Verso a verso con Yolanda Castaño, premio Nacional de poesía 2023: «Estou máis preto da loita das nais críticas que de moitas que deciden non ser nais»

Entrevista de Ana Abelenda a Yolanda Castaño en La Voz de Galicia:
“(…) A poesía de Yolanda Castaño (Santiago, 1977) ten dende o pasado 27 de setembro o Premio Nacional de Poesía 2023 por Materia, pero leva trinta anos levedando como materia rebelde, abrindo e ampliando o campo para o debate social. Falamos coa escritora, cun feixe de versos escollidos deste poemario, da familia, da amizade, da memoria, da maternidade como escolla consciente, como lousa e como renuncia, como sistema desigual contra as mulleres. «A poesía é o xénero menos dogmático, é un xénero que permite crear realidades máis hospitalarias, vivibles», di. «Conciliación, saúde mental e neurodiverxencia» son temas poéticos, amosa a autora que se revelou con Elevar as pálpebras (1995). Materia é unha poldra nese camiño de pedras sobre o río revolto da vida que é a obra de Yolanda Castaño.
«O corpo está neste poemario nun sentido moi amplo. O corpo son tamén os nosos sentidos. Na poesía desactívase a parte máis racional e actívanse a impresión, as sensacións. Á vida e ao traballo enfrontámonos a través do corpo, non de maneira etérea», sinala. Iso enlaza, segue, «coa raíz dalgunhas das nosas preocupacións sociais, como son os coidados e o papel da muller na sociedade e na esfera privada». (…)”

Entrevista a Yolanda Castaño sobre o Premio Nacional da Poesía 2023

Entrevista a Yolanda Castaño no Diario Cultural da Radio Galega:
“O poemario Materia, publicado por Edicións Xerais en 2023, é o cuarto Premio Nacional para a poesía galega, despois dos recibidos por Manuel Álvarez Torneiro, Pilar Pallarés e Olga Novo. O xurado destacou a “extraordinaria forza evocativa e sensorial” do libro e a súa exploración non compracente de temas como a familia e a maternidade. Conversamos coa poeta, que recibiu a noticia da concesión do premio desde o estado mexicano de Chiapas, onde participa nun festival de poesía. A entrevista pode escoitarse aquí.”

Premios da Crítica de Galicia 2023

Os Premios da Cultura Galega 2023 recoñecen Yolanda Castaño e Ponte… nas Ondas!

Desde Nós Diario:
“O xurado dos Premios da Cultura Galega, reunido esta segunda feira en Santiago de Compostela, outorgou os galardóns da edición deste ano após unha xuntanza presidida polo conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, que tivo lugar na Cidade da Cultura. Na categoría de Letras, a premiada é Yolanda Castaño, poeta activa e dinamizadora literaria que conta cunha longa traxectoria, na que mantivo sobre todo un forte compromiso coa poesía, en contacto coas máis diversas e novas prácticas poéticas contemporáneas.
O premio de Artes Visuais vai parar ao Museo do Gravado de Ribeira, unha institución museística creada en 2001, que custodia e difunde unha colección artística composta por unha importante representación das artes gráficas. PistaCatro é a compañía elixida na categoría de Artes Escénicas. Desde a súa constitución en 2006, PistaCatro consolidouse como produtor decano das novas correntes circenses de Galiza, abrindo novos mercados e creando novos públicos.
A Banda Unión de Guláns leva o Premio en Música. Con escola de musical desde hai máis de 100 anos, naceu en 1870 en Guláns, Ponteareas, da man de José Carracedo Domínguez, fundador e primeiro director.
En Audiovisual, o premio é para a produtora Portocabo. Nada en 2010 na Coruña da man do seu director, Alfonso Blanco, ‘Fosco’; tense consagrado como unha das principais produtoras audiovisuais da Galiza, co favor de crítica e público e sempre apoiándose na innovación para anticiparse ás tendencias de mercado.
A iniciativa Ponte… nas Ondas! é a premiada en Lingua. Constituída como asociación cultural e pedagóxica no ano 1995, realiza actividades na procura da promoción de actividades culturais e pedagóxicas, así como a promoción da identidade común dentro dunha perspectiva xeral de integración europea no mundo lusófono.
O historiador Eduardo Pardo de Guevara leva o premio en Patrimonio Cultural. Historiador galego que se doutorou en Historia Medieval pola Universidade Complutense de Madrid en 1984, especializándose no estudo da nobreza baixomedieval galega, concretamente na historia social do poder.
Os cursos de verán Galego sen fronteiras son os premiados na categoría de Proxección Exterior. Dirixidos a persoas de fóra da Galiza, organízanse desde 1988 por iniciativa da Real Academia Galega, en colaboración coa Xunta, a Deputación de Coruña e a Universidade de Santiago, sumando xa XXXIII edicións.”

Yolanda Castaño: “A poesía é crítica, non pode estar para confortar aos confortados”

Entrevista de Héctor J. Porto a Yolanda Castaño en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Que encerra Materia para ter dado tantas satisfaccións?
– Yolanda Castaño (YC): É un poemario no que me ispo moito. No que conecto con algo tan íntimo como os vínculos familiares, xa sexan pretéritos como proxeccións de futuro. A poesía é o terreo máis axeitado non para os dogmatismos senón para os claroscuros, as ambigüidades e certas contradicións. Todo iso amósase cheo de vulnerabilidade, e con esa vulnerabilidade me expoño ante o lector. Tamén con algunha temeridade, como a de mostrar, como adoito, esa visión cuestionadora e crítica, neste caso, sobre a institución da familia. (…)
– LVG: Adoita dicir que a poesía debe ser sempre pensamento crítico. Non concibe a poesía doutro xeito?
– YC: Non a concibo doutra maneira. A poesía non pode estar para confortar aos confortados, senón para desconfortar aos confortados e confortar aos desconfortados. Está para incomodar o estatus quo, as verdades herdadas que nos veñen de segunda man, as consignas, que se fan con palabras que é o mesmo material con que traballa a poesía… Consignas que se herdan e van pasando de man en man, e deglutímolas, e creo que é hora de que as combatamos con actitude crítica. Para o cuestionamento nada hai mellor que a poesía, que é esa linguaxe que pode reordenar as palabras doutra maneira, crear sintaxes alternativas, novas relacións entre as palabras, e mediante esas novas relacións crear novas maneiras de dicir e con iso novas formas de pensar a vida.
– LVG: Como lectora quere outra poesía?
– YC: A lectura é algo tan dinámico, amplo, diverso, elástico que admite moitas actitudes. Ás veces precisamos unha lectura inmediata, rápida, mesmo lixeira, que nos faga pasar o rato. Iso pode acontecer, pero non me gusta que esa sexa a única posición. Gústame que haxa outras, que nos cuestionen, que tiren da nosa intelixencia, que nos propoñan retos.
– LVG: Que lle pasa á poesía galega, tan recoñecida agora fóra?
– YC: Só está demostrando que se este recoñecemento fóra tardou en acontecer era porque o contexto histórico era máis hostil. Estase vendo que é unha poesía que non era a sucursal galega dunha metrópole, senón que nela funcionan coordenadas propias, respondendo a unha tradición secular, valiosísima. E que, non sei se pola desatención que tivo que padecer tanto tempo, se esforzou en sacar o seu mellor eu, intentar ir un paso máis alá, poñerse ao límite… E goza duns estándares de altísima calidade, enorme vangarda, ambición creativa, orixinalidade e valentía. E por fin chegan os froitos. (…)”

Yolanda Castaño: “Gañar o Nacional de Poesía é a segunda cousa máis difícil da miña vida”

Entrevista a Yolanda Castaño no Faro de Vigo:
“(…) Eran as seis da mañá en Chiapas; ás 14.45 aquí, cando polo teléfono a autora coruñesa daba as grazas polos parabéns e sinalaba a este diario: “Gañar o Premio Nacional de Poesía é a segunda cousa máis difícil da miña vida. A primeira, dedicarme á poesía”.
Materia saíra publicado por primeira vez en galego en xuño de 2022 con Xerais. Pronto chamou a atención pola súa “achega diferente” á maternidade “dende unha óptica máis cuestionadora e desde a perspectiva crítica”, sinalaba a propia poeta a FARO meses atrás.
Castaño certificou a súa renuncia á maternidade en versos como A xente devece por multiplicarse/Eu,/ dividiríame ou na homenaxe a Idea Vilariño “Non chegarei a” dirixido á filla ou fillo que non terá e onde atopamos Non te verei facer/ o que amas tan profundo/ Non coñecerei os teus fillos/ bañados polo sol/ un mes de agosto./ Non sosterás o meu pescozo./ Non me apagarás a luz.
Na tarde de onte, a escritora galega explicaba que “eu só quería visibilizar unha opción que teñen todas as mulleres, se é que son verdadeiramente libres, e que é a opción de non ser nai. A auténtica liberdade é aquela na que calquera das opcións estea igual de lexitimada, visibilizada e co mesmo prestixio social. Non debemos aplaudir unha soa das opcións”.
Porén aclarou que ela non defende que “unha das opcións sexa mellor ca aoutra; nin sequera que unha reciba apoio en certo espazo e non noutro”.
Para cuestionar a maternidade, Yolanda Castaño debullou os poemas tirando dun fío metafórico que repasa os tres estados da materia como se fosen capítulos con nome propio. No comezo do poemario con “Un río subterráneo” (líquido) lembrou os seus avós; para pasar ao sólido con “Iceberg” –onde fala de seus pais e irmán, o núcleo familiar máis próximo– e rematar co gaseoso, o futuro de Yolanda, en “Nube ou o peso da ingrávida”.
Aí, en poemas como “Suspendida”, escribe: Filla, filla miña: non podo cargarte no meu colo./ Fica onde estás, queda tranquila./ Baixando polos chanzos das liñas deste poema/ apenas na voz ganduxada neste verso,/ falareille aínda morta a unha ti non nacida.
Preguntada pola vangarda na súa creación, respondía que “hai que intentar sempre dar un pasiño máis adiante como poñerte ao límite e ser esixente contigo mesma como creadora. Tes que intentar ser a mellor poeta que poidas ser e non repetir fórmulas xa feitas incluídas as que nos funcionaron no pasado porque iso nos fai mortas como creadoras”.
Yolanda Castaño explicou que se atopaba en Chiapas, en San Cristóbal de las Casas, con motivo dun festival de poesía alí no que é a única representante do Estado español xunto ao asturiano Miguel Rodríguez Monteavaro. “Estou lonxe da miña familia pero foron os primeiros en chamar e estaban moi emocionados. Dalgún xeito, inda que sexa cómico si que é un premio para a familia. Contar as familias a través da literatura sempre se fixo e esta é unha maneira de que unha historia familiar quede na memoria. Todos temos vínculos familiares cara o pasado e cara o futuro. O que quería era unir esa liña desde as miñas devanceiras a esas proxeccións de futuro familiares”, reflexionou. (…)”

A compostelá Yolanda Castaño, Premio Nacional de Poesía

Desde Nós Diario:
“A poeta compostelá Yolanda Castaño foi galardoada co Premio Nacional de Poesía do ano 2023 pola súa obra Materia (Xerais, 2022), a proposta do xurado reunido esta cuarta feira. O premio, concedido polo Ministerio de Cultura e Deporte, está dotado con 30.000 euros. O xurado destacou a súa obra “pola poderosa proposta poética na que cada estado da materia se expresa nun ton propio, con poemas dunha metafísica que causa dor e orixinal, que apunta tanto á vangarda como á orixe cunha extraordinaria forza evocativa e sensorial”.
Tamén destacaron que “en Materia, Yolanda Castaño móstranos unha poesía metafórica que dialoga coa memoria persoal e colectiva e, á vez, directa, radical e feminista” e que explora, “de forma non compracente, temas como a maternidade, a familia e os costumes e logra sacar a realidade da súa nebulosa habitual para concretala en materia lingüística, destacando o xogo verbal e rítmico que cuestiona o estabelecido”.
O xurado estivo presidido pola directora xeral do Libro, do Cómic e da Lectura do Ministerio de Cultura e Deporte, María José Gálvez Salvador, e como vicepresidente actuou o subdirector xeral de Promoción do Libro, a Lectura e as Letras Españolas, Jesús González González. As vogais foron Ana Romaní Blanco, proposta pola Real Academia Galega; José Manuel López Gaseni, pola Euskaltzaindia; Víctor Obiols Llandric, polo Institut d’Estudis Catalans, e Àngel Vicent Calpe Climent, pola Acadèmia Valenciana de la Llengua.
Tamén figuran José Francisco Agarrades Montero Reguera, pola Conferencia de Reitores das Universidades Españolas (CRUE); Rosa Romojaro Montero, pola Asociación Española de Críticos Literarios; Cristina de Alzaga Fraguas, pola Federación de Asociacións de Xornalistas de España (FAPE); Alicia Aza Campos, pola Asociación Colexial de Escritores de España (ACE); Rosa María García Rayego, polo Instituto de Investigacións Feministas da Universidade Complutense de Madrid; Ernesto Pérez Zúñiga, polo Ministerio de Cultura, e Aurora Luque Ortiz, galardoada na convocatoria de 2022. (…)”