“Na mesa de debate A crítica literaria en Galicia, no Culturgal 2014″, por Ramón Nicolás

Crónica1416902712731culturgal2014 de Ramón Nicolás arredor do encontro sobre A crítica literaria en Galicia, proposto pola Sección de Crítica Literaria da AELG, desde o blogue Caderno da crítica:
“Resultou, ao meu ver, moi interesante e suxestiva a mesa de debate que se celebrou onte sobre a crítica literaria en Galicia, nun espazo que Culturgal brindou á Sección de Crítica da AELG, organizadora do evento. Os adxectivos veñen ao fío de que o encontro, alén de cumprir co obxectivo de visibilizar a existencia da devandita sección, posibilitou un intercambio de opinións, de perspectivas e puntos de vista sobre parte da crítica que se fai en Galicia e, ademais, tal e como desde o Culturgal se sinalou, contribuíu a desvelar as caras da crítica, cando menos algunhas delas.
A intervención inicial, que correspondeu a Roberto Pascual, comezou facendo referencia ao feito de que a tarefa crítica non remata na lectura individual. Ao seu ver, a crítica, entendida como creación, posúe unha función que vai máis alá do factor puramente mediador e informativo, engadindo que no caso da crítica teatral posúe a especificidade dun ámbito receptor particular que, no caso das críticas a espectáculos, se estende ás compañías teatrais e mais ao ámbito pedagóxico. Non faltaron as referencias á marxinalidade da crítica teatral nos medios, salientando a relevancia do papel que desempeña neste ámbito unha publicación como é a Revista Galega de Teatro.
Montse Pena, que viña tamén de presentar a revista dixital Criaturas, dirixida por Ledicia Costas e Daniel Landesa, da que forma parte do consello da redacción e que recomendo vivamente visitar, articulou a súa intervención partindo dunha posible definición da práctica crítica, acreditando na persecución dun obxectivo como é o de realzar a función estética do que se escribe e comunica. Nucleou, asemade, o seu discuso no que atinxe á crítica da LIX, sendo consciente de que escribe para persoas mediadoras e non directamente para a infancia. Concluíu, tras a referencia cumprida de onde ler crítica de LIX en Galicia, abrazando a intención de se presentar como unha “incitadora a ler”, lectura que debe ser inoculada, claro é, coa sedución pois tal e como Pennac deixou dito: “o verbo ler, como o verbo amar, non soporta o imperativo”.
Mario Regueira, pola súa parte, centrou boa parte da súa intervención en compartir unha reflexión sobre a autonomía real da crítica en Galicia, aludindo á súa propia experiencia como crítico, con periodicidade semanal nos dous últimos anos desde as páxinas de Sermos Galiza, e o que isto conleva como a procura dunha representación paritaria no que se refire a xéneros literarios e non só. Ao tempo, insistiu na necesidade de realizar unha autocrítica desta ocupación, apelando á necesidade de obxectividade e argumentación no traballo crítico, algo ben difícil -sobre todo o primeiro- ao facelo nun país non que non é difícil atoparse, antes ou despois e indefectiblemente, a quen se critica.
Lara Rozados fixo un repaso pola filosofía de traballo da plataforma de crítica literaria feminista A Sega, plataforma que abraza o feminismo como marco de traballo e perspectiva de análise. Rozados desvelou parte dos obxectivos que se perseguen colectivamente como son “okupar” o espazo crítico para encher invisibilizacións nun ámbito dominado polo patriarcado, intervir con actividades que xeren debate e poñer en cuestión temas e perspectivas.  Aludiu, asemade, á dinámica interna e colaborativa das publicacións da plataforma que pasan con anterioridade por un proceso horizontal de peneira, comentario e debate interno antes de saír á luz: un modelo que posibilita un proceso de aprendizaxe e debate para ir tecendo redes neste ámbito. Concluíu explicando o sentido de iniciativas como Día das Galegas nas Letras e os contidos que ata agora se deron coñecer na devandita plataforma.
Un diálogo, tamén enriquecedor, entre o público asistente e as persoas participantes pechou un acto que, de podermos desde a Sección de Crítica da AELG, repetiremos se se dá a ocasión. Grazas a todas e todos por compartir experiencias e reflexións.

A Sección de Crítica da AELG no Culturgal

A1416902712731culturgal2014 Comisión Xestora actual da Sección de Crítica da AELG, coa intención de visibilizar a súa existencia e dinamizar as súas actividades, decidiu propor un encontro onde se lles dese voz a diferentes persoas, pertencentes ou non á propia sección pero representantes da práctica da crítica literaria galega en diferentes plataformas, medios e xéneros. Culturgal, a quen lle agradecemos a predisposición tan positiva que desde o primeiro momento prestou a esta iniciativa, será o espazo que acollerá esta mesa redonda que contará cunha breve participación de cada unha das persoas convidadas para logo abrirse ao debate co público asistente.

As persoas que foron convidadas a expor as súas experiencias no ámbito da crítica desde as súas particulares perspectivas, e que igualmente aceptaron con entusiasmo o convite, serán Lara Rozados -representante da plataforma dixital de crítica literaria feminista A Sega-, Montse Pena Presas -como especialista en crítica de literatura infantil e xuvenil e colaboradora no “Faro da Cultura”-, Mario Regueira -crítico literario en Sermos Galiza– e mais Roberto Pascual, como representante da crítica teatral e colaborador en numerosas revistas teatrais. Ramón Nicolás será o moderador e presentador desta actividade.

Esperámosvos neste acto aberto.

Pontevedra: Presentación do número cero da revista dixital de Literatura Infantil e Xuvenil Criaturas

OCriaturas sábado 6 de decembro, ás 13:30 h., no Pazo da Cultura de Pontevedra, dentro das actividades do Culturgal, terá lugar a presentación ao público do número cero de Criaturas, a nova revista dixital galega especializada en Literatura Infantil e Xuvenil.
No acto estarán Xabier P. DoCampo, Montse Pena Presas, Ledicia Costas, Daniel Landesa e Laura Sáez. Será un pracer contar con todas e todos vós e poder celebrar o nacemento desta criatura.

Pontevedra: programa de actividades do Culturgal 2014

PROGRAMA-CULTURGAL-2014

O Diario Cultural da Radio Galega gaña o Premio do Público Culturgal 2014

DesdeCulturgal Culturgal:
“O programa da Radio Galega, Diario Cultural, que dirixe a xornalista e poeta Ana Romaní, fíxose co Premio do Público Culturgal 2014. Desde o pasado 30 de outubro até o 18 de novembro os e as internautas puideron votar a través da web de Culturgal entre tres candidaturas: Diario Cultural, Cineuropa e o Salón de Cómic Viñetas desde o Atlántico. Finalmente o programa da Radio Galega obtivo 361 votos, o festival de cine compostelán 269 e o salón de banda deseñada da Coruña, 171. (…)
Recoñecer un proxecto cultural destacado no ámbito social a través da participación popular é a finalidade do Premio do Público Culturgal. Para seleccionar as tres candidaturas finais valoráronse especialmente por parte das asociacións que forman parte de Culturgal aquelas propostas que se relacionan directamente coa sociedade civil e fomenten a súa implicación.
O diploma acreditativo do Premio do Público será entregado nun acto festivo o domingo 7 de decembro ás 17:00 h., dentro da programación Culturgal 2014.”

Arrinca o Culturgal 2014 con Manuel Bragado como presidente

Desde Sermos Galiza:
“O editor Manuel Bragado é o novo presidente dun Culturgal que comeza a prepararse con importantes novidades como novos patrocinios -en especial do ámbito empresarial-, máis profesionais e un espazo dedicado á gastronomía. (…)
Como nas anteriores edicións, a sétima Feira das Industrias Culturais desenvolverase no Pazo de Cultura de Pontevedra do 5 ao 7 de decembro. Novidade deste ano será o pagamento obrigatorio dunha entrada de baixo custe, 2 euros para maiores, 1 para público infantil, ademais dun bono de 4 euros, no camiño da “corresponsabilidade” inaugurado na pasada edición cunha entrada voluntaria.
Polo demais, a feira, que convocou en decembro do 2013 a máis de 14.000 persoas ofrecerá novos espazos temáticos, unha maior participación profesional e máis patrocinios. Por vez primeira, a gastronomía terá un espazo específico reservado con novidades literarias, musicais e das artes escénicas relacionadas co mundo da cociña.
Para o 2014, o Culturgal buscará ampliar aínda máis o número de oitenta e unha entidades expositoras que participaron na anterior edición e, alén de ser escaparate do novo xeito de operar das industrias culturais, ser tamén escenario de estreas e novos proxectos.
Estreitar vínculos con asociacións de profesionais dos distintos ámbitos da cultura será tamén un dos camiños nos que afondará Culturgal de cara a súa próxima edición, cun especial fincapé na creación de espazos de encontro de profesionais e axentes que participan na actividade cultural.”

Premios Fervenzas Literarias para Os mellores libros do 2013

Desde Fervenzas Literarias:
“Tras pechar o día 15 de xaneiro o prazo de votacións temos, un ano máis, os resultados onde as lectoras e os lectores de Fervenzas Literarias decidiron o que ao seu xuízo foi o mellor do 2013. En total, este ano recibimos 439 enquisas.
Con esta edición, son xa sete as convocatorias onde os lectores amosan a súa voz para reflectir os seus gustos e as súas preferencias literarias.
Desde Fervenzas Literarias queremos agradecer unha vez máis a vosa participación e o voso interese en participar.
Agradecer igualmente á Federación de Libreiros de Galicia por colaborar, un ano máis, con este iniciativa.
E agora os resultados… Os nosos parabéns aos premiados e premiadas…

– Mellor libro de Narrativa de adultos para Cadeas, de Xabier López (Xerais).
– Mellor libro de Poesía para Sobre ruínas, de Xesús Rábade Paredes (Alvarellos).
– Mellor libro de Ensaio para Feminismos de Olga Castro e María Reimóndez (Xerais).
– Mellor libro de Literatura dramática para Isóbaras, de Gustavo Pernas (Xerais).
– Mellor libro de Banda Deseñada para Operario, de Jano (Demo).
– Mellor libro traducido ao galego para adultos para Ulises, de James Joyce, por Eva Almazán, María Alonso Seisdedos, Xavier Queipo e Antón Vialle (Galaxia).
– Mellor libro xuvenil para Nubes de evolución, de Andrea Maceiras (Xerais).
– Mellor libro infantil para Un rato díxolle á lúa, de Antonio García Teijeiro, ilustrado por Xosé Cobas (Xerais).
– Mellor libro traducido ao galego para público infantil e xuvenil para A evolución de Calpurnia Tate, de Jacqueline Kelly, traducido por Carlos Acevedo (Faktoría K).
– Autor do ano para Xabier López.
– Ilustrador do ano para Manel Cráneo.
– Mellor portada dun libro para adultos para A lúa da colleita (Galaxia).
– Mellor portada dun libro para público infantil e xuvenil para Pan de millo (Kalandraka).
– Mellor editorial para Xerais.
– Mellor crítico/a para Ramón Nicolás.
– O mellor acontecido para o Culturgal.
– O peor acontecido para os recortes en Cultura.
– Mellor Libraría para Andel.
– Mellor medio de comunicación para Praza.
– Mellor blog para Caderno da crítica, de Ramón Nicolás.”