A novela Eternity, de Xosé Monteagudo, é a gañadora do XV Premio Repsol

Desde Galaxia:
“A obra Eternity, de Xosé Monteagudo, resultou gañadora da XV edición do Premio Narrativa Breve Repsol en Lingua Galega. Así o comunicou o voceiro do xurado, Xavier Senín, na sede da Real Academia Galega na Coruña
O acto do ditame contou coa presenza de representantes das entidades participantes do premio, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, a directora da Refinería de Repsol na Coruña, Natalia Barreiro, o presidente da Real Academia Galega, Victor F. Freixanes, o director xeral da Editorial Galaxia, Francisco Castro, e o presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), Cesáreo Sánchez.
O xurado da XV edición do Premio Narrativa Breve Repsol estivo composto por cinco prestixiosas personalidades das letras galegas, como son, a escritora, socióloga e filóloga, Estíbaliz Espinosa; Carlos Lema, director de Edicións da Editorial Galaxia; a escritora, ensaísta e investigadora, María López Sández; o tradutor e académico Xavier Senín; e Dolores Vilavedra, profesora da literatura galega na USC, crítica literaria, tradutora e autora.
Do mesmo xeito que en anteriores edicións, o galardón está dotado con 12.000 euros e coa publicación do libro pola Editorial Galaxia. O acto de entrega do Premio terá lugar antes de final de ano na cidade da Coruña.
Na súa XV edición o Premio Narrativa Breve Repsol contou cunha participación de 36 obras orixinais e inéditas cunha extensión mínima de 50 folios e máxima de 120.
Xavier Senín, voceiro do xurado desta edición, trasladou no acto que “Eternity consegue artellar unha trama na que funden a precariedade laboral, o mundo dixital e a construción da memoria. Sitúanos ante unha serie de desafíos que enfrontamos de cote, en ocasións sen decatarnos: como están a mudar as nosas vidas, ata que punto as convertemos en ficción, como se constrúe a historia persoal, como enfrontamos a morte”.
Ademais, o xurado salienta que, sendo unha novela moi actual na súa relación coas redes sociais, amosa que a natureza do ser humano ten un fondo de preocupacións transcendentes que permanecen: “As historias de vida enfíanse construíndo unha estrutura narrativa complexa, adquirindo un atractivo e engado de seu, pero integrándose na globalidade dunha novela que nos invita a reflexionar sobre o futuro dunha sociedade que aspira á permanencia concibíndose coma un inmenso arquivo dixital”. (…)”

Laureano Araujo recibiu o Premio Plácido Castro de Tradución

Desde a Fundación Plácido Castro:
“En Cambados foille entregado a Laureano Araujo o Premio Plácido Castro de Tradución que na súa XIXª edición gabou a súa tradución de Schlump, Erwin: Homicidio, do escritor suizo Friedrich Glauser.
No acto, conmemorando o Día Internacional da Tradución, Constantino Cordal, padroeiro da Fundación e concelleiro de Cultura en Cambados, recordou os obxectivos do premio, é dicir, recoñecer o esforzo dos nosos tradutores e estimular a universalización da nosa lingua, destacando a importancia desta iniciativa na axenda da Fundación.
Xavier Senín, en nome do xurado, destacou as singularidades da obra e do labor tradutor do premiado, significando a importancia dada á contextualización e ao fornecemento ao lector de claves informativas e interpretativas precisas para unha mellor comprensión da obra.
Valentín García, Secretario Xeral de Política Lingüística, destacou a importancia da tradución para a normalización do noso sistema literario e cultural e alentou á Fundación a proseguir no seu labor.
Nun emotivo discurso, o premiado, Laureano Araujo, nacido en Suíza, agradeceu o galardón e destacou o significado persoal do seu “volver” a Galicia, un reencontro anos andados no que a tradución desempeñou un atributo transcendental, que a maiores vese honrado agora con este recoñecemento.
A presidenta Susi Castro entregou ao premiado a escultura de Xaquín Chaves, o “Babelio”, e o diploma acreditativo. O premio está dotado con 2.000 euros.”

Entrevista a Xavier Senín, Premio Nacional á Obra dun Tradutor 2020 do Ministerio de Cultura

Entrevista a Xavier Senín no Zig-zag da Televisión de Galicia:
“Xavier Senín é tradutor de clásicos como O Quixote e verteu ao galego obras de Andersen, os irmáns Grimm, Goscinny ou Albert Camus. A entrevista pode verse aquí.”

Xavier Senín: “A tradución dos Astérix foi difícil, supuxo un reto”

Entrevista a Xavier Senín en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): En primeiro lugar, parabéns por este Premio Nacional á obra dun tradutor. Que significado ten para vostede?
– Xavier Senín (XS): É unha honra, síntome moi ben pagado por todo o que fixen e espero que sirva de algo para o país, para remover conciencias, e se pode servir para que o país progrese e cambie, e para que a nosa lingua sexa máis protexida e máis utilizada, moito mellor.
– ND: Posúe unha longa bibliografía de obra traducida, de modo individual ou colectivo. Foi o afán por “remover conciencias” o que o levou a realizar esta tarefa?
– XS: Hoxe en día, desde logo. Agora ben, empecei a traducir un pouco por casualidade e por necesidade. Era un momento no que había poucas traducións, empezabamos a saír as primeiras promocións que estudaban galego na universidade e había que arrimar un pouco o ombreiro. Pódese dicir que tiña en conta a necesidade de remover conciencias pero igual un pouco en segundo plano, iso veu despois, fun tomando conciencia pouco a pouco ao ir falando e traballando con outra xente, con profesores, con colegas.
– ND: Ten traducidos clásicos do francés e do inglés e tamén moita obra catalá. Responde a unha selección persoal?
– XS: Algúns dos libros que traducín foron escollas persoais, pero teño que dicir que eses foron os menos. Colaborei, naquel primeiro momento, con Galaxia ou con Argos Vergara, e a escolla facíaa a editora. Pero nos dous casos preguntaban quen podía escribir un libro para unha determinada colección e aí xa tiven a opción de dar a miña opinión sobre xente que podía interpretar, e tamén sobre obras que podiamos traducir. (…)
“Nos 80 necesitábase moita obra infantil”
A Literatura Infantil e Xuvenil é outra das áreas de traballo de Xavier Senín, que lembra, “necesitábase, realmente, moita obra infantil porque non había nada ou había moi pouco, e logo tamén tiven a honra de traballar noutros campos a prol da Literatura Infantil e Xuvenil”. Ao valorar a situación actual, non só da tradución senón da creación literaria xuvenil, Senín comenta, “antes podías ler todos os libros que saían no ano, nos 80, agora é imposíbel pero non só hai que falar de número, senón de calidade”.
E recalca que “basta ver que con moitos dos nosos autores e autoras que publican en castelán, inmediatamente sacan a tradución ao galego e, ás veces, até ao mesmo tempo, e isto demostra que hai moita calidade”. “Cambiou moitísimo a situación para ben e as nosas crianzas, e a mocidade, teñen o que merecen, realmente”, conclúe Xavier Senín.”

Francisco Xavier Senín, Premio Nacional pola súa traxectoria de tradución ao galego

Desde Nós Diario:
Francisco Xavier Senín Fernández foi galardoado co Premio Nacional á Obra dun Tradutor 2020, segundo informou o Ministerio de Cultura e Deportes, que distingue así a súa “dilatada” carreira como tradutor ao galego, “a partir de obras de gran variedade temática e tipolóxica”.
O xurado do premio, que concede o Ministerio de Cultura, destacou como a obra de Senín abrangue desde clásicos como O Quixote a libros de literatura infantil e xuvenil, banda deseñada…
“As súas traducións destacan pola súa calidade e meticulosidade, nas que mostra un coñecemento pouco común das variedades diatópicas, diastráticas e diafásicas do galego”, indica o fallo do xurado deste galardón, dotado con 20.000 euros.
O Premio Nacional á Obra dun Tradutor ten como obxecto distinguir o conxunto do labor realizado por un tradutor do Estado español, sexa cal for a lingua ou linguas utilizadas no desenvolvemento do seu traballo, e que dedicase especial atención á tradución de obras estranxeiras a calquera lingua do Estado español.
Como tradutor, Xavier Senín ocupa un espazo de relevancia tanto pola cantidade como pola calidade das súas achegas. Ademais, foi impulsor e presidente da Asociación de Tradutores Galegos (ATG), creada en 1985 para potenciar a tradución ao galego como ferramenta de normalización lingüística; e redactor responsable da edición galega de O Correo da Unesco dende a súa aparición en 1989 ata 2001.
Moitos dos títulos que levou á lingua galega están dirixidos ao público máis novo, sempre no centro da súa atención, un interese que o levou tamén a asumir a presidencia da Organización Española do Libro Infantil e Xuvenil (1998-2001).
O filólogo, nacido en Pontecesures, encarna unha das figuras máis destacadas do panorama da tradución ao galego con máis de 150 volumes publicados en numerosas editoriais, desde obras de gran popularidade como Astérix até clásicos como O enxeñoso fidalgo don Quixote da Mancha.”

O pleno da Real Academia Galega nomea a Xavier Senín membro correspondente

Desde a Real Academia Galega:
“O pleno da Real Academia Galega nomeou a Xavier Senín (Pontecesures, 1949) membro correspondente da Real Academia Galega na sesión celebrada o 3 de outubro na Coruña. O filólogo é unha das figuras máis destacadas na tradución ao galego, con máis de cento cincuenta volumes publicados en numerosas editoriais. Entre eles destacan unha morea de títulos de gran popularidade entre o público infantil e xuvenil, como os álbums de Astérix, e clásicos como O enxeñoso fidalgo don Quixote da Mancha, como membro do equipo de tradución da edición saída do prelo de Xuntanza Editorial en 1990. Xavier Senín exerceu ademais un apoio decidido ao libro galego como subdirector xeral do Libro e Promoción Cultural da Xunta de Galicia entre 1987 e 2006.
O novo académico correspondente licenciouse en 1975 en Filosofía e Letras, Sección de Filoloxía Moderna, Subsección de francés pola Universidade de Santiago de Compostela. En 1976 comezou a exercer como docente de secundaria e foi catedrático de instituto da materia de Francés dende 1981, aínda que sempre lle prestou atención ao galego tamén dende a didáctica. Foi docente dos primeiros cursos de lingua e cultura galegas tras a recuperación da democracia, coordinador dos libros de texto de lingua galega de EXB de Ediciones SM e autor de Lingua Galega 1º de BUP e Galego 2º de BUP de Edicións Xerais de Galicia. (…)”

Premios Fervenzas Literarias para Os mellores libros do 2019

Desde Fervenzas Literarias:
“Tras case un mes de votacións, o 15 de xaneiro pechou o prazo para votar na enquisa anual para escoller Os mellores libros do ano.
Como cada ano, queremos darvos as grazas a todas e a todos os lectores que cos vosos votos axudades, dende hai xa trece anos, a facer posible esta proposta. Moitas grazas!
E agora so resultados… Moitos parabéns aos libros premiados! Velaquí están os mellores libros do 2019!

– Mellor libro de narrativa para Carrusel, de Berta Dávila.
– Mellor libro de poesía para Feliz Idade, de Olga Novo.
– Mellor libro de ensaio/investigación para Vigo, puro milagre, de Manuel Bragado.
– Mellor libro de teatro para Na miña alma ouvea un lobo, de Xavier Lama.
– Mellor álbum de banda deseñada para O bichero IX, de Luís Davila.
– Mellor libro traducido para público adulto para Os homes explícanme cousas, de Rebecca Solnit, traducido por María Fe González Fernández.
– Mellor libro de literatura xuvenil para Os corpos invisibles, de Emma Pedreira.
– Mellor libro de literatura infantil para Xelís, o guieiro das botellas de mar, de Rosa Aneiros.
– Mellor libro traducido de literatura infantil e xuvenil para Astérix: A filla de Vercinxetórix, de René Goscinny, Albert Uderzo, Jean-Yves Ferri e Didier Conrad, traducido por Isabel Soto, Xavier Senín e Alejandro Tobar.
– Autor/a do ano para Ledicia Costas.
– Ilustrador/a do ano para Andrés Meixide.
– Mellor capa de libro para adultos para Infamia, de Ledicia Costas.
– Mellor capa de libro de literatura infantil e xuvenil para Amani, de Miguelanxo Prado, publicada por Retranca Editora.
– Mellor editorial do ano para Xerais.
– Mellor crítico/a literario/a para Armando Requeixo.
– O mellor acontecido para o Premio Estatal de Poesía para Pilar Pallarés.
– O peor acontecido para a política cultural e lingüística da Xunta de Galicia.
– Mellor Libraría para a Libraría Cartabón.
– Mellor medio de comunicación para Praza.
– Mellor blog/web literaria para BiosBardia.”