Cultura da Deputación da Coruña selecciona os oito proxectos das Residencias Artísticas Mariñán 2025

Desde a Deputación da Coruña (foto da propia Deputación da Coruña):
“Xa se coñecen os oitos proxectos que se desenvolverán nas Residencias Artísticas Mariñán 2025, convocadas pola área de Cultura da Deputación da Coruña. Entre o 31 de marzo e o 11 de abril, compartirán espazo, recursos e experiencias Branca Trigo (coa proposta Mandrágora) e Sergio Marey (Camiños do desexo), na modalidade de literatura, e Paula Sanmartín (Coro priscilianista) e María Bella (O amor ao territorio), na modalidade de pensamento. As residencias de música —do 31 de marzo ao 5 de abril, as dúas primeiras propostas, e do 6 ao 11 de abril, as outras dúas— corresponderanlle a Ailén Kendelman (Unha señora orquestra), Abril (Investigación e creatividades para disco), Nanu (Creación de percusión para EP) e Incra (Ronco: disección anatómica da gaita).
A deputada de Cultura, Natividade González, presidiu os xurados que seleccionaron os proxectos e destacou “a calidade das propostas presentadas”, un total de 29. Formaron o comité avaliador das residencias de literatura e pensamento —que teñen como comisario a Roberto Abuín— Sica Romero, Xosé Ricardo Losada e Nieves Neira Roca; e o das residencias de música —das que é comisaria Aitana Cuétara— Noel Feáns, Beatriz Fontán e Carles Sala. Nas dúas reunións dos xurados actuou como secretaria, Manuela Lorenzo, xefa da Sección de Educación e Cultura da Deputación.
“Para nós, como administración”, explica Natividade González, “é unha obriga apoiar este tipo de proxectos xa non únicos, senón tan necesarios, e darlles ás creadoras e ós creadores todas as facilidades e recursos para que leven a cabo un traballo que logo nos devolven con propostas de indiscutible calidade e das que tanto gozamos”.
Segundo a deputada, “a estadía en Mariñán permítelles a todas e todos os participantes avanzar nos proxectos cunha perspectiva que é difícil adoptar fóra deste espazo en común, sen o acompañamento e a formación que lles proporcionamos para que, ademais, a súa obra chegue nas mellores condicións de recepción ao público e aos circuítos culturais”. “A experiencia en Mariñán é enriquecedora para músicos e músicas, autores e autoras, sempre nun ambiente de convivencia que propicia sinerxías que facilitan os procesos de creación e contribúe á calidade dos resultados”.

Proxectos de literatura e pensamento
Segundo o xurado, Mandrágora, de Branca Trigo, propón “unha exploración mitopoética da conexión entre o ‘queer’, a ritualidade e o cotián, así como unha pertinente e novidosa resignificación da noción de bruxa ou meiga na súa conexión coas disidencias sexuais e de xénero”.
Camiños do desexo, de Sergio Marey, “é unha interesante proposta dunha escritura autoficcional e fragmentaria dunha persoa non binaria desde unha perspectiva disidente no rural galego, de valorar pola que implica na produción de subxectividades alternativas ás heteronormadas”.
Coro priscilianista, de Paula Sanmartín, preséntase como “unha proposta de ensaio filosófico que cruza a figura de Prisciliano co pensamento contemporáneo, con diálogos contracoloniais e ecofeministas, a autora artella un discurso crítico lúcido e de gran pertinencia no contexto cultural galego”.
O amor ao territorio, de María Bella, “desenmascara a violencia que esconden os discursos e prácticas capitalocéntricas do amor ao territorio, nun proxecto no que a autora propón unha investigación do máximo interese na actualidade sobre as formas extractivas de ocupación do rural galego, procurando fórmulas de lexitimación da súa cultura”. (…)”

Rianxo: actividades do 27 de xullo na Feira do Libro 2024

Rianxo: actividades do 26 de xullo na Feira do Libro 2024

Xosé Ricardo Losada recibe o premio Antón Avilés de Taramancos de relato de aventuras

Desde Nós Diario:
Xosé Ricardo Losada, profesor e escritor do municipio de Rianxo (O Barbanza), recibiu este sábado en Noia (comarca homónima), o premio do XXII Certame Literario Relato de Aventuras Antón Avilés de Taramancos polo seu traballo Un inferno frío.
No concorrido acto, que tivo lugar na Casa da Cultura Antón Avilés de Taramancos, foi presentado o libro co mesmo título, editado por Toxosoutos e coas ilustracións a cargo do artista noiés Xosé Luís Veiras Manteiga.
Alén da publicación do libro, que foi entregado a Losada por Veiras Manteiga e que forma parte do premio, o gañador recibiu os 3.000 euros nos que está valorado o certame por parte do concelleiro de Cultura da localidade, José Pérez. Ademais, recibiu unha escultura realizada polo coñecido artista local Alfonso Costa da man do escritor ribeirense Antonio Piñeiro.
Segundo sinalou Xosé Ricardo Losada, o libro trátase dunha homenaxe a Faustino Rey Romero, crego de Rianxo que emigrou a Bos Aires (Arxentina) e do que el mesmo fixo unha biografía. Así mesmo, o libro tamén trata de facer tributo a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao e Virxinia Pereira.
Nesta ficción con personaxes que foron reais, Castelao e Virxinia tratan de desentrañar a verdade sobre o asasinato en Bos Aires de Don Faustino, segundo relatou o autor durante a súa intervención, na que non faltou a lembranza e a poesía de Avilés de Taramancos. Neste sentido, o acto tamén estivo acompañado pola actuación de Serafín Marcos, tamén ao redor da obra de Antón Avilés. (…)”

Rianxo: presentación de O libro secreto da filosofía, de José Carou

Rianxo: Actos Castelao 2024

Xosé Ricardo Losada Vicente gaña o XXII Certame Literario de Aventuras Antón Avilés de Taramancos

“O 29 de decembro 2023, os membros do xurado do XXII Certame Literario Relato de Aventuras Antón Avilés de Taramancos reuníronse na Casa da Cultura para emitir publicamente a súa decisión e dar a coñecer o novo gañador do XXII Certame Literario.
O xurado constitutído por Santiago Freire Abeijón, presidente de honra; Oliva Fraga Lombardía, traballadora da concellería de cultura e que actuou en calidade de secretaria; Antonio Puentes Chao, profesor e escritor; Raúl Soutelo Vázquez, profesor e escritor, e Antonio Piñeiro Fernández, profesor, editor e escritor, e despois das deliberacións, e por unanimidade, declarou gañador a obra titulada Un inferno frío, da autoría de Xosé Ricardo Losada Vicente, de Rianxo.”

Roteiro literario por Rianxo, con Xosé Ricardo Losada, o sábado 12 de novembro

O Roteiro literario por Rianxo, con Xosé Ricardo Losada, que leva como título De catro a catro. Follas de culto dun diario de fracasos, guiado por Xosé Ricardo Losada, é unha iniciativa da AELG desenvolvida co apoio da Deputación da Coruña e a colaboración do Concello de Rianxo, que forma parte desta iniciativa da AELG que pretende dar a coñecer as cidades e vilas do país da man das nosas escritoras e escritores, que exercen de guías tomando como base obras propias ou alleas vinculadas a eses espazos. Deste xeito, posibilítase que a cidadanía goce persoalmente dos espazos físicos na súa relación coa memoria literaria. O texto deste roteiro será publicado para a súa descarga libre nesta mesma páxina web.

O roteiro terá lugar o sábado 12 de novembro, a partir das 11:30 horas, en Rianxo. O número máximo de participantes é de 35 persoas, que deberán inscribirse previamente enviando un correo electrónico co seu nome e apelidos a oficina@aelg.org antes do 11 de novembro.

Información sobre protección de datos
A/O responsábel do tratamento é a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. A finalidade do tratamento é a prestación do servizo que se detalla na solicitude ou actividade organizada. A base legal do tratamento é o cumprimento dunha obriga contractual na prestación dun servizo. Os seus datos conservaranse unicamente durante os prazos de prescrición legalmente aplicábeis. Pódense comunicar os seus datos a terceiras/os organizadoras/es ou colaboradoras/es da actividade. No caso de solicitar certificado de asistencia, os seus datos comunicaranse ao/á impartidor/a da actividade. Pode acceder, rectificar, suprimir os seus datos e nos casos determinados opoñerse ao tratamento, limitar o seu uso ou portar a outra/o responsábel. Tamén pode solicitar a tutela da Axencia Española de Protección de Datos ou presentar unha reclamación ante a mesma.

Rianxo: actividades dos 23, 24 e 25 de xullo na Feira do Libro 2022