Amauta Castro obtén a XXXI edición do Premio Nacional de Poesía Xosémaría Pérez Parallé

“Amauta Castro (pseudónimo literario de Rafael X. Muñoz Castro), nado Euskadi en 1981, obtivo a XXXI edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé, que convoca o Círculo Mercantil e Industrial-Unidade de Fene, co apoio do Concello de Fene.
O xurado escolleu o libro de Amauta Castro, titulado A tarde. O desacougo de entre 34 obras presentadas a concurso este ano.
Trátase da XXXI edición deste Premio, creado para homenaxear ao poeta fenés Xosemaría Pérez Parallé, coñecido como O Segrel do Penedo. Poeta popular, activista literario, promotor da celebración en Galicia do Día das Letras Galegas que fora instituído polas colectividades galegas do exilio.
O autor galardoado é poeta e tradutor. Di que naceu en Euskadi por accidente, fillo dunha galega e un andaluz emigrados na marxe esquerda do Nervión. Criouse en Vigo pero, en 2004 emigra por razóns de traballo a Salt (Girona) onde actualmente reside. Participou en diversas publicacións colectivas e antoloxías como Dorna, Antoloxía Poética da Diáspora Galega, Andar21, O Ollo Público, O poliedro da soidade ou a Revista Ligeia. Ten colaborado co suplemento “Altermundo” de Galicia Hoxe. Levou a súa voz a diversos festivais e acción poéticas coma o “X Festival de Poesía a les Caves” (Sant Sadurní d’Anoia) e o “Proxecto Catalitzador 2013” (Barcelona). En 2017 resultou gañador do XXXI Certame de Poesía Rosalía de Castro.
A entrega do premio terá lugar o próximo sábado 17 de novembro ás 20h na sede do Círculo Mercantil e Industrial-Unidade en Fene.
O xurado desta edición estivo integrado por Manuel Forcadela, Berta Dávila e Míriam Ferradáns.”

A Coruña: Simposio Carlos Casares. Letras Galegas 2017, do 21 ao 23 de novembro

Antonio Manuel Fraga, Marcos Pérez Pena, Programa Conciencia, Luís Emilio Batallán, Marisa Sobrino, Flor Maceiras, Festival S8 e Grupo Nove, Premios da Crítica de Galicia 2017

“No Hotel Os Escudos de Vigo deuse a coñecer no decurso dun xantar do sábado 4 de novembro o ditame da cuadraséxima edición dos Premios da Crítica de Galicia nas súas modalidades de Creación Literaria, Investigación, Música, Iniciativas Culturais e Científicas, Artes Plásticas, Artes Escénicas, Cine e Artes Audiovisuais e Cultura Gastronómica. (…)

Querido H.P. Lovecraft de Antonio Manuel Fraga, Premio de Creación Literaria
O xurado da modalidade de Creación Literaria, formado por María do Cebreiro Rábade Villar, poeta, gañadora da edición 2016; Diana Pastoriza Espasandín, blogueira, asesora CAFI Santiago; Armando Requeixo Cuba, crítico; Mario Regueira Fernández, crítico; Manuel Forcadela, profesor da UDV; Marcos Calveiro, escritor e Eulalia Agrelo Costas, que actuou como secretaria, en representación de Premios da Critica Galicia, acordou declarar finalistas as obras De catro a catro. Manuscrito inédito de Manuel Antonio (Alvarellos); Querido H.P. Lovecraft de Antonio Manuel Fraga (Alcaián, Urco) e Nordeste de Daniel Asorey (Galaxia). Tras as derradeiras deliberacións acordou outorgar por maioría o premio á obra de Antonio Manuel Fraga Querido H.P. Lovecraft editada por Alcaián Urco.
O xurado salientou da obra gañadora que “constitúe un enxeñoso acercamento ao estraño, mesturando brillantemente o sobrenatural co fantástico, onde sobrancea a habil creación de ambientes perturbadores que nos acaban afectando do mesmo xeito que ao ficticio Lovecraft”. O xurado sinalou que “alén diso, fai unha descrición dos personaxes cun par de expertas pinceladas breves que lle outorgan unha personalidade claramente única e fascinante”. Rematou sinalando que “coma nos textos de Lovecraft, acompañamos a Robert na súa caída libre no abismo da culpa, ficando envoltos no misterio engadindo a peza que completa o círculo lovecraftiano”.

A prensa en Galicia na Transición, de Marcos Pérez Pena, Premio de Investigación
O xurado da modalidade de Investigación, formado por Blanca Roig Rechou, catedrática USC, gañadora da edición 2016; Vanesa Valdeiglesias, profesora UDC; Carme Adán Villamarín, catedrática de Filosofía; Uxío Labarta Fernández, investigador, Instituto de Investigacións Pesqueiras; Xurxo Mariño Alfonso, neurocientífico, profesor UDC; Xavier Senín, profesor e tradutor e María Xosé Porteiro García, que actuou como secretaria en representación de Premios da Crítica de Galicia, acordou declarar como finalistas a María Xosé Agra; ao proxecto de Secuenciación xenética do rodaballo (USC-CSIC,CENAG); e ás obras A prensa en Galicia na Transición de Marcos Pérez Pena (Xerais) e A nosa terra é nosa. A xeira das Irmandades 1916-1931 de Emilio Xosé Ínsua (Baía edicións). Tras as derradeiras deliberacións acordou outorgar por unanimidade o premio a A prensa en Galicia na Transición de Marcos Pérez Pena, editado por Xerais.
O xurado destacou que “valoraba moi positivamente a cantidade, calidade e diversidade das propostas presentadas que reflicten o auxe da investigación científica e do pensamento en Galicia”. Sigue lendo

Elena Gallego Abad gaña o II Concurso de Relatos Curtos O Cabaleiro das Cunchas

Discurso no acto de entrega do II Premio de Relatos Curtos O Cabaleiro das Cunchas da Vila de Bouzas, por Elena Gallego Abad

“Quixera que as miñas primeiras verbas fosen de agradecemento. Ao xurado deste II Premio de Relatos Curtos O Cabaleiro das Cunchas da Vila de Bouzas por concederme esta distinción e, sobre todo, á directiva da Irmandade de Donas e Cabaleiros de Bouzas por organizar o concurso.
Entendo que a convocatoria dun premio coma este, máis que distinguir un autor ou autora concreto nun momento determinado, como acontece arestora, persegue animar a creación literaria en torno a un mito, unha lenda a do Cabaleiro das Cunchas, intimamente vencellada á tradición xacobea e ao lugar en que nos atopamos. Só se conservamos e potenciamos a nosa historia, as nosas lendas e tradicións, conservaremos a nosa identidade e seremos auténticos.
Os meus parabéns por esta fermosa aposta. O tempo demostrará que, máis alá do nome dos escritores e escritoras que poidamos resultar gañadores ano tras ano, serán os propios relatos que xurdan deste concurso os que o convertan nun certame memorable.
Un autor tan recoñecido como o xaponés Haruki Murakami di, falando de grandes premios literarios, que o tempo fai que se esquezan os nomes dos escritores que os acadan. Pero se as súas obras teñen calidade e cobran vida propia, poden perdurar no tempo.
Ninguén sabe quen deu orixe ao primeiro relato do Cabaleiro das Cunchas, que a tradición se encargou de manter vivo ata os nosos días. Agardo eu a mesma sorte, unha longa vida literaria para os personaxes desta historia que hoxe premian neste acto, e que eu titulei A promesa.
Non pensen vostedes que para min a creación do universo de Lopo de Bouzas, que enche as oito páxinas do relato, deixou de ser un reto importante.
Quixen ser fiel á tradición e recrear a lenda, explicar o feito milagroso polo que a cuncha de vieira se converteu no principal símbolo xacobeo e trasladar a Bouzas uns sucesos que hoxe xustifican a existencia, por exemplo, dunha ruta marítima ata Compostela… Ou a propia presenza dun cabaleiro coa capa cuberta de cunchas de vieira, esculpido nunha das fachadas da catedral de Santiago.
Nestas páxinas quixen crear unha atmosfera que engaiolase ao lector, transportalo con descricións e diálogos áxiles ata un tempo afastado en que os cabaleiros celebraban torneos e as ondas do noso mar se abrían para permitir feitos marabillosos. Estas páxinas permitíronme recrear milagres coma o do Cabaleiro das Cunchas… E así recibir este recoñecemento.
Non quero estenderme máis. Para rematar, expresar de novo o meu sincero agradecemento por este premio, desexando que os meus personaxes, como a Irmandade de Donas e Cabaleiros de Bouzas, teñan unha longa vida. Moitas grazas.”

Especial “Carlos Casares. Un país de palabras”

Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“Programa especial sobre Carlos Casares, primeira parte, con Hakan Casares, Luís González Tosar, Antón Riveiro Coello, Ramón Loureiro, Arcadio López-Casanova, Antón Baamonde, Miguel-Anxo Murado, Marina Mayoral, Camiño Noia, Suso de Toro, Xesús Rabade Paredes e Darío Villanueva.
E segunda parte, con Hakan Casares, Damián Villalaín, Montse Pena, Ana Luna, Iolanda Galanes, Luís González Tosar, Carme Riera, Manuel Forcadela, Bieito Iglesias, Rexina Vega, Jon Kortazar, Henrique Monteagudo, Víctor Freixanes, Olivia Rodríguez, Dolores Vilavedra e Arcadio López-Casanova.”

Compostela: Simposio Estudos literarios e campo cultural galego, os 2 e 3 de setembro

Simposio Antón Figueroa 1Simposio Antón Figueroa 2

Compostela: segunda comunicación do Simposio Estudos literarios e campo cultural galego, os 2 e 3 de setembro

O Simposio Estudos literarios e campo cultural galego configúrase como un foro académico de encontro e debate arredor dos estudos literarios galegos desde o pensamento de Antón Figueroa. Celebrarase na Facultade de Filosofía de Santiago de Compostela os días 2 e 3 de setembro de 2015. A información está actualizada no blog do simposio.

Admisión de comunicacións

Logo das solicitudes recibidas no sentido de ampliar o período para o envío de propostas, a Comisión organizadora decidiu establecer un novo prazo con límite no día 30 de maio.

Os investigadores e as investigadoras poden enviar propostas de comunicacións vinculadas ás seguintes liñas:
Diglosia e texto 30 anos despois.
– A reconceptualización do campo / sistema literario nas literaturas periféricas.
– Nación (e ficción) e ideoloxía.
– Lecturas da identidade e da alteridade.
– Relacións interliterarias, tradución e espazo cultural transnacional.
– Autonomía do campo e autonomía dos axentes: o caso galego 1950-2015.
– Cara a unha historia do campo literario e dos campos culturais galegos.
– Estudos literarios, estudos na cultura e Ciencias sociais.
– Referentes teóricos e diálogos heurístico-metodolóxicos abertos na investigación de Antón Figueroa.

O Simposio contempla un proceso de avaliación dupla por pares anónimos previo á aceptación do traballo remitido. Un texto completo ou suficientemente avanzado das propostas, dun máximo de 5.000 palabras, deberá ser remitido ao enderezo simposio.campo.cultural2015@gmail.com con data límite de 30 de maio.

Con data límite de 15 de xuño a Comisión organizadora do Simposio comunicará a aceptación, a non aceptación ou as suxestións de modificación do traballo. Unha vez recibida a aceptación da comunicación, a persoa participante deberá pagar a inscrición segundo as cuotas, os prazos e o procedemento establecidos no apartado correspondente desta circular.

Os traballos seleccionados publicaranse nun volume colectivo. Os textos definitivos deberán remitirse logo da celebración do Simposio no prazo e segundo as normas de edición que se colocarán en seleccgal.wordpress.com.

Inscricións

Unha vez recibida a aceptación do traballo proposto, a declaración de orixinalidade (disponíbel en seleccgal.wordpress.com), a ficha de inscrición (disponíbel en seleccgal.wordpress.com), xunto co xustificante bancario de pagamento da inscrición serán remitidas ao enderezo simposio.campo.cultural2015@gmail.com con data límite de 30 de xuño.

As cotas de inscrición serán de 50 € para asistentes con comunicación e de 25 € para asistentes sen comunicación. As persoas que acreditaren a condición de estudantes terán un 50% de desconto neste importe.

Todos os pagamentos realizaranse entre os días 15 e 30 de xuño a través de transferencia bancaria á conta:

Banco: BSCH-Banco Santander

Code SWIFT: BSCHESMMXXX

N° de conta (IBAN): ES 40 0049-2584-90-2214002210

Concepto: Simposio Estudos literarios e campo cultural galego.

(Nº de rexistro 2015-RC009-1)

Comisión científica

Alejandro Alonso Nogueira (Brooklyn College, CUNY), Arturo Casas (Universidade de Santiago de Compostela), Elias Torres Feijó (Universidade de Santiago de Compostela).

Comisión organizadora

Manuel Forcadela (Universidade de Vigo), Teresa López (Universidade da Coruña), Laurence Malingret (Universidade de Santiago de Compostela).

Ponencia por convite

Itamar Even-Zohar (Tel-Aviv University).