Compostela: “Asaltos! á letra: divulgación”

O 9 de novembro, ás 17:30 horas, no Auditorio Neira Vilas (Biblioteca de Galicia, na Cidade da Cultura), terá lugar “Asaltos! á letra: divulgación” (a reserva pode facerse aquí):
“Desde Internet, a televisión, a edición, a radio, a libraría ou o xornal, o sector do libro loita por facerse visible, audible ou simplemente comprensible.
Tres destas figuras da divulgación cultural e literaria medirán as súas forzas verbais neste ring que pretende achegar unha visión desde dentro e fóra dos retos que a lectura ofrece no aquí e no agora, no alí e no despois.
Modera: Francisco Castro, editor, escritor e director de Galaxia. Púxiles:
Ramón Nicolás, crítico literario e creador do blog Caderno da Crítica
– Óscar López , xornalista cultural especializado en literatura, ideólogo do programa de TVE Página 2.
– Alejandra de Diego Lata, dinamizadora cultural e unha das propietarias da libraría Berbiriana, na Coruña.”

Francisco Castro: “A literatura é unha actividade política”

Entrevista de María Obelleiro a Francisco Castro en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Nesta novela [Iridium] fala do dereito a vivir e a soñar das persoas con dano cerebral adquirido e da súa realidade que, xeralmente, non transcende á opinión pública. Con que obxectivo a escribe?
– Francisco Castro (FC): O obxectivo primeiro é escribir un bo libro, iso sempre, é dicir, o primeiro que lle pido, como editor, a calquera que me presenta un libro é que sexa un bo libro e o primeiro que me esixo a min como escritor é facer unha boa novela, independentemente de que despois, ademais, busque cousas. Creo que a literatura é unha actividade política. Non creo quen di que fai literatura como simple entretemento, aínda que a literatura tamén sexa entretemento. Adoptar esa posición de “eu fago literatura e non me comprometo con nada, non trato temas delicados e non me posiciono” é tamén unha maneira de facer política. Falo aquí de política no seu sentido máis grego, polis, cidadanía, e a min interésame moito, con este libro, transmitir a idea de que por riba das etiquetas hai persoas. As persoas con dano cerebral adquirido adoitan ser invisíbeis ou están colectivizadas. Esta é unha novela que fala dunha persoa que se comporta como unha persoa: namora, cabréase, decepciónase, ilusiónase… Fai todo o que fai calquera persoa e resulta que, ademais, ten dano cerebral. Por iso non é gratuíto que eu a converta nunha raíña de Instagram. (…)
– SG: Estamos diante dunha novela que convida a reflexionar.
– FC: Gosto moito de escoitar isto porque é algo que me están formulando lectoras a través das redes sociais. O outro día dicíanme: “Cría que non tiña prexuízos sobre esa cuestión [o dano cerebral adquirido] e teño prexuízos; acabo de detectalos ao ler o teu libro”. Este libro ten moito de fábula, ten unha certa moralexa. Ademais da historia en si, insisto en que quero que a novela atrape, que non poidas parar de ler, quero que cando feches o libro te cuestiones certas cousas que hai na túa cabeza e, ao mellor, non sabías nin que estaban aí. Esta novela quere abordar a sexualidade e o amor na discapacidade que, en xeral, é un tema tabú. (…)”