Víctor Freixanes: “É un erro reducir Carvalho á polémica ortográfica, iso oculta a montaña”

Entrevista a Víctor Freixanes en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Que destacaría dunha personalidade tan multifacética como a de Ricardo Carvalho Calero?
– Víctor Freixanes (VF): Todo. É unha eiva reducir Carvalho Calero á polémica ortográfica dos últimos anos da súa vida. Esa é unha cuestión importante, pero que oculta unha vida riquísima, desde a súa incorporación como estudante moi novo ao Seminario de Estudos Galegos nos anos 20, até o final dos seus días. A súa vida é unha crónica do galeguismo, como o ano pasado con Antonio Fraguas, que presentaba iso doutra maneira.
Carvalho Calero é a ilusión e o entusiasmo desa mocidade da República, cando participa con Lois Tobío naquel borrador de Estatuto de Autonomía federal. É a represión, a traxedia da Guerra Civil, a cadea, aquilo que chamamos o exilio interior, que caracteriza esa época e aquel grupo de resistentes que foi a editorial Galaxia, onde Carvalho se integra moi especialmente. Antonio Fernández, quen lle dá traballo en 1950 até 1965 no colexio Fingoi de Lugo, é un dos fundadores da editorial. A súa relación con Ramón Piñeiro, con Francisco Fernández del Riego, con Xaime Isla Couto… Son os que lle encargan ademais a Historia da Literatura Galega Contemporánea e a Gramática Elemental do Galego Común, pensando que podía empezar a traballarse o galego en certos niveis de ensino.
Carvalho é un disciplinado militante da causa, así como un creador literario, que sempre se sentiu fundamentalmente poeta. Pero como home disciplinado que era ao servizo dunha causa, a da lingua, a cultura e a identidade nacional da Galiza, aceptou o papel de construtor de todos eses edificios dos que falabamos antes, moi fundamentalmente da súa Historia da Literatura, que é un monumento.
– ND: Carvalho definíase como poeta, incluíndo niso a dimensión dramática e épica. Ten un libro predilecto nesta faceta?
– VF: O meu libro preferido de Carvalho, con toda sinceridade, é a Historia da Literatura. Pero por que? Pois porque eu fun alumno del. Cando chegamos á universidade a finais dos 60, moi militantes e implicados co galeguismo, antifranquistas e todas esas cousas, tamén moi novos e desinformados, Carvalho Calero nas súas aulas ordenaba o coñecemento. Un profesor ten que prender a chispa da curiosidade nos alumnos e, despois, xerarquizar a información e abordar todo iso desde un distanciamento obxectivo. El cumpría isto, cunha metodoloxía documentada que facía extraordinariamente útil todo o que nos daba.
Era un home moi cordial e respectuoso connosco, quizais distante nun primeiro achegamento, pero eu débolle a orde en todo aquel caos (ou descoñecemento), cheos de tópicos como estabamos. Ese recordo do profesor explicando Rosalía, Cabanillas, as Irmandades… Todo iso deixounos o coñecemento e a realidade do país. Viaxar pola lingua, pola historia da literatura e da cultura, é viaxar pola propia sociedade, polos seus momentos de esplendor e decadencia, de soños e fracasos. Esa crónica, sen necesidade de grandes retóricas, era o que recibiamos nas clases. Ese libro resume moi ben a miña memoria del, o que non quita que volvese recentemente á súa poesía, dun galego culto e literario. Fronte a escritores como Neira Vilas ou Lamas Carvajal, que alimentan a lingua de aldea, el, que era un urbanita, constrúe o seu galego desde a tradición literaria. Iso nótase moito na obra.
– ND: O reintegracionismo que, segundo comentaba, ocultou outras dimensións do autor, atrasou, como teñen denunciado varios colectivos, as Letras de Carvalho?
– VF: Non sei se foi ese tema, seguramente tamén. Ao final el tivo unha serie de desencontros cos compañeiros de xeración e iso influíu moito na consideración da súa figura. Tamén foi chegando á Academia unha nova fornada, algúns alumnos del, outros máis novos, que miran con máis tranquilidade e distanciamento estas cuestións. Porén, o que a Academia celebra non é unha polémica, respectando as posicións de cadaquén, senón unha figura rica, chea de contribucións á nosa literatura e sen a que non se poden entender moitos aspectos das Letras Galegas contemporáneas no plano da investigación e da crítica, mesmo no da creación. Creo que é un erro centrar o debate na cuestión ortográfica, porque oculta a montaña. (…)”

Recuperada, logo de máis de medio século de esquecemento, a novela inédita de Méndez Ferrín Os corvos, a figueira e a fouce de ouro’

Desde a Universidade de Vigo:
“Tres libros de Mao-Tse-Tung; dúas revistas sobre Cuba; un libro sobre Hô-Chi-Minh; o poemario Os nenos do Vietnam de Farruco, pero sobre todo tres exemplares da súa novela inédita de corenta e unha páxinas e asinada co seudónimo de Laín Feixóo, Os corvos, a figueira e a fouce de ouro, custáronlle a Xosé Luís Méndez Ferrín ser detido, xulgado e encarcerado, durante case dous anos, por un suposto delito de propaganda ilegal. Corría o ano 1969 nunha España na que se decretara o estado de excepción, e aínda que o autor, na súa primeira declaración no mes de xaneiro na comisaría de Vigo, no proceso iniciado polo Tribunal de Orde Pública, manifestou que se trataba dunha ficción alegórica, baseada en feitos reais, e que nunca pensara en publicar, a sentenza, que inclúe un detallado repertorio de fragmentos tirados da novela, condenou ao escritor por un delito de propaganda ilegal. Cumpridas as penas de prisión ás que Ferrín foi condenado, primeiro no centro penitenciario de dilixencias de Vigo e posteriormente na colonia penitenciaria de El Dueso en Santoña, os tres exemplares, así como a tradución encargada a Francisco Fernández del Riego polo xuíz instrutor do Tribunal de Orden Público, de Os corvos, a figueira e a fouce de ouro, caeron no esquecemento.
Transcorreron, dende entón, máis de 50 anos, ata que o docente e investigador da Universidade Vigo Fernando Ramallo, logo dunha conversa co propio Méndez Ferrín en marzo de 2018, inicia un proceso que culmina a finais de 2019 coa localización, primeiro, e a restauración, posteriormente, da obra inédita do escritor ourensán. “Pasados máis de cincuenta anos, a novela que serviu como proba para a acusación e que levou a Xosé Luis Méndez Ferrín a prisión permanece inédita e durante todo ese tempo, formou parte da documentación relacionada co caso nos fondos do que actualmente se coñece como Centro Documental da Memoria Histórica, dependente da Secretaría de Estado de Cultura con sede en Salamanca”, detalla Ramallo, que a finais de 2018 recibiu a confirmación de que a novela fora localizada. Non obstante, as noticias non eran de todo boas: co paso dos anos, a obra quedara convertida nun bloque compacto por efecto da humidade, o que tamén derivara na presenza de microorganismos diversos como fungos ou insectos, razóns polas que o equipo de restauración do Archivo Provincial de Salamanca desaconsellaba por completo a súa manipulación.
Dedicada a “O Piloto, derradeiro guerrilleiro e Galicia, abatido a tiros en Belesar (Lugo) no ano 1954. Na memoria de Foucellas, Ponte, Raul, Bailarín, Curuxás e tódolos xefes guerrilleiros que defenderon o honor, a liberdade, a democracia da NACIÓN GALEGA e morreron”, da novela Os corvos, a figueira e a fouce de ouro unicamente transcenderan ata entón os fragmentos recollidos na sentenza contra Ferrín e nos que se suceden as referencias explícitas ao antifascismo, á democracia, á revolución, aos maquis galegos asasinados, á Falanxe, ao republicanismo, á relixión ou ao nacionalismo galego. Unha vez localizada en Salamanca e confirmado o deterioro que sufrían as copias e a tradución da obra, o seguinte paso estaba claro.
“Informóusenos de que o proceso de restauración tería que ser tramitado perante o Arquivo Histórico Nacional, e que, de aceptarse suporía un logo período de tempo. A nosa resposta foi insistir na opción de restaurar o manuscrito máis aló da demora temporal que iso puidese carrexar e para achegar máis consistencia á solicitude, informamos da relevancia da obra literaria de Xosé Luis Méndez Ferrín, cunha explícita referencia a súa candidatura ao Premio Nobel de Literatura en numerosas convocatorias”, detalla, o tamén director da Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo, Fernando Ramallo. Tras a confirmación, en xuño de 2018, de que a obra fora finalmente enviada ao Laboratorio de Restauración del Archivo Histórico Nacional, o proceso de recuperación dilatouse ata mediados de setembro de 2019, e dous meses despois “recibimos as imaxes dixitais solicitadas, incluída a totalidade das relacionadas coas dúas copias da novela e unha copia da tradución, o que nos permitiu o labor de estabilización do manuscrito, isto é a súa edición”, explica Ramallo.
O “rigor e exhaustividade” do traballo de restauración do Archivo Histórico Nacional, non puido, non obstante, impedir que partes das dúas copias da novela fosen irrecuperables. A pesar desta circunstancia, “decatámonos dunha extraordinaria casualidade, sen a cal, o noso traballo de estabilización tería sido moito máis feble. Os dous exemplares estaban danados en partes próximas, especialmente na metade superior de cada unha das follas, mais en lugares diferentes. Esta ‘complementariedade’ dos fragmentos irrecuperables permitiunos unha edición sobre a que apenas tivemos que deixar partes en branco, por seren ilexibles nos dous textos”, detalla Ramallo. Pero por se esta “complementariedade” das copias non fose “un feito extraordinario en si mesmo” asegura o docente e investigador, na meirande parte dos fragmentos nos que era imposible a recuperación a partir dos manuscritos, puido recorrerse á tradución de Del Riego, que apenas se viu afectada polos microorganismos, que si danaran as follas nas que Méndez Ferrín mecanografara a súa novela.
Con apenas unha poucas palabras que non foi posible clarexar, a novela transcribiuse completamente, acordándose ademais co autor facer unha transcrición literal, respectando integramente os fragmentos perfectamente lexibles nos manuscritos, estivesen ou non de acordo coa normativa actual e marcando con cores diversas as partes construídas, incluídas as tomadas da tradución.
Rematado este traballo, do que Fernando Ramallo dá conta exhaustivamente no artigo “De arquivos, memoria e literatura política: a recuperación da novela Os corvos, a figueira e a fouce de ouro de Xosé Luis Méndez Ferrín”, que se publicará en A Trabe de Ouro, o investigador anima ao seu autor a que faga pública a novela. “Na nosa opinión, o texto, alén do seu innegábel valor literario, ten un valor histórico de primeira magnitude, polo que animamos ao seu autor a que a faga pública. Confiamos que así sexa, porque a súa publicación será o punto final da restauración e, asemade, Galicia quedará agradecida”, asegura Ramallo.
O docente tamén agradece e recoñece o traballo desenvolvido polos arquivos, “polo seu labor central na preservación, coidado e mantemento de todo tipo de documentación”, e para os que pide que non se escatimen esforzos públicos no seu fortalecemento.”

Calidoscópico Carvalho, após trinta anos

Artigo de Irene Pin en Nós Diario:
Ricardo Carvalho Calero faleceu o domingo 25 de marzo de 1990. Por iso, como naquela altura -igual que acontece con esta cabeceira- nas segundas feiras non saían os xornais, as necrolóxicas non apareceron até a terza feira seguinte. Nelas, persoeiros como Carlos Casares, Constantino García ou Domingo García-Sabell loubaban a figura. Trinta anos despois do seu pasamento, Calero recupera a actualidade coa dedicación do Día das Letras Galegas.
“Carvalho Calero foi o maior e mellor polígrafo da súa xeración”, ditamina María Pilar García Negro, afirmación que cobra todo o sentido se analizamos as seis décadas de vida nas que o ferrolán combinou produción literaria e investigación científica, na estela dos que foran os seus mestres, como Ramón Otero Pedrayo. A segunda dimensión, que a investigadora trata en Ricardo Carvalho Calero. A ciencia ao servizo da nación, recentemente reeditado por Laiovento, arrincou sorprendentemente cedo, xa con colaboracións na época de estudante en publicacións como A Nosa Terra ou Nós.
A Guerra Civil sorprendeu Carvalho Calero en Madrid, que foi incorporado ao exército republicano como oficial, pasando por Valencia e Andalucía, onde sería detido e xulgado “por adhesión á rebelión” a 12 anos e un día de reclusión. En 1941 retornou a Ferrol coa obriga de se presentar ante á autoridade militar periodicamente.
Após o “terríbel hiato” e malia as difíciles condicións dos anos seguintes, retoma o seu labor “cunha fe enorme na existencia do pobo galego e na necesidade de continuar significando a súa cultura”, explica García Negro. Da recuperación da dedicación intelectual xorden múltiples artigos quer na Galiza quer na emigración, así como toda unha serie de resultados entre os que García Negro cita, por dar algúns exemplo, a súa tese de doutoramento, o discurso de ingreso na Real Academia Galega ou a preparación da obra completa de Ramón Cabanillas. Director do colexio Fingoy de Lugo desde 1950, traballa arreo para desenvolver unha experiencia pedagóxica no centro.
Calero publicou en Galaxia a Historia da Literatura Galega Contemporánea, o seu macroproxecto profesional, en 1963. Trátase dunha obra que “aínda non foi superada”, comenta Xoán Costa, bo coñecedor da traxectoria do ferrolán. Nela fixo un descomunal exercicio de síntese con absoluto rigor científico, incluíndo auténticos modelos de ensaio literario. Ademais, formulou a definición fundamental da propia literatura galega baixo o criterio básico de “escrita en galego”. Así, “Valle-Inclán ou Torrente Ballester non forman parte dela, por máis que sexan galegos de nacemento”, explica Costa.
A realización non estivo exenta de dificultades, pois as malas comunicacións da cidade de Lugo, onde residía, complicaron o proceso, o que se reflicte na correspondencia que mantiña con Fernández del Riego, o seu principal enlace con Galaxia naquela altura. O resultado serviría de base para a revisión que a Asociación Socio-Pedagóxica Galega desenvolveu en fascículos en colaboración con A Nosa Terra.
Após o paso por Lugo, en 1965 incorpórase como profesor de Lingua e Literatura Galegas na Universidade de Compostela. En combinación coa docencia, desenvolve estudos nos eidos lingüístico e literario. Desta época parte a Gramática Elemental del Gallego Común (1966), obra que tivo moito uso, como constatan as sete reedicións feitas até 1979. Esta foi fundamental á hora de estabelecer un “criterio normativo de mínimos”, que definiría o uso da ortografía galega. A pesar da constatación lingüística de que galego e portugués son un mesmo sistema lingüístico, “Carvalho foi utilizado como lanza”, di Costa, para separar as dúas posturas enfrontadas. Mentres as partidarias da norma oficial o acusarían de propiciar o afastamento, desde parte do movemento reintegracionista pretendían ir máis lonxe.
Aínda que as circunstancias o levaron a consagrarse á produción ensaística e investigadora, “Carvalho sempre se reivindicou como poeta”. Porén, é este aspecto da súa produción unha das súas facetas menos coñecidas. A comezos deste ano vía a luz Beleza, Verdade, un libro no que Pilar Pallarés recolle a poesía do que fora o seu mestre.
Non era a primeira vez que Pallarés escolmaba a obra poética de Carvalho Calero. Xa en 1992, por encarga da sociedade Valle-Inclán, editou o volume Fillo de Eva. Esta supuxo para ela “unha descuberta” desta cara máis descoñecida, mais que chegaría a admirar profundamente. Cando Antón Lopo lle encargou para Chan da Pólvora unha segunda antoloxía (aínda non por motivo das Letras Galegas), “parecíame difícil facer unha escolla diferente”, comenta.
Pero a distancia, a perspectiva dos anos, déixase ver nas decisións que se agochan tras este novo libro. Dunha banda, desde a posición creadora, optou agora por respectar os desexos do profesor, recollendo só o que na década dos 80 el mesmo editou. “Non son ninguén para seleccionar de maneira diferente a como o fixo el”, confesa Pallarés.
Doutra banda, fronte á primeira antoloxía, en Beleza, verdade “descubrín un Carvalho autor de poesía de carácter político”. Na primeira escolma, di Pallarés, “talvez pola xuventude, deixeime levar por liñas de fondo moi contundentes”. Así, fixo caso das definicións de Carvalho da súa propia poesía recollida en textos en prosa, como o publicado a respecto de Cunqueiro na revista Grial, ao que o propio título da antoloxía fai referencia na concepción dos “fillos de Eva” como “fillos da culpa”, produto do ser humano na sociedade occidental, fronte aos “fillos de Lilith”, anterior ao pecado orixinal e, polo tanto, alleo a el.
“Hoxe poríao en cuestión. Carvalho é un relativista”, explica Pallarés. Así, trata de reflectir a dimensión múltipla do poeta como ser humano: “Non existe unha única verdade. Carvalho é moitas cousas, é simultaneamente un fillo de Eva e un fillo de Lilith”.
A do ferrolán, “sendo unha poesía esteticamente moi diversa e heteroxénea, ten pouca relación formal” entre as distintas achegas. Desde a vangarda ao existencialismo, pasando polas abordaxes do mito ou a proximidade ao cotián, Calero móvese no poético coa mesma multidisciplinariedade que o distinguiu noutros eidos. Se nos últimos libros podemos atopar unha poesía “moi fermosa”, que chega se cadra “máis facilmente ao lector”, outras obras presentan un verso de carácter siloxístico, narrativo ou mesmo antipoético.
“É como se fose moitos autores”, resume Pallarés. Non obstante, desde a poesía da adolescencia de Vieiros (1931) até a edición póstuma de Reticências… (1986-1989) “hai unhas liñas de forza e visión da existencia que están sempre presentes”. É unha ollada de carácter reflexivo, cunha loita entre “lanzarse a vivir e o peso da razón e a culpa”, que define unha poesía “aparentemente estraña” no panorama galego, mais “perfectamente inserida nas correntes do século XX a nivel europeo”, do que o propio Calero se definía como “fillo perfecto”.
Os catro relatos de A xente da Barreira constitúen a primeira novela publicada en galego tras a posguerra, mais se cadra a súa obra en prosa máis celebrada é Scórpio (1987). Nela salienta a técnica, formulando unha personaxe protagonista que nunca aparece, senón que tanto ela como o contexto se presentan a través dos demais, nun relato que disecciona a sociedade dos primeiros anos da década dos 30.
Así mesmo, a súa vertente teatral foi pouco representada, en boa medida por mor da censura, reducindo a posibilidade de que obras como Farsa das zocas subisen ás táboas practicamente ao grupo de teatro do colexio Fingoi.
Na súa derradeira etapa vital desenvolveu unha actividade incesante, entre a que tamén destaca a divulgación en artigos en prensa diaria ou publicacións de asociacións culturais. “A súa produción cuantitativamente fecunda, mais dunha calidade incomparábel, non ten parangón”, afirma García Negro. E o que é máis importante: relida hoxe conserva o atractivo, cunha “erudición que demostra o entusiasmo e o afán por dignificar a lingua e transmitir sempre, a pesar das condicións tan desfavorábeis, a esperanza de que veremos rectificar a historia”.”

Inma López Silva recolle o premio Fernández del Riego

Desde Sermos Galiza:
“A terza feira 17 de decembro entregouse no Café Moderno de Pontevedra o premio Afundación de Xornalismo Fernández del Riego. Recibiuno nesta XVI edición Inma López Silva polo artigo “Terra rota”, publicado en La Voz de Galicia 10 de abril de 2018. O galardón, ao que se presentaron un total de 20 artigos, está dotado con 6.000 euros, cuota que aumentará até os 10.000 na vindeira edición.
Na entrega do premio, Silva defendeu o xornalismo libre e crítico, así como a lingua e a cultura galegas, recordando a figura de Fernández del Riego: “se non fose por xente coma el, non existiría a narrativa galega contemporánea nin o teatro galego, ao que me dedico”. Engadiu a galardoada que “sen xornalismo, sen escritura, sen a creación literaria, non sempre temos o detemento para pensar como queremos organizar a convivencia. Iso é imposíbel sen aquelas persoas que erguen a voz. Ese é o verdadeiro xornalismo”.”

Víctor Freixanes: “Carvalho Calero é a crónica do galeguismo do século XX”

Entrevista de Laura Ramos Cuba a Víctor Freixanes no Portal Galego da Língua:
“(…) – Portal Galego da Língua (PGL): Carvalho Calero acabou de ser escolhido como figura homenageada para as Letras Galegas de 2020. Esta era uma reivindacação contínua de diversos movimentos sociais que, anos depois, é satisfeita. Como avalias esta resolução por parte da Academia?
– Víctor Freixanes (VF): Há tempo que a Academia é ciente de que a figura de Carvalho Calero não podia ser adiada nem marginalizada. Não deixa de ser uma injustiça histórica que não se reconheça o compromisso, o trabalho e a vida que este homem dedicou à cultura, à literatura, à língua galega… Mesmo com obras como a História da Literatura ou como a sua própria significação como primeiro catedrático de Língua e Literatura Galega na USC em 1972. Foi professor de muitos de nós, a mim leccionou-me Língua e Literatura Galegas… É certo que havia uma história detrás de desencontros, digamos assim, entre uns setores da Academia e o próprio Carvalho Calero e as suas posições arredor da língua na última etapa da sua vida. Eu acho que a nova sensibilidade da Academia está em que isso é um capítulo que forma parte da história e da pluralidade democrática dum país. E, portanto, o currículo e a memória histórica de Carvalho Calero não a vamos discutir. Havia que encará-lo com clareza, com transparência, com naturalidade e, também, aproveitando, não o oculto, que esse ano se cumprem 110 anos do seu nascimento e 30 desde a sua morte. São esses números redondos que dão pé a dedicar-lhe o ano a Carvalho Calero, que ademais também coincide com a reclamação que fizemos já ao Concelho de Ferrol para que restaurem a sua casa, de quem já vimos boa disposição. É uma oportunidade, era algo que até eu tinha que assumir. (…)
– PGL: Que destaca da sua figura e da sua obra? Quer a nível individual quer como presidente da Academia, como vai ser abordado o ideário linguístico de Carvalho?
– VF: Bem, vamos ver… A Academia tem dous momentos, além doutro tipo de atividades como são o Portal das Palabras ou a Primavera das Letras, que está pensado para escolas de primária a iniciativa dos professores. Destes dous momentos um é a celebração do Dia das Letras, com a intervenção formal dos académicos ao redor da figura de Carvalho. Então escolheremos três académicos que abordem a figura de Carvalho Calero desde diferentes perspetivas. E depois, em segundo lugar, haverá um simpósio académico onde haverá distintas vozes sobre a sua figura e onde todas as vozes que tenham algo que dizer, podam dizê-lo. Se têm que estar três dias, serão três dias, mas todo o mundo com uma posição documentada e consistente, terá espaço para poder dizê-lo com a madurez que permite hoje uma sociedade, incluso uma sociedade galego-falante, que pode abordar estes temas com uma tranquilidade, documentação e conhecimentos que não existiam há trinta anos.
Então isso também vai permitir que a figura de Carvalho Calero seja abordada dessa perspetiva, mas não é a única perspetiva de Carvalho. E isso também é importante. A Academia não aborda Carvaho Calero pelo tema da proposta ortográfica, senão que homenageia a sua figura histórica. Carvalho Calero é, de forma semelhante a António Fráguas, a crónica do galeguismo do século XX. Carvalho Calero viveu desde o período pré-Guerra Civil e República, porque é um homem muito comprometido com a República, o galeguismo do momento, o Seminário de Estudos Galegos e o Partido Galeguista… participa inclusive com Lois Tobio na redação do anteprojeto do Estatuto de Autonomia que promove o Seminário… Quer dizer, há uma série de atividades objetivas de Carvalho. E depois, na guerra, ele é uma vítima da repressão, com todas as consequências. É uma situação muito grave que eu penso que o afetou emocional e psicologicamente, afetaria a qualquer pessoa.
Depois, é um homem do que chamaríamos o exílio interior. Pratica um bocado -como aconteceu ao próprio Antonio Fraguas e Fernández del Riego– a clandestinidade. Ele viveu exercendo de professor às escondidas para manter a sua família. Foi uma situação muito dura. Teve a sorte de ser acolhido por António Fernández no [instituto] Fingoi, e aí está atuando já o grupo Galaxia, os que foram os fundadores de Galaxia. E ele não pode exercer como professor e é contratado como gerente! Ali chegaram também para serem professores pessoas como Ferrín ou o próprio Bernardino Graña. E nesse momento começa a trabalhar com Fernández del Riego –porque eram amigos íntimos– na História da Literatura Galega Contemporánea. E nesse livro de correspondência entre os dous é impressionante ver como trabalham, com que constância, com que método, com que teimosia… É um retrato dos dous, como procuram os livros, como os vão pedir… Claro, porque agora tudo está na Internet e há umas bibliotecas muito boas, mas daquela não havia nada. Encontrar um original de Proezas de Galicia de Fernández Neira ou encontrar uns documentos do que podia ser o galego patriótico da guerra contra os franceses, ou os primeiros textos em língua galega dos Precursores… Aí também estava Penzol, que estava comprando muito livro e dotando o que depois seria a partir de 1963 a biblioteca da Associação Penzol, e todos estavam aí puxando e construindo…
Ou seja, sou consciente de que Carvalho era o historiador da literatura e o gramático, porque foi a quem lhe encarregaram a Gramática do Galego Comum, de Galáxia, porque antes não havia nada, era uma seleção. E com esse material, Carvalho é quem nos dá aulas a nós na faculdade. (…)”

“Longa vida á Literatura”, por Armando Requeixo

Desde Criticalia, de Armando Requeixo:
“(…) A nosa literatura tamén conta con casos notables de escritores lonxevos que tamén foron ben prolíficos. Entre os clásicos o exemplo máis salientable se cadra é de Eduardo Pondal, quen chegou aos oitenta e dous anos nunha altura en que o adoito era non ir máis alá da sesentena. Tanto é así que sobreviviu a Rosalía (a quen só levaba dous anos) por máis de tres décadas, morrendo dez anos despois de Curros que, curiosamente, era dezaseis máis novo ca el.
Tamén dacabalo entre o XIX e o XX chama a atención a vida longa de Ramón Cabanillas, oitenta e tres anos e un feixe de poemarios e varias pezas de teatro referenciais para a nosa literatura. Igualmente, velaí a Ramón Otero Pedrayo, oitenta e seis anos que o levaron dende Alfonso XIII ata a Transición e que deron para que fundase a narrativa galega moderna e sentase os alicerces do ensaísmo histórico actual, entre outras angueiras de valor.
Estrito coetáneo, cómpre lembrar o caso do non hai tanto ido Francisco Fernández del Riego, quen alcanzou os noventa e sete anos e deixou tras de si milleiros de páxinas, entre as que destacan diversas monografías e tamén historias e dicionarios de Literatura Galega.”

“Memoria do último Del Riego”

Artigo de Daniel Salgado en Sermos Galiza:
“Conversas de aperitivo e de sobremesa, regadas cunha botella de viño e cadanseu vaso de whisky, culminadas cun Montecristo, conforman a manda política e cultural de Francisco Fernández del Riego. Elaborounas o xornalista Perfecto Conde e publicaraas Xerais sete anos despois da morte do intelectual galeguista.
“Dous anos antes de morrer, Paco del Riego e mais eu estivemos véndonos practicamente cada xoves”, relata Conde (A Pontenova, 1943), “xantabamos xuntos, case sempre na súa casa, e falabamos como dous amigos. Un día propúxenlle traer un magnetofón. ‘Fai o queiras, grava o que queiras’, díxome. E así foi”. O resultado, 20 horas de parladoiro transpostas nun libro de 200 páxinas, fotografías incluídas.
“Eran conversas de amigos, sen método ningún. A única preocupación que eu tiña era ir descubrindo a biografía do paisano”, sinala Conde, veterana sinatura que pasou polas páxinas de Interviú, El País ou A Nosa Terra. Todo este material descansou durante seis anos nun caixón. As razóns? “Antes de que Del Riego morrera, transcribira as gravacións, pero non lle din importancia, non vía moita chicha. Ate que volvín tropezar con elas hai pouco”.
Na relectura daqueles encontros advertiu a fariña máis alá do farelo. O intelectual, un dos fundadores e soportes da histórica Editorial Galaxia, militante galeguista na República, non facía moitos prisioneiros. Aos 95 anos, “pega un bo repaso crítico á cultura galega e a algúns dos seus protagonistas”: a Carlos Casares, Ramón Piñeiro ou Álvaro Cunqueiro, entre outros. “E confésase politicamente”, di.
Del Riego, nado en Vilanova de Lourenzá e falecido en Vigo, fixera a guerra no bando franquista “de maneira forzosa, pero fíxoa”. Tamén narra o seu papel na configuración do Partido Galeguista durante a Segunda República. “Ou a súa entrañábel relación con Otero Pedrayo, a quen el admiraba profundamente”, conta Perfecto Conde.
O libro estará na rúa entre abril e maio, da man de Edicións Xerais. Aínda non hai título definitivo, pero Conde xoga cun verso que Del Riego escribiu de mozo: “Adeuses de lonxanía”.”

Ars dedicandi: Ramón Piñeiro na RAG

DesdeArmando Requeixo 2015 o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Van alá vinte e seis anos do pasamento de Ramón Piñeiro, un dos personaxes máis influentes da cultura galega do pasado século.
O pensador de Láncara ingresou na Real Academia Galega o 25 de novembro de 1967 co discurso A lingoaxe i as língoas, que Galaxia imprentou para ese día coa resposta ao mesmo de Domingo García-Sabell. Este último e mais Ricardo Carballo Calero e Xulio Rodríguez Yordi foron os que elevaron a proposta en xullo de 1963 co informe favorable de Antón Fraguas, Francisco Fernández del Riego e Ramón Otero Pedrayo, proposta que foi aprobada por unanimidade o 29 de decembro daquel ano.
O ars dedicandi que reproduzo ―xentileza do amigo Xesús Torres Regueiro, quen o recuperou― é, en realidade, unha dedicatoria colectiva do discurso de ingreso piñeiriano asinada por este mesmo e por bastantes outros académicos e as súas mulleres xustamente na xornada da recepción en Tabernas.
A destinataria da dedicatoria é Luísa Crestar (Betanzos, 1908―A Coruña, 1988), autora do poemario Nas orelas do Mendo (1982), no que incluíu un bo mangado de composicións dedicadas a amigos, entre elas unha “A Ramón Piñeiro, que fai tempo dixo que teño no esprito a ledicia das Mariñas betanceiras”.
Poden lerse no ars dedicandi as sinaturas de Domingo García-Sabell, Sebastián Martínez Risco, Ricardo Carballo Calero, Francisco Vales Villamarín, Fermín Bouza-Brey, Xesús Ferro Couselo, Enrique Chao Espina, Antonio Meijide Pardo, Isidro Parga Pondal, Leandro Carré Alvarellos, Juan Naya Pérez, Ramón Otero Pedrayo, Francisco Fernández del Riego, Elena Tormo López, María Josefa Bustamante e Isabel López. (…)”

ars_dedicandi_rpineiro_rag

Mario Regueira: “Nos primeiros momentos da guerra consúmase a destrución de todo o escenario editorial precedente na Galiza”

EntrevistaMario Regueira a Mario Regueira en Sermos Galiza:
“(…) En xaneiro de 2015 defendeu a súa tese de doutoramento, A narrativa na reconstrución do campo literario de posguerra. Repertorios e imaxinario nacional no proxecto de Galaxia. Nesta entrevista, fálanos do contido da súa tese.
(…) – Sermos Galiza (SG): Que foi o que o levou a elixir a narrativa galega entre 1936 e 1966 á hora de abordar a súa tese?
– Mario Regueira (MR): O meu interese inicial era o panorama da narrativa de posguerra. En parte, porque sempre considerei que os seus repertorios e o conflito político ao que ían ligados eran bastante específicos e non tiñan un correlato evidente noutros contextos peninsulares. Porén, ao comezar a tese tiven que facer dúas matizacións. A primeira, situar en 1936 a gran modificación no campo literario galego. Como é sabido, na Galiza non houbo fronte, e xa nos primeiros momentos da guerra se consuma a destrución de todo o escenario editorial precedente.
A literatura que se publica durante o conflito ten unha serie de características que a fan relevante para o que vai acontecer despois. Se cadra o máis destacábel é que existe unha mínima permisividade por parte das autoridades franquistas cara a estas obras, sempre que non se movan dun contido lírico ou folclórico. Comeza, deste xeito, a caracterización da cultura galega nuns termos rexionalizadores e que apelan a elementos supostamente inherentes ao pobo galego, unha caracterización que non deixa de ter fortes connotacións coloniais. A segunda matización que realicei foi fixar dúas etapas na posguerra, cunha fronteira fluída e que pode localizarse entre os anos 1963 e 1966, coincidindo cun relaxamento das políticas represivas da ditadura e cun momento no que o proxecto de Galaxia comeza a consolidar o seu poder simbólico. (…)
– SG: Na tese defende que a configuración das fronteiras do campo literario galego neste período segue vixente a día de hoxe. Por que?
– MR: Dentro da propia Galaxia, que nos seus primeiros anos publica varias obras en castelán, existen vacilacións respecto do que se considera literatura galega. Piñeiro e Fernández del Riego valoran en distintas fontes as posibilidades de fixar un criterio territorial (que incluiría autores como Valle-Inclán ou Pardo Bazán), repertorial, baixo o que se consideraría literatura galega aquela que se axustase ao programa étnico do que falamos antes, ou filolóxico. As novas voces, pola súa parte, sempre farán unha defensa fechada do criterio filolóxico, en parte porque é o que mellor pode combater a asimilación rexionalizadora que propugna unha parte da crítica literaria franquista.
A propia Galaxia acaba aceptando o criterio filolóxico nun proceso longo, que comeza cun par de antoloxías de poesía que aparecen en 1955 e que queda indiscutibelmente fixado en Historia da Literatura Galega Contemporánea de Ricardo Carvalho Calero, en 1963. Ese criterio, que marca as fronteiras do campo literario galego en función da lingua, segue sendo maioritariamente aceptado nos nosos días. É certo que a súa validez é impugnada ciclicamente e, aínda que non existe unha razón científica para defendelo (como se ten dito algunhas veces), creo que é relevante analizar o seu proceso de conformación e destacar as súas raíces como unha ferramenta de anti-colonial que ten un papel relevante na resistencia da cultura galega a ser asimilada polo centralismo.”