Imaxinar o inimaxinábel, por Lois Pérez

Artigo de Lois Pérez, publicado na web da AELG:
“Ao Mestre da Memoria 2023 da AELG, Xan do Vilar, escoiteino falar en Quiroga dos castiñeiros e do souto máis fermoso do Courel, aínda emocionado polos sucesos daquel gravísimo incendio onde o perdera todo; a Anxo Moure, falarme con tenrura no curuto da Casa da Árbore en Garabelos (Chantada) dos teixos, pero tamén de moitas outras árbores e do bosque, en conversas en Tui e nunha viaxe en coche dende Carballo a Lugo; a Daniel Caxigueiro, contarme abraiado no xardín da súa casa en San Martiño de Foz, do poder analxésico do zume dos salgueiros, do que soubo por un ancián polaco ao que lle caeron as bágoas ao ver un salgueiro como o da súa infancia –un pasatempo da súa nenez era zugar da cortiza do salgueiro–; á miña amiga Merce Grueso dicirme das carocas, eses buracos na cortiza que teñen algunhas árbores que semellan a boca da terra que ninguén escoita ou o oído ao que ninguén lle bisba nada pero que nos interpelan algunhas mañás de néboa no río, de cando en vez, como unha revelación; a Nito da Arousa, relatarme na súa casa da Illa, dos milleiros de árbores autóctonas que leva replantado alí e da resistencia do eucalipto e do difícil que é desfacerse del, como un soldado ferido na batalla ao que só lle restase camiñar. Polo escritor noruegués Karl Ove Knausgaard souben da micorriza, un fungo microscópico que, seguindo a idea de Suzanne Simard, forma unha rede subterránea que permite ás árbores compartir nutrientes e comunicárense, desafiando a visión individualista da nosa evolución como sociedade, suxerindo unha cooperación profunda entre todos os seus seres, moi por diante deste brutalismo patrimonialista en curso a nivel planetario (confundir o de todos co dun para facelo dun). Esas persoas e libros foron mellorando a miña conciencia do inmenso patrimonio natural que posuímos e mudaron para sempre a miña ollada puramente amábel e espontánea que calquera pode sentir ao percorrer unha fraga ou unha montaña. E a canción de Nacho Vegas: Ser árbol. E diante das imaxes que estes días dan conta da traxedia que está a vivir o noso país ardendo, veume tamén á cabeza unha lámina que había no meu cuarto cando era neno: ese debuxo de Castelao dun neno apertado ao tronco dun castiñeiro. As árbores son palabras e o bosque é a lingua. A lingua é territorio. O noso patrimonio é vida. A terra que pisamos, o ceo sobre as nosas cabezas.

Por que lembrar todo isto? Esperanza? Negación? Instinto de conservación? Non. Iso que hoxe vemos arder ponme en contacto co pouco que eu sei do que arde. Pero abondo para decatarme da dimensión da traxedia.

No incendio máis grave da nosa historia, o presidente Rueda di que “o plan de incendios estaba perfectamente preparado”. Pero é unha afirmación que entra dentro dun gobernar performático que é simular que se goberna. Esa simulación condiciona o resto da acción de goberno porque son accións destinadas a aparentar algo que non se corresponde coa realidade para saír mellor parado. O que nos di a realidade é xustamente o contrario: que o plan non estaba perfectamente preparado. Porque os lumes continúan sen ningún control ameazando con devorar outras zonas do país.

Cal é o grao de desidia e incompetencia desta xente que está na Xunta? Que senten exactamente polo seu territorio, pola súa paisaxe, polo seu país, pola xente? Que é o que entenden polo ‘seu país’? En que consiste exactamente na súa cabeza todo iso? Unha máis unha son dúas e o día ten 24 horas. E se este é o incendio máis grave da nosa historia e en dez anos non tomaches unha soa medida das 100 que che propuxeron os científicos en 2016, que nome lle damos a iso? Non é a túa responsabilidade? Non deberías dimitir, cesar ninguén? Irte?

Así que agora precisamos imaxinar o inimaxinábel. Adam Przeworski, ao fío do que vai acontecendo con Trump en USA, fala da incapacidade que temos como sociedade para ‘imaxinar o inimaxinábel’. É paradoxal, porque o que non somos quen de imaxinar como sociedade, si somos quen de imaxinalo como individuos. Moitos dos logros e transformacións como persoas xorden desa capacidade que temos para transformar o que imaxinamos en realidade. Pero iso é no plano individual ou en pequenos colectivos. No social é algo moi difícil, aínda que haxa excepcións. Abondan os casos do inimaxinábel cunha forte carga negativa, do que hai moitos exemplos ao longo da Historia. Pero nun sentido positivo de transformación social é algo máis escaso. Porén, esas derivas ao negativo veñen desa incapacidade para imaxinar o inimaxinábel. Tememos achegarnos a esa zona. Asociámolo co dramático, o tráxico, o perigoso. A perda. A morte. Esta, precisamente, resúltanos difícil de imaxinar porque batemos cos límites do descoñecido. E iso provócanos unha sensación de baleiro na medida en que é algo que escapa á linguaxe. Sen palabras das que aganchar resúltanos case imposíbel e fuximos dese lugar.

Pero precisamos vencer esa imposibilidade e imaxinar o inimaxinábel, aínda que nos resulte doloroso. Se os incendios destes días queimaron unha cantidade inmensa do país, precisamos imaxinar o que pode pasar nunha semana, dúas ou tres, xusto nese momento, cando pensabamos que xa pasara todo. Precisamos imaxinar, non que arde unha provincia enteira, senón que arde o país enteiro. E que se aplican medidas iguais ou semellantes, cos mesmos responsábeis que neste momento viven máis preocupados de gardar os seus intereses cós da cidadanía. Si, precisamos imaxinar o inimaxinábel, mobilizármonos e empurrar cívica e pacificamente esta xente fóra do goberno do país. Se non somos quen de imaxinar o inimaxinábel, acabarán pouco a pouco con todo. Até que non quede máis ca terra queimada.”

Mondoñedo é Poesía 2020

Finalistas do Premio Mondoñedo 10, modalidade Narrativa, e composición do xurado

“Apremio-mondonedo-10-2 Asociación “As San Lucas”, en colaboración co Colectivo Mondoñedo É … e o concello de Mondoñedo, creadores dos premios denominados “Mondoñedo10” comunican que, tras a pertinente deliberación do xurado, os títulos finalistas que optan neste ano 2016 ao Premio Mondoñedo10 na modalidade de Narrativa son:

– Begoña Caamaño, Morgana en Esmelle, Editorial Galaxia, col. Literaria, 2012, 220 pp. (ISBN: 978-84-9865-412-7).
Víctor F. Freixanes, Cabalo de ouros, Editorial Galaxia, col. Literaria, 2010, 368 pp. ( ISBN: 978-84-9865-328-1).
Agustín Fernández Paz, Non hai noite tan longa, Edicións Xerais de Galicia, col. Narrativa, 2011, 272 pp. (I.S.B.N.: 978-84-9914-252-4).
María Reimóndez, O club da calceta, Edicións Xerais de Galicia, col. Narrativa, 2006, 272 pp. (ISBN 10: 84-9782-437-7).
Manuel Rivas, Os libros arden mal, Vigo: Edicións Xerais de Galicia, col. Narrativa, 2006, 746 pp. (ISBN: 84-9782-461-X).
Antón Riveiro Coello, Laura no deserto, Vigo: Editorial Galaxia, col. Literaria, 2011, 726 pp. (ISBN: 978-84-9865-395-3).

COMPOSICIÓN DO XURADO
Presidente:
Don Antonio Reigosa Carreiras, Cronista oficial de Mondoñedo.
Vocais:
Don Xosé Henrique Monteagudo Romero, en representación da Real Academia Galega.
Dona Dolores Vilavedra Fernández, en representación do Consello da Cultura Galega.
Don Cesáreo Sánchez Iglesias, en representación da Asociación de Escritores e Escritoras en Linuga Galega (AELG).
Don Luís González Tosar, en representación do Pen Clube Galicia.
Dona María Xesús Gómez, en representación da Asociación Galega de Editoras (AGE).
Dona Pilar Rodríguez Álvarez, en representación da Federación de Librarías de Galicia.
Don Armando Requeixo Cuba, en representación do Concello de Mondoñedo.
Secretario:
Don Fran Bouso. Designado pola organización.

A reunión decisoria do Xurado terá lugar o vindeiro domingo, 16 de outubro ás 12:00 horas.
A entrega do premio á obra que resulte gañadora terá lugar en acto público, salón de plenos da Casa do Concello de Mondoñedo, o mesmo domingo, 16 de outubro, a partir das 17:00 horas.
O premio, que se entregará ao/á autor/a da obra seleccionada, ou en caso de falecemento ou outra causa a un representante designado polos herdeiros ou titulares dos dereitos da obra premiada, consistirá na entrega dun diploma acreditativo e dunha obra artística orixinal de Caxigueiro.

Mondoñedo, 10 de outubro de 2016″

Helena Villar: “Agora xa teño o título de escritora”

Entrevistat1275935622011villar janeiro_helena_20 a Helena Villar en Sermos Galiza:
“Rianxo foi o epicentro en que tivo lugar a homenaxe da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) a Helena Villar, que foi recoñecida co premio Escritora na súa Terra. Conversamos con ela nada máis recibir a Letra E e após plantaren o loureiro elixido por ela propia.
“Metaforicamente era a entrega do meu título de escritora”. Así responde Helena Villar Janeiro cando se lle pregunta como está a vivir a homenaxe á Escritora na súa Terra por parte da AELG. “Agora xa teño a escultura real co E de escritora [unha peza escultórica de Caxigueiro]”, chancea.
“Teño xa o título físico para poder exercer unha carreira, a de escritora, que exercín sen título ningún e hoxe comprométome a seguir profundizando nela. Vou facer 76 anos, parece que estou moi ben de saúde e prometo que vou usar a marabillosa lingua que aprendín dos velliños dos Ancares para seguir escribindo”, sinala en declaracións a Sermos Galiza.
Helena Villar confesa que o acto que está a ter lugar este sábado en Rianxo “dá moita enerxía e pulo para darlle vida ás palabras e para continuar na literatura”. Sente “unha emoción moi grande debido a que os escritores e escritoras decidiran darme o premio e a que o concello, toda a xente, contribuíse de maneira deslumbrante, desde a organización até a composición por parte de Antón Alcalde dunha peza en tres tempos para min”.
A escritora homenaxeada salienta a xenerosidade do concello, “son adoptiva e tratáronme de forma inmellorábel”. Tamén gostou especialmente da interpretación da Rianxeira, “todos cantamos como se fósemos un coro organizado”. “Iso demostra unha unión e un desexo de homenaxear moi grande”, admítenos, emocionada. Aliás, agradécelles “a todos os meus amigos e amigas, non só escritores e escritoras, que viñesen de todas as partes de Galiza para participar na homenaxe. É un agasallo enorme”. “Doulle moito mérito á complicidade do concello, concello entendido como xente e como institución”, conclúe.
Un abrazo de todos a todos
Cesáreo Sánchez, presidente da AELG, salientou na súa intervención a traxectoria de Helena Villar como escritora, “aparte da súa condición, é necesario resaltar a súa achega aos máis novos nunha época en que estaban a abrirse os camiños para que hoxe a colleita da literatura infantil e xuvenil sexa tan fértil”. “Para que hoxe haxa cinco premios nacionais de literatura infantil e xuvenil tivo que haber escritores e escritoras como Helena Villar que abrisen camiño e que sementasen”. “Tamén é de subliñar a súa condición de ensinante en galego naqueles tempos”, engadiu o presidente da AELG.
“Foi como un abrazo de todos a todos”. Así define Cesáreo Sánchez a xornada matinal da homenaxe. “Tamén estamos moi contentos porque aos poucos imos equilibrando a nómina de escritoras dentro dos 22 actos de entrega da Letra E que levamos realizado”, explica, “Helena é a oitava das mulleres ás que se lles dedica esta homenaxe”.
Durante a mañá, tiveron lugar as intervencións da propia homenaxeada, de Cesáreo Sánchez e do alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, así como unha fermosa laudatio de Marica Campo. Colocouse o monólito en homenaxe a Helena Villar e plantouse a árbore elixida pola poeta, un loureiro.
De maneira simbólica a entrega da Letra E tivo lugar no edificio da Casa da Cultura que acolleu as escolas da Primeira República e que antes fora cuartel. “Desta maneira tamén recollemos a traxectoria e biografía dos edificios e do propio país”, afirma o presidente da AELG, quen lle agradeceu ao “Concello no que é tan fácil vivir en galego” a súa colaboración.”

A Escritora na súa Terra: Helena Villar Janeiro. Rianxo, 2016, o sábado 25 de xuño

Helena Villar Janeiro - reversoAt1275935622011villar janeiro_helena_20 Asemblea de Socias/os da AELG aprobou por unanimidade outorgar a Letra E de 2016 a Helena Villar Janeiro. Entregaráselle en Rianxo o 25 de xuño, na que será a vixésimo segunda edición.

Escribir, tirar do fío para dispoñelo en urdas, para pasar a trama, para facer a tea: tecer. Tecer a vida cara adiante como as hedras da clepsidra poboan o tempo que flúe. Tecer a vida cara atrás como quen remonta o río e volve a onde só a palabra recupera os instantes. Recoller palabras de noso, tal abelorios, e nomear o mundo igual que se bordara as formas dos soños que fabula. Tiña que ser así porque Helena medrou entre fíos na xastrería familiar, primeiro ensino, primeiro ateneo, onde se recitaban os clásicos, se interpretaba bel canto e desfilaban historias e personaxes, segundo ela mesma refire.

A Homenaxe O/A Escritor/a na súa Terra, impulsada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), chega en 2016 á súa XXII edición recaendo na figura de Helena Villar Janeiro, que será homenaxeada no Concello de Rianxo, a terra que ela elixiu para vivir os solpores da ría de Arousa.

EstaHelena Villar Janeiro - anverso iniciativa anual conforma xa unha tradición na traxectoria da Asociación, e tense constituído ao longo de dúas décadas como unha celebración na que a terra de orixe ou adopción do homenaxeado/a cobra un protagonismo fundamental. É vontade da AELG honrar escritores/as procurando o contacto directo co autor/a e a súa implicación persoal na xornada de homenaxe. Unha celebración múltiple e popular na que se vén recoñecendo a entidade literaria de insignes figuras das nosas letras, a través dunha serie de eventos como a entrega do galardón Letra E de escritor/a (unha peza escultórica de Caxigueiro), a plantación dunha árbore simbólica (un loureiro elixido pola propia autora) e a colocación dun monólito conmemorativo.

Programa

11:30 h. (Paseo Marítimo no Peirao de Sete Fogas).

Descubrimento do Monólito conmemorativo e plantación do loureiro (árbore simbólica da escritora). Interveñen:

Cesáreo Sánchez Iglesias, Presidente da AELG.
– Adolfo Muíños Sánchez, Alcalde de Rianxo.
Helena Villar Janeiro.

Acto de entrega da “Letra E” (Escola da I República – Cuartel vello) Interveñen:

– Adolfo Muíños Sánchez, Alcalde de Rianxo.
Mercedes Queixas Zas, Secretaria xeral da AELG.
Cesáreo Sánchez Iglesias, Presidente da AELG.
Marica Campo: Laudatio.

Entrega da peza escultórica do artista Caxigueiro.

Intervención da homenaxeada: Resposta á laudatio por parte de Helena Villar Janeiro.

14:00 h. Xantar no Pazo de Rianxiño

Esta actividade conta co apoio de CEDRO (Centro Español de Dereitos Reprográficos), Deputación da Coruña, Consellaría de Cultura e Concello de Rianxo.

Nota: O traxecto desde o Peirao de Sete Fogas até o Pazo Rianxiño pódese facer a pé en 15 minutos.

Helena Villar elixiu Rianxo para celebrar a homenaxe da AELG “A Escritora na súa Terra”

ORianxo20160225CesáreoSánchezHelenaVillarAdolfoMuiños pasado 13 de febreiro a Asemblea de Socias/os da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) aprobou por unanimidade outorgar a Letra E de 2016 a Helena Villar Janeiro. Entregaráselle no marco dos actos de homenaxe que baixo o nome “A/O Escritor/a na súa Terra – Letra E” a AELG vén celebrando desde hai 22 anos; será en Rianxo por decisión da autora, o día 18 do mes de xuño.
Esta iniciativa anual conforma xa unha tradición na traxectoria da Asociación, e tense constituído ao longo de máis de dúas décadas como unha celebración na que a Terra, a través neste caso do Concello de Rianxo, e a propia homenaxeada cobran un protagonismo fundamental, pois é vontade da AELG honrar escritores/as procurando o contacto directo co autor/a e a súa implicación persoal na xornada de homenaxe.
O xoves 25 de febreiro tivo lugar unha reunión de Cesáreo Sánchez co alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, para tratar dos detalles da organización, dado que esta celebración múltiple e popular conta cunha serie de eventos como a plantación dunha árbore simbólica, a colocación dun monólito conmemorativo e a atribución do nome da homenaxeada a un espazo público ou infraestrutura cultural do concello, ademais dun acto de estudo da traxectoria literaria da persoa recoñecida a través dunha laudatio que será feita por Marica Campo, acto que remata coa entrega da Letra E, unha peza escultórica que este ano elabora o escultor Caxigueiro.

Mondoñedo é poesía

DesdeMondoñedo é poesía Fervenzas Literarias:
“Este venres 1 de maio as rúas e prazas de Mondoñedo encheranse de poesía. Mondoñedo é poesía 2015 é unha actividade cultural enmarcada nas Feiras e Festas das Quendas que convoca nesta segunda edición a trece poetas (seis deles mindonienses), tres músicos e arredor de vinte debuxantes que amosarán as súas creacións en diferentes rúas, prazas e espazos da cidade e do Auditorio Municipal “Pascual Veiga” ao longo da xornada.
Mondoñedo é poesía principiará coa actividade de Sketchcrawl Galicia, onde debuxantes e pintores (Xosé Vizoso, Xoán Guerreiro, Eduardo Baamonde, Lucía López, Isabel Seidel, Pelayo López, Julián Ardura, Antón “Caxoto” …) cítanse nunha quedada en Mondoñedo. Percorreran as rúas tomando apuntes ao vivo da cidade e das xentes, que difundirán a través das redes sociais. Lugar de cita ás 11.00 h. no Campo da Feira dos Remedios.
De seguido intervirá o poeta e narrador oral Lois Pérez na entrega de Premios do Concurso de Gando no Campo da Feira.
Xa á tardiña continuará o Sketchcrawl Galicia coa quedada de debuxantes e pintores na Praza da Catedral. Será a partires das 16.00 h.
Dende as 18.00 h. ata as 20.00 h. haberá recitados nas diferentes prazas de Mondoñedo. Na praza da catedral (ás 18.00 h.) interveñen Eduard Velasco, Chus Amieiro e Hermes López. Na praza do Concello ás 18.30 h. estarán Eduardo Estévez, Conce Agrelo e Aladino Montero; e a partires das 19.00 h. Baldo Ramos, Aleixandre Lago Barcala e Luciano do Monfadal estarán na Praza Jaime Cabot. Tamén participará nestes recitais na rúa alumnado de diferentes centros escolares de Mondoñedo.
Pola súa banda as máis cativas e cativos terán un obradoiro aberto de creación con Caxoto Kativo. Terá lugar ás 18.00 h. na Praza Jaime Cabot.
Un dos actos centrais da xornada celebrarase ás 20.00 h. no Auditorio Municipal “Pascual Veiga” co recital Mondoñedo é poesía, onde participan músicos (César Morán, Miro Casabella, Arcadio Mon), e poetas (Luz Pozo, Yolanda Castaño, Lois Pérez, Eduardo Estévez, Baldo Ramos, Aleixandre Lago Barcala, Eduard Velasco e Caxigueiro).
Como colofón a este Mondoñedo é poesía realizarase unha homenaxe a Antonio Noriega Varela polo 120º aniversario da publicación do seu poema” De Ruada” en 1895.
Ao tempo, continuarán as súas actividades na mesma sala os debuxantes e pintores da quedada Sketchcrawl Galicia.
O Festival Mondoñedo é Poesía está organizado polo Colectivo Mondoñedo É… e mais pola Asociación As San Lucas, e conta co patrocinio da Secretaría Xeral de Cultura da Consellería de Cultura e Educación. Colaboran na súa organización o Concello de Mondoñedo, ACIAM Mondoñedo, Casa Penela, Casa de Mañas, CEIP “Álvaro Cunqueiro” e IES “San Rosendo”.”