Fina Casalderrey: “Cando me desprendín das ataduras da realidade, fluíu todo como unha fervenza”

Desde o Diario de Pontevedra:
“(…) Fina Casalderrey, nacida en Xeve e afincada en Lérez, autora fundamental da Literatura Infantil e Xuvenil (LIX) galega, Premio Nacional en 1996, académica da lingua e actualmente candidata ao Premio Hans Christian Andersen (considerado o Nobel da LIX), presentaba no Museo a súa máis importante incursión na narrativa para adultos ata o momento, unha novela que naceu inspirada por un personaxe real, o de Adelina Franco, a Jabalina.
“Tiña moitas ganas de meterme con este personaxe”, confesou a autora. “Escribín 50 páxinas hai 20 anos, pero parei porque non era capaz de reconstruír a súa biografía. Cando me desprendín das ataduras da realidade, fluíu todo como unha fervenza”. Fina Casalderrey insistiu en que o que había en A muller xabaril non era a vida de Adelina Franco. “Esta é unha historia ficcionada porque eu, como Mark Twain, de cando era nena podo recordalo todo, sucedera ou non”.
Na presentación, a escritora estivo acompañada polo presidente da Real Academia Galega (RAG), Víctor Fernández Freixanes, e polo director da editorial Xerais, Fran Alonso. “Entendinlles aos dous que esta era unha novela estupenda, pero eu non podo dicilo como o din eles. Eu o que podo dicir é que a min me gustou escribila e que esta é unha historia que me segue emocionando”.
No caso de Freixanes, o presidente da RAG sinalou que era honra aparecer, xunto á súa muller, [María Dolores Cabrera, Malós], na dedicatoria do libro. Segundo quixo puntualizar, el non era moi partidario de empregar a expresión narrativa para adultos. “Porque que é iso exactamente? Fina escribe dende hai moitos anos para futuros adultos e eu mesmo gocei moito cos seus libros supostamente escritos para a cativada. Fina leva escribindo para adultos hai moito tempo”, explicou. “Escribir para lectores novos é dificilísimo. Tanto como escribir poesía. E son precisamente os dous xéneros onde é máis fácil caer na impostura. Por todo isto, eu teño unha longa admiración por Fina como autora, así que diría que esta simplemente é unha novela máis”.
Freixanes, que definiu A muller xabaril como “unha novela de misterios e unha novela ambiciosa na que Fina arriscou e puxo moita coraxe”, tamén quixo afondar na cuestión de que este título non era unha biografía. “Esta non é a historia da Jabalina. Utilízase a súa historia para construír un personaxe autónomo, aínda que varias xeracións de pontevedreses a vaiamos ler coa pantasma da Jabalina detrás porque esta é tamén unha novela da memoria”.
Fran Alonso si que se referiu a este traballo como “a primeira novela de Fina para adultos”. O editor eloxiou a ambición creativa dunha autora que suma novos retos dentro da súa traxectoria literaria. “O resultado é unha pequena alfaia que demostra que segue a ser unha escritora inconformista e todoterreo”, dixo. “Aquí volve demostrar que ten unha enorme capacidade narrativa e unha enorme capacidade poética, ademais dunha sensibilidade extrema para contar historias”. (…)”

A Coruña: Homenaxe da Real Academia Galega a Darío Xohán Cabana