Manuel Forcadela: “O Quixote debería ocupar un espazo central na formación de calquera humanista”

Entrevista de César Lorenzo Gil a Manuel Forcadela en BiosBardia:
“(…) – BiosBardia (B): Que novela lle gustaría protagonizar?
– Manuel Forcadela (MF): A dun poeta que viaxa en autocaravana por Europa e dá longos paseos por cidades vellas facendo fotos. Un melancólico do tempo dos hippies que atesoura o desprazamento e a novidade cultural como parte do seu síntoma.
– B: Que novela o reconciliou coa literatura?
– MF: A morte de Virxilio, de Hermann Broch e a narrativa completa de António Lobo Antunes, un autor que adoro. Antes tamén A montaña máxica, de Thomas Mann. Recordo tamén cando empecei a ler Cien años de soledad e non puiden levantarme da cadeira, a pesar dos prexuízos previos que me levaran a rexeitala durante algún tempo. Creo que lin a novela enteira en dúas ou tres sentadas. Últimamente Arrecife, de Juan Villoro. (…)
– B: Escribirá as súas memorias?
– MF: A recapitulación do que foi a existencia precisa esa mirada desde o alén, desde esa perspectiva que xa non é a do existente e mortal, senón a da eternidade que reside nos idiomas. Verba volant, scripta manent. A autobiografía, que é o deitado da existencia no leito das palabras, procura facerse interpretar por signos compartidos na boca dos outros.
Mais o vivido malamente pode ter breviarios porque a existencia sempre foi intensidade.
Facer biografía, pois, é separar o vivido do dito, o existente do escrito. E comprender que esa fenda é definitivamente intransitable. Entender que esa distancia é para sempre.
Só preciso dúas cousas: encontrar un Eu que sexa quen de gobernar o conxunto e unha Voz que lle dea sonoridade. Diso se trata.
– B: Que autor/a considera responsable de que vostede se dedique á literatura?
– MF: Na miña mocidade, Ferrín, que foi o meu profe no instituto e que nos convenceu de sermos galeguistas para sempre. Xa na mocidade, Carlos Oroza. Aconteceu que eu tiña un cuarto libre no piso no que residía en Santiago e un día Carlos apareceu por alí, porque se fixera amigo do meu compañeiro de piso Manolo Martínez, da Fonsagrada, (un saúdo, Manolo, cántos anos) e dixémoslle que podía quedar se quería. Así que, durante dous cursos, Carlos foi o noso compañeiro de piso. Vivía como un anacoreta. Comía pouquísimo. E estabamos até as tantas da mañá falando e falando sobre o divino e o humano. En varios dos meus libros desa época hai mencións e dedicatorias a Carlos que son mostra desa comunicación. (…)”

Anxo Angueira: “Vai medrando na cabeza unha novela que quero escribir desde hai dez anos, pero moi pouco a pouco”

Entrevista de César Lorenzo Gil a Anxo Angueira en BiosBardia:
“(…) – BiosBardia (B): Que novela o reconciliou coa literatura?
– Anxo Angueira (AA): Nunca tiven que reconciliarme coa literatura. Pero houbo algunhas que me deixaron marca nese sentido. Por exemplo La saga fuga de J-B, de Gonzalo Torrente Ballester, e Bretaña, Esmeraldina, de Méndez Ferrín. (…)
– B: Que libro lle gustaría ter escrito?
– AA: A min gustaríame escribir a novela que quero escribir desde hai máis de dez anos. Vai medrando na cabeza, pero moi pouco a pouco. (…)
– B: E un libro galego posterior ao 1970 que adora?
– AA: Cabalgada na brétema, de Darío Xohán Cabana. (…)”

Mondoñedo: II Encontro Álvaro Cunqueiro, os 1 e 2 de xullo

Xosé Luís Méndez Ferrín: “A terra e o tempo trazan a liña da literatura”

Entrevista de Ana Mosquera a Xosé Luís Méndez Ferrín en Luzes:
“(…) – Luzes (L): Vostede é un autor moi imaxinativo, pero os artigos deste libro [No Fondo dos Espellos], que vén de publicar a Universidade de Vigo, teñen unha forma máis ensaística. Recollen temas moitas veces eruditos de arqueoloxía, historia, zooloxía, galeguismo e nacionalismo. Que o impulsou a este enfoque?
– Xosé Luís Méndez Ferrín (XLMF): En realidade isto ten que ver co formato. Déronme unha plana enteira no Faro de Vigo, nun suplemento de carácter cultural, e era un lugar adecuado para falar de historia, onomástica e outros temas que me interesan especialmente, como a zooloxía de insectos. Este enfoque prodúceme unha especial satisfacción porque sempre deixara o xénero ensaístico de lado na miña obra. É unha sección que me permitiu abordar temas que había tempo que maduraran dentro de min. Eran como os ovos dunha galiña que foran chocando e dos que foron saíndo coma pitiños ou poliños dispersos, pero unidos coma unha pequena rolada ao redor de min. (…)
– L: A súa traxectoria política e vital converten a figura do escritor en parte da súa obra?
– XLMF: Non se poden separar. Nun escritor cunha conduta cívica resulta inseparable. Todo o mundo ten unha poética, ten una concepción do mundo e unha visión das cousas que forzosamente se reflicten no que escribe.
– L: Un escritor dunha lingua minorizada, coma o galego, pode convertese automaticamente nun activista da lingua? É isto positivo?
– XLMF: A lingua é unha das nosas fortalezas, aí somos imbatibles e indestrutibles. A nosa literatura é superior á catalá, dígoo aínda co risco de parecer supremacista. A nosa literatura vén desde a Idade Media. Cando os cataláns aínda escribían en provenzal, nós xa escribiamos en galego. Tiñamos os poetas medievais, a Martín Codax, a Alfonso X o Sabio. E agora até desapareceu practicamente a figura do escritor galego en castelán. Hoxe non hai ningún Valle-Inclán, ningún Torrente Ballester. A literatura que se produce en Galicia é en galego e danos unha fortaleza indiscutible para a defensa da lingua.
A literatura galega de hoxe é unha literatura de vangarda, tratando temas universais coma cando vostede e o grupo Brais Pinto trataban de colocala á altura das novidades europeas e sacala do costumismo. Os que empezaron a colocar a literatura galega nas vangardas foron Rosalía, Pondal, Manuel Antonio… Hoxe segue sendo unha literatura do seu tempo, da época. Cando nós fundamos o voceiro político antifascista do noso partido, chamámoslle Terra e Tempo. A terra e o tempo trazan a liña da literatura. (…)”

Padrón: 50 aniversario da Casa de Rosalía

“Xeliña fala galego”: as raíces do compromiso de Xela Arias

Artigo de Manuel Xestoso en Nós Diario:
“Grazas aos contactos cos núcleos galeguistas dos seus pais, Valentín Arias e Amparo Castaño, Xela Arias medrou inmersa nun ambiente no que o galego era unha lingua de cultura e de oposición á ditadura. Amais de ser a lingua materna, o galego constituíase nun humus no que medraban manifestacións literarias, artísticas e políticas e, talvez por iso, a poeta foi especialmente precoz no cultivo da literatura e no insubornábel compromiso lingüístico.
Unha das cousas que está desvelando o Día das Letras Galegas deste ano é o gran peso da infancia e a mocidade de Xela Arias no desenvolvemento posterior da súa obra e a significación que o contacto co galeguismo e o nacionalismo tivo na súa personalidade.
En 1968, o pai, Valentín Arias, escribía un texto para o libro das festas de San Xoán de Sarria titulado “Xeliña fala galego” no que deixa orgullosa constancia das vantaxes de educar en galego.
Xa aos once anos, a pequena Xela gañaba o VI Concurso de Contos Infantís, promovido pola Asociación Cultural O Facho, co conto “A fraga dos paxaros faladores e a fraga leopardicia”, publicado polo Boletín da Asociación Cultural de Vigo en 1973.
Mais xa antes, aos nove, Arias escribira Non te amola!, unha novela -agora duplamente rescatada, por Galaxia e por unha edición facsimilar do Consello da Cultura Galega- que, vista cos ollos actuais, constitúe unha conmovedora crónica do nacemento dunha sensibilidade e dunha particular mirada que tería unha enorme importancia no posterior desenvolvemento da autora.
O mestre e editor Manuel Bragado, que vén de reunir nunha ‘chiografía’ todos os chíos que foi publicando na súa conta de Twitter sobre a vida e obra de Xela Arias, destaca algunhas experiencias como as excursións organizadas pola Asociación Cultural de Vigo ou, na adolescencia, o traslado dos libros da biblioteca persoal de Otero Pedrayo desde Ourense até o local da Fundación Penzol en Vigo.
“Na nosa xeración era moi raro que alguén fose educado como o foi ela”, explica Bragado. “Xela educouse cun pai e unha nai galegófonos e, ao tempo, na casa dun mestre. Pasa da Granxa de Barreiros, en Sarria, ao colexio Fingoi de Lugo, que son dous centros moi singulares, moi abertos ao galego e cunha actitude pedagóxica moi moderna, o cal era moi raro naquela altura”.
“Xa en Vigo, Xela Arias está moi influenciada polo contacto coa Asociación Cultural de Vigo”, continúa Bragado, “que presidiron Camilo Nogueira ou Afonso Álvarez Cáccamo e na que ocupaba un lugar moi destacado Méndez Ferrín. Esas figuras xa son declaradamente nacionalistas. De feito, Ferrín escribe un artigo saudando a publicación de Denuncia do equilibrio no que fala das actividades da asociación como dun labor de construción da nación”.
Mais si houbo unha figura do galeguismo histórico que seguiu sendo fundamental para Xela Arias: Francisco Fernández del Riego. “Xela é a única muller que participa na homenaxe a Del Riego en 2002”, recorda Bragado, “e nela le un poema que lle dedica e no que lembra que, desde nena, don Paco foi sempre a figura venerábel que admiraba. Mais o certo é que Del Riego era unha figura algo á parte dentro do galeguismo. Era un home moi de esquerdas”.
A Granxa de Barreiros -onde Xela Arias pasou a súa primeira infancia- é un proxecto pedagóxico creado en 1948 por Antonio Fernández López -fundador tamén do Colexio Fingoi de Lugo, intimamente vencellado ao anterior homenaxeado no Día das letras, Ricardo Carvalho Calero– que pretendía integrar a cultura galega e os ciclos da natureza no ensino. O seu primeiro director foi Avelino Pousa Antelo. “

Viale Moutinho, premio especial aRitmar 2021 á Embaixada da amizade galego-lusófona

Desde Nós Diario:
“O xurado do certame aRi[t]mar da Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela, da que é director o profesor Gonzalo Constenla, decidiu conceder o Premio aRi[t]mar especial do xurado “Embaixada da amizade galego-lusófona” ao escritor madeirense residente no Porto José Viale Moutinho.
Alén dos seus méritos como xornalista en medios como o Jornal de Notícias, o República ou o Diário de Notícias, José Viale Moutinho é narrador, poeta, dramaturgo e ensaísta, con obra traducida a varios idiomas, tamén ao galego. Está tamén moi ligado ao Festival da Poesía do Condado desde o seu inicio en 1981, organizado pola Sociedade Deportiva do Condado (SDC) con sede en Salvaterra do Miño.
Como director da Associação Portuguesa de Escritores, da Associacão de Jornalistas e Homens de Letras do Porto e do Teatro Experimental do Porto posibilitou a visibilidade da literatura galega en Portugal, e a el se debe a presenza da escritora Xela Arias, de Mantecón e da directiva da SDC para presentar o Festival da Poesía no Condado ao mundo lusófono.
Pioneiro en divulgar a literatura galega contemporánea, nomeadamente a de Neira Vilas, Celso Emilio Ferreiro, Manuel María. De Méndez Ferrín é o seu primeiro tradutor ao portugués. Tamén traduciu a Castelao e a Lamas Carvajal e é autor de Fouce erguida. Antologia de poesia galega de combate.
Viale Moutinho foi tamén investigador da represión franquista e dos campos de exterminio nazi, autor dunha biografía sobre Zeca Afonso e impulsor da Asociación que en Vigo leva o seu nome. Relacionada coa temática galega, escribiu o libro pioneiro Introdução ao nacionalismo galego.
O certame informa na nota de prensa que o premiado fora elixido académico de honra electo da Real Academia Galega, e que renunciou en solidariedade con Méndez Ferrín cando este deixou a presidencia. (…)”

Rexina Vega: “Lembro ler Os Cinco á luz dunha lanterna debaixo das sabas”

Entrevista de César Lorenzo Gil a Rexina Vega en BiosBardia:
“(…) – BiosBardia (B): Que novela a reconciliou coa literatura?
– Rexina Vega (RV): Eu sempre estiven namorada da literatura, non precisei de ningunha obra que me reconciliase con ela, pero se teño que escoller unha obra especial que cifre o que para min é isto de inventar mundos a través de palabras escollo El año del cometa de Álvaro Cunqueiro, unha historia de historias onde aparecen todas as posiblidades do artificio e todos os ángulos da verdade da condición humana.
– B: Que libro lle gustaría ter escrito?
– RV: A paixão segundo G. H. de Clarice Lispector. En realidade calquera dos escritos por ela, levito con cada unha das súas frases. Non se parece a nada e xoga sensorialmente contigo para que abras a mente e o instante estoupe. (…)
– B: Que autor/a considera vostede responsable de que vostede se dedique á literatura?
– RV: Pois unha especie de Frankenstein feito por anacos de Gloria Fuertes, Rosalía de Castro, Kafka, Ferrín e Cunqueiro. (…)
– B: E un libro galego posterior ao 1970 que adora?
– RV: Mal Mor de Emilio Araúxo. Vellez e silencio, non se pode dicir mellor nin máis fondo. Tamén Cativa no seu Lughar de Luz Pichel. (…)”

“Manselle na memoria: os cachotes da utopía feita valo”

Entrevista de Irene Pin a Anxo Angueira en Nós Diario:
“(…) O prodixioso: a veciñanza de Manselle, unha pequena aldea do concello de San Xulián de Laíño -á que na época da República xa chamaban a aldea rusa- decide empregar os cartos dunha venda comunitaria para construír un muro de contención que faga practicábel un campo de xogos en terreos comunais, que a concentración parcelaria convertera en vertedoiro de lixos. “E ninguén os mandou nin os acode”, lemos.
“A decisión xa foi extraordinaria”, afirma o autor. “Estaba na asemblea veciñal e tomouse por maioría: imos facer nós un valo, de costas ás Administracións”, narra. Nesta determinación atópase “a revolución, constituíreste ti en nación, en institución, es ti quen te gobernas”. Mais ao saír da reunión, preguntábase como ían facelo. “Estamos tolos”, pensaba. E foi devagar. Os sábados. Todas xuntas.
“Era un soño, pero os soños están tamén para poder realizalos. Vivimos de esperanzas e ilusións”, lembra Angueira. O primeiro traballo foi máis doado, con aqueles azos que xermolaban do devezo no pulo inicial. Pero neses dous anos de obra pública tamén houbo momentos duros. O autor recorda con mágoa as que tiveron que emigrar.
E é que Angueira partilla o universo de Manselle desde a ollada interna, déixanos entrar, e fai protagonistas as mans que constrúen ese monumento, todo un triunfo. E as mans teñen nomes. Ovidio o da Ministra, Alfredo o de Lina, Antonio o de Calo, Marucha a da Olia, Berta a da Romera.
“Eu no poema menciono algunha, pero hai moita máis xente”, afirma, pois o valo non implicaba só as que estaban na obra, senón as que non podían comparecer en corpo: obreiros que tiñan que traballar, nais que debían facer a comida. Non podían ir, pero tamén era delas.
O libro foi para Angueira a posta en palabras dunha experiencia que marcou a súa comunidade labrega. “O valo foi unha ruptura vital e literaria, porque a aldea miña rompeu co código, co concepto que se tiña ou se ten dela coa súa construción”. Tamén, “dalgún modo atopeime como escritor, descubrín un pouco o rumbo”.
Os poemas nacían dunha necesidade, ese deixar constancia do que estaba a acontecer. “Eu fíxenme escritor nalgunha medida polo valo, aínda que xa publicara algo antes. Tiña que escribir isto”, conta con paixón. O poeta chamara a prensa, pero non o vía como algo relevante e el, que albiscaba a xenialidade do acontecemento, desexaba inmortalizar a “grandeza destas pequenas aventuras de aldea”, todo un símbolo do que “aprender unha lección”.
O valo de Manselle case fala máis que escribir, con ese apego á oralidade dun territorio concreto, que foxe da norma para reivindicar, tamén, o popular
Desde esa vontade de dignificación do agro, Angueira n’O valo de Manselle case fala máis que escribir, con ese apego á oralidade dun territorio concreto, que foxe da norma para reivindicar, tamén, o popular. “Fúndase neste poema unha nova ruralidade épico-lírica que nos coloca lonxe da retórica malencónica da perda da aldea e da extinción da Patria”, describe Xosé Luís Méndez Ferrín no limiar.
Consegue así o poeta retratar o arrouto das mans que ergueran no arrolo do común un valo qué moito máis que a estrutura. Porque naceu dunha fórmula de traballo colectivo con reminiscencias de antes, sobre o eco das restebas e as mallas.
Da serie de poemas que inclúe o libro, “O mar e o río do regreso” foi a primeira en ser redactada, aínda que figure no seu feche. “Visto desde agora, a verdade é que están aí os fíos cos que se foi tecendo a miña obra”, comenta Angueira, “comezando pola cita inicial do texto”. Como non, de Rosalía: “Que inchadiña branca vela / antre os millos correo soa…”. Sobre ela constrúe un canto á irmá defunta, que esgaza os ollos que len coa presenza inexpugnábel da morte.
Desfilan polo poemario figuras tan recoñecidas das nosas letras como o mestre Bernardino Graña, que exerceu o seu labor docente en Padrón. Mais hai outra protagonista indiscutíbel, María de Mariño, que desde o anonimato reflicte unha figura que moitas atoparán súa historia propia.
“Era unha persoa real”, apunta Angueira, “levaba unha vida paralela a todos os demais, vivía como noutra pista, noutra dimensión”, intenta explicar. El describiuna xa desde a consciencia de ser case un prototipo cultural -“miña siña Sinforosa”, escribe, en conexión con Castelao, ou coa “muller da herba” de Zeca Afonso. “Toda ela era poesía, nin que fose feita por Martín Sarmiento”, di.
O poema dá conta dun “dos momentos máis senlleiros da miña vida”, confesa Angueira. María deulle liño: “Sementa agora ti / eu vou pra morta”. Aquela encomenda pesaba, porque era “continuar algo que eu non sabería definir moi ben con palabras, non era só a propia semente do liño, había aí moitísimo máis”.
Todo un tempo, unha cultura, unha forma de vida, un respecto pola beleza. Depositaria dun mundo que estaba a esmorecer, ou xa esmorecera. María é a “memoria que ninguén xamais alcanza”, escribe Angueira.
As circunstancias da aldea hoxe son distintas. Manselle, en 25 anos, perdeu moita poboación. “O poema xa remataba con esa percepción algo pesimista na liña global do que vivía a Galiza, a perda de natalidade, nun proceso que vén de lonxe, mais que se pode reconducir”, explica o autor. “Hoxe non hai capacidade na aldea para facer iso, porque non ten ese pulo vital daquel momento”, engade.
Porén, “onde hai un espírito de esforzo colectivo polo ben común, onde hai unha unidade veciñal, aí está o valo de Manselle”. Un valo que é moito máis que un valo, cuxa lembranza se volve, se cadra, aínda máis esencial nestes tempos.
“O risco de desarticulación, condenar ao individualismo o ser humano sempre estivo presente, hoxe por suposto máis que nunca”, opina Angueira, “pero tamén somos capaces de nos rebelar contra iso, de decidir en pequenos grupos mudar as cousas”.
Fronte á atomización, latexa o espírito comunitario do que o valo é símbolo. Aquel lugar onde a utopía existe, aínda que sexa brevemente: “Eles somos nós / a tribo inmemorial que desafía / as obras públicas / […] os conceptos de pobo e soño institucionais”.
Así, ao noso presente chega o eco da música metálica da formigoneira que enchía outrora o val, a banda sonora dun traballo que foi -que é- remanso de esperanza, demostración do que pode o pobo, na unión, “forno onde se coce a resistencia”.”