Entrevista
de Daniel Salgado a Miguel Anxo Seixas en Sermos Galiza:
“Biografía dun construtor da nación é o título da máis extensa e profunda tentativa sistemática de pescudar na vida e na obra de Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao (Rianxo, 1886-Buenos Aires, 1950). O historiador Miguel Anxo Seixas (Arzúa, 1960) vén de depositala na Universidade de Santiago de Compostela como tese de doutoramento aínda pendente de lectura.
(…) – Sermos Galiza (SG): Por que a estas alturas non existía unha biografía de Castelao?
– Miguel Anxo Seixas (MAS): Porque o xénero biográfico é moi difícil. Esixe moita entrega, esforzo e tempo de investigación. Podes facer unha biografía literaria en que contas didacticamente e con talento a vida de calquera. Por exemplo, as que fixo Carlos Casares de Otero Pedrayo ou de Risco. Pero unha biografía científica, de buscar datos, documentalos, localizalos no seu contexto, é un esforzo moi grande. Ian Gibson ao escribir sobre Lorca ou Buñuel se cadra pasa anos e anos á procura dun dato nunha hemeroteca. Con Castelao, ademais, hai outra cousa. Castelao é un naufraxio. Tes que andar ás crebas, a ver que quedou en Rianxo, en Pontevedra, na Arxentina, en Nova York, en Moscova, en Cuba… Non hai un arquivo. (…)
– SG: Existe Castelao na luz e na sombra, de Valentín Paz Andrade, pero non é exactamente unha biografía senón máis ben unha interpretación.
– MAS: Eu agradecín moito ese libro cando saiu no 82. Foi moi revelador. Sempre é de agradecer, nun país que non constrúe nada, alguén que constrúa algo, poña catro andamios… Outra cousa é que teña ausencias. Pero despois é máis doado completar. Este país ten que ser máis construtivo, ten que recoñecer que o esforzo dos demais suma. (…)
– SG: Falaba de que é unha figura esnaquizada pola guerra e o século XX, pero máis alá desta dispersión consecuencia da súa vida de compromisos, ¿cales foron as dificultades coas que bateu á hora de traballar este material?
– MAS: O gran labor dunha biografía é, primeiro, coller o personaxe e buscar toda a documentación que exista. Canto máis íntima mellor. É importante ter cartas e epistolarios doutros compañeiros e cruzalos. Niso Galiza avanzou moito nos últimos anos. Foron saíndo biografías doutros personaxes, diarios, cartas, que axudan a cruzar os datos. Pero para min o máis complicado non era o personaxe en si. Se fas unha biografía e sóbelo como unha estatua, que é o que fai moita xente, daquela está fóra do mundo. Para min é un fracaso. Había que baixar Castelao á terra e poñelo como unha persoa normal. O complicado era: como era Rianxo en 1886? Como era a vida mariñeira? Como é o mundo agrario? Por que emigra a xente? Como é Madrid cando vai a Madrid? Como é Pontevedra cando chega a Pontevedra? O contexto era o máis complexo. Porque el non está no mundo, está en moitos mundos. Por exemplo, se falas de Manuel Antonio só tes que falar de Rianxo e de Buenos Aires, aínda que viaxou tamén a Levante. Pero quero dicir que é moi acoutábel. Pero dun personaxe que se moveu en tantos sitios como Castelao non podo chegar e dicir: “Agora chega a Rusia”. Que pasa alí, por que vai, con quen vai, quen o chama?
– SG: O contexto é fundamental para describir a existencia dunha persoa.
– MAS: Moitas veces tes que buscar a relación do personaxe. Por que acaba en Pontevedra? Porque anteriormente tivo unha crise de cegueira a causa dunha tuberculose. A tuberculose obrígao a pensar que vai quedar cego e a presentarse a unha oposicións. Un cuñado que estaba en Estatística, Camilo, probabelmente lle dixera: “Preséntate aí, que é a única maneira de que teñas unha paga se che pasa algo”. Vai a oposicións en Madrid e quedan dúas prazas, Cuenca ou Pontevedra. Hai unha serie de relacións que se estabelecen na vida que, cando as persoas desparecen, desaparecen con ela. Daquela, o importante é saber por que colabora en El Sol, por que colabora en A Nosa Terra? Quen o chamou? Eu intentei documentar todo o que existe. Por exemplo, non fun capaz de saber por que casa con Virxinia. Pero si sei por que abandona a súa primeira moza. Porque lla cambian. El saía con Eva. Eva ten unha irmá que morre e, daquela, o viúvo, para non quedar só cos fillos, cóllelle a moza a Castelao. E na familia del dixeron, “pois Virxinia, que é da familia”. Sabémolo. Pero como a coñeceu? Hai cartas? Non, probabelmente foran destruídas. Hai moitos fíos que non fun quen de anoar de novo. (…)”
Arquivo da categoría: Biografías
Tabela dos libros (setembro 2017)
Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Un curso máis, comeza a andaina da Tabela dos Libros. Nela figuran seleccionados os volumes que Francisco Martínez Bouzas, Inma Otero Varela, Mario Regueira, Montse Pena Presas e eu estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas.”
Xosé Luís Axeitos: “Manuel Antonio converteuse nun dos grandes poetas europeos do século XX”
Entrevista a Xosé Luís Axeitos sobre Manuel Antonio. Unha vida en rebeldía
Desde
o Diario Cultural da Radio Galega:
““Manuel Antonio tivo sempre a teima do sindicalismo”. O investigador Xosé Luís Axeitos presenta a biografía Manuel Antonio. Unha vida en rebeldía. Pode escoitarse aquí.”
Xosé Luís Axeitos: “Manuel Antonio non morre no 1930, continúa vivo ata os nosos días”
Entrevista
a Xosé Luís Axeitos en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Como foi o labor de documentación que sustenta esta obra [Manuel Antonio. Unha vida en rebeldía]?
– Xosé Luís Axeitos (XLA): Foi un traballo de máis de catro anos. Elaborei un cuestionario que fun respondendo co arquivo familiar e o expediente militar. Facendo algunhas interrogacións topeime con respostas documentais que contradicían o meu propio pensamento. Gran parte da documentación é a que pertencía á súa nai. Posiblemente estea purgada, pois todo o mundo rompe algunha carta comprometida. Analicei máis de 400 epístolas e 200 fotografías. (…)
– LVG: Agasallaríanos con algunha curiosidade extraída do libro?
– XLA: Existen moitos aspectos anecdóticos, como que pagou 500 pesetas para librarse do servizo militar. Incluso co nome, sempre existiu a pregunta de se é Manoel Antonio ou Manuel Antonio. Non o explico no libro, pero dos centenares de cartas realicei unha porcentaxe das sinaturas. Dependendo do interlocutor, por exemplo as faccións das Irmandades da Fala na Coruña e Ourense, empregaba un ou outro. Na primeira apostarían por Manuel e na segunda por Manoel. (…)
– LVG: Esta biografía pode cambiar a visión que temos del?
– XLA: É posible, ata eu mesmo tiven ideas e tentacións que non coinciden. Quixen ver un Manuel Antonio anarcosindicalista, pero trala análise atopeime a un autor desencantado coa actividade das Irmandades e con amigos que se alistan na Unión Patriótica de Primo de Rivera.
– LVG: A publicación do manifesto Máis alá foi un punto de inflexión, ¿como o recolleu?
– XLA: O manifesto xoga un papel importante, rompe co oficialismo canónico de Rosalía, Curros e Pondal e coa crítica. Un rapaz que apenas levaba 19 poemas publicados lanza este reto e queda libre para todas as innovacións literarias. Nunca quixo escribir na revista Nós nin en El Pueblo Gallego. Pagou constantemente esa ousadía e non foi acollido por ningún círculo, por iso na posguerra chamábano «poeta aelleiro» e trala súa morte todas as necrolóxicas e obituarios son de escritores mozos, como Luís Seoane ou Otero Espasandín. (…)”
Vigo: presentación de Manuel Antonio. Unha vida en rebeldía, de Xosé Luís Axeitos
Rianxo: presentación de Manuel Antonio. Unha vida en rebeldía, de Xosé Luís Axeitos
Feira do Libro da Coruña: actividades literarias destacadas do mércores 9
O
mércores 9 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, s/n.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:
– 19:00 h. Presentación de Cántigas de Alén, de José Ángel Valente, en recompilación de Claudio Rodríguez Fer, publicado por Ouvirmos.
– 19:45 h. Presentación de Eugenia Osterberger: A compositora galega da Belle Époque (1852-1932), de Beatriz López-Suevos, Susana de Lorenzo e Rosario Martínez Martínez, publicado por Ouvirmos.
– 20:00 h. Sinatura de Nacho Taibo na caseta da librería Lume.
– 20:00 h. Contacontos de Pedro Brandariz: Os contos de Toribio, no Palco da música.
Feira do Libro da Coruña: actividades literarias destacadas do sábado 5 e domingo 6
O
sábado 5 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, s/n.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:30 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para estes días:
Sábado 5
– 19:45 h. Miguel Alonso presenta O caso Quintana, publicado por Belagua.
– 20:00 h. Clara Torres e Marcos Viso asinan Os días lebre, publicado por Kalandraka, na caseta da Libraría Cartabón.
– 20:30 h. Salvador Rodríguez presenta Historias de galegos extraordinarios, publicado por Belagua.
Domingo 6
– 19:45 h. Presentación de Anatomía da lingua (Lingua de amar, lingua de amor), de Antón Cortizas. Terá lugar un recital e charla do autor, acompañado polo ilustrador Leandro Lamas.
– 20:00 h. Raquel Queizás: “A galiña azul de Carlos Casares, no Xardín dos Libros.
– 21:15 h. Presentación de Himno galego: unha historia parlamentar (inconclusa), de Pilar García Negro, publicado por Fundación Galiza Sempre e a Federación Galiza Cultura. No acto, a autora estará acompañada por Francisco Jorquera.
Feira do Libro da Coruña: actividades literarias destacadas do venres 4
O
venres 4 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, s/n.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:
– 18:00 h. Monstros e sombras a debate: a Literatura Infantil e Xuvenil galega, organizado pola revista Criaturas. Participan Antonio Manuel Fraga, Eli Ríos, Xosé Antonio Perozo e Andrea Maceiras, moderadas/os por Ledicia Costas.
– 18:00 h. Estíbaliz Espinosa e Lucía Cobo asinan exemplares de Caer de cu polo universo na caseta da Libraría Berbiriana.
– 19:00 h. Presentación de Mar de invernía, de Héctor Pose, e De Arsenio a Arsenio, de Xan Fraga, publicados por Phottic.
– 19:45 h. Presentación de Alí Babá, Morxiana e os corenta usureiros, de Marilar Aleixandre, publicado en Galaxia. No acto participan, xunto á autora, Mercedes Queixas e Francisco Castro.
– 20:00 h. Cesáreo Sánchez Iglesias asina exemplares de Tempo transfigurado, publicado por Kalandraka, na caseta da Libraría Cartabón.
– 20:00 h. Concerto-presentación de Os fíos do querer, por Cé Orquestra Pantasma, no palco da música.
– 20:30 h. Presentación de Unha ducia de galegos, de Víctor Freixanes, reeditado por Galaxia. No acto participan, xunto ao autor, Tamara Montero, Belén Regueira e Francisco Castro.







