compostela de ficción: illas e carruseis na cidade novelada. Berta Dávila.
Domingo 12 de setembro, 12:00 h.
Punto de partida: Biblioteca Ánxel Casal.

Festina lente, canteiros e impresores en Compostela. Marcos Calveiro.
Luns, segunda feira, 13 de setembro, 17:00 h.
Punto de partida: Arco de Mazarelos.

As pedras non esquecen. Andrea Barreira.
Martes, terza feira, 14 de setembro, ás 17:00 h.
Punto de partida: Alameda de Santiago, xunto á estatua de Maruxa e Coralia.

Paseando coas Marías. Carlos Labraña.
Domingo 19 de setembro, ás 12:00 h.
Punto de partida: Alameda de Santiago, xunto á estatua de Maruxa e Coralia.

Compostela: SELIC 2021. Festival da Lectura

Foz: actos destacados na Feira do Libro 2021 para o 20 de agosto

O 20 de agosto continúa a Feira do Libro de Foz (na Praza Conde do Fontao), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 17:30 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:

– 20:00 h. Carlos Labraña asina exemplares de Contra o reloxo, publicado por Galaxia.
– 20:00 h. Presentación dos poemarios gañadores dos Premios Illas Sisargas, O cuarto de Jane, de Charo Pita, e Rascamaceiras, de Laura R. Cuba, publicados por Caldeirón. Estarán acompañadas por Eduardo Estévez.
– 21:00 h. Paco Rivas asina Rosas envaiñadas, publicado por Medulia.

Tabela dos libros. Maio de 2021

Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Velaquí a nova Tabela dos Libros, que ofrece a lista de títulos que Francisco Martínez Bouzas, Inma Otero Varela, Mario Regueira, Montse Pena Presas e eu estimamos como máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas.”