Arquivos da etiqueta: Natalia Carou Figueira
Gañadoras/es da sexta edición dos Premios Follas Novas do Libro Galego
Nunha cerimonia que recuperou a presencialidade dos finalistas e retransmitida para o público, entregáronse os premios Follas Novas do Libro Galego, uns premios que acadaron este ano a sexta edición na que estrearon nova denominación. A gala foi conducida por Quico Cadaval coa participación do cuarteto de saxofóns da Banda Municipal de Música de Santiago. Os premios están organizados pola Federación de Librarías de Galicia, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e a Asociación Galega de Editoras. Esta edición estivo patrocinada polo Concello de Santiago, a Xunta de Galicia, Cultura da Deputación da Coruña e o Centro Español de Dereitos Reprográficos (CEDRO).
Na súa intervención, o novo presidente da Federación de Librarías de Galicia, Ramón Domíguez, falando en representación das tres entidades organizadoras, explicou algunhas das circunstancias nas que vive o mundo do libro en xeral e os premios en particular desde o inicio da pandemia. Domínguez sinalou que a crise sanitaria “ten afectado sensiblemente a tódalas actividades vencelladas a cultura, limitando e mesmo cancelando innumerables eventos nos últimos tempos. Por iso, este ano estamos felices por contar hoxe coa presenta física dos finalistas en cada una das 15 categorías, que representan a excelencia das notas letras”. Engadiu o presidente que o mundo do libro “é un ecosistema complexo. Un dos seus principais valores é a diversidade. Galicia conta con un tecido libreiro de calidade, grandes librerías e excelentes profesionais. O noso compromiso co libro, demóstrase nun dato revelador, temos a maior densidade de librerías por habitante de todo o territorio nacional. Pero este realidade non sería posible sen a enorme aportación que tanto autores como editores pon o noso dispor”.
Para rematar, Ramón Domínguez reclamou do goberno galego a “definición na súa integridade da Lei do Libro e da Lectura de Galicia, aprobada hai xa preto de quince años. Consideramos esta ferramenta lexislativa, un elemento que de certeza contribuirá o equilibrio na cadea de valor do libro, por outra parte tan necesario nos momentos actuais”.
Premios de honra
– Premio da Asociación de Librarías de Galicia: Manuel Arenas
– Escritor Galego Universal: José Luandino Vieira
– Premio da Asociación Galega de Editoras: Xulio Amigo
Listaxe de gañadoras
Ensaio e Investigación
– Irmandiñas (Edicións Laiovento), Aurora Marco.
Por ser un traballo de recuperación, de posta en valor do traballo das mulleres e a súa aportación achega a historia de Galicia e da aportación que realizaron á defensa da liberdade.
Divulgación
– Unha mente que voa (Edicións Xerais de Galicia), Xurxo Mariño.
Pola relevancia e necesidade da divulgación da ciencia en galego, polo achegamento dos argumentos científicos a un público xeral dun xeito, didáctico, claro e preciso.
Narrativa
– Un señor elegante (Edicións Xerais de Galicia), Suso de Toro.
Un traballo de reconstrución da memoria galega dunha parte do século XX que utiliza a de maneira innovadora a combinación de voces narradoras distintas para facer avanzar o xénero biográfico.
Infantil
– Mar de mazá (Editorial Galaxia), Elvira Ribeiro.
Polo discurso lírico envolvente, a suxestiva creación de imaxes, o xogo de imaxinarios e traballando sobre un argumento mantendo a atención e o respecto sobre el.
Xuvenil
– O mal querer (Baía Edicións), Natalia Carou.
Unha novela que achega actualidade á literatura, contada de xeito áxil, con argumentos tomados da realidade para aproximala a unha franxa de idade na que é preciso abrir debates.
Libro ilustrado
– Contrahistorias de Galicia (Edicións Embora), Antonio Reigosa e Rita Gutiérrez (ilus.).
Un libro para achegar anacos extraordinarios e pouco coñecidos da historia de Galicia dun xeito moi atractivo e con espírito divulgador para todos os públicos e cunha ilustración rica, variada e moi elegante
Banda Deseñada
– O derradeiro libro de Emma Olsen (novela gráfica) (Editorial Galaxia), Berta Dávila e Pablo Prado.
Un traballo maduro para un autor novo, no que utiliza recursos moi diversos da narrativa gráfica e con moitos xogos cromáticos.
Iniciativa Bibliográfica
– A lavandeira de San Simón (Edicións Xerais de Galicia), Eva Mejuto e Bea Gregores (ilus.).
Pola novidade que supón achegar a memoria histórica á infancia, recuperando referentes perdidos e por medio de relatos construídos dende o cotián, nos que os protagonistas son rapaces e rapazas.
Tradución
– A nosa Negra (Hugin e Munin), Harriet E. Wilson, traducido por María Reimóndez.
Achega á lingua galega un libro fundamental da revisión histórica a través da literatura, introducindo a historia contada desde as persoas subalternas.
Poesía
– A desvértebra (Chan da Pólvora), Ana Romaní.
Un libro que ofrece unha grande cantidade de lecturas e que, entre outras, pode lerse como unha reacción contra a sociedade do espectáculo. Mantendo a tensión entre a tradición e a modernidade poética.
Teatro
– Só un home bo (Edicións Positivas), Raúl Dans.
Unha obra dura, contada dun xeito trepidante, na que se aprecia o coñecemento do teatro do autor e das maneiras de contar unha historia desde a escena.
Libro mellor editado
– Nós outras (Chan da Pólvora), Marica Campo e Menchu Lamas.
Unha edición case artesanal na que todas as pezas da edición encaixan para conseguir un volume con identidade única. Que une con exquisitez voz da poesía e as imaxes. Combinando literatura infantil con arte contemporánea.
Iniciativa de fomento da lectura
– Salón do Libro Infantil e Xuvenil do Concello de Pontevedra.
Unha iniciativa con máis de vinte anos de existencia, que foi evolucionando para adaptarse aos tempos sen perder os seus obxectivos: o fomento da lectura, levar á mocidade a un espazo de libros e chegar a internacionalizacións do evento.
Proxecto literario en rede
– Galicia Encantada, coordinador: Antonio Reigosa.
Un proxecto cunha traxectoria sostida durante moitos anos con recursos limitado pero que fornece de material dos imaxinarios galegos a toda a sociedad, ofrecendo divulgación e información.
Xornalismo Cultural
– Montse Dopico.
Por un traballo exhaustivo e profundo arredor do mundo cultural, polo rigor con que trata os argumentos e pola profundidade das súas entrevistas.
Podes ver o video completo da Gala aquí.
Feira do Libro da Coruña 2020: actividades destacadas do 1 e 2 de agosto
O 1 de agosto comeza a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, s/n.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:30 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para estes días:
Sábado 1
– 12:30 h. Acto de inauguración, con Érica Esmorís.
– 18:00 h. Elba Pedrosa asina O que non sabías, publicado por Xerais.
– 18:00 h. Amador Castro Moure asina Shanghai a Barcelona, publicado por Xerais.
– 19:00 h. Arancha Nogueira asina Dente de leite, publicado por Xerais.
– 19:00 h. Xosé Antón Perozo asina Amor amargo, publicado por Auga.
– 20:00 h. Manuel Rivas asina O Chispas, publicado por Xerais, e o resto da súa obra.
– 20:00 h. Irene Tomé e Xabier Ron asinan Os exilios que somos, publicado por Alvarellos.
– 21:00 h. Érica Esmorís asina Quen salva un can, publicado por Xerais, e o resto da súa obra.
Domingo 2
– 12:00 h. Laura Titimoki asina Ata 10, publicado por Galaxia.
– 13:00 h. Rocío Leira asina Trescatorcedezaseis, publicado por Xerais, e Veleno en familia, publicado por Baía.
– 13:00 h. Aser Álvarez asina Galicia rural e Carvalho Calero sen fronteiras, publicados por Arraianos.
– 13:00 h. Mar Guerra asina Rimaletras, publicado por Galaxia.
– 18:00 h. María Canosa asina O lado do que dormes e Unha fábrica de bicos, publicados por Xerais, e o resto da súa obra.
– 18:00 h. José Alfeirán asina Pequena historia da Coruña, publicado por Embora.
– 18:00 h. Héitor Picallo asina As letras galegas en caricatura (1963-2020), editado polo autor.
– 19:00 h. Antonio Reigosa asina Guía de campo da Galicia Encantada, publicado por Xerais, e Contrahistorias de Galicia, publicado por Embora.
– 19:00 h. Almudena Otero Villena asina Diario dos mapas, publicado por Urutau.
– 19:30 h. Natalia Carou asina O mal querer, publicado por Baía.
– 20:00 h. Vicente Araguas asina Través do trebón, publicado por Belagua, e O amor non se fala soamente, publicado por Medulia.
– 20:00 h. Antía Yáñez asina O misterio do torque de Burela, publicado por Galaxia, e Be Water, publicado por Cuarto de Inverno.
– 21:00 h. Xavier Seoane asina A póla branca, publicado por Xerais, e o resto da súa obra.
Rianxo: actos destacados na Feira do Libro 2020 para o 23 de xullo
O 23 de xullo comeza a Feira do Libro de Rianxo (no Campo de Arriba, con horario de 12:00 a 14:00 horas, e de 18:30 a 22:30 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para este día:
– 13:00 h. Inauguración. Pregón de Xosé Ricardo Losada.
– 20:30 h. Natalia Carou asina O mal querer, publicado por Baía.
– 21:30 h. Xosé Ricardo Losada asina A casa xunto ao volcán, publicado por Galaxia, e o resto da súa obra.
Feira do Libro de Rianxo: actividades literarias destacadas do xoves 20
O xoves 20 de xullo comeza a Feira do Libro de Rianxo (na Praza Castelao), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 12:00 a 14:00 h. e de 18:30 a 22:30 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:
– 13:00 h. Pregón a cargo de María Canosa.
– 20:30 h. Presentación de A cova da moura, de Natalia Carou, publicada por Baía Edicións.
Boiro: presentación de A Cova da Moura, de Natalia Carou
O martes 16, ás 20:30 horas, na Pousada das Ánimas (Rúa Pablo Iglesias, 14), en Boiro, preséntase a novela A Cova da Moura (editada por Baía Edicións na súa colección Meiga Moira e ilustrada por Jose Gimeno), de Natalia Carou Figueira. No acto, ademais da autora, intervirán Suso Santamaría, Xoán Pastor Rodríguez e Belén López Vázquez, e contará co acompañamento do grupo musical Barahunda, integrado por Helena Alfonso e José Lara Gruñeiro, que interpretarán algunhas das pezas medievais incluídas no seu último álbum, Múdanse os Ventos.
A Coruña: actividades destacadas do mércores 8 na Feira do Libro
Continúa a XLI Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns da Méndez Núñez), aberta até o venres 10 de agosto, con horarios de 11:00 a 14:00 e de 18:00 a 22:00 horas. A actividade máis destacada do mércores 8 de agosto é:
– 20:00 h.: Xavier Alcalá presenta a súa novela Verde oliva, publicada por Galaxia. Estará acompañado por Víctor F. Freixanes, Tati Mancebo e Vicente Araguas.
– 21:00 h.: Presentación da novela O alento nas costas, de Natalia Carou, publicado por Baía Edicións. No acto, xunto á autora, participan Belén López e Xurxo Souto.
Boiro: II Romaría das Letras no Barbanza
O xoves 17 de maio, en Boiro, terá lugar a II Romaría das Letras no Barbanza, organizada pola A. C. Barbantia e a Agrupación O Faiado-2, que contará con diversas actividade. Entre elas, destacamos as seguintes de carácter máis literario:
No Pazo de Goiáns (Lampón-Boiro):
– 16:00 h. Recital de textos de Valentín Paz Andrade, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2012 e discursos institucionais.
– 16:30 h. Presentación do libro O alento nas costas, da escritora boirense Natalia Carou, con presencia da directora de Baia Edicións, Belén López Vázquez.
Pontevedra: Salón do Libro Infantil e Xuvenil 2012, presentación de O alento nas costas, de Natalia Carou
Do domingo 4 ao sábado 31 de marzo, no Pazo de Cultura de Pontevedra, regresa o Salón do Libro Infantil e Xuvenil para achegarnos ao mundo da literatura. Este ano o Salón, que ten a Paco Martín como autor homenaxeado, indagará nas supersticións; de onde veñen estas crenzas, na importancia dos números nos contos, na boa e mala sorte e nas historias dos nosos maiores e como se trasladan á literatura infantil. Temos preparado un amplo programa de actividades no que toda a familia pode participar porque, no Salón, rapaces e maiores percorren xuntos e descobren o universo dos libros. O horario de apertura será de luns a venres de 9:30 a 13:30 h., e de 16:30 a 20:00 h., e os sábados de 10:00 a 13:30 horas. O programa completo pódese descargar aquí: programa_salon_libro_2012.
– O luns 26 de marzo, ás 19:00 horas, na Sala de exposicións, preséntase o libro O alento nas costas, de Natalia Carou Figueira, publicado por Baía Edicións.