Casa das orfas, de Emma Pedreira, por Andrea Nunes Brións

Artigo de Andrea Nunes Brións para A Sega:
“Hai lecturas que nos atravesan, que aparecen nun momento dado, e que adquiren maior significado co tempo facendo que acudamos a elas para non nos asfixiar.
A poesía ten iso que nos engancha, que nos abruma ou libera segundo o noso estado anímico. Non hai moitos meses, aconteceume isto a min, cando me deu por fuxir da individualidade e dei por volver ao colectivo instalándome en casas amigas que me acolleron cos brazos e os andeis abertos.
Nesa aperta de libros caeron nas miñas mans varios poemarios de Emma Pedreira e tiven que acudir a eles unha e outra vez durante un tempo, quen sabe se buscando esa liberación ou para me cegar con eles.
Botei especial freo nun, que non lembraba ter lido anteriormente. E parei tempo nel: Casa das orfas, repetindo os poemas unha e outra vez, quizais porque intuín certo anacronismo da miña propia experiencia.
Intencións, versos e unha casa en carne viva. Onde a pel se desarma para acoller outras peles, onde a casa é case corpo (e así arde).
Porque Virginia Woolf, sabíao, os espazos libérannos e tamén nos apresan, represéntannos dalgún xeito. E aquí cohabitamos con Morganas, Heloísas, Penélopes, Xoanas, Xenebras ou mulleres de Chihuaca.
Na casa das orfas, podemos atopar cartografías de ausencias a percorrer os armarios, as ruínas e cinzas baixo as unllas, o medo a sobrevivir ao poema sobre o fregadeiro e o desexo na sala de estar.
Ás veces encistámonos como feridas ás paredes que din protexernos, tantas outras a casa é capital de dor, xermolo de violencia, e outras tantas a casa só é que me abras o corpo…
Así o poema vai transcribindo as casas todas, con armas e dentes, creando manifestos que dislocan ósos e músculos para facer sitio ao que vén.
E o que vén, compañeiras, desde esta colectividade que reivindicamos agora máis que nunca, fará que para sempre deixemos de nos sentir orfas.”

A Coruña: obradoiro literario dirixido por Emma Pedreira

Desde a Biblioteca Pública Miguel González Garcés da Coruña:
“- Obradoiro literario dirixido pola coruñesa Enma Pedreira Lombardía, licenciada en filoloxía hispánica con ampla experiencia en talleres literarios. Unha das poetas máis prolíficas e premiadas da xeración dos 90, autora tamén de narrativa e outras obras colectivas.
– Programa: Obradoiro da escrita creativa con xogos de lectura e escrita lúdica. Lectura, análise e interpretación de textos. Retórica e figuras literarias. Exposición de textos creados in situ (haikus, cadáver exquisito, poemas visuais, caligramas). Ler e recitar.
– Datas: os xoves de maio e xuño, de 16:45 h. a 18:45 h.
– Destinatarios e prazas: maiores de 18 anos. 20 prazas. Terán preferencia os socios da biblioteca.
– Información na propia Biblioteca, chamando ao tel. 981170218 ou enviando un correo electrónico a bppmgonzalezgarces@xunta.es.
– Inscrición: de forma presencial no mostrador da entrada (planta baixa) ou cubrindo esta solicitude, exclusivamente a partir do martes 23 de abril ás 10:00 h., ata o domingo 5 de maio ás 24:00 h. Cada persoa só pode cubrir unha solicitude.
– A adxudicación de prazas pode ser:
. Directa, no caso de que a demanda non supere o número de prazas dispoñibles.
. Por sorteo, no suposto de que o número de solicitudes supere o número de prazas dispoñibles.
– Só nos poñeremos en contacto coas persoas admitidas.”

Parlamento das Letras: Emma Pedreira

Entrevista de Armando Requeixo a Emma Pedreira no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Emma Pedreira (EP): Non creo que falte nada porque non tratamos de facer unha comparativa nin unha competencia con ningún outro sistema literario. A literatura galega é para min un absoluto, un principio e un fin en si mesma e, se cadra, nesa cerrazón si existen vezos e grallas a ter en conta, como o embiguismo, o ensimesmamento e endogamia e, talvez, unha profunda afectación —sobre todo no eido da poesía—. Se teño que buscar algo que falte realmente é a proxección e a promoción exterior de máis autores, o que aumentaría a nosa visibilización e poder entrar a compararnos con outros sistemas literarios. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– EP: Penso que hai de todo, como en cada momento e en cada lugar, hai negras sombras, cansazo, crebas doutros tempos, mortes súbitas de proxectos consolidados e estancamentos, pero sempre digo o mesmo: se hai ganas, hai futuro. E as ganas, o interese, a loita, vense a cada paso. (…)”.

A Coruña: recital de Emma Pedreira e Carole David no Ciclo Poetas Di(n)versos

O luns 10 de decembro, ás 20:30 horas, no Auditorio do Centro Ágora (Rúa Ágora, s/n) da Coruña, terá lugar unha nova edición do Ciclo Poetas Di(n)versos, coordinado por Yolanda Castaño e promovido pola Concellaría de Cultura da Coruña, cun recital de obra propia nun man a man de Emma Pedreira e a poeta francófona quebequesa Carole David: DINVERSOS- Folleto 3 2012-12.

Carral: entrega do Premio de Poesía Concello de Carral a Roi Vidal e presentación do Libro das mentiras, de Emma Pedreira

O venres 25 de maio, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura de Carral (Rúa do Paleo, 17), entrégase o Premio do XV Certame de Poesía Concello de Carral a Roi Vidal Ponte, tendo lugar tamén a presentación do Libro das mentiras, de Emma Pedreira, gañador da edición do 2011. No acto, xunto aos autores, participa José Luis Fernández Mouriño e Miguel Anxo Fernán-Vello.

Roi Vidal Ponte gaña o XV Certame de Poesía Concello de Carral

Roi Vidal Ponte (Santiago de Compostela, 1982), coa súa obra Teatro resultou gañador do Concurso de Poesía Concello de Carral do presente ano. O xurado resalta da obra gañadora a súa linguaxe coidada e provocativa, con moita propensión ao minimalismo, xogando cos silencios e creando rasgaduras sen chegar ao melodrámatico. O libro mantén en todo momento atrapado ao lector, convertíndoo nun espectador activo, nun vouyeur. Formaron parte do xurado deste edición do certame Emma Pedreira, Antía Otero e Luciano Rodríguez Gómez, baixo a presidencia da Concelleira de Cultura, Isabel López Pérez, e asistidos en calidade de secretario, polo técnico municipal de Cultura e coordinador do premio, Carlos Lorenzo Pérez. Ao certame presentáronse un total de 40 libros. O premio de Carral está dotado con 2000 euros e a publicación da obra na colección de poesía de Edicións Espiral Maior. O acto de entrega do premio terá lugar o 25 de maio, na Casa da Cultura de Carral, dentro da programación de Letras Galegas 2012. O mesmo acto servirá para a presentación do poemario que gañou na pasada edición, Libro das mentiras de Emma Pedreira. Para a publicación do libro o Concello de Carral contou coa colaboración económica da Secretaría Xeral de Política Lingüística.