“Desde a Deputación da Coruña:
Eli Ríos gaña con Lunso primeiro Premio Torrente Ballester só para obras en galego.
O xurado, composto por Ramón Nicolás Rodríguez, Mercedes Queixas Zas, Eva Moreda, Ledicia Costas e Mario Regueira con Mercedes Fernández-Albalat de secretaria e Goretti Sanmartín de presidenta concedeu, por maioría, o Premio Torrente Ballester para novelas en galego á obra Luns, de Eli Ríos.
O xurado destacou que a novela está construída arredor dunha protagonista que é unha “personaxe feminina perfilada con solvencia que se bota un pulso a si mesma ante unha situación vital dramática”.
Valorou na obra de Eli Ríos a súa “capacidade de reflexionar sobre as duras circunstancias que acontecen na súa vida, cunha perspectiva de xénero, tecnicamente innovadora, exposta nunha corrente de consciencia que conmove”.”
Arquivo da categoría: Premios narrativa: ditames
Miguel Anxo Fernández gaña o XXXV Premio Blanco Amor coa novela Blues para Moraima
Desde a Deputación de Ourense:
“O escritor, ensaísta e investigador cinematográfico Miguel Anxo Fernández (O Carballiño, 1955) foi o gañador do XXXV Premio de Novela Longa Eduardo Blanco Amor coa obra Blues para Moraima. O xurado do certame que organiza a Deputación de Ourense deu a coñecer hoxe seu ditame, elixindo por maioría a obra do escritor carballiñés de entre 22 novelas presentadas ao premio.
O galardón, cunha dotación económica de 12.000 euros, foi concedido polo xurado á obra de Miguel Anxo Fernández, destacando da novela Blues para Moraima “a axilidade narrativa, o tratamento histórico dunha época e a introdución do tema do cine e a televisión como canle de desenvolvemento dunha intriga que atrapa ao lector”. Asemade, o xurado destaca na acta “o punto de vista sobre o exilio e a vivencia artística desde a diáspora, factor de coincidencia coa biografía de Eduardo Blanco Amor”, e expresa a súa satisfacción polo mantemento deste premio grazas á Deputación de Ourense, “contribuíndo de xeito decisivo á súa consolidación”. (…)
O xurado, que deu a coñecer seu ditame no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” estivo integrado por polo poeta, Luís González Tosar, presidente; a crítica literaria, Ánxela Rodríguez, secretaria; os profesores, Ramón Gutiérrez e Luciano Rodríguez; e a escritora Inma López Silva, como vogais.
A entrega do galardón terá lugar o vindeiro 1 de decembro no Liceo de Ourense -coincidindo co trinta e sete cabodano do autor da Esmorga-, acto no que o premiado recibirá, xunto á achega económica do premio, unha escultura do artista ourensán Acisclo Manzano, realizada especialmente para este premio. (…)”
Coñécense as obras gañadoras do Certame Xuventude Crea
Benigno Yáñez gaña o XVII Premio Vicente Risco de Creación Literaria con Os donos das cinsas
Desde o Concello de Ourense:
“O gañador do XVII Premio Vicente Risco de Creación Literaria recaeu en Benigno Yáñez Pérez, de Boiro, e xornalista en Vilagarcía de Arousa. A obra é: Os donos das cinsas. Trátase dunha radiografía da actualidade, trama actual situada no rural, consecución do pulso narrativo. Foi escollida por maioría do xurado.
A XVII edición do Premio Risco de creación literaria, é unha convocatoria anual do Concello de Ourense e a Fundación Vicente Risco, co fin de abranguer os diferentes campos da obra, non só de quen foi veciño ilustre desta vila, don Vicente Martínez-Risco e Agüero, senón tamén a do seu fillo, don Antón Martínez-Risco Fernández, veciños que foron desta ilustre cidade.
O xurado desta edición estivo composto por:
– Pablo Fernández Barba, gañador da pasada edición.
– Carlos Rafael Ramos, poeta e activista cultural.
– Llerena Perozo Porteiro, crítica literaria.
– David Cortizo Conde, editor de Urco Editora.
– Luís Martínez-Risco Daviña, en representación da Fundación Vicente Risco.”
Gres, Vila de Cruces: entrega do I Premio Xosé Neira Vilas de novela curta a David Daniel Vázquez Álvarez
Bases do I Certame Literario e de Artes Plásticas Xuvenil Concello de Ribadeo
Rui Cerqueira Coelho gaña o II Premio Literario Nortear para a mocidade escritora de Galicia e de Portugal
Desde a Xunta de Galicia:
“Nós, arquipélago, de Rui Cerqueira Coelho, é a obra gañadora do II Premio Literario Nortear para a Mocidade Escritora de Galicia e de Portugal. Entre 30 traballos de autores e de autoras con idades comprendidas entre os 16 e os 36 anos, o relato do escritor luso foi elixido por unanimidade polo xurado do certame, promovido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, pola Dirección Rexional de Cultura do Norte e pola Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal (GNP, AECT) para incentivar a creatividade da mocidade escritora galega e portuguesa.
Presidido por Xosé María Lago García, subdirector xeral de Acción Exterior e Cooperación Transfronteiriza da Xunta de Galicia, e integrado por Carlos Arias, en representación da Secretaría Xeral de Cultura; polo escritor galego Antón Riveiro Coello, pola escritora portuguesa Olinda Beja, polo editor portugués Carlos Lopes, director de Edita-Me; e por André Rodrigues, integrado na GNP, AECT, que actuou como secretario, o xurado valorou no relato “o estilo impecable e potente, e unha narración sólida que harmoniza emocións, vencellos familiares, percepcións sensoriais e evolución psicolóxica cunha gran profundidade”.
Tamén destacou o xurado o manexo da temporalidade, desde unha percepción interior, na que “o pasado e a prospección do futuro como baleiro e como misterio difícil de asumir se unen para definir interiormente un ser que toma consciencia da súa existencia e da súa limitación como pulso vital”.”
Os libros arden mal, de Manuel Rivas, obtén o Premio Mondoñedo10 – Narrativa
Os libros arden mal, de Manuel Rivas, é a obra gañadora do Premio Mondoñedo10 – Narrativa. O autor estivo presente no acto de entrega do premio, que tivo lugar o domingo 16 no Salón de Plenos da Casa do Concello de Mondoñedo.
Daniel Asorey obtén o Premio Repsol con Nordeste
Desde Galaxia:
“O escritor Daniel Asorey, profesor de Ensino Secundario e coautor do libro de narrativa De soños e memorias (2003), obtivo o Premio de Narrativa Breve Repsol 2016, que se deu a coñecer hoxe na Coruña, cunha obra titulada Nordeste. A historia desenvólvese en dous mundos en interconexión: o sertão brasileiro e unha ucrónica República Galega. Nel as terras da Bahía, o Rio Grande do Norte e São Paulo son colonias dunha Galicia de expansión ultramarina.
Na súa decisión, o xurado pon de relevo “o sobresaínte acabado estilístico destas páxinas, inzadas de poderosas imaxes e símbolos ben atraentes, que conseguen fascinar tanto pola evocación coma pola recreación de paisaxes e escenarios”, ademais da “intensa capacidade de fabulación, suxestiva amálgama de tempos e espazos así como unha atractiva arquitectura do relato”.
O xurado estivo formado por Marcos Calveiro, gañador da edición anterior, Euloxio Ruibal, en representación da Real Academia Galega, Carme Fernández Pérez-Sanjulián, como representante da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega, Armando Requeixo, nomeado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, e Carlos Lema, en representación de Editorial Galaxia.
O premio está organizado pola Fundación Repsol coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística. A obra será publicada por Editorial Galaxia no próximo mes de novembro.”