Vídeo do Coloquio con Lydia Cacho, Escritora Galega Universal 2023

O sábado 22 de abril, na Libraría Lila de Lilith de Santiago de Compostela, tivo lugar este coloquio coa presenza de Lydia Cacho, acompañada por Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG, e Margarita Ledo Andión, escritora e membro da Real Academia Galega.

Aquí pode verse o vídeo do acto:

A Coruña: Homenaxe da Real Academia Galega a Darío Xohán Cabana

Compostela: Festival Alguén que respira 2023

Entrevista de Diego Rivadulla a Lorena López López arredor de Ainda invisíveis

Desde New Books Network:
“Un dos fenómenos destacados de maneira recorrente pola crítica a respecto do campo literario galego do século XXI é a crecente visibilidade das mulleres narradoras. En Ainda invisíveis? Narradoras e margens na literatura galega contemporânea (Através Editora, 2022), a filóloga e poeta Lorena López López pon en cuestión esta diagnose e coloca o foco en catro escritoras que, por motivos diversos, ficaron nas marxes dese boom da “literatura feminina” ou “literatura feminista”. As propostas de Margarida Ledo Andión, Patricia Janeiro, Cris Pavón e Teresa Moure, segundo este libro analiza, non só foxen das anteditas etiquetas, senón que xeraron tensións no campo cultural galego ao proporen modelos narrativos alternativos que cuestionaban o discurso hexemónico sobre a narrativa das autoras, pola incorporación ben de repertorios temáticos incómodos, ben de estéticas vangardistas ou ben de xéneros minoritarios como o gótico e a ficción científica dura. Este ensaio bota luz sobre os “puntos cegos” da interacción entre o discurso feminista e o discurso nacional xurdida das obras das mencionadas narradoras e pon de manifesto algunhas dinámicas conformadoras do sistema literario galego, ao tempo que propón unha profunda reflexión sobre os mecanismos de canonización ou de subalternidade. A entrevista pode escoitarse aquí.”

Escritora Galega Universal 2023: Lydia Cacho

(Lydia Cacho (autoría da fotografía: Eneas MX, Wikipedia). A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega aprobou o nomeamento de Lydia Cacho, xornalista mexicana, con raíces galegas, activista feminista e defensora dos dereitos humanos, como Escritora Galega Universal en 2023, desde o profundo respecto e afecto á súa persoa e a valoración da altísima calidade da súa obra.

Durante a década de 1990 e principios dos 2000, a autora informou amplamente sobre o feminicidio en Ciudad Juárez. En 2000 cofundou o Centro de Atención Integral á Muller, un centro especializado na atención a mulleres, nenos e nenas vítimas de violencia doméstica e de violencia sexual.
En 2005 foi detida en Cancún, Quintana Roo, por axentes da policía xudicial de Puebla, por causas derivadas da publicación do seu libro Os demos do Edén, unha investigación que recolle os relatos testemuñais de sobreviventes dunha rede de prostitución infantil, dirixida por políticos e empresarios. O Comité de Dereitos Humanos da Organización das Nacións Unidas recoñeceu este suceso como unha vulneración dos dereitos humanos, especialmente das mulleres, no sistema de xustiza, ao tempo que solicitou ao Estado mexicano a reparación do delito de difamación causado á xornalista.
Forma parte da Rede Internacional de Xornalistas con Visión de Xénero.

Lydia Cacho ten escrito máis dunha ducia de 14 libros derivados dos seus coñecementos e experiencias, desde a poesía até a ficción, un manual para previr o maltrato infantil, ensaios sobre temas de amor e xénero con gran repercusión internacional sobre tráfico sexual, escravitude e pornografía infantil. A súa obra foi traducida xa a diferentes idiomas: francés, inglés, alemán, portugués, italiano, holandés, croata, sueco e turco, tendo sido publicados en México, Estados Unidos, Estado Español e países centroamericanos. Ten conseguido unha gran cantidade de premios e recoñecementos por todo o seu traballo.

Nas anteriores edicións recibiron este nomeamento as escritoras e escritores Mahmud Darwix, Pepetela, Nancy Morejón, Elena Poniatowska, Juan Gelman, Antonio Gamoneda, José Luis Sampedro, Lídia Jorge, Bernardo Atxaga, Luiz Ruffato, Pere Gimferrer, Hélia Correia, Isabel-Clara Simó, María Teresa Horta, Mariasun Landa, José Luandino Vieira e Ana Luísa Amaral.

A autora recollerá o seu Premio honorífico como Escritora Galega Universal, no marco da Gala dos Premios Follas Novas do Libro Galego 2023, que terá lugar o sábado 22 de abril, a partir das 19:00 horas, no Teatro Principal de Santiago de Compostela.

Previamente, o propio sábado 22 de abril, a partir das 12:15 horas, na Libraría Lila de Lilith de Santiago de Compostela (Rúa Travesa, 7, baixo), terá lugar un coloquio coa presenza de Lydia Cacho, acompañada por Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG, e Margarita Ledo Andión, escritora e membro da Real Academia Galega. O acto será de entrada libre até completar capacidade.

Manuel Rivas, Xavier R. Madriñán, A cova de Eirós, Ugia Pedreira, Mónica Alonso, Chévere, Atalante e María Varela, Premios da Crítica de Galicia 2022

Varsovia: XIII Congreso da Asociación Internacional de Estudos Galegos, do 21 ao 24 de setembro de 2022

Compostela: Xornada “Perante a nova Lei do Audiovisual: Análise e perspectivas”